From Wikipedia, the free encyclopedia
O falcón peregrino (Falco peregrinus) é un falcón de talle medio, máis ou menos o dun corvo grande. É, se cadra, a ave do mundo cunha área de distribución máis ampla, que abrangue tódolos continentes agás a Antártida. Están especializados na caza de aves, que capturan no ar e que constitúen case as súas únicas presas.
Falcón peregrino Falco peregrinus | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Exemplar adulto | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Falco peregrinus Tunstall, 1771 | |||||||||||||||
Distribución mundial Nidificación migratoria Nidificación residente Invernación migratoria Visitante de paso | |||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||
17–19, ver texto | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Falco atriceps Hume |
Os adultos son de cor gris azulada escura pola parte superior. A inferior ten coloracións que van do branco ó crema, en xeral con bandas transversais escuras. A parte anterior da gorxa e a superior do papo teñen manchas ou raias máis ou menos mestas. É característico da especie o bigote negro que destaca claramente sobre da gorxa branca; tamén é negra a parte superior da cabeza. O iris dos ollos é castaño escuro, a cera do pico, o anel ocular e as patas son amarelas e as unllas, negras.
A coloración de machos e femias é semellante, pero estas últimas son claramente máis grandes. Un macho pequeno mide uns 35 cm de lonxitude e ten unha envergadura de ás de 79 cm, mentres que as femias máis grandes miden ata 51 cm de lonxitude e ata 114 cm de punta a punta de ala. En Centroeuropa os machos pesan 550-750 g e as femias 740-1300 g; estas medidas convértenos nun dos falcóns de maior tamaño, só superado polo falcón sacre e o falcón albar.
Os exemplares novos diferéncianse dabondo dos adultos. Teñen a parte superior do corpo castaña preta e tódalas plumas cobertoiras teñen unha beira castaña clara. A parte inferior, de fondo castaño avermellado, está atravesada por listas castañas escuras. A marca facial é menos marcada cá nos adultos e destaca menos nos lados castaños da cabeza. Patas, aneis oculares e cera do bico son grises. Cambian á plumaxe adulta cando teñen ó redor do ano. No outono do seu segundo ano de vida xa non se distinguen dos adultos.
A súa silueta cando voan é a típica da familia: un torso forte, cabeza grande, ás relativamente longas, apuntadas e de aspecto triangular e cola de lonxitude media algo arredondada. A recoñecelo axudan a parte inferior escura e a inferior clara e barrada, e a barba visible a distancias considerablemente afastadas.
Sen seren aves particularmente ruidosas, déixanse oír frecuentemente cando están preto do niño. O chío de cortexo, que emiten cando o macho presenta presas á femia, é tamén ben audible. En casos de moita excitación repíteno cunha cadencia máis rápida. Cando se senten molestados deixan oír un son agudo, áspero e penetrante (Exemplo de voz). En caso de intromisións máis graves, este son sobe de frecuencia, e é emitido polo falcón mentres voa en círculos sobre o niño.
O único continente no que faltan é, como se mencionou, a Antártida. Colonizaron case tódalas grandes illas, agás as do Caribe e Nova Zelandia. A súa ampla distribución estaría relacionada co seu carácter pouco esixente á hora de escoller espazos vitais. As condicións requiridas limítanse á dispoñibilidade de lugares de cría protexidos e áreas despexadas cunha suficiente oferta de aves para cazar en zonas de clima non moi quente.
Na parte meirande da súa área de distribución crían e acantilados. Só nalgunhas rexións do oeste e centro de Europa, o oeste de Norteamérica e parte de Australia viven en bosques pechados, onde crían en niños abandonados doutras aves de rapina situados en árbores altas. Nalgunhas rexións coma na área do Báltico e norte de Escandinavias e Finlandia, fan tamén niños no chan. Están ausentes dos bosque tropicais das terras baixas de Suramérica e Áfricas e das estepas asiáticas. Evitan tamén as zonas áridas de América, África e a Australia interior.
Nalgunhas zonas, singularmente Europa e Norteamérica, colonizaron nos últimos decenios grandes edificios en cidades e áreas industriais. Fora da época reprodutora aparecen en paisaxes máis variadas sempre que sexan ricas en aves, incluíndo costas mariñas e grandes áreas húmidas.
Os falcóns peregrinos amosan unha clara tendencia a aumentaren de tamaño canto máis ó norte viven. Ademais, os exemplares que viven en climas máis húmidos teñen tendencia a ter plumaxes máis escuras. A delimitación das subespecies non é doada, e provoca intensas discusións entre os científicos. O paso dunha subespecie implícaa decotío a presenza de individuos intermedios. Dependendo dos estudosos o número e a delimitación xeográfica das especie varía. A clasificación a seguir baséase na realizada por Ratcliffe (1993), que distingue 19 subespecies:
O falcón peregrino americano é algo máis pequeno cá forma típica. Os adultos son algo máis pálidos cós desta, mentres que as crías son máis escuras. O peso dos machos vai dos 500 ó 570 g, , o das femias é de 900-960 g.[2]
Es dúas subespecies seguintes están en discusión, xa que son adscritas por algúns autores a unha especie independente o falcón de Berbería, tema que se discute máis abaixo no artigo.
O falcón de Berbería constitúe un problema taxonómico particular. Estas aves, propias de rexións áridas, espállanse dende as illas Canarias, o longo das beiras do Sáhara, polo Oriente Medio ata Asia central e Mongolia. Agás por unha mancha vermella no pescozo as diferenzas coa falcón peregrino típico limítanse a seguir a regra de Gloger. A distancia xenética con este é escasa segundo os estudos de ADN. As diferenzas de comportamento, ecoloxía e anatomía son. porén. claras. O falcón de Berbería amosa un xeito de voar peculiar, batendo só a parte exterior das ás; maneira de voar que os peregrinos típicos non practican con moita frecuencia (Snow et al. 1998). Os osos dos ombreiros e da pelve son máis grosos có dos peregrinos típicos e os pés máis pequenos (Vaurie, 1961), Poden producir híbridos fértiles cós peregrinos (a hibridación entre falcóns de especies separadas non é, porén, excepcional), pero esta situación non parece producirse na natureza ó non coincidiren as súas áreas de cría máis que en pequenas zonas. .[4]
A separación entre o peregrino e o falcón de Berbería podería ter tido lugar na última glaciación, cando grandes rexións de África do norte e Oriente medio ficaron convertidas en desertos. O fin da glaciación tería permitido que as dúas poboacións volveran a entrar en contacto. Este escenario sería similar ó proposto para a historia evolutiva do falcón sacre en relación co falcón albar. O falcón de Berbería é un dos poucos casos de animais que constituirían unha especie separada dende o punto de vista biolóxico, pero non dende o filoxenético. En conclusión, parece evidente que o falcón de Berbería deu os primeiros pasos na evolución vara a ser unha especie independente (illamento reprodutivo, e distincións morfolóxica e ecolóxica), pero non se estableceu aínda unha barreira reprodutiva postcigótica coa especie mai.
Cazan habitualmente ó amencer e ó solpor, cando as presas son máis activas. Capturan case exclusivamente aves pequenas e medianas en voo e a ceo aberto, polo que as áreas de caza máis comúns inclúen augas abertas, pantanos, vales, campos cultivados e tundras. Xa que nestas condicións non é posible achegarse á presa sen ser visto a aproximación ten que facerse a gran velocidade, para non permitir á vítima máis que un tempo moi curto de reacción. As dúas técnicas de caza principais son a caída en picado dende moita altura e un voo horizontal partindo dun lugar de espreita alto.
No caso dos picados os falcóns voa en círculos a grande altura agardando a presenza dunha ave por debaixo da súa área de voo. Cando a localizan recollen as ás e a cola e déixanse caer cara a ela coas patas atrás. As presas son golpeadas, en xeral nunha á, o que evita danos no propio falcón, e coas gadoupas pechadas. A presión do aire durante o voo podería danar os pulmóns do falcón, pero uns pequenos tubérculos óseos situados nas fosas nasais guían o aire entrante e permiten que á ave respire máis facilmente reducindo os cambios de presión do ar.
Despois de golpeala presa o falcón ten que describir unha curva para volver cara á ela e cachala. As vítimas adoitan morrer despois do choque, en caso contrario son rematadas cun golpe do bico na caluga. Se a vítima é pesada de máis déixana caer no chan e cómena nel. As aves son depenadas antes de comelas[5].
Os paxaros que detectan un falcón peregrino protéxense voando en círculos moi pechados, manobra que non pode facer o cazador a causa da grande velocidade do seu voo, polo que nestes casos a caza non ten éxito. Aínda que se calcula que un falcón podería acadar os 340 km/h durante os picados, as medidas máis fiables feitas na natureza dan como resultado velocidades punta de 140 km/h.[6]
En voo horizontal partindo dende a posición de pousado achéganse ás presas por detrás e lixeiramente por abaixo delas. A súa velocidade permítelles atrapar axiña en voo calquera outra ave. Esta velocidade de aproximación e o feito de achegárense ás vítimas aproveitando o seu ángulo morto de visión contribúen ó factor sorpresa. As aves son capturadas pola parte inferior e dende atrás. Se detectan a tempo a presenza do cazador, as presas teñen moitas opcións de fuxir. Os paxaros pequenos, coma o estorniño, déixanse caer de seguida cara ó chan; os meirandes, coma as pombas, tentan voar en curvas pechadas. Estas técnicas non están ó alcance dunha ave moi rápida pero con capacidade de manobra reducida coma o falcón peregrino, polo que nestes casos os ataque adoitan fracasar.
As dúas técnicas básicas poden ser modificadas ou combinadas. En especial cando non están chocando, as parellas poden cazar xuntas. Nese caso a aproximación á presa faise cunha separación calculada, de xeito que o segundo falcón poida golpeala se falla o primeiro. Cando a ave voa cara a arriba un dos falcóns colocase máis alto e outro, en xeral a femia, voa en círculos por embaixo.
A parte fundamental da súa dieta está constituída por aves pequenas e medianas. O peso máximo das `presas que ataca é duns 500 g, pero as vítimas adoitan ser ben máis lixeiras. As especies máis frecuentemente capturadas dependen, como é lóxico, da oferta de cada territorio de caza. Os súes métodos de caza son máis eficaces coas aves que voan distancias máis longas en liña recta. Como consecuencia, en boa parte do centro e oeste de Europa son as pombas domésticas ou salvaxes as que constitúen a parte fundamental da súa alimentación. No outono e primeiros de ano os paxaros migradores coma os tordos e os estorniños xogan tamén un papel importante. Nas beira do mar as presas fundamentais son aves mariñas coma as gaivotas. O feito de cazaren ó lusco fusco fai que entre as súas presas estean tamén algúns morcegos, ó único mamífero que comen regularmente. A presenza doutros mamíferos, insectos e réptiles na súa dieta e escasa, pero pode variar dependendo da abundancia de alimento[7] En áreas urbanas favoreceuse a cría do falcón peregrino como xeito de controlar as poboacións dalgunhas aves, coma as pombas ou os estorniños.
Son capaces de reproducirse cando teñen uns 9 meses, aínda que as aves nacidas o anoa anterior o fagan, polo menos en territorios con poboacións normais, moi ó raro. As parellas son en principio, para toda a vida e retornan os mesmos territorios de cría cada ano. As cerimonias de cortexo non son moi espectaculares: os dous membros da parella póusanse xuntos e, en condicións de bo tempo, voan xuntos en círculos sobre o seu territorio de caza. Unhas 6 semanas antes de comezar a posta de ovos, o macho empeza a fornece-la femia con alimentos, e esta faise pouco activa. A entrega das presas faise no aire, coa femia voando boca arriba para recibi-las das gadoupas do macho. O punto álxido da época nupcial coincide coa selección do lugar do niño polo macho, que procura atraer á femia ó sitio escollido. Durante a estación reprodutora son territoriais. As parellas adoitan estar separadas por polo menos un km. de distancia, a miúdo moito máis. Non constrúen niño coma tal. Escollen para poñe-los ovos furados ou fendas nas penas ou niños abandonados doutras aves grandes que críen nas rochas, onde se limitan a facer un furado pouco fondo na terra, no grixo ou na area soltos ou na vexetación, sen engadir ningún material. En rexións remotas onde non son molestados, coma no Ártico, poden face-los niños en ladeiras non tan verticais e mesmo en rochas baixas e pequenas elevacións do terreo. Cando crían nas árbores aproveitan niños vellos de aves de rapina. As estruturas de orixe humana que usan en ocasións, son as que recordan os acantilados nos que crían habitualmente.[8] Dentro do territorio de cría poden ter varios lugares de aniñada, que son utilizados en anos sucesivos. A parella defende o lugar escollido contra outros falcóns, aguias e corvos.(Blood & Banasch 2001)
Poñen de 1 a 5 ovos (en xeral 3 ou 4) arredondados, amarelados con manchas moi mestas acastañadas .Os ovos miden uns 51x41 mm. e pesan de 39 a 48 g. As datas de posta son moi variables dependendo das rexións, indo en xeral de febreiro a marzo no hemisferio norte, e de xullo a agosto no hemisferio sur. A subespecie australiana macropus pode criar mesmo en novembro e as poboacións que viven no ecuadori en calquera momento entre xuño e decembro. A incubación, na que os machos colaboran só moi esporadicamente, dura 34-38 días.[9] . Ó naceren os polos están cubertos de penuxa crema e teñen patas moi longas. O macho trae a comida ó niño, pero os polos son embicadados pola mai. Os polos están listos para empezaren a voar con entre 42 e 46 días, correspondendo as cifras máis altas as femias. Antes dispersárense, os falcóns pasan aínda un mes ou mes e medio cos pais.
As femias adoitan facer unha segunda posta se a primeira se perde. A media de polos por niño, a causa dos ovos infértiles e as mortes é de 2,5, e a media dos que chegan a voar de 1,5.
Os peregrinos chegan a idades de ata algo máis de 15 anos, sendo a idade máis alta rexistrada de 18 anos[10]. A mortandade no primeiro ano de vida sitúase entre o 59 e o 70 %, e baixa a entre o 25 e o 32 % nos adultos. Ademais das mortes orixinadas por causas antropoxénicas coma a colisión con obxectos feitos polo ser humano, os falcóns peregrinos poden ser cazados por aguias grandes, o falcón albar, gatos salvaxes o outros predadores. Os xoves inexpertos poden ser vítima tamén de falcóns peregrinos adultos.
Os falcóns son migradores ou sedentarios segundo as poboaciósn migradorws de longa distancia ou sedentarios. As tendencias migratorias aumentan cara ó norte da súa área de distribución. As poboacións mediterráneas e tropicais son sedentarias. No norte centro e leste de Europa moitos falcóns de primeiro ano pasan o seu primeiro inverno no oeste e sur do continente, mentres que máis dos adultos son sedentarios.[11] Os individuos do Ártico son migradores.
Os falcóns foron perseguidos con fereza polo menos ata finais do século XIX, e os seus niños roubados en moitas zonas. Isto, sumado a falta de lugares para face-los niños provocou unha grande redución do número de falcóns. Outra catástrofe enorme para a especie foi descuberta en 1961 no Reino Unido , onde un censo comprobou unha redución do 44 % da poboación en 20 anos.[12] A ave desapareceu completamente no sur de Inglaterra e ficou en condicións precarias en case todo o resto do país. Un estudo dos ovos amosou que o groso da casca se reducira nun 20 % dende 1947, redución que se detectou tamén nos ovos doutras aves coma o gabián .[13]
O mesmo retroceso foi contrastado na Europa continental a partir de 1950: a especie extinguiuse en Dinamarca, os Países Baixos, Bélxica, Luxemburgo e na República Democrática Alemá a finais dos anos 1970, e as poboacións reducíronse a unhas poucas parellas en Escandinavia, a antiga BRD, Suíza, Austria e Polonia. Nos Estados Unidos desapareceu ó leste da Montañas Rochosas.
A redución coincidía no tempo co comezo do uso masivo de DDT na agricultura. A finais dos anos 1960 comprobouse que o contido de DDE, un metabólito do DDT nos ovos era inversamente proporcional ó grosor da casca. As poboacións de falcóns que tiñan contidos de DDE provocaba unha redución do 17 % no espesor da casca, reducíanse moito ou desaparecían.[14]
A prohibición do DDT a primeiros dos anos 1970 nos países occidentais máis industrializados, a protección das áreas de cría e as soltas controladas permitiron o aumento rápido das poboacións, de xeito que hoxe os peregrinos volven a reproducirse en case todos os seus vellos territorios perdidos. En Europa a primeiros do século XXI calculouse a súa poboación nunhas 6.600 parellas reprodutoras.[15] e a IUCN cifra a poboación mundial entre 10.000 e 100.000 exemplares e parece manterse estable.
Os ovos e polos do falcón peregrino son obxecto de tráfico no mercado negro, para seren utilizados na cetrería e polos coleccionistas de ovos.
O falcón peregrino vense usando en cetrería dende hai máis de 3 000 anos, empezando cos nómades de Asia Central. Pola súa habilidade para facer picados a altas velocidades foi moi buscado e usado xeralmente por cetreiros experimentados. O falcón peregrino emprégase en ocasións para espantar outras aves en aeroportos, intentando así reducir o risco de accidentes e mellorando a seguridade do tráfico aéreo. Tamén se usaron para interceptar pombas mensaxeiras durante a segunda guerra mundial.
O cambio de punto de vista humano con respecto a especie despois da catástrofe causada polo DDT favoreceu a presenza destas aves no medio urbano, que ata os anos 1970 era excepcional. Os seus novos asentamentos en grandes edificios e áreas industriais foron coidadosamente protexidos, o que permitiu que se estableceran novas poboacións. No leste dos Estados Unidos o 34% da poboación de falcóns peregrinos criaba en edificios.[16], e no medio oeste en 1995 máis do 80% [17], en Renania do Norte –Westfalia, Alemaña en 1996 máis do 80%.[18]
Os falcóns adultos teñen poucas dificultades no medio urbano, pero os accidentes entre as crías inexpertas son habituais e ó redor do 30% deles non chegan a ser independentes [9].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.