Tromboxano A2

composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia

Tromboxano A2
Remove ads

O tromboxano A2 (TXA2) é un tipo de tromboxano que producen as plaquetas activadas e ten propiedades protrombóticas: estimula a activación de novas plaquetas e incrementa a agregación das plaquetas. Isto conségueo ao incrementar a expresión do complexo glicoproteico GPIIb/IIIa na membrana plasmática das plaquetas. O fibrinóxeno circulante únese a estes receptores en plaquetas adxacentes, aumentando a firmeza do coágulo. O tromboxano A2 é tamén un vasoconstritor[1][2][3][4] e é especialmente importante durante as lesións nos tecidos e a inflamación. Tamén se considera responsable da anxina de Prinzmetal (vasoespasmo de arteria coronaria).

Datos rápidos Identificadores, Propiedades ...

Os receptores que serven de mediadores das accións do tromboxano A2 son os receptores de tromboxano A2. O receptor de tromboxano A2 humano (TP) é un típico receptor acoplado á proteína G (GPCR) con sete segmentos transmembrana. Nos humanos ata agora clonáronse dúas variantes de empalme do receptor TP: TPα e TPβ.

Remove ads

Síntese e degradación

O TXA2 xérase a partir da prostaglandina H2 pola acción da tromboxano-A sintase nunha reacción metabólica que xera cantidades aproximadamente iguais de ácido 12-hidroxiheptadecatrienoico (12-HHT). A aspirina inhibe irreversiblemente a ciclooxixenase 1 das plaquetas, impedindo a formación de prostaglandina H2, e, por tanto, de tromboxano A2.

O TXA2 é moi inestable en solución acuosa, xa que se hidroliza en 30 segundos á forma bioloxicamente inactiva tromboxano B2. O 12-HHT, que antes se pensaba que era un bioproduto inactivo da síntese do TXA2, demostrouse recentemente que exerce varias importantes accións, algunhas das cales están relacionadas coas accións do TXA2.[5] Debido á súa curta vida media, o TXA2 funciona principalmente como un mediador autócrino ou parácrino nos tecidos adxacentes que rodean o seu sitio de produción. A maioría das investigacións sobre o TXA2 fixéronse en realidade con análogos sintéticos como o U46619 e o I-BOP.[6] Nos estudos en humanos, os niveis de 11-deshidrotromboxano B2 utilízanse para medir indirectamente a produción de TXA2.[7][8]

Thumb
Síntese de eicosanoides.
Remove ads

Notas

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads