Cortisona

composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia

Cortisona
Remove ads

A cortisona [1][2][3](17-hidroxi-11-corticosterona) é unha hormona esteroide producida no córtex suprarrenal. Quimicamente é un corticosteroide moi parecido á corticosterona do grupo dos glicocorticoides. Utilízase para tratar unha gran variedade de doenzas e pode ser administrada por vía intravenosa, oral, intraarterial ou cutánea. A cortisona suprime o sistema inmunitario (actividade inmunosupresora), reducindo así a resposta inflamatoria, neutralizando a dor e inchazón no sitio danado. Pode producir efectos secundarios, especialmente cando se utiliza durante un período longo de tempo.

Datos rápidos Identificadores, Propiedades ...

A cortisona e o cortisol non son o mesmo. O cortisol é o glicocorticoide máis abundante nos humanos, e a cortisona é o predominante nos roedores. Ambos os dous prodúcense na zona fasciculada das glándulas suprarrenais, pero a cortisona prodúcese ademais na zona glomerulosa. O cortisol ten unha actividade hormonal moito maior ca a cortisona, pero ambos se poden interconverter.

Remove ads

Produción

A cortisona é un dos moitos produtos orixinados durante a esteroidoxénese. Este proceso empeza coa síntese de colesterol que logo sofre unha serie de modificacións na glándula suprarrenal para converterse nas diversas hormonas esteroides. Un dos produtos finais desta vía metabólica é o cortisol. Para que o cortisol sexa expulsado da glándula suprarrenal ten que darse unha fervenza de sinais. A hormona liberadora de corticotropina (CRH) que se libera desde o hipotálamo estimula as células corticotropas da adenohipófise ou pituitaria anterior a liberar ACTH (hormona adrenocorticotropa), a cal envía o sinal ao córtex suprarrenal. Alí, a zona fasciculada e a zona reticular responden ao ACTH segregando glicocorticoides, en particular cortisol. Nos tecidos periféricos o cortisol convértese en cortisona por acción do encima 11-β-esteroide deshidroxenase. O cortisol ten unha actividade hormonal moito maior ca a cortisona, a cal pode considerse un metabolito inactivo do cortisol. Porén, a 11-β-esteroide deshidroxenase pode tamén catalizar a reacción inversa, e, deste modo, a cortisona pode considerarse tamén como o precursor inactivo do cortisol. Diferénciase do cortisol na presenza dun grupo =O onde este ten -OH.[4] Dentro das hormonas corticosuprarrenais a cortisona pertence ao grupo dos 11-oxicorticosteriodes.

Remove ads

Funcionamento

Unha forma de funcionar da cortisona é reducindo a inflamación. Faino previndo a inflamación, evitando que os glóbulos brancos polimorfonucleares viaxen á zona de inflamación. Esta é a razón pola que unha persoa é máis propensa á infección cando toma esteroides. As propiedades antiinflamatorias da cortisona son utilizadas para reducir a inchazón arredor dos tumores. Por exemplo, se reducimos a inchazón arredor de tumores na columna vertebral, cerebro ou óso, pode reducirse a presión que exerce o tumor sobre as terminacións nerviosas reducindo así a dor ou outros síntomas. Outra forma de funcionar é alterando a resposta inmune normal do corpo. Os corticosteroides son usados para tratar certas condicións que afectan ao sistema inmunitario como a anemia aplásica (AA), púrpura trombocitopénica idiopática (ITP), púrpura trombocitopénica trombótica (TTP) ou anemia hemolítica. Ademais, pénsase que os corticosteroides axudarán no tratamento dos pacientes con alteracións sanguíneas, como o mieloma múltiple. Os corticosteroides poderían funcionar causando a apoptose (morte celular programada) de certas células, o que podería axudar a loitar contra certas enfermidades. Tamén se usan corticosteroides para o tratamento temporal das náuseas causadas por quimioterapia. Tamén se teñen utilizado para estimular o apetito en pacientes con problemas graves deste tipo. Ás veces utilízanse para substituír esteriodes en condicións de insuficiencia suprarrenal.

Remove ads

Efectos e usos

O cortisol (glicocorticoide) e a adrenalina (catecolamina) son as principais hormonas liberadas polo corpo como reacción ao estrés. Aumentan a presión sanguínea e preparan o corpo para loitar ou fuxir. Un dos efectos da cortisona sobre o corpo é a supresión do sistema inmunitario, que é un dos efectos secundarios daniños que pode ter en certos tratamentos. Isto podería explicar a aparente correlación entre un grande estrés e o cansazo. A cortisona pode utilizarse como fármaco para tratar unha gran variedade de enfermidades. Pode ser administrada por vía intravenosa, oral, intraarticular[5] ou cutánea. Tamén pode utilizarse unha inxección de cortisona para aliviar de forma temporal a dor e reducir a inflamación dunha articulación, tendón ou bolsa articular en, por exemplo, a articulación do xeonllo, cóbado ou ombro.[6]

A cortisona tamén pode ser usada para suprimir deliberadamente a resposta inmune en persoas con enfermidades autoinmunes ou como tratamento despois do transplante dun órgano para previr un rexeitamento. A supresión do sistema inmune tamén pode ser un importante tratamento en condicións de inflamación, como a alerxia severa mediada por IgE.[7] Finalmente, a cortisona é un tratamento común para a dor de gorxa grave, o que ocorre con frecuencia con infeccións de mononucleose polo EBV. A cortisona non axuda a diminuír a duración da infección polo virus e utilízase só para aumentar o benestar do paciente con problemas para falar, tragar ou respirar inducidos pola mononucleose. Tamén as enfermidades inflamatorias do sistema respiratorio como o broncoespasmo, a asma e a larinxite poden tratarse con corticoides diversos.

Efectos secundarios

O uso a longo prazo de cortisona ten un número potencial de efectos secundarios graves: hiperglicemia, resistencia á insulina, diabetes mellitus, osteoporose, ansiedade, depresión, gastrite, colite, hipertensión arterial, ictus, disfunción eréctil, hipogonadismo, hipotiroidismo, lesións dixestivas perforantes, accidentes tromboembólicos, shocks, inchazón xeral, amenorrea e retinopatía, e, entre outros problemas, os dentes vólvense amarelos. Por estes motivos, desde os anos sesenta estableceuse que a corticoterapia se debía reservar para as afeccións graves. Porén, nos tratamentos temporais, a maioría da xente non experimenta efectos secundarios de importancia. Os efectos secundarios adoitan ser predicibles, case sempre son reversibles e desaparecen unha vez rematado o tratamento. Hai algunhas opcións para axudar a minimizar ou previr ditos efectos. Os efectos máis comúns son un aumento do apetito, irritabilidade, insomnio, inchazón en extremidades inferiores (retención de fluídos), náuseas, debilidade muscular, aumento da glicemia e mala cicatrización. Estes efectos poden durar ata 10 anos ou máis, dependendo do tratamento ao que se someteu o paciente.

Remove ads

Uso médico

A lista das afeccións graves nas que se emprega a corticoterapia non deixa de aumentar: enfermidade de Addison, poliartrite crónica evolutiva, espondilose, reumatismo psoriásico, reumatismo articular agudo, lupus eritrematoso diseminado, esclerodermia, dermatomiosite, a mayor parte das enfermidades do coláxeno, hemopatías, leucoses, mielomas, púrpuras trombopénicas, certas cirroses hepáticas, nefrose lipídica pura, síndrome nefrótico en adultos e bebés, endocardites rebeldes, infeccións tuberculosas agudas, numerosas alerxias etc.

Remove ads

Uso veterinario

Os cans tratados con doses moderadas padecen maior sede e frecuencia urinaria debido ao efecto secundario da cortisona sobre o sistema inmunitario. Os ouriños excretados non están concentrados. Maiores doses aumentan a probabilidade de efectos secundarios que ameazan a vida, estes inclúen a acumulación de líquido no abdome e un maior risco de infarto de miocardio.[8]

Historia

A cortisona foi identificada polo químico norteamericano Edward Calvin Kendall cando traballaba como investigador na clínica Mayo. Foi galardoado en 1950 co Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía xunto con Philip S. Hench e Tadeus Reichstein polo descubrimento das hormonas do córtex suprarrenal, as súas estruturas e funcións. A cortisona foi producida comercialmente pola Merck & Co. En 1949, Percy Julian anunciou unha mellora no proceso de produción de cortisona a partir de ácidos biliares, que eliminaba a necesidade de utilizar tetróxido de osmio, un reactivo raro, caro e perigoso.

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads