Ferroplasma
From Wikipedia, the free encyclopedia
Ferroplasma é un xénero de arqueas do que se coñecen polo momento tres especies e cuxa especie tipo é Ferroplasma acidiphilum[5], un microorganismo acidófilo oxidante do ferro.[6][7] A diferenza doutros membros da clase Thermoplasmata, F.acidiphilum é un mesófilo que crece optimamente a unha temperatura de aproximadamente 35 °C e a un pH de 1,7. Encóntrase xeralmente en minas ácidas, principalmente as de pirita (FeS2). É especialmente abondoso cando hai drenaxes ácidas nas que outros microorganismos como Acidithiobacillus e Leptospirillum fixeron baixar o pH, o que permite que o acidófilo obrigado F. acidiphilum poida prosperar. Ferroplasma forma fitas viscosas sobre a superficie da pirita.
Ferroplasma | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Ferroplasma' Golyshina et al. 2000 | |||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||
Fisioloxicamente, F. acidiphilum é un quimioautótrofo e obtén enerxía por oxidación do ferro ferroso procedente da pirita usando oxíxeno como aceptor final de electróns e fixa dióxido de carbono[8]. Este proceso produce como residuo ácido sulfúrico, o que leva á acificación do ambiente no que vive.
Os sulfuros sofren as seguintes reaccións:
FeS2 + 3½ O2 + H2O → Fe2+ + 2 SO42- + 2 H+
FeS2 + 14 Fe3+ + 8 H2O → 15 Fe2+ + 2 SO42- + 16 H+.[9]
A reacción desprázase cara á oxidación de FeS2.
F. acidiphilum, igual que Thermoplasma, non ten parede celular. Porén, ao contrario que Thermoplasma, a membrana plasmática de F. acidiphilum non contén lípidos tetra-éter.
F. cupricumulans (sinónimo F. cyprexacervatum) é tamén quimioautótrofo sen parede celular e vive en zonas con sulfuro en drenaxes mineiras, pero é moderadamente termófilo (temperatura óptima 53,6 °C) e tamén é moi acidófilo (pHs óptimos de crecemento entre 1,0 e 1,2).[10]
F. acidarmanus foi atopado en drenaxes ácidas da mina de Iron Mountain, California, onde é unha especie dominante e vive quimioautótrofamente oxidando ferro e sulfuro nas piritas, o seu pH óptimo é 1,2, pode vivir con altas concentracións de metais, e crece máis rapidamente que F. acidiphilum.[11]