Códice Calixtino
manuscrito ilustrado do século XII conservado na Catedral de Santiago de Compostela From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O códice miniado, coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus e en galego como Libro de Santiago ou, máis comunmente, como Códice Calixtino, é un conxunto de textos reunidos en Santiago de Compostela nos anos finais do arcebispado de Diego Xelmírez e que se presentaba como da autoría do papa Calisto II. É o libro referencial do mundo xacobeo e o máis antigo centrado exclusivamente nesta temática.[1]
- Este artigo trata sobre o códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus, para o libro de poemas de Luz Pozo Garza véxase Códice Calixtino.

O exemplar máis antigo, datado entre 1150 e 1160, consérvase na catedral de Santiago de Compostela e é unha copia dun exemplar modelo. A copia que realizou o monxe Arnaldo de Monte en 1173 coñécese como manuscrito de Ripoll e consérvase no presente en Barcelona.
Parte do manuscrito traduciuse ao galego no primeiro terzo do século XV, coñecido como Miragres de Santiago, recolle partes da Historia Karoli e da Guía do Peregrino. En 2010 publicouse a primeira tradución íntegra ó galego, da man de Xosé López Díaz, editada por Xosé Fernández Puga, director d'A Nosa Terra e ilustrada por Francisco Leiro,[2][3] se ben xa se realizaran outras traducións parciais do libro anteriormente, como a editada pola editorial Xerais co gallo do Xacobeo do ano 1993 e que consistía nunha tradución ao galego do Libro V e se ocupaba da parte referida á peregrinación e da cal se lanzaron dúas edicións, mais foi descatalogada no 2008 pola editorial.[4]
O Códice Calixtino imprimiuse por vez primeira en 1882, nunha edición feita por Fidel Pita. Após o alzamento militar de 1936, as láminas das súas miniaturas foron salvadas da destrución polo eclesiástico Xesús Carro quen, empregando a súa sotana como salvoconduto, conseguiu trasladadas desde a imprenta do Seminario de Estudos Galegos a un lugar seguro.[5] O códice foi restaurado en 1966 e volvéuselle engadir o Libro IV que estaba fóra do manuscrito dende 1609.
O exemplar máis vello foi roubado da catedral de Santiago de Compostela en xullo de 2011. O martes, día 5 de xullo foi cando os responsables do libro se decataron da súa falta. Foi recuperado un ano despois en bo estado de conservación.
Remove ads
Autoría
O Codex Calixtinus recibe o seu nome da presunta autoría do papa Calisto II, finado en 1124, e que foi o maior benfeitor pontificio do santuario compostelán.[6] Con todo descoñécese ata que punto estivo implicado na creación destes cultos, aínda que se considera moi improbable que compilara todos os textos e compuxera a súa música.[7] mais no presente pénsase que foi realizado polo francés Aimerico Picaud, se ben coñécese que na súa elaboración interviñeron polo menos catro copistas (dous deles moi similares), o seu principal autor é coñecido como Scriptor I.
A crenza de que foi o propio papa Calisto II o autor do Códice vén da chamada Carta do papa Calisto II, que constitúe o comezo do códice e que ocupa os seus dous primeiros folios, mais pénsase que esta carta foi incluída polos copistas ao principio do manuscrito para dar máis importancia ao seu traballo, quedando a intervención directa do papa (finado en 1124) practicamente descartada.
O autor da obra quixo poñela baixo un triplo padroádego, procurando que os tres patróns quedasen dalgún xeito vinculados ao manuscrito, que é unha copia moi coidada, que se fixo para ser depositado na catedral de Santiago de Compostela. Os tres padróns que se mencionan son: o papa Calisto II, que sinala varias pezas como da súa autoría; o arcebispo compostelán Diego Xelmírez, probable promotor desta e moitas outras obras compostelás; e o patriarca Guillerme de Xerusalén. Engádese finalmente o recoñecemento de Cluny, o gran mosteiro borgoñón, que se presenta como un dos grandes centros de difusión do manuscrito de Santiago, ao que se rende homenaxe polo que lle deben as peregrinacións a Santiago, e consecuentemente o esplendor da propia catedral de Compostela e o culto que nela se celebra.
Remove ads
Características

O códice consiste nun conxunto de textos anteriores de carácter litúrxico, histórico e haxiográfico que pretendía servir como promoción da sé apostólica de Santiago de Compostela, ideado polo arcebispo Xelmírez ou polo seu círculo próximo. Redactado entre 1130 e 1160, o Códice Calixtino está escrito en fina vitela, copiado con gran coidado e adornado con fermosas iniciais e miniaturas. Está dividido en cinco libros e componse de 225 folios a dobre cara, caracterízase pola corrección do latín empregado e cun alto valor literario. Ten unhas dimensións de 295 x 214 milímetros. Cada folio contén, en xeral, unha única columna de 34 liñas. O libro contén unha compilación de oficios, sermóns ou cantos, en honor ao Apóstolo Santiago, patrón daquela catedral, conta ademais cun importante catálogo de obras musicais de monodia e polifonía a dúas e tres voces (sendo Congaudeant Catholici a única obra a tres voces do códice, e a primeira composición a tres voces da historia da música).
Remove ads
Historia
O Códice Calixtino é a máis antiga e a máis completa das copias feitas dun exemplar modelo e está datado de entre 1150 e 1160. O libro escribiuse por iniciativa do arcebispo Xelmírez ou do seu círculo próximo para promover a peregrinación a Compostela, onde presumibelmente repousaban os restos do Apóstolo Santiago.
Algúns investigadores consideraron que era a versión orixinal do Liber Sancti Iacobi, a partir da cal se copiaron posteriormente, de forma máis ou menos parcial, o resto dos manuscritos. Con todo, hoxe en día pénsase que existiu un manuscrito, hoxe perdido, anterior ao Calixtino ou polo menos, existían manuscritos dos libros que o compoñen, xa que a análise do códice mostra que foi copiado sabendo de antemán a extensión exacta de cada unha das súas partes. Crese que o Calixtino foi copiado en Santiago de Compostela, entre 1160 e 1170, poucos anos despois de rematada a compilación do Liber.
O Dr. López Calo sostén que os materiais que constitúen o Calixtino son anteriores á escritura do códice, aínda que inmediatamente anteriores:
de xeito que entre a redacción e compilación dos mesmos, e a copia, neste e noutros manuscritos que existen non puideron transcorrer máis que uns poucos anos, pódese dar como cero que a idea de compilar estes escritos en honor do Apóstolo Santiago orixinouse durante o pontificado de Diego Xelmírez, e máis exactamente a partir de ca. 1120, encadrándose nas diversas iniciativas que o gran prelado compostelán concibiu e puxo en práctica para o engrandecemento da súa igrexa e para dar a coñecer a un público o máis numeroso posible, as excelencias do Apóstolo Santiago, do seu culto e da propia cidade que acollía os seus restos
López Calo engade tamén:
a obra está realizada por varios copistas, aínda que a meirande pare do texto é obra dun só amanuense, o cal operou baixo un forte influxo francés, máis exactamente cluniacense, pois Xelmírez, para elevar o ambiente cultural de Santiago, trouxo aos maiores representantes da cultura daquel momento, o que quere dicir, a monxes de Cluny. Porén a escrita e notación musical son francesas, máis concretamente francesas do norte
A compilación levouse a cabo antes de 1147, no intre no que Guillerme renunciou ao seu patriarcado de Xerusalén, que o Calixtino considera aínda vixente. O Jacobus (nome que se lle deu aos dous primeiros libros -liturxia e milagres-, que nun principio constituían unha peza independente) debeu rematarse antes do 1140, momento no que desapareceu da historia o arcebispo Xelmirez. Logo destes anos procedeuse a elaborar o resto do Calixtino, pegándolle novas pezas ao Jacobus e recompoñendo e retocando algunhas das anteriores. Foi rematado en tódalas súas partes arredor do 1160. É moi probable que tódolos poemas relixiosos foran feitos arredor do 1130 e o 1140, ou moi preto deses anos.
O manuscrito orixinal constaba de 27 cadernos: o primeiro era un quinión, e o resto eran cuaterniones. Xa en época antiga se produciron trocos nalgúns cadernos que alteraron a estrutura do códice. Posteriormente, contra o século XV, perdeuse o folio 220, que orixinariamente iría en branco e pertencería ao último caderno. Tamén debeu perderse un folio, tamén en branco, que precedería ao actual folio 1. De ser isto certo, o manuscrito levaba, como era habitual, o primeiro e o último folio en branco servindo como gardas.
Máis tarde, quizais durante a encadernación realizada a finais do século XII, engadiuse á estrutura primitiva do códice un segundo apéndice: o Apéndice II, no que atopamos unha Bula de Inocencio II (cuxa autoridade é discutida), que podería datarse como moito de 1143. Ademais, o mesmo apéndice contén o milagre de Vézélay, datado en 1139. O que tanto a bula como este milagre (que se atopa fóra do Libro dos Milagres) figuren nun complemento posterior, significaría que cara a 1140 a compilación estaría xa pechada.
O libro IV foi separado do manuscrito en 1609, o que levou consigo o maltrato dos cadernos 20, 21 e 24. Ambos os volumes foron encadernados por separado por Alonso Rodríguez León. Finalmente, o libro IV foi agregado de novo durante a restauración de 1966, o que esixiu varios arranxos do manuscrito. Na mesma restauración recortáronse as follas que eran máis grandes e sobresaían do resto.
As anotacións marxinais que os canónicos de Compostela deixaron no manuscrito, demostran que o códice foi empregado e lido ininterrompidamente, polo menos, ata mediados do século XVI. Porén, parece que a principios do século XVII, o manuscrito deixou de interesar, caendo no esquecemento durante moitos anos.
Na segunda metade do século XIX, o manuscrito foi redescuberto polo canónico arquiveiro da catedral compostelá, Antonio López Ferreiro. Porén, foi dado a coñecer publicamente polo xesuíta Fidel Fita e Aureliano Fernández Guerra. En 1879, trasladáronse a Santiago nunha viaxe de estudo e peregrinación. Ao ano seguinte, en 1880, publicaron un libro acerca da súa viaxe a Santiago (Lembranzas dunha viaxe a Santiago de Galicia), dedicándolle os capítulos X e posteriores á descrición e estudo do Códice Calixtino. O libro incluía unha fotografía do himno Dum Paterfamilias e unha transcrición do seu texto, así como varios versos do himno Ad honorem Regis summi.
Furto e recuperación

O 5 de xullo de 2011, catro membros do persoal do arquivo da catedral de Santiago de Compostela botaron en falla a obra e denunciaron a súa desaparición ás autoridades, que comezaron a súa busca esa mesma noite e ao día seguinte, formalizando a denuncia o deán José María Díaz á tarde do día seguinte da súa desaparición. O códice foi subtraído da cámara blindada onde se atopaba xunto coas obras de máis valor do arquivo como os Tombos da catedral ou o Breviario de Miranda do século XV. As investigacións revelaron que o furto se producira na semana anterior, despois do xoves ou o venres, cando foi visto por última vez. A hipótese que cobra máis forza é a de que o furto foi realizado por unha banda organizada que actuou por encargo dun coleccionista multimillonario, se ben as autoridades policiais manexan outras moitas, tamén hai sospeitas de que os ladróns puideran ter permanecido agochados na catedral tralo peche da mesma, sabendo que as medidas de vixilancia se relaxaban moito logo do seu peche [8] o certo é que todo indica a que os ladróns actuaron sen dificultade, ao non haber ningún dano nas dependencias nas que se encontraba e coñecían o valor da obra, xa que non se levaron ningún outro documento importante dos que se encontraban xunto ao códice.[9][10][11][12][13][14][15][16][17]
A pesar de que o sistema de seguridade que mantivera a bo resgardo o libro durante 800 anos era moi rigoroso, a chave da caixa forte non estaba tan ben custodiada[18], sendo atopadas as chaves na pechadura da caixa forte que custodiaba o códice, considerado a maior xoia do templo compostelán, de feito, o secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía declarou que o furto podía ocorrer "en calquera momento"[19] e que o plan director da catedral alertara da falta de seguridade e sinalara os puntos máis vulnerables da catedral,[20] que se melloraran coa dotación de cámaras de vixilancia, ao pesar diso a sala na que se encontraba o Códice carecía de cámaras de seguridade[21][22][23][24][25] Segundo declarou o deán e arquiveiro maior da catedral, José María Díaz, había controis en tódolos ángulos do claustro, polo que calquera que entrara debería ter sido fotografado. Con estas circunstancias, as imaxes das cámaras pasaron a ser visualizadas polos axentes da Policía Científica da Coruña e Santiago de Compostela e tres axentes da Brigada Central de Patrimonio Histórico de Madrid.[26][27][28][29][29][30][31][32]
O furto do Códice Calixtino salpicou tamén á política galega ao criticar a oposición (formada polo PSdeG e BNG) á Xunta de Galicia por non protexer o patrimonio galego e esixirlle que asumira as súas responsabilidades no suceso ademais de pedir a comparecencia do Conselleiro de Cultura Roberto Varela. Pola súa banda, o PPdeG eludiu calquera responsabilidade ao manter que esta responsabilidade era da Igrexa.[33]
O 3 de xullo de 2012 foi detido un electricista que traballara durante vinte e cinco anos na catedral,[34] chamado Manuel Fernández Castiñeiras. A policía xa levaba tempo sospeitando del pola súa mala relación co deán, José María Díaz, a quen lle reclamaba 40.000 euros por despedimento improcedente. Na mañá do 4 de xullo de 2012, a policía recuperou o Códice, en perfecto estado de conservación, agochado nun garaxe do Milladoiro (Ames). Xunto ó Códice recuperáronse outros libros antigos, entre eles un valioso Libro de Horas,[35] e obxectos de prata procedentes da catedral. Ademais, en rexistros a diferentes propiedades do sospeitoso tamén se atoparon un total 1 200 000 euros.[36][37] Ese mesmo día foron detidas tres persoas máis como supostos cómplices do roubo, pero unha delas sería finalmente posta en liberdade. A última hora do día 5 de xullo, o principal sospeitoso confesou ser o autor da subtracción do Códice Calixtino ante a policía: "Si, fun eu quen roubou o libro. Leveino o 4 de xullo do ano pasado, sobre as 12 da mañá".[38] Ó día seguinte, o xuíz José Antonio Vázquez Taín decretou o ingreso en prisión sen fianza dos tres detidos: o electricista, a súa muller e mais o fillo.[39]
Remove ads
Estrutura
Carta do papa Calisto II

Constitúe o comezo do Códice e ocupa os dous primeiros folios. O autor afirma ser o papa Calisto II (de onde viría o nome do Códice) e relata como recolleu varios testemuños de milagres realizados polo apóstolo Santiago "percorrendo as crueis terras e provincias durante 14 anos", así como explicar como o manuscrito sobreviviu a tódolos perigos posibles, dende lumes a inundacións. Esta carta está dirixida á "moi santa asemblea da basílica de Cluny" e "Diego Xelmírez, arcebispo de Compostela".
Pénsase que os copistas incluíron esta carta ao comezo do manuscrito para darlle máis importancia ao seu traballo, ficando a intervención do directa do papa (finado en 1124) completamente descartada.
Contido:
Libro I
O primeiro libro, Anthologia liturgica, comprende ata o folio 139, é o libro máis longo do códice ocupando case a metade de todo o Códice, de carácter litúrxico. Consiste nunha antoloxía de homilías, cantos litúrxicos, cantos de peregrinos e de sermóns en honra do apóstolo Santiago que se celebraban na catedral de Santiago. O sermón Veneranda dies, a cerna do libro, amosa o sentido e a valoración da peregrinación a Santiago. Este libro contén tamén dous relatos sobre o martirio do apóstolo. Contén os seguintes elementos:
- 17 sermóns para as festas de Santiago.
- 2 relatos do martirio do apóstolo Santiago.
- 2 oficios: o da véspera da festa de Santiago (24 de xullo) e o das festas de Santiago (25 de xullo e 30 de decembro).
- 2 misas para os mesmos días: Misa da Vixilia de Santiago (24 de xullo) e Misa da festividade de Santiago (25 de xullo).
- Instrucións para as misas de cada un dos días da oitava das festas de xullo
- Unha misa para a festa dos Milagres (3 de outubro)
- Unha misa para a festa da Translación (30 de decembro) e pezas extra para a oitava desta.
O manuscrito constitúe por riba de todo un manuscrito musical, xa que tanto os oficios como as misas levan notación musical. A maior parte das pezas son melodías gregorianas. Pero tamén hai unha vintena de pezas polifónicas, as primeiras en ser notadas e contén a primeira notación dunha peza a tres voces: Congaudeant catholici, que aparece asinada por Magister Albertus Parisiensis. Entre as composicións musicais atopamos:
- 2 Benedicamus Domino
- 4 conductus
- Unha Misa farcida atribuída a Fulbert de Chartres para o seu uso en calquera das festividades de Santiago (25 de xullo e 30 de decembro). Está enriquecida con tropos e contería elementos de escenificación para unha representación teatral da mesma.
A maior parte dos autores son franceses e de épocas anteriores: Venance Fortunat, bispo de Poiters no século VI, Fulbert de Chartres do século XI.
A existencia de dúas festividades diferentes adicadas ao Apóstolo Santiago, o 25 de xullo e o 30 de decembro, explícase pola instauración do rito romano en substitución do rito hispánico a finais do século XI. Dende a súa fundación no século IX, a Igrexa de Santiago adoptou a práctica litúrxica vixente nese momento na igrexa hispánica. No calendario litúrxico propio da igrexa astur-leonesa celebrábase unha única festa adicada a Santiago o Maior o 30 de decembro, día para o que se chegara a desenvolver unha liturxia específica. Porén, no calendario romano, a festa de Santiago celebrábase o 25 de xullo. Coa implantación do novo rito, a igrexa compostelá aceptou a implantación do calendario romano coa festa de Santiago o 25 de xullo, sempre e cando se conservase tamén a festa do 30 de decembro. Deste xeito, o 25 de xullo ficou para a celebración da paixón de Santiago, como no resto de Occidente, e o 30 de decembro para a celebración da vocación e a traslación do corpo do apóstolo a Compostela.
Entrambas as festas, implantouse con posterioridade a festa dos milagres de Santiago, o 3 de outubro. A festa é atribuída á iniciativa de Santo Anselmo e sería trasladada posteriormente ao 5 de outubro.
Cómpre sinalar que o Oficio de matinas para as festas de Santiago do 25 de xullo e 30 de decembro é monástico e non canónico, isto é, consta de 12 (13) antífonas e 12 responsorios no canto de 9 antífonas e 9 responsorios, polo que talvez foi preparado para a antiga comunidade monástica compostelá no canto de para a catedral.[40]
Contido:
Libro II

O segundo libro, De miraculi sancti Jacobi ou Miragres de Santiago, comprende do folio 139 ao 155, sendo o segundo libro máis pequeno en tamaño de todo o Códice. É unha compilación de 22 milagres atribuídos a Santiago e que ocorren en diversas partes de Europa, en especial no percorrido do Camiño de Santiago. Antes da narración dos milagres inclúese un pequeno prólogo supóstamente escrito polo papa Calisto e un índice. Segundo se cita no Códice, da recompilación destes 22 milagres, 18 deles fóronlle atribuídos ao papa Calisto, dous a santo Anselmo arcebispo de Canterbury, un a san Beda, e un a Humberto, canónico de Besançon.
Os milagres explican ao viaxeiro que no seu percorrido está protexido polo apóstolo e que a peregrinación perdoa os pecados de quen a leva a cabo e que pola fe, é salvado dos perigos corporais ou espirituais. Santiago sanda, castiga ao maligno, da seguridade na viaxe, axuda en todo momento e perdoa a maldade. Estas accións do santo resumen o contido dos seus milagres que polo xeral supoñen adaptacións doutras lendas de natureza axiográfica. Polo seu contido, é moi similar ás outras coleccións de milagres recompiladas a través do XI e XII.
Este libro é considerado o máis antigo dos cinco que conforman o Códice Calixtino.
Os milagres narrados son os seguintes:
Libro III
O terceiro libro, Liber de translatione corporis sancti Jacobi ad Compestellam, comprende os folios 156 ao 162, o que o converte no libro máis breve de todo o Códice. Relátase a evanxelización do apóstolo Santiago en Hispania e a translación do seu corpo dende Xerusalén a Galiza, e finalmente ao lugar do seu sepulcro. O libro tamén fala do costume dos peregrinos de recoller cunchas nas costas galegas, no derradeiro capítulo.
O libro comeza cun prólogo e un sumario, e a continuación catro capítulos. Os dous primeiros capítulos son dunha grande importancia na tradición xacobea:
Libro IV
- Artigo principal: Historia Turpini.

O cuarto libro, Historia Karoli Magni et Rothalandi, comprende os folios 163 ao 191, sendo o segundo libro en tamaño. Coñecido como o Pseudo Turpín, por serlle atribuído (como era de costume na época) a Turpín (748-794), quen fora monxe e tesoureiro de Saint-Denis, chegou a ser arcebispo de Reims e mesmo figura entre os "Doce Pares" de Carlomagno no Cantar de Roldán. O texto amosa un Carlomagno descubridor da tumba do apóstolo Santiago e creador dos inicios da peregrinación a Compostela e da súa igrexa.
Foi redactado en prosa por un crego anónimo francés, probablemente na primeira metade do século XII. Centrado na crónica do arcebispo Turpín, trátase dun elemento profano cabaleiresco que narra a historia de Carlomagno e de Rolando en Hispania dun xeito épico e fantástico: a entrada de Carlomagno na Península, a derrota de Roncesvales e a morte de Rolando. Conta que Santiago se lle apareceu en soños a Carlomagno, incitouno a liberar a súa tumba dos musulmáns e ademais indicoulle a dirección a seguir: un camiño de estrelas.
Foi o libro máis difundido do Códice Calixtino, con máis de 250 copias coñecidas na Idade Media en toda Europa e que serviu de inspiración a varios cantares de xesta feitos en Francia e Italia. Ofrece un contido cun importante contido histórico. Ademais este libro é o que ofrece a meirande riqueza decorativa do Códice a través de miniaturas e iniciais.
En 1609, este libro foi arrincado do manuscrito, formando un novo volume baixo o título "Historia Turpini". Finalmente, foi agregado de novo ao Códice Calixtino durante a súa restauración en 1966.
Contén os seguintes 26 capítulos:
Libro V
Ao quinto libro, Iter pro peregrinis ad Compostellam, coñecido como Guía do Peregrino de Santiago de Compostela comprende os folios 192 ao 213. Atribuído a Aimerico Picaud, autor de Parthenay-le-Vieux (Poitou), escribiuse entre os anos 1135 e 1140. O texto está dividido en xornadas e nos presenta a ruta da viaxe para os peregrinos e describe a cidade de Compostela e a súa catedral, é un conxunto de consellos prácticos para os peregrinos, baseado no propio percorrido do autor, cos lugares onde descansar, a calidade das augas, as reliquias a venerar, as xentes e cidades do camiño, os santuarios a visitar antes de chegar á catedral de Santiago de Compostela, ou advertir dos perigos que o viaxeiro atopará no Camiño. Neste libro tamén se fai unha detallada descrición da cidade de Santiago de Compostela e da igrexa compostelá. Supón un resumo da literatura xurdida en torno ao culto xacobeo e a súa importancia radica en que é considerada a primeira guía de viaxes escrita e que se adiantou en catro séculos á famosa Guía de Roma que escribiu Palladio no século XVI.
Estes son os capítulos do libro:
Apéndice I
É un caderniño de 6 folios (214-219v ou 185-190v na antiga numeración) con 22 composicións polifónicas. Probablemente foi escrito pouco despois que o corpo do códice, mais antes de 1180. Dende o punto de vista musical é a parte máis importante do manuscrito.
Apéndice II
Este apéndice foi incorporado ao manuscrito nun momento posterior á redacción orixinal do mesmo, posiblemente na encadernación realizada a finais do século XII. Consiste en cinco follas (f. 221-225 o 192-196 na antiga numeración): un bifolio cunha falsa Bula de Inocencio II e varios folios soltos. Están copiados por diferentes escribas e contén diferentes textos, destacando algúns milagres atribuídos a Santiago. Tamén contén o himno dos peregrinos de Santiago Dum pater familias.
Na Bula de Inocencio II, no folio 221, dáse a entender que o responsable e autor do códice é o monxe cluniacense Aimerico Picaud, acompañante do pontífice Calisto II na súa peregriñación a Compostela en 1109. Segundo o escrito, contra o ano 1140, Aymeric depositou o códice na catedral de Santiago, que sería o primeiro exemplar do Liber Sancti Iacobi. Todo isto é cuestionado polos historiadores, xa que, entre outros motivos, o bifolio que contén a bula non formaba parte do códice orixinal, senón que foi engadida con posterioridade.
Este apéndice contén:
Remove ads
Música
A parte musical de canto gregoriano comeza no folio 101v e finaliza na 123r.[41]
Musicalmente, a importancia do Códice Calixtino reside nun caderniño engadido uns anos despois da copia do códice, que contén 22 composicións polifónicas do mesmo inicio da Ars Antiqua, e salientando entre todas elas o conductus Congaudeant Catholici, a composición máis antiga a tres voces que se coñece, constituíndo o Calixtino un importantísimo exemplo de polifonía temperá. As disonancias que aparecen ao interpretar a melodía a tres voces do Congaudeant Catholici levaron a moitos estudosos a pensar que a idea orixinal da composición non era a de crear unha composición a tres voces.
No estudo das composicións musicais presentes no códice cómpre salientar a figura do Dr. López Calo, considerado a pedra angular da investigación musicolóxica sobre o códice. López Calo ve do seguinte xeito a música do Códice Calixtino:
A polifonía do Calixtino estaría a metade de camiño entre o ritmo libre do canto chan e o estritamente medido, segundo as regra dos seis modos rítmicos da primeira Ars Antiqua. De tódolos xeitos é evidente que este repertorio do Códice Calixtino representa a primeira polifonía verdadeiramente artística de toda a historia, despois dos experimentos dos técnicos dos séculos X e XI, e dos conductus de Winchester e de San Marcial, que non admiten, dende o punto de vista artístico, comparanza coas composicións compostelás
A música recollida no códice, xunto con outros manuscritos conservados na Abadía de Saint-Martial de Limoges, é un claro exemplo de organum florido, que xurdiu a comezos do século XII. Agora pénsase que todas proceden do suroeste de Francia, que daquela era o Ducado de Aquitania, polo que tamén se denomina á música como polifonía aquitana.
Notación
A transcrición da polifonía do Códice Calixtino tivo sempre moitas dificultades de interpretación. Estas dificultades proveñen de que esta polifonía está notada na escrita que se empregaba naquel momento en Francia para o canto monódico, polo que non expresa ningún valor rítmico, senón un ritmo libre do canto gregoriano, o que dificulta moito a interrelación das tres voces que emprega por exemplo, o Congaudeant Catholici.
O himno "Dum pater familias" é a única composición do códice en notación aquitana de puntos in campo aperto, que é a notación que se empregou preferentemente en Hispania trala supresión do canto hispánico. O resto das obras están escritas en notación lorena, con grandes semellanzas coa notación dos manuscritos da rexión de Nevers, en Borgoña. Por este motivo, algúns especialistas sosteñen que a parte musical do códice débese aos monxes beneditino de Vézelay, que era un dos puntos de partida do Camiño de Santiago.[42] O himno "Dum pater familias", engadido ao final do códice, sería polo tanto a única composición que podería ter sido copiada no contorno de Santiago. Ademais o último dos Benedicamus do suplemento gregoriano do Libro I, "Regi perennis glorie", se lle atribúe a certo doutor de Galiza (Quodam Doctore Galleciano) non identificado.
Lista de obras
Encontramos música en tres partes do Códice Calixtino:
- O Libro I (Libro das Liturxias): inclúe a música dos oficios e as misas, así como un suplemento gregoriano. Unha das pezas é polifónica, mentres que o resto son monódicas.
- O Apéndice I: contén 21 pezas polifónicas: 7 Benedicamus, 4 responsorios, 5 conductus, 2 Kyries, 1 Gradual, 1 prosa e 1 Aleluia.
- O Apéndice II: contén o himno Dum Pater Familias.
A continuación detállanse as obras musicais do manuscrito. Os códigos da columna de "Concordancias" con outros manuscritos e fragmentos especifícanse máis abaixo. Os da columna de "Gravacións" específicas na sección de "Discografía".
Libro I — Libro das liturxias
Apéndice I — Obras polifónicas
Apéndice II
- (*) Versión instrumental
Concordancias con outros manuscritos
Varias das melodías do Códice Calixtino, sobre todo as do oficio e a misa, son idénticas ou polo menos baséanse en melodías gregorianas, e outras presentan concordancias con outros repertorios. Estas concordancias case sempre son parciais, xa que moitas veces os textos son trocados para adicarllos a Santiago e as melodías son alteradas para adaptalas a eses novos textos, producindo variantes máis ou menos significativas respecto do orixinal. As concordancias máis importantes son xeralmente da mesma época na que se xesto o Códice, o que é plausible dada a mobilidade cultural da época, propiciada polas peregrinacións. A meirande parte das pezas que se encontran no Códice Calixtino que son reelaboracións doutras que se encontran noutras fontes, proceden de dous centros xeográficos:
- a zona suroriental de Francia e a Coroa de Aragón, desde Le Puy a Tortosa e Huesca.
- a zona anglonormanda, desde Worcester a Sens.
Discografía
- Artigo principal: Discografía do Códice Calixtino.

Ao longo dos anos realizáronse numerosas gravacións dos cantos que aparecen no Códice Calixtino, mais neste tempo unicamente se realizou unha gravación íntegra dos mesmos, que foi levada a cabo polo Coro Ultreia en 1999. Foron numerosas as gravacións de grupos galegos como Resonet, o Grupo Universitario de Cámara de Compostela, o Grupo Martín Códax ou o propio Coro Ultreia, ben en discos adicados exclusivamente ao códice ou integrándoas noutros discos de repertorio medieval. As gravacións realizadas van dende as puramente vogais ata interpretacións con instrumentos da época. Ademais das numerosas versións de grupos adicados á interpretación de música antiga, cómpre destacar a gravación do grupo irlandés The Chieftains no seu disco Santiago, gravado en 1999 e no que se inclúen o Dum Pater Familias e o Ad Honorem regis summi.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads