Thermococcus litoralis
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Thermococcus litoralis é unha especie de arquea que vive arredor dos respiradoiros hidrotermais das profundidades mariñas e tamén en fontes termais submarinas pouco profundas e pozos de petróleo.[2][3][4] É un anaerobio organótrofo hipertermófilo de entre 0,5 e 3,0 µm de diámetro.[2] Igual que as outras especies da orde Thermococcales, T. litoralis é un coco hipertermófilo irregular que crece entre 55 e 100 °C.[2] A diferenza de moitos outros termococos, T. litoralis non é móbil. A súa parede celular consiste só nunha soa capa de tipo capa S que non forma retículos hexagonais.[2] Ademais, mentres que moitos termococais usan obrigadamente o xofre como aceptor de electróns no seu metabolismo, T. litoralis só necesita xofre para axudar a estimular o seu crecemento, e pode vivir sen el.[3] T. litoralis fíxose recentemente famoso na comunidade científica pola súa capacidade de producir unha ADN polimerase alternativa á máis comunmente usada Taq polimerase (de Thermus aquaticus). A polimerase de T. litoralis, denominada polimerase vent, ten unha menor taxa de erro que a Taq, pero isto débese á súa capacidade de exonuclease 3'-5' con corrección de probas.[5]
Remove ads
ADN polimerase
A ADN polimerase de Thermococcus litoralis é estable a altas temperaturas, cunha vida media de 8 horas a 95 °C e de 2 horas a 100 °C.[6] Tamén ten unha actividade de corrrección de probas que pode reducir as frecuencias de mutación a un nivel de 2 a 4 veces inferior que a maioría das ADN polimerases que non teñen corrección de probas.[7]
Hábitat e ecoloxía
T. litoralis crece preto de respiradoiros hidrotermais profundos ou pouco profundos en auga extremadamente quente. A temperatura óptima de crecemento para esta especie é de entre 85 e 88 °C.[2] Tamén prefire augas lixeiramente ácidas, e crecen entre o pH 4.0 e o 8,0 cun intervalo de pH óptimo entre 6,0 e 6,4.[2] A diferenza de moitos outros hipertermófilos, T. litoralis só depende facultativamente do xofre como aceptor final de electróns na fermentación, producindo gas hidróxeno na súa ausencia e sulfuro de hidróxeno cando está presente.[3] Ademais, T. litoralis produce un exopolisacárido que posiblemente o axuda a formar unha biopelícula. Está feita de manosa, sulfitos, e fósforo.[3]
Remove ads
Fisioloxía
T. litoralis pode utilizar o piruvato, a maltosa e os aminoácidos como fontes de enerxía.[2][3] Nun laboratorio T. litoralis debe ser suplementado con aminoácidos para que poida crecer a velocidades non reducidas. Os únicos aminoácidos que non necesita son asparaxina, glutamina, alanina e glutamato. Eses aminoácidos poden non ser vitais para T. litoralis porque a asparaxina e a glutamina tenden a desaminarse ás altas temperaturas que se dan arredor dos respiradoiros hidrotermais e a alanina e o glutamato poden xeralmente ser producidos por outras arqueas hipertermófilas.[3] A principal fonte de carbono desta especie parece ser a maltosa, que pode ser introducida na célula por un transportador ABC de maltosa-trehalosa. T. litoralis ten unha vía glicolítica especializada chamada a ruta de Embden–Meyerhof modificada. Unha maneira polo que esta ruta modificada de T. litoralis se desvía da vía de Embden-Meyerhof común é que a versión modificada contén unha hexosa qunase e unha PFK dependente de ADP en vez de versións dependentes de ATP dos encimas.[4]
Novas cepas
Novas análises de ADN atoparon varios illamentos de T. litoralis, como MW e Z-1614, que probablemente eran novas cepas. Confirmouse que MW e Z-1614 eran cepas de T. litoralis por medio de hibridación ADN-ADN, as razóns C-G (38–41 mol%), e análises de inmunoblot. Difiren lixeiramente en morfoloxía dos T. litoralis previamente illados en que teñen flaxelos.[2] Por medio dos mesmos procesos demostrouse que o anteriormente descuberto Caldococcus litoralis era en realidade T. litoralis.[2] O xenoma de T. litoralis aínda non foi secuenciado completamente.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads