Matteo Ricci

misioneiro xesuíta italiano (1552-1610) From Wikipedia, the free encyclopedia

Matteo Ricci
Remove ads

Matteo Ricci (en latín: Matthaeus Riccius), coñecido na China como Li Madou (en chinés tradicional: 利瑪竇; en pinyin: Lì Mǎdòu), nado en Macerata o 6 de outubro de 1552 e finado en Beijing o 11 de maio de 1610, foi un misioneiro católico xesuíta, creador da primeira romanización da lingua chinesa e pioneiro da misión xesuíta na China. Creou o Kunyu wanguo quantu (1602), un mapamundi escrito en caracteres chineses. En 2022, a Santa Sé concedeulle o título de Venerable en recoñecemento das súas virtudes heroicas.[1]

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...

Ricci chegou ao asentamento portugués de Macau en 1582, onde comezou o seu labor misioneiro. Chegou a dominar o chinés e mais o seu sistema de escrita. Foi o primeiro europeo en acceder á Cidade Prohibida en 1601, por invitación do emperador Wanli, quen procurou os seus servizos en astronomía e o seu saber sobre os calendarios. Ricci analizou os paralelismos entre o catolicismo e o confucianismo, opoñéndose ao budismo. Ademais, converteu ao catolicismo a varios funcionarios chineses de importancia. Tamén colaborou con membros da elite chinesa, como Xu Guangqi, na tradución dos Elementos de Euclides ao chinés e dos clásicos confucianos ao latín.

Remove ads

Traxectoria

Primeiros anos

Matteo Ricci naceu o 6 de outubro de 1552 en Macerata, nos Estados Pontificios (na actualidade, pertence á rexión italiana de Marche). Estudou os clásicos na súa vila natal, e logo viaxou a Roma, onde cursou Dereito durante dous anos. En abril de 1571, ingresou na Sociedade de Xesús do Colexio Romano. Alí, ademais de Filosofía e Teoloxía, profundou nas Matemáticas, a Cosmoloxía e a Astronomía baixo a dirección de Christophorus Clavius. En 1577, solicitou partir na expedición misioneira cara o leste asiático. Saíu de Lisboa en marzo de 1578 e chegou a Goa, unha colonia portuguesa, en setembro. Ricci exerceu a docencia e o ministerio até finais da Coresma de 1582, cando lle ordenaron trasladarse a Macau para introducirse na China. Ricci chegou a Macau a comezos de agosto.[2]

Ricci na China

En agosto de 1582, Ricci chegou a Macau, un porto comercial portugués no mar da China Meridional.[3] Naquela época, a actividade misioneira católica na China limitábase a este territorio, onde algúns dos locais se converteran á nova relixión. Tres anos antes, Michele Ruggieri, asentado na India Portuguesa, fora invitado polo fundador do Colexio de San Paulo de Macau, Alessandro Valignano, co expreso propósito de estudar chinés e preparar unha futura delegación xesuíta na China continental.[4]

Ao chegar a Macau, Ricci principiou os seus estudos da lingua e os costumes chineses. Foi o comezo dun longo proxecto que o convertería no primeiro erudito occidental en dominar os sinogramas e o chinés clásico. Con Ruggieri, viaxou até as principais cidades de Guangdong, como Guangzhou e Zhaoqing (naquel momento, residencia do vicerrei de Guangdong e Guangxi), coa intención de establecer unha misión xesuíta permanente fóra de Macau.[2]

En 1583, Ricci e Ruggieri asentáronse en Zhaoqing a invitación do seu gobernador, Wang Pan, quen escoitara falar da habilidade de Ricci para as matemáticas e a cartografía. Nesta localidade, en 1584, Ricci creou o primeiro mapamundi ao estilo europeo en lingua chinesa, o Da ying quan tu (en chinés tradicional: 大瀛全圖; lit. "Mapa completo do gran mundo").[5] Non se conservan impresións desta obra, mais si do seu Kunyu wanguo quantu (1602), unha versión posterior e expandida que sobreviviu en versións de papel de arroz.

Pénsase que, durante a súa estancia en Zhaoqing, Ricci e Ruggieri compilaron un dicionario portugués-chinés, o primeiro a unha lingua europea, para o cal desenvolveron un sistema de transcrición do chinés ao alfabeto latino. O manuscrito perdeuse nos arquivos xesuítas de Roma até que foi redescuberto en 1934, mais só se publicou en 2001.[6] Na actualidade, hai unha placa en Zhaoqing conmemorando os seis anos nos que Ricci permaneceu na cidade, así como un Centro Memorial Ricci, situado nun edificio da década de 1860.

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads