relixioso e político galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Leopoldo Eijo y Garay, nado en Vigo o 11 de abril de 1878[1] e finado en Vigo o 31 de agosto de 1963,[2] foi un bispo católico e escritor galego.
Aos cinco anos mudouse coa súa nai, unha humilde criada, a Sevilla, onde ingresou no seminario. Marchou a estudar a Roma Pontificia Universidade Gregoriana onde conseguiu o doutoramento e aprendeu latín, grego e hebreo.[3] Foi ordenado sacerdote o 27 de decembro de 1900.
En 1914 foi promovido a ordinario da diocese de Tui, sendo ordenado bispo o 8 de novembro do mesmo ano polo cardeal Martín Herrera, arcebispo de Santiago de Compostela. Desde entón ten unha carreira de vertixe, sendo nomeado por iniciativa do rei Afonso XIII, o 22 de marzo de 1917, sétimo bispo de Vitoria,[4] sucedendo a Prudencio Melo y Alcalde, que fora nomeado bispo de Madrid-Alcalá. Ese mesmo ano publica El primer origen de la vida según el Hexámeron y según la ciencia.
O 4 de decembro de 1922 marcha a Madrid para substituír de novo ao bispo Melo, nomeado arcebispo de Valencia, tomando posesión o 26 de xuño de 1923 como bispo de Madrid-Alcalá, tamén o sétimo dos mesmos. Ocupou o cargo durante cuarenta anos, sendo o seu o pontificado máis longo dun bispo español contemporáneo. Desde alí foi testemuña privilexiada dos convulsos anos da ditadura de Primo de Rivera, a II República, a guerra civil, e a consolidación do réxime franquista no poder.
Paralelamente á súa carreira eclesiástica, desenvolveu a súa vida cultural e de escritor, con obras como Santo Tomás y la mística, El concepto de la materia universal en los textos medievales (1940), Esbozo apologético de la poesía clásica eucarística española, e Directrices sociales (1948). En 1927 ingresou na Real Academia Española, no asento do U maiúsculo, ocupando a vacante de Antonio Maura,[5] sendo o seu discurso inaugural sobre La oratoria sagrada en España; e onde se mantivo ata a súa morte.[6] O 10 de xaneiro de 1932 ingresou na Academia de Ciencias Morales y Políticas (medalla n.º 6); o seu discurso inaugural, dito o 9 de xuño de 1935, versou sobre La persona jurídica. Su concepto filosófico y derechos fundamentales que debe respetar en ella el Estado. Tamén foi membro correspondente da Real Academia Galega.
O 21 de xullo de 1946 o papa Pío XII nomeouno Patriarca das Indias Occidentais, sede soamente titular, pero que dá prestixio ao bispo da capital de España en pleno auxe dun réxime dedicado a renovar a idea do Imperio Español. Eijo y Garay foi, de feito, un dos prelados máis fieis ao réxime, en conciencia e desde a súa altura intelectual.
En 1948, recibiu a medalla de Ouro da cidade de Madrid, pero o concello retiroulla en 2016 por mor da denominada coloquialmente Lei de Memoria Histórica 52/2007.[3]
Morreu en Vigo e foi soterrado en Madrid onde recibiu honores de Capitán Xeneral con mando en praza.[7]
Cando comezou a Guerra civil, púxose rapidamente a prol do bando golpista e foi un dos redactores xunto co cardeal Gomá da "Carta colectiva do episcopado" en 1937 na que se afirmaba o carácter católico da guerra fronte a un "inimigo ateo e estranxeiro".[3]
Foi designado por Francisco Franco, Conselleiro nacional de F.E.T. y de las J.O.N.S. e entre 1943 e 1946 procurador a Cortes. En troques, Eijo Garay promoveu dende o seu posto bispo de Madrid que Franco puidese acudir a actos relixiosos baixo palio, co que se indicaba o apoio da Igrexa ao ditador. Tamén formou parte do triunvirato presente no Consello de Rexencia -presidido por Esteban de Bilbao Eguía e co tenente xeneral Miguel Ponte e Manso de Zúñifa, marqués de Bóveda de Limia- que exerceu a Xefatura do Estado Español entre o 22 e o 27 de outubro de 1949, durante a viaxe oficial de Franco a Portugal.
Entre 1949 e 1952, tamén foi Conselleiro Nacional.[1]
Desde a súa morte en 1963, antes do Concilio Vaticano II, o patriarcado das Indias Occidentais permaneceu vacante, sen ser nunca formalmente suprimido.
Foi o derradeiro bispo de Madrid pois, ao ano seguinte do seu falecemento, o 24 de marzo de 1964, Madrid-Alcalá foi esgazada da provincia eclesiástica de Toledo e elevada ao rango de arquidiocese inmediatamente suxeita a Roma, é dicir, sen dioceses sufragáneas e sen constituír provincia eclesiástica.
Malia non estar claro de todo, semella que interviña nalgúns temas conflitivos empregando algún pseudónimo, como cando en 1931 se publicou en Madrid o folleto En defensa del altar: El presupuesto de culto y clero, deuda sagrada, asinado por un tal Doutor Rioja y Lage, que se pensa que podía ser el.[8]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.