Mourente, Pontevedra

parroquia civil do concello de Pontevedra From Wikipedia, the free encyclopedia

Mourente, Pontevedramap
Remove ads

Santa María de Mourente é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra. Segundo o INE no 2018 tiña 2016 habitantes (1066 mulleres e 950 homes), 89 menos ca en 2008. Ten 27 entidades de poboación.

Datos rápidos Concello, Provincia ...
Remove ads

Topónimo

Mourente provén do xenitivo do antropónimo tardorromano MAURENTIUS[2], usado na expresión VILLA(M) MAURENTII ('a casa ou a granxa de Maurentius'). O topónimo xa foi estudando no século XVIII por frei Martín Sarmiento[3], quen viviu parte da súa infancia nesta parroquia[4]. A primeira atestación escrita do topónimo, na súa forma "Sancta Maria de Maurenti", aparece nun documento de 30 de marzo de 1019, onde o rei Afonso V confirma as posesións do bispado de Iria na contorna do Castelo da Cedofeita (Lérez)[5][6][7].

Remove ads

Lindes

Os lindes históricos da parroquia de Mourente foron mudando ao longo do tempo. No inicio da Idade Moderna, a parroquia de San Mamede de Moldes foi anexada á de Santa María de Mourente e con ela lugares como A Parda, A Eiriña ou O Gorgullón, que hoxe forman parte do núcleo urbano de Pontevedra[8]. En 1500 Moldes aínda aparecía como freguesía á parte[9], mais o Padre Sarmiento indica a mediados do século XVIII que a igrexa de Moldes había tempo que estaba abandonada e en ruínas[10].

Thumb
Lindes das freguesías de Mourente e da Virxe do Camiño segundo o Mapa das Parroquias de Galicia (2001).

Ao norte, o río Lérez separa Mourente das parroquias de San Salvador de Lérez, Santa María de Xeve e Santo André de Xeve. Ao leste, Mourente linda con Santa Mariña de Bora e ao sur con San Miguel de Marcón e San Pedro de Tomeza. Ao oeste, encóntrase a parroquia de San Martiño de Salcedo e a vila de Pontevedra. O linde tradicional coa vila de Pontevedra partía do Marco do Gorgullón e pasaría hoxe polas rúas José Casal, Blanco Porto, Javier Puig e atravesaba o barrio de Santo Antoniño até a Seca de Santa Clara, onde se encontra o actual Centro de Tecnificación Deportiva[8]. Isto significa que as actuais parroquias relixiosas da Virxe do Camiño e de Monte Porreiro, así como barrios como os da Seca ou A Parda, conforman o Mourente histórico[11].

As estremas oficiais da parroquia de Mourente fican estabelecidas en 2001.[12] Non coinciden cos lindes históricos nin cos relixiosos. Recoñécese, separada de Mourente, a parroquia da Virxe do Camiño, que ocupa boa parte da antiga freguesía de San Mamede de Moldes. Fican dentro de Mourente os barrios urbanos do Castañal e parte da Seca. Tamén o lugar de Moldes, aínda que o lugar de Pardesó, que depende da igrexa de Mourente, fica asignado á freguesía civil de Marcón.

Remove ads

Historia

Os escasos achados arqueolóxicos feitos en Mourente parecen confirmar que, ao igual que moitos outros lugares de Galiza, a presenza humana no seu territorio histórico é moi antiga e continuada até a actualidade. As primeiras evidencias de ocupación humana no territorio do Mourente histórico datan do neolítico. Desta época foi encontrada no lugar do Outeiro unha machada de pedra pulida, hoxe exposta no Museo de Pontevedra[13]. Máis recentemente identificáronse no Monte do Castro os restos dunha mámoa e dun petróglifo[14]. Da Idade do cobre tamén se achou outro machado plano de cobre encontrado preto da igrexa parroquial, nunha leira do lugar da Bouza[13][15], onde a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra descubriu unha necrópole de cistas[16][17].

Thumb
Vista do castro de Mourente.

No punto máis alto de Mourente, no Picoto, existiu un castro, que lle dá nome ao monte circundante. Asentábase sobre un afloramento granítico natural que posteriormente, e até inicios do século XX, foi usado como canteira. Por esta razón, o castro na actualidade encóntrase moi mal conservado[15][18]. Ao non ter sido escavado aínda, non se dispón dunha datación exacta. Porén, sábese que foi romanizado polos restos de tellas encontrados nel e sobre todo pola necrópole romana que escavou ao pé deste castro a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra[15][18] e o achado dunha moeda grande de bronce do tempo do emperador Antonino Pío (século II d.c)[15][19]. Non se sabe até que época estivo habitado o castro, mais o topónimo de Mourente, así como os microtopónimos de Sadurnil e Sanín, todos de orixe antoponímica, parecen indicar a presenza de explotacións agrícolas nas terras altas de Mourente desde o final do imperio romano ou da época sueva.

A primeira mención escrita á parroquia de Mourente data de 1019, nunha orde do rei Afonso V onde confirma que esta freguesía se encontra dentro da xurisdición do castelo da Cedofeita, en Lérez, sendo polo tanto unha posesión do bispado de Iria[6][7]. Neste documento alúdese á existencia dunha igrexa, moi probabelmente á antiga igrexa medieval situada no propio lugar de Mourente[11]. En 1169 o rei Fernando II concédelle o foro á veciña vila de Pontevedra e once anos despois cédella ao arcebispado de Santiago de Compostela, incluíndo na súa ampla xurisdición a parroquia de Mourente[20]. Desde entón, Mourente, como outras parroquias veciñas, converteuse en fornecedoras de bens e servizos de Pontevedra[8].

Mourente constituíu concello de seu entre 1841 e 1867, abranguendo as freguesías de Bora, Marcón e Tomeza. O núcleo urbano de Monte Porreiro viviu un espectacular crecemento demográfico desde mediados do século XX.

Na segunda metade do século XX Mourente tornouse unha parroquia periurbana. Ao estremar polo oeste coa cidade de Pontevedra, a parroquia viuse profundamente afectada polo forte desenvolvemento urbano desta última. É a parroquia do concello de Pontevedra que máis poboación perdeu polo éxodo urbano, cunha diminución de máis dun 30% entre 1981 e 2012[21]. Así e todo, a veciñanza con Pontevedra tamén implicou a creación en Mourente de infraestruturas clave. De feito, na parroquia encóntrase un centro adscrito á Universidade Nacional de Educación a Distancia, así como a Cidade Infantil Príncipe Felipe, dependente da Deputación de Pontevedra e o hospital de Montecelo, que forma parte do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Remove ads

Patrimonio

Thumb
Carballo de santa Margarida.
Thumb
O Mouro de Mourente na igrexa parroquial.

A igrexa parroquial está dedicada a Santa María, padroeira da parroquia na súa advocación da asunción. O remate da construción do templo e do seu adro data de 1769. Ten unha planta de cruz latina dunha soa nave e é de estilo barroco con influencia do neoclásico, sobre todo na súa fachada. Para a súa construción empregáronse materiais da antiga igrexa medieval.[11] No interior da igrexa encóntrase o famoso Mouro de Mourente, un atalante de gran tamaño esculpido en granito e que sostén o púlpito. O Mouro de Mourente é obxecto dunha lenda difundida por Antonio Blanco Freijeiro no álbum Pontevedra, boa vila (1947) do debuxante Agustín Portela Paz.[11][22]

Ademais da igrexa parroquial hai tres capelas na parroquia:

  • A capela de san Mamede, antiga igrexa parroquial da desaparecida parroquia Moldes, anexionada a Mourente durante o século XVII. Esta capela foi trasladada no século XX para o interior do cemiterio municipal de San Amaro tras ser adquirida polo concello. É de estilo románico, con planta dunha soa nave e ábsida rectangular dividida en dous corpos, reforzados por contrafortes e bóveda de canón apuntada.[23]
  • A capela de Santa Margarida, de estilo románico con sucesivas reformas, acolle no seu adro un carballo centenario de sona que está incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia.[24]
  • A capela de San Amaro está a carón do camposanto municipal do mesmo nome.

Dentro do patrimonio civil, cómpre salientar o Pazo do Conde de Oleiros, situado no lugar de Vilaverde, e que se encontra en estado ruinoso.[25]

Castelao incluíu debuxos de varios cruceiros de Mourente na súa obra As cruces de pedra na Galiza.[26]

Remove ads

Festas

O 15 de agosto celébrase a festa patronal. Tamén se conmemora o día da Virxe do Carme (domingo anterior ao 16 de xullo) e santa Margarida (primeiro domingo de agosto). En marzo celébrase a festa gastronómica do caldo galego.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias

Lugares de Mourente

Máis información Lugares da parroquia de no concello de Pontevedra ...

Parroquias de Pontevedra

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Pontevedra

Alba (Santa María) | Bora (Santa Mariña) | Campañó (San Pedro) | A Canicouva (Santo Estevo) | Cerponzóns (San Vicente) | Lérez (San Salvador) | Lourizán (Santo André) | Marcón (San Miguel) | Mourente (Santa María) | Ponte Sampaio (Santa María) | Pontevedra | Salcedo (San Martiño) | San Xosé (San Xosé) | Santa María de Xeve (Santa María) | Tomeza (San Pedro) | Verducido (San Martiño) | A Virxe do Camiño de Pontevedra | Xeve (Santo André)

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads