L-selectina
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
A L-selectina (selectina leucocitaria), tamén coñecida como CD62L ou SELL, é unha molécula de adhesión celular que se encontra en leucocitos e no embrión preimplantación. Pertence á familia das proteínas selectinas, que recoñece grupos carbohidratos sialilados. En humanos está codificada no xene SELL do cromosoma 1. É cortada polo encima ADAM17.
O CD62L ou L-selectina é un compoñente de superficie que é membro dunha familia de receptores de adhesión/guiado (homing) que desempeñan importantes funcións nas interaccións celulares linfocito-endoteliais. A molécula está composta por múltiples dominios: un deles homólogo das lectinas, outro do factor de crecemento epidérmico e dous homólogos das unidades repetidas consenso que se encontran en proteínas que se unen a C3/C4.[1]
Remove ads
Ligandos
- GlyCAM-1, que se encontra nas vénulas de endotelio alto dos ganglios linfáticos.
- CD34, que se encontra nas células endoteliais.
- MadCAM-1, que se encontra nas células endotelaiis do tecido linfoide asociado ao intestino.
- PSGL-1, que se une con baixa afinidade.
Función
A L-selectina actúa como un "receptor de guiado" ("homing receptor") para que os linfocitos entren nos tecidos linfoides a través das vénulas de endotelio alto. Os ligandos presentes nas células endoteliais únense aos linfocitos que expresan a L-selectina, facendo máis lento o tráfico de linfocitos polo sangue e facilitando a entrada no órgano linfoide secundario nese punto.[2] O receptor adoita encontrarse na superfice de células T. Os linfocitos T virxes, que non se atoparon aínda co seu antíxeno específico, necesitan entrar nos ganglios linfáticos secundarios para encontrarse co seu antíxeno. Os linfocitos T de memoria centrais, que encontraron o seu antíxeno, expresan L-selectina para quedaren localizados en órganos linfoides secundarios. Alí, quedan como residentes, listos para proliferar se volven encontrarse co seu antíxeno. Os linfocitos T de memoria efectores non expresan L-selectina, xa que circulan na periferia e teñen funcións efectoras inmediatas cando se encontran co seu antíxeno.
Unha alta expresión de L-selectina nas células proxenitoras da medula ósea humana é un signo temperán de que as células quedaron destinadas á diferenciación linfoide.[3]
A L-selectina está tamén presente na superficie dos trofoblastos do embrión humano antes da súa implantación no útero. De xeito similar á súa función nos linfocitos, a L-selectina actúa aquí como receptor para facilitar a adhesión do embrión no sitio de invasión no epitelio superficial do endometrio uterino. O embrión segrega a hormona gonadotropina coriónica humana (hCG), que regula á baixa o factor anti-adhesión, MUC-1, localizado no epitelio uterino no sitio de invasión. A retirada de MUC-1 expón os ligandos oligosacáridos do epitelio uterino, o que permite a unión ao receptor da L-selectina da célula trofoblástica, seguida da adhesión do embrión e a invasión.[4]
A L-selectina foi tamén utilizada para identificar células B activadas con diferentes resultados na futura misión da célula, e a perda da L-selectina serve para distinguir as células B activadas destinadas a diferenciarse en células secretoras de anticorpos.[5]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads