![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/b/b6/Grenache_noir_grapes.jpg/640px-Grenache_noir_grapes.jpg&w=640&q=50)
Garnacha
variedade vinífera / From Wikipedia, the free encyclopedia
A garnacha[1] (en francés: grenache, en catalán: garnatxa) é unha varidade de uva. Normalmente cando falamos de garnacha referímonos á garnacha tinta (noir): bago tinto de tamaño mediano, forma esférica e pel fina de cor violácea, utilizada especialmente para a elaboración dos viños das denominacións de orixe Calatayud, Cataluña, Priorat, Cariñena e Navarra. Porén o seu cultivo é moi estendido en todo o mundo.[2] Ademais da tinta existe a garnacha branca: bago branco de tamaño mediano, forma elíptica e pel fina de cor verde amarelada, utilizada especialmente para a elaboración dos viños das denominacións de orixe Alella, Terra Alta e Tarragona[1]; a garnacha peluda e a garnacha tintureira: bago tinto orixinario de Francia, de tamaño mediano, forma esférica, pel grosa de cor negra azulada e polpa con forte pigmentación, utilizada especialmente para a elaboración dos viños das denominacións de orixe Almansa, Alacant, Ribeiro e Ribeira Sacra[1][3].
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/b/b6/Grenache_noir_grapes.jpg/640px-Grenache_noir_grapes.jpg)
A garnacha ten unha maduración serodia, polo que necesita condicións secas e cálidas como as que poden atoparse na parte seca da Península Ibérica, de onde seguramente é orixinaria. En Galiza cultívase só nas zonas secas surorientais. Tamén medra na Sardeña, no sur de Francia, en Australia e no val de San Joaquín de California.
É xeralmente picante, cun sabor suave no padal, e produce viños cunha gradación alcólica relativamente alta, pero necesítase controlar os rendementos dos viñedos para obter os mellores resultados.
Os perfís característicos da garnacha inclúen sabores a froitas vermellas (framboesa e amorodo) cunha nota sutil a pementa branca. Os viños de garnacha son altamente propensos á oxidación, mesmo con exemplares novos que teñen potencial para mostrar unha coloración parda (ou bricking) que se pode notar polos laterais da copa cando se inclina para valorar o viño. Coa idade, os viños de garnacha tenden a asumir máis sabores a coiro e alcatrán.[4] Os viños elaborados con garnacha tenden a unha carencia de acidez, taninos e cor, e a miúdo mestúrase con outras variedades como syrah, cariñena, araúxo e cinsaut.
A garnacha é unha das variedades dominantes en moitos dos viños do sur do Ródano, especialmente en Châteauneuf-du-Pape, onde adoita estar no 80 % das mesturas. En España hai viños monovarietais de garnacha tinta, sobre todo nas rexións vitícolas do sur de Aragón, como Calatayud, Cariñena e o Campo de Borja, mais tamén se usa mesturada, como nalgúns viños da Rioxa con araúxo.
En Australia mestúrase normalmente en con syrah (normalmente coñecida como shiraz nese país) e mourvèdre, como en exemplares de viños vellos de McLaren Vale. En Italia, a DOC Cannonau dei Sardegna (Sardeña) está composta por lei ao 99 % pola garnacha local (cannonau).
A garnacha tamén se usa para facer viños rosados en Francia e España, especialmente no Tavel, en Côtes du Rhône e na rexión de Navarra. O alto nivel de azucre da garnacha permitiu que se use habitualmente para viños fortificados, incluíndo os vins doux naturels (viños doces naturais) do Rosellón e de Banyuls, e para a maioría dos viños australianos fortificados.[5]