Medalla da Batalla de Waterloo (Pistrucci)
medalla británica / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un dos diversos modelos de Medalla da Batalla de Waterloo é o deseñado polo medallista italo-británico Benedetto Pistrucci, que se dedicou a este labor desde 1819 ata 1849, cando presentou as matrices da medalla á Casa da Moeda de Londres.[2]
Medalla da Batalla de Waterloo [1] | |
---|---|
Anverso: os gobernantes das catro nacións gañadoras da Batalla de Waterloo (Inglaterra, Austria, Prusia e Rusia) rodeados por unha alegoría mitolóxica evocadora da paz. | Reverso: figuras ecuestres de Arthur Wellesley, duque de Wellington, e de Gebhard Leberecht von Blücher rodeados por unha escena da derrota de Francia. |
|
A medalla fora encargada polo Goberno do Reino Unido en 1819, seguindo instrucións de Xurxo IV, daquela aínda príncipe rexente, que xa suxerira a súa creación en 1816. A intención era que se lles entregase como recoñecemento aos xenerais vencedores da Batalla de Waterloo de 1815, así como aos gobernantes dos países aliados do Reino Unido.
A Royal Academy propuxo como base un deseño creado polo ilustrador e debuxante John Flaxman, un dos seus membros, mais o gravador da Royal Mint Benedetto Pistrucci, que debería encargarse da elaboración dos cuños, rexeitou a idea de copiar deseños alleos e elaborou uns deseños propios. O príncipe rexente e o mestre de ceca (o master of the mint ou director da casa da moeda) William Wellesley-Pole, quedaron impresionados cos modelos propostos por Pistrucci e, finalmente, encomendóuselle a el o traballo completo.
Porén, o proceso resultou máis lento do esperado, malia as presións sufridas por Pistrucci para a súa conclusión, e as matrices para os cuños non foron entregadas ata 1849. Durante as tres décadas transcorridas, a maioría dos seus destinatarios faleceran e as relacións con Francia melloraron considerablemente, polo que a medalla non chegou a servir para a finalidade prevista.
Por mor do seu gran tamaño (130 mm de diámetro), a Royal Mint non quixo arriscar as matrices no seu proceso de endurecemento para a creación dos cuños, polo que nesa época unicamente se elaboraron electrotipos e se efectuaron algunhas cuñaxes suaves.