Manolo González
exfutbolista e adestrador galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
José Manuel González Álvarez, máis coñecido como Manolo González, nado en Folgoso do Courel o 14 de xaneiro de 1979, é un exfutbolista e adestrador galego-catalán, que dende marzo de 2024 dirixe o Espanyol, na Primeira División.
Remove ads
Traxectoria
Como futbolista
Nacido no concello lucense de Folgoso do Courel, cando contaba con tres anos de idade, a súa familia emigrou a Barcelona, instalándose no distrito de Horta-Guinardó.[1] Comezou a xogar ao fútbol aos oito anos no colexio Dalvi, da rúa Travessera de Gràcia, pero axiña foi fichado polo Martinenc, no que militou dos 9 aos 17 anos. A súa calidade levouno a debutar coa selección catalá sub-15.[1]
Con 17 anos pasou ao Sant Gabriel, de Sant Adrià de Besòs, e máis tarde militou no primeiro equipo do Martinenc, do Gramenet B e do Santboià, antes de ingresar na Montañesa. Xogou dúas campañas no equipo negro e amarelo, ata que un día de 1999 no campo de Nou Barris sufriu unha grave lesión de xeonllo, con rotura de ligamento cruzado anterior, ligamento lateral interior e menisco. Aínda que máis tarde fichou polo Poble Sec, só puido disputar un torneo, acabando a lesión coa súa carreira como futbolista con só 21 anos.[1][2]
Como adestrador
Trala súa retirada emprendeu unha carreira de adestrador, que xa iniciara con 16 anos, dirixindo o equipo infantil do Martinenc, e máis tarde nas categorías inferiores do Sant Gabriel. En 2005 chegou á canteira do Badalona, onde pasou sete anos, tendo que compaxinar os bancos co seu traballo de condutor de autobús urbano.[2]
En 2012 colleu as rendas do primeiro equipo da Montañesa, equipo ao que dirixiu dúas campañas, culminadas coa disputa da promoción de ascenso a Segunda División B na tempada 2013/14, tras rematar na segunda posición, igualando así o mellor resultado histórico do club.[1] Foi nomeado por Radio Marca mellor adestrador de Terceira.
A continuación adestrou durante catro anos o Badalona, na Segunda B, conseguindo bos resultados e un quinto posto como mellor posición final. Na campaña 2016/17, mantivo ao club badalonés na cabeza da clasificación durante case toda a liga, rematando finalmente na quinta posición, a só un punto da promoción.
Para a tempada 2018/19 asinou polo CD Ebro, tamén de Segunda B. Co club aragonés acadou os oitavos de final da Copa do Rei, sendo finalmente eliminado polo Valencia .[3]
En outubro de 2019 volveu ao banco do Badalona, ao que adestrou durante dúas tempadas.[4] Na primeira delas conseguiu eliminar da Copa do Rei primeiro ao Oviedo e logo ao Getafe, equipo este último que ía sétimo na Primeira División e que estaba a disputar a Copa da UEFA.[5] O conxunto de Manolo González derrotou ao de Bordalás por dous goles a cero, antes de caer na seguinte rolda ante o Granada do tamén galego Díego Martínez.
O 7 de xuño de 2021 fichou como adestrador da Peña Deportiva, da Segunda División RFEF. Na súa primeira campaña á fronte do club de Eivisa acadou o terceiro posto da liga, disputando así a promoción de ascenso á Primeira Federación, onde eliminou primeiramente ao Coruxo, antes de caer na final contra o Real Murcia.
O 11 de xullo de 2023 foi presentado como novo adestrador do Espanyol B, do Grupo III da Segunda Federación. Con todo, non chegou a rematar a tempada co filial, pois o 12 de marzo de 2024, tras a destitución de Luis Miguel Ramis, foi elixido pola directiva para adestrar o primeiro equipo do Espanyol, na Segunda División ata o final da tempada.[6] Tres meses despois conseguiu o ascenso a Primeira tras derrotar na promoción ao Sporting de Gijón e o Real Oviedo.[7]
Continuou no banco espanyolista na tempada 2024/25, na que o equipo se mantivo na zona baixa da táboa durante toda a competición. En abril o conxunto catalán conseguiu tres vitorias consecutivas, ante Rayo Vallecano, Celta de Vigo e Getafe, logrando afastarse temporalmente dos postos de descenso, o que motivou que Manolo González fose galardoado co premio ao mellor adestrador da liga en abril.[8] Porén, nas seguintes seis xornadas encadeou un empate e cinco derrotas consecutivas, quedando o equipo só dous puntos por riba do descenso a falta da derradeira xornada. No último partido enfrontouse no RCDE Stadium ao xa descendido Las Palmas do tamén galego Diego Martínez, ao que derrotou por 2-0 con goles de Javi Puado e Pere Milla, certificando así a permanencia na máxima categoría e o descenso do Leganés de Borja Jiménez.[9]
Remove ads
Notas
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads