Célula

unidade morfolóxica e funcional de todo ser vivo / From Wikipedia, the free encyclopedia

A célula (do latín cellula, que significa 'cuarto pequeno, cela') é a unidade estrutural e funcional mínima con vida, a cal é capaz de realizar tódalas funcións características ou vitais de calquera organismo vivo: a nutrición, a relación co medio que a rodea e a reprodución. Todos os seres vivos existentes posúen, cando menos, unha célula. Estes seres formados por unha soa célula son os chamados organismos unicelulares, mentres que se están constituídos por un conxunto de varias (ata miles de millóns)[1] reciben o nome de organismos pluricelulares. A maioría das células son invisibles para o ollo humano, polo que fan falla microscopios para poder observalas. Malia isto, non todas as células teñen o mesmo tamaño, deste xeito podémonos atopar con células moito máis grandes ou pequenas ca outras. Entre as células máis grandes coñecidas atópanse os ovos non fertilizados da avestruz[2] e as células nerviosas que as xirafas teñen ao longo do seu pescozo, as cales poden chegar a acadar máis de 3 metros de lonxitude[3].

Debuxo procedente do libro Micrographia, que representa a estrutura da cortiza da sobreira como a viu Robert Hooke ao microscopio por vez primeira.
Esquema sinxelo dunha célula eucariota (á esquerda) e outra procariota (á dereita).
Células epiteliais nun cultivo. O ADN está tinguido de verde; os filamentos de queratina, en vermello.

Segundo a teoría celular, enunciada no ano 1839, non é concibible un organismo vivo nun elo máis baixo que o dunha célula. Deste modo, os seres vivos máis sinxelos constitúense por unha soa célula, como poden ser os protozoos causantes de enfermidades do home coma a malaria ou a doenza do sono. Tamén son unicelulares moitos organismos que se consideran plantas polo feito de sintetizaren os seus alimentos a partir da luz mediante o proceso da fotosíntese.

Non obstante, os organismos máis complexos da natureza están compostos por moitas células, conformando un animal ou planta pluricelular. As células, conforme aumentan a complexidade, diferéncianse entre elas para levar a cabo funcións específicas nas que se especializan. Por exemplo, nunha árbore unhas células do parénquima son as encargadas de face-la fotosíntese nas súas follas, mentres que outras están no interior do tronco dándolle a rixidez que mantén a árbore erguida. No ser humano temos case 800 tipos distintos de células, algunhas, como os eritrocitos do sangue, teñen como función transportar o osíxeno dende os pulmóns ata unha célula epitelial dun dedo do noso ; outras teñen o labor de transmitir as instrucións dende o cerebro ata algún músculo do brazo para levantalo, son as chamadas neuronas.

A estrutura da célula é complexa, e aínda quedan aspectos por coñecer da mesma, como a súa fisioloxía completa ou os detalles do ciclo celular.

As células apareceron na Terra hai polo menos 3.500 millóns de anos.[4][5][6]