militar, diplomático, mariñeiro e explorador chinés From Wikipedia, the free encyclopedia
Zheng He (chinés tradicional: 鄭和, chinés simplificado: 郑和 , Hanyu Pinyin: Zhèng Hé, Wade-Giles: Cheng Ho) tamén coñecido coma Ma Sambao, nado en 1371 e finado en 1435, foi un famoso militar, diplomático, mariñeiro, explorador chinés que realizou unhas viaxes colectivamente chamadas O eunuco Sanbao ao océano occidental (三保太監下西洋) ou Zheng He ao océano occidental, de 1405 a 1433.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (zh) 鄭和 1371 Kunming (Dinastía Yuan) |
Morte | 1433 (61/62 anos) Nanjing (Dinastía Ming) |
Lugar de sepultura | Tomb of Zheng Da Chia (en) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Dinastía Ming |
Grupo étnico | Pobo hui |
Relixión | Islam |
Actividade | |
Lugar de traballo | Dinastía Ming Oriente Medio África oriental Subcontinente indio Sueste asiático Océano Índico |
Ocupación | explorador , Eunuco , Navegante , diplomático , viaxeiro |
Período de actividade | 1405 (Gregoriano) - |
Empregador | Yongle Hongxi Xuande |
Lingua | Lingua chinesa |
Carreira militar | |
Rango militar | admiral of the fleet (en) |
Comandante de (OBSOLETO) | Zheng He xia xiyang |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Pai | Hajji Ma (en) |
Parentes | Sayyid Ajjal Shams al-Din Omar (en) (devanceiro) |
Durante as súas expedicións, que todas comezaron en Nanjing, Zheng He explorou o Sueste asiático, Indonesia, Ceilán, a India, o golfo Pérsico, a península arábiga, o leste de África até a canle de Mozambique e América.
O número das súas viaxes varía dependendo do método de división, pero xeralmente considérase que navegou e explorou sete veces "o océano occidental". As súas escuadras resultan impresionantes se se comparan coas súas contemporáneas europeas: ao redor de 30.000 homes e un número variable de naves, entre cincuenta e trescentas.
As súas viaxes produciron un importante intercambio diplomático, comercial e cultural co estranxeiro. A pesar de contribuír a demostrar a capacidade organizativa e poder tecnolóxico chineses, non produciron anexións territoriais debido á falta de tradición de colonialismo e imperialismo na China.[1]
Trala súa morte, os confucionistas impuxeron de novo a súa visión do mundo, polo que nos séculos seguintes impulsouse o isolacionismo. No entanto Zheng He deixou unha profunda pegada na sociedade chinesa e, en xeral, en todo o sueste asiático.
Zheng He foi un eunuco musulmán do pobo hui que serviu como confidente do emperador da China Yongle (gobernante de 1403 a 1424), o terceiro emperador da dinastía Ming. Chamado orixinalmente Ma Sanbao (馬 三保), procedía da provincia de Yunnan. Pertenceu á minoría Semur, orixinarios de Asia Central e practicantes do islam. Tanto seu pai como seu avó viaxaran en peregrinación á Meca e Zheng He tería escoitado os relatos das súas viaxes a terras afastadas. Despois de que o exército Ming conquistara Yunnan foi cativado e castrado, converténdose así nun eunuco. O nome Zheng He púxollo o emperador. Estudou en Nanjing Taixue (Colexio Central Imperial). As súas misións exhibiron impresionantes demostracións da súa capacidade organizativa e poder tecnolóxico, pero non produciron grandes comercios xa que Zheng He foi un almirante e un oficial, non un mercador.
Zheng He navegou até Malaca no século XV e trouxo consigo unha princesa da China, a Princesa Hang Li Po. Ela tería que desposar o rei de Malaca. A princesa foi cos seus 1.500 servintes, os cales se asentaron eventualmente en Bukit Cina en Malaca. Os descendentes desta xente son coñecidos na actualidade como Baba (o título masculino) e Nyonya (o título feminino).
En 1424 o emperador Yongle faleceu. O seu sucesor, Hongxi (gobernante de 1424 a 1425), decidiu reprimir a influencia dos eunucos na corte. Zheng He realizou unha última viaxe baixo o goberno do emperador Xuande (gobernante de 1426 a 1435), pero despois diso as frotas de tesouro chinesas acabaron. A súa tumba está en Nanjing (outeiro de Niushou), e en 1985 foi restaurada. Tamén construíu os estaleiros de Nanjing, que aínda funcionan actualmente.
O "Océano Occidental" refírese aos lugares en Asia e África que Zheng He explorou, incluíndo:
O número das súas viaxes varía dependendo do método de división, pero explorou como mínimo sete veces cara ao "océano occidental" coa súa frota. A súa escuadra consistía nuns 30 000 homes e setenta naves. Levou a China moitos trofeos e embaixadores de máis de trinta reinos, incluíndo Alagonakkara de Ceilán, quen foi a China a se desculpar co emperador. A revista Life situou a Zheng He no posto 14 das persoas máis importantes do último milenio.
A súa primeira expedición levantou áncora no outono do ano 1405 con aproximadamente 317 barcos. Recalaron en Fujian, na desembocadura do río Min, onde realizaron reparacións e partiron cara Champa (actual Vietnam) e, posteriormente, Palenbang (Sumatra). Tamén visitaron Xava e Ceilán, onde segundo as crónicas chinesas non recibiron boa acollida. Finalmente chegaron ao seu destino, Calicut, cidade estado da India coñecida como a Cidade das especias.
Tras intercambiar mercadorías, a frota iniciou o regreso a China en abril de 1407. No estreito de Malaca enfrontouse ao pirata Chen Zuyi e capturouno. Xa de novo no Mar da China a frota viuse no medio dun tifón. A tripulación, espantada, solicitou axuda á deusa Tianfei. Apareceu unha "lanterna máxica" no mastro (probablemente un Lume de San Telmo) e, pouco despois, o mar acougou. Para Zheng He o fenómeno foi un milagre da deusa. Pouco despois chegaron a China.[2]
Ao pouco do regreso da primeira viaxe o emperador Yongle ordenou que se organizase outra nova expedición, co fin de devolver aos seus respectivos lugares de orixe os diplomáticos estranxeiros que chegaran a China na anterior expedición. Nesta viaxe non se sabe con seguridade se participou Zheng He ou se permaneceu supervisando a reparación do templo de Tianfei en Meizhou. No caso da súa ausencia a expedición debeu ser comandada polos eunucos Wang Jinghong e Hou Xian.
A frota formada por 68 barcos levou áncora a finais de 1407 ou comezos de 1408 e o reducido tamaño comparada coa primeira viaxe debeuse a que se valorou que non era preciso levar tantos navíos de guerra. A ruta foi similar á anterior, visitando Siam, Xava, Delhi, Ahceh, Cochin e Calicut. Tivo sobre todo carácter diplomático máis que comercial, intervindo nas disputas entre siameses e Khemeres e na elección do novo Zamurin (Rei) de Calicut: Mana Vikrana.[3]
A terceira viaxe comezou en 1409 con 48 barcos. Os principais oficiais da Frota (ademais de Zheng He) foron Wang Jinghong e Hou Xian.[4] A bordo viaxa o cronista Fei Xin (que tamén o fixo na quinta e a sétima viaxe.[2][5][6]
Fixeron unha breve parada en Taiping e logo seguiron até Champa (actual Vietnam) e Temasek (actual Singapur).
Posteriormente chegaron a Malaca. Os chineses, que desexaban manter un equilibrio de poder entre Malaca, Siam e Xava que garantise a estabilidade na rexión,[Cómpre referencia] entregaron un novo selo ao rei Parameswara de Malaka, que simbolizaba o recoñecemento chinés da súa soberanía (o anterior fora roubado por siameses).[4]
Proseguiron até Semudera (Sumatra) e chegaron despois até Sri Lanka. A Frota levaba unha lápida conmemorativa de Buda, Alá e unha deidade hindú, que querían erixir na illa como mostra de respecto aos costumes locais. Ademais, ofreceron cuantiosos donativos ás tres relixións (en partes iguais).[7][8]
A illa estaba dividida en catro faccións: ao norte os támiles hindús, un usurpador musulmán e o lexítimo gobernante cingalés de Kotte, Vijaya Bahu VI. Nesa época convulsa os cingaleses desconfiaban dos estranxeiros e un dos seus líderes locais, Nissanka Alagakkonara (ou Alakeswara), ao atoparse cos enviados chineses rexeitou aceptar a soberanía chinesa na illa e erixir a lápida conmemorativa. Alakeswara, que anhelaba ademais facerse co trono de Vijaya Bahu VI, loitou contra eles e, tras unha breve escaramuza, obrigounos a volver aos seus barcos.[9]
A Frota proseguiu a súa viaxe até Quilon, Cochin e Calicut. Ao volver decidiron vingar o agravio cometido polos cingaleses. O que sucedeu a continuación é obxecto de discusión:
Con todo ambas fontes concordan en que o sagrado dente de Buda que se conservaba en Sri Lanka foi levado a China. As fontes chinesas non explican como nin por que chegou alí. Os cingaleses indican que os chineses desexaban facerse coa reliquia, pero iso non concorda co respecto que mostraran os chineses coas relixións da illa. É posible que fose o rei Vijaya Bahu VI quen levase voluntariamente o dente até China para convencer ao emperador de que era o lexítimo soberano ou para impedir que caese en mans de Alakeswara. En todo caso, cando o rei volveu á illa, o dente retornou con el.[12]
Como clara constancia da viaxe consérvase a lápida chinesa, erixida finalmente preto da cidade de Galle.[13]
En 1412, co diñeiro obtido do comercio, iniciouse a construción da Torre de porcelana en Nankín, de case 80 metros de alto. Ademais da torre en si, os xardíns que a rodeaban contaban con plantas e animais obtidos grazas ás expedicións de Zheng He. A torre foi destruída durante a rebelión Taiping en 1856.[14]
Até ese momento as Frotas cumpriran os seus obxectivos de mellorar as relacións comerciais co sueste asiático. A partir deste momento Yongle ordena a exploración de Arabia e África, lugares que, aínda que non eran descoñecidos para os chineses,[15] non foran nunca explorados sistematicamente. Para moitos, é o carácter megalomaníaco de Yongle o que promove este novo e ambicioso obxectivo.[16][17]
Aínda que a orde de partir deuse en decembro de 1412, Zheng He non partiu de Nankín até xaneiro de 1414. A frota constou de 63 buques e entre os seus tripulantes contou por primeira vez co cronista e tradutor de árabe Ma Huan.[17]
A Frota mantivo o seu rumbo habitual até a India, recalando en Champa, Xava, Sumatra, Malaisia, Maldivas, Sri Lanka e a India. Parte da Frota, comandada polo eunuco Yang Min, separouse da principal e dirixiuse cara ao reino de Bengala.
Na cidade de Semudera (chamada polos chineses Liuqiu) ,en Sumatra, o caos interno provocou a intervención de Zheng He. O rei do momento debía afrontar un aspirante. O emperador Yongle decidiu que o mellor era deixar no trono ao rei e envioulle a el os agasallos; iso enfadou ao aspirante Sekander, que atacou a Zheng He. Nesta ocasión o mariño chinés tiña unha boa escusa para combater e capturou a Sekander, que foi enviado a China.
Desde as Maldivas, a frota principal de Zheng He partiu cara a Ormuz, cidade que impresionou aos chineses polas súas riquezas. Alí atopou embaixadores de África, aos que convenceu para que se unisen á súa frota e presentasen os seus respectos a Yongle.
Mentres tanto a frota secundaria de Yang Min volvera a China en 1414 levando como convidado o rei de Bengala, Saifu'd-Din. O rei levou consigo un curioso presente ao emperador chinés. Tratábase dunha xirafa, que os chineses creron que se trataba dun qilin, animal mitolóxico que aparecía só cando existía un bo goberno, por outra banda, foi un qilin o ser que anunciou a unha muller virxe que tería un fillo, o cal segundo a mitoloxía chinesa corresponde a Confucio, polo que o emperador ao ver este animal considerou que definitivamente o ceo e os deuses favorecían o seu reinado. Na corte, moitos, incluído Yang Min, felicitaron a Yongle por ese bo agoiro pero este, aínda que compracido, rexeitou as felicitacións e manifestou que o mérito era do anterior emperador.[18] Ademais do qilin apareceron outros animais fabulosos como cabalos celestiais (cebras) e cervos celestiais (antílopes).[19]
No verán de 1415 Zheng He volveu a China coa frota principal. O rebelde Sekander foi presentado ao emperador, que ordenou a súa execución. Os embaixadores de Malindi tamén trouxeron unha xirafa, o que produciu unha nova solicitude do Ministro de Ritos para facer un acto cerimonial de felicitación pola aparición dun novo qilin, pero Yongle tampouco aceptou esta vez.[20]
Yongle ordenou a Zheng He preparar unha nova viaxe. Os obxectivos da mesmo serían devolver os embaixadores aos seus países de orixe e proseguir até África para establecer relacións comerciais. Ademais, levaba un selo de recoñecemento para o rei de Cochin e así manter un equilibrio de poder coa outra cidade india da costa malabar, Calicut.
A Frota detívose en Quanzhou para cargar porcelana e, despois, en 1417 comezou a súa viaxe. Repetiuse aproximadamente a mesma ruta: Champa; Xava; Palembang, Semudera e Atjeh en Sumatra; Pahang e Malaca en Malaisia; Maldivas; Sri Lanka; Cochin e Calicut na India. Volveron a Ormuz e despois visitaron por primeira vez Adén, cuxo reino abarcaba o sur da Península Arábiga até A Meca. A Frota foi ben recibida polo sultán de Adén, que posiblemente viu aos chineses como uns desexables aliados fronte ao expansionismo dos mamelucos de Exipto.[21]
Tras partir de Adén, a Frota encamiñouse ao sur, visitando por primeira vez as costas africanas. Devolveu aos embaixadores de Mogadiscio, Brawa (en Somalia) e Malindi. Nesas costas habita unha poboación falante de suahili, produto da mestura de mercadores coa poboación autóctona. Estes mercadores eran africanos, árabes, persas e indios pero os nativos, desconfiados porque sufrían frecuentes incursións, non recibiron de bo grado a Zheng He e a súa frota. De feito Fei Xin cualificounos de "revoltosos".[22]
Na cidade de La-sa (Somalia) produciuse un dos momentos máis controvertidos das viaxes de Zheng He. Segundo o novelista Luo Maodeng, Zheng He ordenou atacar a cidade con armas de fogo ata que obtivo a súa rendición.[22] Con todo esta afirmación non goza de credibilidade para a maior parte dos historiadores pois, aínda que a obra de Maodeng baséase nos escritos dun oficial de Zheng He (Gong Zhen) cabe lembrar que se trata dunha novela, apártase da política de Zheng He[23] e, ademais, as cidades-estado africanas daquela época carecían de defensas.
A Frota volveu a China o 15 de xullo de 1419. Os embaixadores estranxeiros causaron sensación na corte pola súa estrañeza. Ademais, levaron un novo qilin.
A orixe da sexta viaxe é a orde de Yongle de devolver aos embaixadores aos seus países de orixe na primavera de 1421, aínda que se comenta que esa viaxe estivo impulsada en gran medida pola exploración e curiosidade en maior medida que outras viaxes anteriores. Hai que ter en conta que, aínda que a China mantivera relacións comerciais con África anteriormente, seguía sendo para eles unha terra nova. A Frota dividiuse en Semudera. Zhou Man conduciu a frota principal a Adén e África, mentres que Zheng He volveu a China, onde se atopaba xa en novembro dese mesmo ano. O motivo do rápido regreso de Zheng He puido ser a asistencia á inauguración da Cidade Prohibida de Beijing (Pequín), que xa era capital oficial desde 1420. A frota principal non regresou até un ano despois.[24]
A pesar de que neses momentos China controlaba o mar da China e gran parte do océano Índico, diversos motivos ían actuando para provocar o final das grandes viaxes da Frota do Tesouro:
O 7 de setembro de 1424 faleceu o emperador Yongle e ascendeu ao trono o seu primoxénito, Gaozhi, que adoptou o nome de Hongxi. Gobernou de 1424 a 1425 e decidiu reprimir a influencia dos eunucos na corte e restaurar a dos confucianistas.[Cómpre referencia] O seu curto reinado caracterizouse polo desexo de diminuír a presión fiscal sobre a poboación.[Cómpre referencia] O seu primeiro decreto, emitido o mesmo día da súa coroación, deixou clara a súa actitude contraria á continuación das viaxes:
Hongxi morreu apenas nove meses despois de subir ao trono e cedeu o trono ao seu fillo máis vello Zhu Zhanji, que adoptou o nome de Xuande. O estilo de goberno do novo emperador combinou o do seu pai e o do seu avó. Aínda que mantivo os conselleiros confucionistas, repuxo no seu cargo a moitos eunucos.[Cómpre referencia] Do mesmo xeito que o seu pai, tentou manter os impostos baixos e evitou as aventuras militaristas, pero tamén desexou manter intensas relacións diplomáticas e comerciais.[Cómpre referencia]
Hongxi estaba preocupado porque o comercio tributario baixara dende a sexta viaxe e a perda de influencia no exterior.[31] Así o 29 de xuño de 1430, ao pouco tempo da morte de Xia Yuanji, un dos máis firmes detractores das viaxes, ordenou iniciar os preparativos dunha nova expedición.
Os preparativos levaron máis tempo que en anteriores ocasións debido ao parón de seis anos. Tratouse da maior de todas as expedicións, con máis de 300 barcos.[Cómpre referencia]
O obxectivo principal da expedición era restaurar a tranquilidade nos mares. Os nomes dos barcos son unha boa mostra diso: Pura Harmonía, Tranquilidade Duradeira ou Amable Descanso.[32]
Antes de partir Zheng He erixiu dúas táboas (unha na desembocadura do Yangtsé e a outra na desembocadura do Min) nas que se relataban os logros das súas viaxes.
A Frota partiu de Nankín o 19 de xaneiro de 1431, pero detívose en Jiangsu e Fujian para encher e recrutar tripulantes. Finalmente saíu da China o 12 de xaneiro do ano seguinte e detívose en Qui Nhon (Vietnam), Surabaja (Xava), Palembang (Sumatra), Malaka, Semudera (Sumatra) e Sri Lanka. Finalmente chegaron a Calicut (Calcuta, na India) o 10 de decembro de 1432.
De alí dividíronse en dous grupos. Hong Bao levou unha frota a África, chegando tan cara ao sur como Kenya e Mozambique. Dous barcos tentaron descargar mercadorías en Adén, pero foron mal recibidos por tensións políticas locais. Dirixíronse entón a Jidda e Dhurfar, dende onde Ma Huan asegura que foron á Meca e Medina aínda que, dado que as súas descricións conteñen diversos erros, dubídase de que realmente estivese alí.[33][34] Unha vez feito isto reuníronse co resto da Frota en Calcuta e emprenderon o regreso a China.
Parece ser que Zheng He non visitou Arabia xa que iso, como musulmán, sería escrito nas crónicas. No seu lugar é probable que motivos de saúde fixesen que quedase en Calcuta e que Ma Huan o acompañara. Si que parece claro que morreu na viaxe de regreso a China e o seu corpo lanzado ao mar, xa que iso é o que asegura a súa familia e, ademais, nesas datas celebrouse un funeral de corpo ausente en Semarang. Con todo, os seus zapatos e unha guedella dos seus cabelos foron levados a Nankín para ser enterrados nunha cova budista. En Nankín (outeiro de Niushou) erixiuse unha lápida funeraria musulmá, pero non se atopou nela ningún resto humano ou obxecto.[34] A tumba foi restaurada en 1985.
A frota chegou a China en xullo de 1433 e os embaixadores foron presentados ao emperador en setembro, portando agasallos (entre eles cinco novos qilin). Hongxi puido contemplar con satisfacción como se restauraba o comercio tributario, pero morreu en 1435 tras unha breve enfermidade.
Unha recente teoría controversial levada a cabo por Gavin Menzies suxire que Zheng He circunnavegou o globo e descubriu América no século XV, anteriormente a Fernão de Magalhães e Cristovo Colón. Esta hipótese de 1421 encontrou pouco apoio entre historiadores.
Coma eunuco castrado antes da puberdade Zheng He non tivo descendencia biolóxica, porén adoptou a Zheng Haozhao, un dos seus sobriños. A pesar de que non puido herdar os títulos do seu pai adoptivo si que o puido facer coas propiedades e bens materiais.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.