Citrulina
composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
A citrulina é un α-aminoácido [2][3][4], que intervén no ciclo da urea, por medio do cal o organismo elimina o exceso de nitróxeno. O seu nome deriva de citrullus, que en latín significaba sandía, froito do que foi illada por primeira vez en 1930.[5] Ten a fórmula H2NC(O)NH(CH2)3CH(NH2)CO2H e leva na súa cadea lateral dous grupos nitroxenados e un carbonilo. O grupo CO-NH2 é un carbamoilo.
Remove ads
Biosíntese
A citrulina orixínase a partir da ornitina e o carbamoíl fosfato nunha das reaccións centrais do ciclo da urea. Ademais, pode formarse a partir da arxinina como un subproduto da reacción catalizada polos encimas da familia NOS (NOS; EC 1.14.13.39).[6] A arxinina oxídase primeiro a N-hidroxil-arxinina, a cal é despois oxidada a citrulina á vez que se libera óxido nítrico.
Funcións
Ciclo da urea
- Artigo principal: Ciclo da urea.
No ciclo da urea a citrulina fórmase a partir de ornitina e carbamoíl fosfato por acción do encima ornitina transcarbamilase situada nas mitocondrias. Un dos nitróxenos que leva a citrulina acabará na molécula de urea final. Na seguinte reacción do ciclo a citrulina reacciona co aspartato con gasto de ATP formando arxininosuccinato fóra das mitocondrias, en reacción catalizada pola arxininosuccinato sintetase.
Proteínas citrulinadas
- Artigo principal: Citrulinación.
Aínda que a citrulina non é un aminoácido codificado polo código xenético, sábese que varias proteínas conteñen citrulina como resultado de modificacións postraducionais. Estes residuos de citrulina son xerados por unha familia de encimas chamadas peptidilarxinina deiminases (PADs), as cales converten a arxinina en citrulina nun proceso chamado citrulinación ou desiminación. Entre as proteínas que normalmente conteñen residuos de citrulina están proteína básica da mielina (MBP), filagrina, e varias histonas, e ademais outras proteínas como a fibrina e vimentina son susceptibles de citrulinación durante a morte celular e a inflamación dos tecidos.
Os pacientes de artrite reumatoide a miúdo presentan anticorpos detectables contra proteínas que conteñen citrulina. Aínda que a orixe desta resposta inmune non se coñece, a detección de anticorpos reactivos coas proteínas e péptidos que conteñen citrulina (anticorpos anti proteínas citrulinadas) está sendo unha importante axuda na diagnose da artrite reumatoide.[7]
En recentes estudos encontrouse que a citrulina relaxa os vasos sanguíneos.[8] A concentración de citrulina circulante é, nos humanos, un biomarcador da funcionalidade intestinal [9].
Remove ads
Fontes
A citrulina en forma de citrulina malato véndese nalgúns países como un suplemento dietario para mellorar as prestacións atléticas, que se viu que reduce a fatiga muscular nun ensaio clínico preliminar.[10]
A codia da sandía (Citrullus lanatus) é unha boa fonte natural de citrulina.[11]
Notas
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads