Tribunal Europeo de Dereitos Humanos
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH; tamén denominado Tribunal de Estrasburgo e Corte Europea de Dereitos Humanos) é a máxima autoridade xudicial para a garantía dos dereitos humanos e liberdades fundamentais do Consello de Europa.
Tribunal Europeo de Dereitos Humanos | |
---|---|
European Court of Human Rights Cour européenne des droits de l’homme | |
Información xeral | |
Acrónimo | TEDH |
Tipo | Tribunal de xustiza |
Fundación | 21 de xaneiro de 1959 [1] 31 de outubro de 1998 [2] |
Xurisdición | Consello de Europa |
País | Francia |
Sede | Estrasburgo |
Organización | |
Presidente | Guido Raimondi [3] (2012- ) |
Composición | 47 xuíces; un por cada país membro |
Relacionados | Convención Europea de Dereitos Humanos |
Sitio web | |
|
Trátase dun tribunal internacional ante o que calquera persoa que considere ser vítima dunha violación dos seus dereitos recoñecidos polo Convenio para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (CEDH) ou calquera dos seus protocolos adicionais, mentres se atopaba legalmente baixo a xurisdición dun estado membro do Consello de Europa, e que esgote sen éxito os recursos xudiciais dispoñibles nese Estado, pode presentar unha denuncia contra o devandito Estado por violación do Convenio.
Este convenio é un tratado polo que os 47 estados membros do Consello de Europa (todos os Estados europeos salvo Belarús e a Cidade do Vaticano) acordaron comprometerse a protexer os dereitos humanos e as liberdades fundamentais, tipificalos, establecer o Tribunal e someterse á súa xurisdición, é dicir, acatar e executar as súas sentenzas.
A execución das sentenzas do Tribunal polos Estados membros que foron condenados está supervisada polo Comité de Ministros, órgano decisorio do Consello de Europa composto por un representante de cada Estado membro. É importante resaltar que o TEDH non é unha institución da Unión Europea, non está relacionado con ela nin por tanto co Tribunal de Xustiza da Unión Europea. O TEDH é un órgano xudicial que se crea en virtude do CEDH. Para evitar confusións co Tribunal de Xustiza da Unión Europea é preferible denominar ao Tribunal de Dereitos Humanos como Tribunal de Estrasburgo, pois ten a súa sede na cidade de Estrasburgo (Francia).
Os dereitos humanos e liberdades fundamentais tipificados no Convenio, na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de Nacións Unidas, na Convención Europea de Dereitos Humanos e na Carta da Unión Europea, son, en substancia, os mesmos.