especie de crustáceo From Wikipedia, the free encyclopedia
O lagostino[5] ou cigala[6] (Nephrops norvegicus), é un crustáceo decápodo da suborde dos pleociemados, infraorde dos astacideos, o tipo da familia dos nefrópidos (Nephropidae), e a única especie do xénero Nephrops.[2][3][7] Trátase dunha especie comestible moi apreciada en gastronomía polo seu sabor.
Lagostino / Cigala Nephrops norvegicus | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Nephrops norvegicus (Linnaeus, 1758) [3] | |||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||
|
O Dicionario da Real Academia Galega dá á especie Nephrops norvegicus a denominación de lagostino ou cigala, sinalando a segunda como forma menos recomendable. Con todo, o termo lagostino é ambiguo pois é igualmente empregado polo antedito dicionario para designar outro crustáceo, o Penaeus kerathurus, que ten a casca máis branda e carece das pinzas que caracterizan o Nephrops norvegicus.
Outras fontes consultadas [8] utilizan cigala para o Nephrops norvegicus e lagostino para o Penaeus kerathurus, ao igual que fai o castelán. O portal Pesca de Galicia.com, dependente da Consellería do Mar, tamén recolle estes dous nomes.
Finalmente, hai tamén autores que utilizan lagostino para o crustáceo Nephrops norvegicus e denominan gamba ao Penaeus kerathurus.[9]
As principais características do lagostino (ou cigala) son:[10] [11]
Os lagostinos (ou cigalas) viven en fondos brandos (areosos ou lamacentos), agochados durante o día en tobos escavados por eles mesmos, ás veces longos e con máis dunha saída para escapar, a profundidades de entre os 40 e os 700 m, segundo a temperatura, aínda que máis frecuentemente entre os 200 e os 400 m. De noite abandonan os tobos á procura de presas.[10] [11]
A especie Nephrops norvegicus está presente no nordeste do Atlántico, desde Islandia, as illas Feroe e Noruega até o sur de Portugal e o norte da costa atlántica de Marrocos, no mar do Norte e no mar Mediterráneo occidental e central. Está ausente no mar Báltico, no Mediterráneo oriental, no Bósforo e no mar Negro.[1]
O lagostino ( ou cigala ) é un depredador que vive en solitario, cazando para alimentarse fundamentalmente vermes poliquetos, crustáceos anfípodos, ofiúras e outros pequenos animais bentónicos, incluídos peixes, que capturan de noite.[11]
Os lagostinos (ou cigalas) alcanzan a madurez sexual entre os 3 e os 5 anos de vida, cando miden entre os 8 e os 10 cm. As femias desovan cada dous anos, xa que o emparellamento non vai seguido da fecundación inmediata dos óvulos, senón que os espermatozoides do macho son transportados pola femia durante un certo tempo no saco seminal, situado cerca da cavidade onde desembocan os ovidutos, e é precisamente ao saíren os óvulos cando estes son fecundados. A posta está formada por máis de 4 000 ovos de cor verdosa, que a femia leva entre as súas patas durante uns oito ou nove meses, cando eclosionan as larvas, que miden case 7 mm e nadan libremente durante dúas ou tres semanas. Despois da terceira muda, cando miden uns 11 mm de longo, descenden ao fondo, comezando a súa vida bentónica.[10][11]
Cando se ven en perigo, os lagostinos (ou cigalas) sacoden fortemente a cola para cravar as espiñas que cobren todo o seu corpo no presunto agresor. Outras veces prefiren agocharse debaixo da lama deixando fóra só os ollos.[10]
A especie foi descrita por Linneo en 1758, baixo o nome de Cancer norvegicus. Posteriormente foi reclasificada no xénero Nephrops, creado por William Elford Leach en 1814. Este xénero é monoespecífico, é dicir, conta cunha soa especie, Nephrops norvegicus.[12]
O nome xenérico, Nephrops, está formado polos elementos do latín científico nephr-, tirado do grego antigo νεφρός nefrós, 'ril', e -ops, derivado do grego antigo ώψ óps, 'vista', 'aparencia'. Literalmente: "os de ollos con aparencia de ril".[13]
O nome específico, norvegicus, é un adxectivo latino masculino que significa "de Noruega".
Desde o ano 2009 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) vén cualificado o status desta especie como LC (pouco preocupante), cualificación que mantén a día de hoxe (novembro de 2016), debido a que se trata dunha especie moi estendida que se encontra en cantidades comerciais en toda a súa área de dispersión e, aínda que as súas poboacións están en declive nalgunhas partes da súa área, parecen ser estábeis nos caladoiros do norte, que comprenden a maior proporción da poboación.[1]
Esta especie encóntrase en cantidades comerciais en gran parte da súa área de dispersión. Os seus desembarques aumentaron constantemente desde a década de 1950, na que se pescaban ao redor de 10 000 t anuais, a unhas 50 000 ou 70 000 t na década do 2000.[1]
Apáñanse con redes de arrastre durante a noite. Comercialízanse en fresco, cocidos ou conservados. Aínda que segundo a UICN o status da especie é pouco preocupante, varios países estableceron medidas de protección.[11]
A dicir do mestre Álvaro Cunqueiro
As cigalas pódense comer, coma cáseque todo o marisco, simplemente cocidas, pro si son grandes, van moi ben á plancha, ou millor aínda na parrilla. Soio moi frescas dan seu sabor, e por iso hai que chuparlles a cabeza, que é alí onde gardan o máis del.Álvaro Cunqueiro, A cociña galega.[14]
O seu discípulo Jorge Víctor Sueiro, en Comer en Galicia, di que
...as cigalas de Marín son dunha finura de padal excelsa, como é facilmente comprobábel comprándoas nos mercados daquela zona ou nas mesmas lonxas. Os que visitan Portonovo en verán, que adoitan seren centenas de españois do interior, acoden á noitiña á lonxa e levan para a casa espléndidos lotes desas cigalas das que falo. Incluso a prezos moi razoábeis.Traducido de Comer en Galicia.[15]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.