Juana Capdevielle

intelectual e bibliotecaria española From Wikipedia, the free encyclopedia

Juana Capdevielle
Remove ads

Juana María Clara Capdevielle San Martín, nada en Madrid o 12 de agosto de 1905[1][2] e asasinada en Monte da Gándara, ás aforas de Rábade (provincia de Lugo)[3] o 18 de agosto de 1936,[4] á idade de 31 anos, foi unha intelectual e bibliotecaria española.[4][5]

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...

Licenciouse en Filosofía e Letras pola sección de Historia na Universidade Central. Accedeu ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos aos vinte e cinco anos de idade e traballou como bibliotecaria na Biblioteca Nacional de España, na Biblioteca de Filosofía e Letras da Universidade Central e na Biblioteca do Ateneo de Madrid. Foi a primeira xefa dunha biblioteca universitaria de centro en España e unha das responsables do traslado das coleccións da Biblioteca de Filosofía e Letras á Cidade Universitaria de Madrid.

Foi unha intelectual moi activa, como indica a súa participación nas Primeiras Xornadas Euxénicas Españolas (1933), no II Congreso Internacional de Bibliotecas e Bibliografía (1934) e na Sección de Historia do Ateneo de Madrid.

A súa traxectoria profesional centrouse exclusivamente nas bibliotecas. Foi pensionada pola Junta para Ampliación de Estudos para ampliar os seus coñecementos sobre a clasificación decimal a través de estancias europeas, dado que xa estaba a aplicar este sistema na biblioteca do Ateneo e na biblioteca de Filosofía e Letras. Formou parte do Seminario de Biblioteconomía e da Asociación de Bibliotecarios y Bibliógrafos de España, onde exerceu o cargo de tesoureira. Implicouse na creación da primeira Exposición de Bibliotecas infantís realizada en España e na creación dunha biblioteca circulante no Hospital Clínico de San Carlos e máis tarde no hospital da Cruz Vermella.

Casada en marzo de 1936 co político de Izquierda Republicana Francisco Pérez Carballo, acompañouno á Coruña cando este asumiu o cargo de gobernador civil. Logo do golpe de estado do 18 de xullo, separouse do seu home ante o inminente asalto do goberno civil o día vinte e xa non o volveu ver, xa que foi fusilado na madrugada do 24. Días despois foi encarcerada e logo da súa liberación refuxiouse en Vilaboa (Culleredo). Foi asasinada o 18 de agosto de 1936 e o seu corpo achado no km 526 da estrada Madrid - A Coruña, no Monte da Gándara, ás aforas de Rábade, con disparos en peito e cabeza.

Remove ads

Traxectoria

Primeiros anos e formación

Foi a segunda filla do matrimonio formado por Patrocinio San Martín Urriza, natural de Pamplona, e Juan Pedro Capdevielle Lisalde, nado en Baiona. Naceu no número 25 da rúa madrileña del Barco o 12 de agosto de 1905.[2][6] Posteriormente a familia se trasladou primeiro á rúa do Carmen, número 16, Madrid, e logo a Pamplona, á rúa San Nicolás, número 21.[7]

Thumb
Instituto Plaza de la Cruz, antigo instituto provincial, onde estudou Juana Capdevielle

No instituto provincial desta última localidade, hoxe IES Plaza de la Cruz, foi onde Juana fixo os estudos secundarios, entre 1917 e 1923.[a][6][7] Tiña un expediente brillante como indica a obtención de premios en varias materias (Psicoloxía e Lóxica, Historia xeral da Literatura e Fisioloxía e Hixiene)[8] e do premio Ansoleaga ao mellor expediente académico.[6][9] Alí foi compañeira de aulas de Pedro Laín Entralgo.[7][6] Con dezaoito anos Juana comezou a dar clases particulares de francés.[6]

Posteriormente cursou as materias da Sección de Historia da carreira de Filosofía e Letras, pola modalidade de ensino non oficial da Universidade Central.[10][11][b][c] Comeza no curso 1924-25 e remata no 1927-28.[10] Compaxinaba os estudos co traballo: foi profesora de francés e contabilidade no colexio Huarte e tamén acadou a primeira praza nas oposicións á Caixa de Aforros de Navarra.[6] Nos veráns volvía a Pamplona e tamén viaxaba a Francia.[6]

O 5 de decembro de 1929 o Diario de Navarra publicaba unha foto dela baixo o título: "Juana Capdevielle, primera mujer en Navarra en obtener el título académico de Filosofía y Letras".[6] Na apertura oficial do curso en Pamplona, en outubro de 1929, participou co discurso " El arte y el placer de la lectura".[6] Expedíuselle o título de licenciada pola Sección de Historia o dous de xullo de 1930, segundo consta no rexistro de títulos da universidade.

A altura do seu primeiro ano de estudos, a cifra de mulleres que accedían pola modalidade de ensino non oficial na Universidade Central era de 62, fronte a 609 homes matriculados. De feito era a única muller nas materias de Historia de España e Lóxica Fundamental. Nesta última presentouse a un exame extraordinario de méritos que superou con matrícula de honra.[10]

Outras materias cursadas que cabe salientar son Biblioloxía, impartida por Pedro Sainz Rodríguez, e Paleografía, daquela impartida por Agustín Millares Carlo.[12] Como era alumna de ensino non oficial, examinábase en convocatorias extraordinarias perante tribunais. Entre os membros destes tribunais destacan Antonio Ballesteros Beretta, Julián Besteiro e Hugo Obermaier Grad.[7]

Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA)

O Cuerpo facultativo de Archiveros, Bibliotecarios e Arqueólogos foi unha institución nada en 1858 no seo da administración pública española e pensada para o servizo das bibliotecas, arquivos e museos.[d][13][14]

Dende setembro de 1910 os postos de traballo dependentes do Ministerio de Instrución Pública permitían o acceso tanto de homes como de mulleres, sempre que se demostrase capacidade suficiente.[15]Os departamentos dependentes doutros ministerios non permitiron o acceso das mulleres ata a aprobación do Estatuto da Función Pública en 1918.[14][e]

Thumb
Biblioteca Nacional de España

En 1929 modifícase o Regulamento do 24 de decembro de 1920 relativo ás oposicións ao CFABA, de xeito que se crea un Corpo de Aspirantes en expectativa de destino.[16] Estes aspirantes poderían ocupar de xeito inmediato e provisional as vacantes que se producisen no corpo.[17] Este sería o caso das persoas aspirantes derivadas da convocatoria de 40 prazas nas oposicións ao escalafón xeral do CFABA convocado o 23 de novembro de 1929,[18] ás que se presentou Juana Capdevielle.

De ascendencia francesa por parte de pai, tivo que renunciar á nacionalidade francesa para poder formar parte do proceso selectivo.[19][20]

Superou os catro exercicios da oposición e acadou unha nota final de 13,88, que se correspondeu co número de aspirante 11, do total dos 27 que superaran as probas.[21] Os nomeamentos dos aspirantes e os seus destinos provisionais publicáronse o 9 de xullo de 1930[22][23] e neles debían permanecer un mínimo dun ano en período de prácticas. Porén, o 4 de agosto de 1930 pasaron a considerarse ingresados como facultativos, sen prexuízo da condición de completar o período de prácticas mínimo dun ano.[24] Capdevielle estivo en prácticas do nove de xullo de 1930 ao 24 de xullo de 1931 na Biblioteca Nacional[25][23], foi nomeada funcionaria do CFABA o 28 de xullo e tomou posesión da súa praza na BNE xa como facultativa o 13 de setembro de 1930.[26]

Thumb
Instituto de San Isidro, sede principal da Biblioteca de Filosofía e Letras en 1931

Poucos días despois Capdevielle conseguiu un ascenso na escala por antigüidade[25] e contou con outro en xullo de 1931.[27] En agosto de 1931[28] obtivo unha praza por concurso na Biblioteca da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Madrid, no Instituto de San Isidro.[29][30][31]

A biblioteca de Filosofía e Letras da Universidade Central

A biblioteca universitaria de Madrid estaba repartida en diversas localizacións que funcionaban como bibliotecas independentes dende 1897, coa súa correspondente xefatura: [32]

  • Unha instalación na Universidade, formada polas bibliotecas da Facultade de Dereito, da Escola Superior de Diplomática e o Arquivo Universitario
  • A Biblioteca de Medicina
  • A Biblioteca de Farmacia
  • A Biblioteca de Filosofía e Letras
  • A Biblioteca de Ciencias, cunha sección no Xardín Botánico
  • A Biblioteca de Arquitectura
  • A Biblioteca de Veterinaria
  • A Biblioteca da Escola de Artes e Oficios

A biblioteca de Filosofía e Letras contaba con dúas sedes. A principal estaba situada no Instituto de San Isidro, na rúa de Toledo, 45. Esta sede contaba cos fondos procedentes da Biblioteca dos Reais Estudos de San Isidro.[33][34] A segunda, chamada Biblioteca do Decanato, estaba localizada na rúa Bernardo. En 1932 non contaba con persoal bibliotecario a cargo.[31]

Coa publicación dun decreto do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes en que se se regulaba a organización das bibliotecas universitarias, de 14 de xaneiro de 1932,[35] todas as bibliotecas de facultades pasaron a unirse nun único ente, a Biblioteca da Universidade. Deste xeito a Biblioteca da Universidade queda constituída polas bibliotecas das súas facultades, institutos e laboratorios. Como as once instalacións resultantes estaban dispersas xeograficamente, cada unha contou cunha xefatura local, subordinada á dirección única da Biblioteca Universitaria.[36]

A Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central albergou a nova sección de Pedagoxía creada a raíz do Decreto do 27 de xaneiro de 1932, en que se suprime a Escola de Estudos Superiores de Maxisterio.[37] Como consecuencia, a biblioteca de Filosofía e Letras pasou a integrar os fondos da Escola Superior de Maxisterio consonte a unha orde ministerial de abril de 1932.[38]

Thumb
Caserón de San Bernardo, sede da Universidad Central

Javier Lasso de La Vega y Jimenez Placer foi nomeado director da Biblioteca Universitaria en xullo de 1932[39] e un dos primeiros traballos que lle asignou a Juana Capdevielle foi o traslado dos fondos da Biblioteca do Decanato e da Escola Superior de Maxisterio a unha localización provisional no novo edificio da Facultade de Filosofía e Letras na cidade Universitaria.[40] Nesta tarefa participaron Manuel Ballesteros e Juana Capdevielle, axudados polo persoal subalterno, bolseiros e estudantes voluntarios da facultade.[41] Para o traslado foron necesarias as tarefas de catalogación, xa que a biblioteca do decanato non estaba toda catalogada. Centrada principalmente nas tarefas de revisión e catalogación, Juana Capdevielle traballou neste proceso do 17 de decembro de 1932 ao 14 de xaneiro de 1933.[42][43]

Thumb
Facultade de Filosofía e Letras, edificio reconstruído tras a Guerra Civil, na cidade Universitaria

Rematada esta fase en 1933, proseguiuse co traslado dos fondos procedentes da biblioteca de San Isidro e da Escola de Diplomática, xa na instalación definitiva dentro do edificio, no que tamén participou Capdevielle.[34] Co inicio da guerra civil, o acceso da totalidade das coleccións na localización definitiva non puido completarse.[40][44]

En 1933[45] converteuse na primeira muller xefa dunha biblioteca de facultade da universidade madrileña.[46] Entre ela e o director Lasso de la Vega redactaron o novo regulamento da Biblioteca Universitaria, que se publicou ese mesmo ano.[40] Tamén formou parte do Seminario de Biblioteconomía,[f] como indica a súa implicación na primeira Exposición de Bibliotecas infantiles, que tiña como fin dar a coñecer e fomentar a produción do libro infantil. Esta exposición realizouse no Círculo das Artes de Madrid[47][48] e estaba previsto que tivese lugar entre o 27 de abril e o 10 de maio de 1933.[49] En declaracións da propia Juana, debido ao éxito desta convocatoria estaba previsto que organizasen estas exposicións con carácter anual.[47]

Thumb
Juana Capdevielle no Ateneo de Madrid

Actividade profesional e científica

Ateneo de Madrid

Tamén en 1933 Juana Capdevielle conseguiu o posto de xefa técnica na biblioteca do Ateneo Científico, Literario e Artístico de Madrid.[29][50] Nesta institución tamén tivo un papel moi activo. En xuño de 1933 foi elixida secretaria terceira da Sección de Historia do Ateneo.[51] Lamentablemente, a documentación do Ateneo perdeuse tras a guerra e a ocupación do centro por parte de Falanxe, polo que non hai moitos datos sobre o seu percorrido no Ateneo.[52][53]

O grupo teatral La Barraca realizou unha actuación no Ateneo de Madrid a petición de Juana Capdevielle [54][g][h]

Primeiras Xornadas Euxénicas Españolas

Thumb
Hildegart Rodríguez Carballeira, secretaria da Liga Española para a Reforma Sexual sobre bases científicas

As primeiras Xornadas Euxenéticas Españolas, baixo o título: Xenética, Euxénese e Pedagoxía Sexual, celebráronse entre o 21 de abril e o 10 de maio de 1933 na Facultade de Medicina da Universidade Central. Foron organizadas pola Asociación Profesional de Estudantes de Medicina, Gaceta Médica Española e a Liga Española para a Reforma Sexual sobre bases Científicas.[55][56]

Xunto coas conferencias realizábanse cursiños técnicos, como por exemplo o curso sobre "Patoloxia da miseria e o traballo", que estaba especialmente dedicado ás clases traballadoras. Tratábase pois dunha convocatoria con claros compoñentes sociais e culturais no seu programa.[57] Estas xornadas congregaron un número representativo de figuras do euxenismo español do momento.[58] No programa figuraban os nomes, entre outros, de Nóvoa Santos, Ángel Ossorio y Gallardo, Luis Ramón Huerta Naves,[59] César Juarroa e José María Outaola.[60]

Juana participou no cursiño técnico número 20 sobre Pedagoxía e amor, no que tamén participaron Luis Huerta, R.T. Samper e a doutora N. González Barrio.[56] Capdevielle presentou a conferencia El problema del amor en el ambiente universitario.[61] Este texto, lonxe de ser unha comunicación científica, achega o punto de vista dunha muller universitaria que era o que buscaba o equipo organizador das xornadas:

Quixen facerllo comprender aos organizadores; falei dos meus escasos estudos na materia, da miña pouca autoridade... Ao primeiro respondéuseme que non me pedían un traballo técnico, científico, para o o que servirían máis ben outros cursiños destas Xornadas ; ao segundo, que os mestres tiñan xa o seu lugar nestas, e que o que neste caso se desexaba era a opinión dunha persoa nova, a visión que destes problemas podía dar unha muller universitaria da... penúltima xeración. Á vista disto, aceptei;[i][62]

Por esta razón a conferencia versará sobre a actitude da mocidade española da época, non dos aspectos técnicos ou científicos da euxénese:

Queda pois, establecido que eu non vaia aproximarme nin sequera ao aspecto técnico, científico da euxénese; vou só a expoñer cal é, ao meu ver, a actitude da universitaria española actual na cuestión máis importante que a vida lle presenta: o problema sexual, o amor, el matrimonio. [j][63]

Dividira a exposición baixo tres enfoques: o masculino, o feminino e finalmente "como debemos enfocalo os mozos auténticos e sinceros". No seu discurso oponse a determinadas postulados expresados por outros participantes das xornadas. É o caso dos do doutor Nóvoa Santos, autor de La Indigencia espiritual del sexo feminino. Las pruebas anatómicas, fisiológicas y psicológicas de la pobreza mental de la mujer, que abrira as xornadas co discurso "El sentido canibalístico y agresivo de la sexualidad":[55]

eu son muller e, ademais, muller moi satisfeita de selo. Este complexo de inferioridade que impulsou a tantas mulleres a imitar os usos, vestidos e xestos masculinos, eu non o sentín nunca. Nin sequera a espléndida disertación de hai uns días do voso mestre señor Nóvoa Santos puido facerme comprender a inferioridade feminina, a desgrazas de ser muller, e creo que o destino de estea no Mundo é algo tan marabilloso que se eu houbese de vivir outra vida e me preguntasen previamente a miña opinión, pediría resoltamente volver a ser muller. [k][64]

Tamén fai referencia á novela La garçonne, de Victor Margueritte e á conferencia de Ramón J. Sender.[l][65] Coincide cos postulados de Marañón e esténdeos á mocidade do momento:

No fondo de toda personalidade fracasada, di o doutor Marañón, hai sempre un problema sexual sen resolver ou mal resolto. E eu dígome que non pode ser outra a explicación dese espectáculo angustioso que a diario vemos: brillantes intelixencias esnaquizadas, espléndidos caracteres malogrados, tanta mocidade desvitalizada como existe hoxe.[m][66]

Finalmente expresa abertamente a súas posturas sobre o matrimonio e o amor:

Ah! pero é que eu creo resoltamente que a monogamia é a forma máis perfecta do amor humano, e que este, xa o dixen, non pode reducirse hoxe á mera atracción física, pois necesita, ademais - non por riba, nin por debaixo, senón, simplemente ademais-, para subsistir, dese conxunto de condicións intelectuais, morais, que constitúen o que Marañón chama amizade amorosa. Sendo isto así, eu non vexo por que se vai desvalorizar o matrimonio, senón que, máis ben, me parece que imos á súa valorización.[n][67]
Isto é o que eu pediría para o amor no futuro: solidez e firmeza. E unha vez que se botara como alicerce da vida, un amor sólido e firme, sería posible esquecerse de pensar máis nel e dedicar o entusiasmo a erguer o que debe ser o edificio vital: a actuación social. [o][68]

Capdevielle presentou as dificultades entre homes en mulleres como froito dunha falta de entendemento no concepto do amor, xa que os homes aínda non se adaptaran a "unha nova moral, máis limpa, máis sincera, máis responsable".[69] Juana expuña un modelo de muller moderna no que o desexo era un compoñente máis, de xeito natural e sen estigmatizacións.[70]

Thumb
Jimena Fenández de la Vega, outra das participantes nas Primeiras Xornadas Euxénicas Españolas

Outras participantes nas xornadas foron a socialista Matilde de la Torre, cun discurso sobre feminismo e pacifismo; [71][72][73] Jimena Fernández de la Vega[74] co cursiño "La herencia biológica en el hombre”[65] e Hildegart Rodríguez Carballeira, figura destacada do euxenismo social e secretaria da Liga Española para a Reforma Sexual sobre bases científicas.[58] Hildegart avogaba pola "maternidade consciente" e o control de natalidade[58] e foi a responsable do cursiño "Birth control - Maternidad Consciente". [75][76]

II Congreso Internacional de Bibliotecas e Bibliografía

O 28 de maio de 1934 fúndase a Asociación de Bibliotecarios y Bibliógrafos de España,[p][q] a raíz do anuncio do II Congreso Internacional de Bibliotecas e Bibliografía.[77] Esta asociación editaba o Boletín de Bibliotecas e Bibliografía.[78][79] Nesta asociación, Juana tivo un papel moi activo, e exerceu de tesoureira.[80]

Un dos proxectos máis salientables da asociación foi a posta en marcha dun servizo de lectura primeiramente no Hospital Clínico San Carlos[r] e máis tarde no Hospital da Cruz Vermella de Madrid.[81] Capdevielle tivo unha participación activa no servizo de lectura destinado aos enfermos do Hospital Clínico: encargouse persoalmente das visitas ao hospital,[s] da formación do persoal e da realización do proxecto do catálogo.[82] Tratábase dun servizo circulante regulado polas normas establecidas pola biblioteca da Universidade de Madrid.[83]

O Comité Internacional de Bibliotecas e Bibliografía[t] fundárase en Edimburgo o 30 de setembro de 1927.[77] Foi o impulsor dos congresos internacionais, comezando polo Primeiro Congreso Internacional de Bibliotecas e Bibliografía celebrado en 1929.[77] En maio de 1934 o Comité Permanente da Federación Internacional de Bibliotecas reuniuse en Madrid na súa sétima sesión, e nela decidiuse que o seguinte congreso internacional tería lugar en España.[84] Deste xeito créase a Comisión Organizadora española, formada pola Asociación de Bibliotecarios e Bibliógrafos de España.[77]

O Segundo Congreso Internacional de Bibliotecas e Bibliografía celebrouse do 20 ao 30 de maio de 1935 entre dúas sedes: Madrid e Barcelona.[77] A maior participación foi a española, pero nel participaron 27 países, aos que se sumaron representantes doutros catorce.[77] O comité español do congreso estaba presidido por Teófilo Hernando, tiña como secretario a Javier Lasso de la Vega e Juana Capdevielle figuraba como primeira vogal.[85] Na sesión inaugural, celebrada no paraninfo da Universidade de Madrid,[86] Ortega y Gasset pronunciou o seu discurso La misión del bibliotecario.[u][77][86]

O congreso organizouse a través de sesións plenarias e das sesións de distintas seccións temáticas. Dentro da sección de bibliotecas populares establecérase unha subsección dedicada ás bibliotecas de hospitais. Esta subsección estaba presidida por Henri Lemaître, bibliotecario honorario da Biblioteca Nacional de Francia e tiña a Juana Capdevielle como secretaria.[87] Juana participou co texto "El fin que persiguen las bibliotecas de hospital, ¿debe ser distraer o instruir a los enfermos?"[87][88] Nesta disertación falaba do valor terapéutico da lectura ou biblioterapia.[89]

Fálase da dificultade que existe para poñer de acordo os bibliotecarios, por un lado, e os médicos e enfermos polo outro, xa que aqueles falan de instruír e estes prefiren libros sinxelos e distraídos[v]

Engadía a necesidade de seleccionar coidadosamente as coleccións destinadas ás bibliotecas de hospitais, incluíndo lecturas recreativas e divertidas, sen libros "excesivamente pesimistas", pero coidando a un tempo o seu valor literario.[90]

A JAE e o sistema de clasificación decimal

A Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE) concedeulle unha pensión de catro meses para ampliar os seus estudos en relación ao sistema de clasificación decimal en Alemaña, Bélxica, Francia e Suíza.[43][91] É relevante sinalar que na solicitude que realiza Capdevielle indicaba que a súa traxectoria profesional viñera centrándose, de forma exclusiva, nas bibliotecas.

A solicitante é licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Madrid e funcionario facultativo do Corpo de Arquivos, Bibliotecas e Museos co número 11 na súa oposición (1930), con destino na Biblioteca de Filosofía e Letras. Alega como méritos para solicitar esta pensión un historial profesional dedicado exclusivamente ás bibliotecas, nas que desempeñou misións fóra do seu servizo. [w][92]

Tamén indicaba que estaba a "reorganizar e continuar o catálogo por materias decimal" da Biblioteca do Ateneo.[50]O impulso do sistema decimal na biblioteca do Ateneo debíaselle Bernardo G. de Candamo.[x][50][93]

No informe preceptivo necesario para a concesión da pensión o director da Biblioteca Universitaria, Lasso de la Vega destacaba por unha banda a falta de oportunidades de formación no sistema decimal en España e pola outra o claro interese que tiña a Biblioteca da Universidade no tema, ao estaren a aplicalo daquela na Biblioteca de Filosofía e Letras.[94]

Thumb
Clasificación decimal

O sistema de clasificación decimal permitía organizar as coleccións por áreas temáticas, pero aínda non estaba implantado en España.[95] Houbera un primeiro estudo piloto realizado na Universidade de Salamanca entre 1896 e 1898, seguido da súa aplicación na Biblioteca de Arquitectura e de Enxeñeiros do exército cara 1915.[96] A primeira biblioteca importante que aplicou a clasificación decimal aos seus fondos foi a Biblioteca de Catalunya, da man de Jordi Rubió, e posteriormente usouse tamén nas bibliotecas populares da Mancomunitat.[95] A Clasificación Decimal Universal non foi obrigatoria nas bibliotecas públicas españolas ata 1939.[y]

O 13 de febreiro de 1936 resólvese a concesión da pensión da JAE por parte do Ministerio e dende ese día comeza a gozala.[94]Porén, a bibliotecaria non chegou a esgotar os catro meses de pensión no estranxeiro, xa que en marzo de 1936 casou polo civil[97]co avogado e político de Izquierda Republicana Francisco Pérez Carballo.[4] A parella coñecérase probablemente na Universidade[z] ou no Ateneo de Madrid.[98][97]

O Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936

Logo da vitoria da Frente Popular, o seu home foi designado Gobernador Civil da Coruña[99] e o matrimonio trasladouse a Galicia.[4] Chegaron en tren Á Coruña o 12 de abril de 1936.[100]. Dous días despois da súa chegada a Agrupación Republicana Femenina organizoulle a Juana un "vino de honor".[101]

Cando tivo lugar o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, permaneceu co seu marido no Goberno Civil ata o 20 de xullo,[4] pola mañá, momento en que abandonou o edificio -- que se estaba preparando para resistir o asalto --[aa] por causa do seu embarazo.[4] Refuxiouse na casa do boticario López Abente.[4]

O seu marido foi aprehendido coa rendición do Goberno Civil na tarde do domingo 20 de xullo e trasladárono ao cárcere da Coruña. Francisco Pérez Carballo foi fusilado na madrugada do 24 de xullo en Punta Herminia,[19][102] preto da Torre de Hércules.[5] O mesmo día do fusilamento, Pérez Carballo escribiu unha carta de despedida a Juana, asinada ás cinco da madrugada:[ab][103]

Juana:

fuches o máis fermoso da miña vida.

Onde estea e mentres poida pensar, pensarei en ti. Será como se estamos xuntos. Bico o teu anel unha vez cada día. Quérote.
Paco

Para Juana Capdevielle, a miña querida esposa

Venres, 24 de xullo de 1936, cinco da mañá

A familia Abente escondeulle a nova por seren conscientes do seu embarazo.[104] Ela conseguiu chamar ao Goberno civil para ter novas do seu esposo. González Vallés indícalle que está ben e envíalle un coche levalo canda el. Porén, foi detida e encarcerada.[104][105][4] Unha vez liberado do cárcere, o irmán de Francisco, Ángel Pérez Carballo, visítaa no pavillón de mulleres.[ac] Segundo o relato do seu cuñado, Juana coñecería a nova do fusilamento do seu home o 27 de xullo.[98]

Thumb
Cárcere da Coruña.

Algúns autores consideran que Juana sufrui un aborto en prisión. É o caso de Julián Casanova, que declara que foi debido a un ataque de nervios tras recibir as novas da morte do seu home.[106] Porén outras voces desminten esta teoría, como os testemuños de Carmen Veiga, filla de Victorino Veiga, que convivira con ela nos seus últimos días:

O asasinato foi dobre, xa que ela estaba embarazada. Si, do que non teño dúbidas é do seu embarazo.[107]

Nesta liña tamén se sitúan as declaracións do sobriño de Juana.[98] O xornalista Rafael Torres recolle tamén o testemuño de Maruja Santiso, que tiña 13 anos cando viu o cadáver de Juana. Nel afírmase que o médico que examinou o corpo indicara que a muller sufrira un aborto.[108]

O investigador da figura de Francisco Pérez Carballo, José Galán Ortega, sostén que o aborto non tivo lugar[ad] e que esta idea está máis ben ligada á "elaboración social dunha lenda morbosa" ao redor da figura de Capdevielle.[109]

Juana Capdevielle foi liberada coa prohibición de residir na Coruña e buscou acubillo en Vilaboa (Culleredo), na casa do deputado de Izquierda Republicana Victorino Veiga, a principios de agosto de 1936.[3][19][110]Alí recibiu unha orde de deportación que nunca chegou a cumprir,[4] pois na noite do 17 de agosto foi detida por membros da Garda Civil.[4][98][105][ae]

Non hai información que permita reconstruír de xeito fiábel o decorrer dos acontecementos entre a súa detención pola Garda Civil e a aparición do seu cadáver.[111] No proxecto Nomes e Voces figura como "paseada nun traslado da Garda Civil"[112] e Galán Ortega afirma que foi "paseada (...), por un grupo de falanxistas nas proximidades de Rábade (Lugo)".[113]

Porén, o xornalista Rafael Torres sinala o falanxista e tenente coronel Florentino González Vallés como o principal responsable primeiro da captura de Juana cando estaba refuxiada cos López Abente, e case con certeza do envío da Garda Civil a Vilaboa, xa que fora el quen asinara o oficio no que se indicaba a deportación. O autor apunta a alta probabilidade de que el mesmo encargase o asasinato a falanxistas locais.[114] O historiador Paul Preston afirma que, "por orde de González Vallés", foi detida pola Garda Civil o día 17, transportada á Coruña e "entregada a un escuadrón falanxista".[104] Este historiador tamén sostén que padecera un aborto e que foran moitos os rumores de que fora violada, práctica común no trato dado ás mulleres republicanas durante esa época. Achega como contraste o caso doutra muller que esquivou a pena de morte polo seu embarazo, a única muller alcaldesa en Galicia en 1936, a da Cañiza, María Gómez.[104]

O cadáver de Juana apareceu á mañá seguinte no km 526 da estrada Madrid - A Coruña, no Monte da Gándara, ás aforas de Rábade, provincia de Lugo.[3] A súa defunción foi certificada o día 19 de agosto como muller descoñecida finada o día 18 agosto por disparos de arma de fogo en peito e cabeza.[3]

En Rábade, provincia de Lugo, ás doce e corenta minutos do día dezanove de agosto de mil novecentos trinta e seis (...) inscríbese a defunción dunha muller descoñecida de trinta e cinco anos de idade, natural de --- ignórase, provincia de --- ignórase filla de D. --- ignórase e de Dª --Ídem, de profesion --ignorada e de estado ---ignorado, foi achado o cadáver ás oito de onte, á distancia dun quilómetro deste pobo no punto chamado "Monte de Gándara", quilómetro 3 da estrada xeral Madrid- Coruña en dirección a esta última capital a seis metros da marxe dereita (...) faleceu en Rábade, lugar devandito, o día dezaoito de agosto de mil novecentos trinta e seis ás cinco aproximadamente, a consecuencia de disparos de arma de fogo [en] peito e cabeza, segundo resulta de certificación facultativa, dilixencia de autopsia e recoñecemento practicado, e o seu cadáver haberá de recibir sepultura no cemiterio de Rábade
transcrición do certificado de defunción no Rexistro civil, folio 167, achegado por Carmen Blanco.[115][af]

Isto contrasta coas versións dalgunhas persoas que puideron ver o corpo esa mañá, que din que houbera quen a idenficara como a muller do gobernador da Coruña.[116] A investigadora Carmen Blanco indica que houbo persoas que a identificaron no momento e que mandaron aviso á familia.[117] Carme Veiga de Bernardo, filla de Victorino Veiga contou que pasado o día 18 recibiron novas de que acharan nunha cuneta dun lugar indefinido da nacional VI.[118]

Thumb
Tumba de Juana Capdevielle no cemiterio de Rábade

Ao rematar a guerra e a petición da nai de Juana o cadáver foi exhumado e recoñecido polo amigo da familia Manuel Gómez-Acebo. Foi el quen se encargou da colocación da placa de mármore onde se inscribe o nome e a data de morte visible hoxe no cemiterio de Rábade.[105] A consecuencia do recoñecemento, o 12 de setembro de 1939 engadíuselle unha nota ao rexistro de defunción. Nela aclárase que o rexistro desta muller descoñecida se corresponde con Juana Mª Clara Capdevielle y Sanmartín.[105][119]

O fusilamento de Capdevielle foi considerado oficialmente axustizamento.[120] Así se le nun documento asinado por Miguel Gómez del Campillo, inspector xeral de Arquivos e interino de Bibliotecas,[ag] dirixido a Javier Lasso de la Vega,[ah] con data do 23 de setembro de 1938. Este oficio acompañaba unha solicitude para cubrir determinadas prazas vacantes no CFABA. Na listaxe de vacantes aparecía a de Juana Capdevielle, en situación "axustizada".[121]

Está soterrada no cemiterio de Rábade.[122] Na crónica escrita polo xornalista Rafael Torres son varias as testemuñas locais que lembran que a súa tumba sempre tivera flores, feito que recollen tanto Carmen Blanco como Claudio Rodríguez Fer nas obras literarias que lle dedicaron a Juana.[123][124][125]

Interpretacións biográficas

Thumb
Monumento ás vítimas da represión franquista, deseñado por Isaac Díaz Pardo, no Campo da Rata, A Coruña

Segundo José Galán Ortega, a memoria oficial franquista creou unha nova narrativa ao redor da figura de Francisco Pérez Carballo, oposta á da memoria republicana. Dentro desa dinámica proxectábase unha imaxe de debilidade do gobernador civil a través do discurso que se creou á súa vez sobre a súa esposa. Nel esaxerábase o papel desempeñado por Juana no eido político e tamén aspectos do seu carácter:

..os escritores e historiadores pro franquistas crearon dende o primeiro momento o mito dunha Juana Capdevielle tomando parte activa nas decisións que coadxuvaron á forte oposición presentada polo gobernador civil e os seus colaboradores á sublevación militar. (...) Desde ese momento, a memoria de Francisco Pérez Carballo conduciunos á de Juana Capadevielle, muller de carácter só contemplada dende a perspectiva da súa tráxica morte, envolta con frecuencia nunha morbosa lenda chea de inexactitudes.[ai]

Coa fin do franquismo a memoria de Juana, como a doutras moitas outras vítimas, foron reivindicadas fundamentalmente pola memoria cultural republicana.[113][126][127]

Nas últimas décadas, a diferenza do que ocorría nun inicio, "é a memoria da bibliotecaria e intelectual madrileña a que nos remite a do seu esposo e non ao revés".[127]

Remove ads

Obras

Remove ads

Homenaxes e recoñecementos

Thumb
A Juana Capdevielle en Rábade.

O concello de Rábade dedicoulle un monumento.[130] A escultura, obra de Luciano Couselo,[131] foi inaugurada nunha homenaxe organizada polo Concello de Rábade, a Consellería de Presidencia e a Fundación Amigos de Galicia "O Grelo" o 29 de marzo de 2008.[132] Na placa situada na base da escultura reprodúcese un poema de Claudio Rodríguez Fer,[133] que está recollido no libro Ámote vermella.[124]

O concello da Coruña dedicoulle unha rúa[134][135] en maio de 2009.[133]

En maio de 2006 Universidade da Coruña inaugurou o edificio que leva o seu nome (Edificio Xoana Capdevielle).[136] Nel localízanse o Servizo de Biblioteca Universitaria, o Centro de Documentación e Arquivo e unha sala de estudo.[137][138][139][140]

A exposición Biblioteca en Guerra, que tivo lugar na Biblioteca Nacional de España do 15 de novembro de 2005 ao 19 de febreiro de 2006 incluía unha fotografía de Juana Capdevielle e unha breve biografía.[141]

O curso de verán organizado pola Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Humanidades do Campus Universitario de Lugo en 2007[142] e títulado: "As vítimas do 36 en Galicia. Memoria e Paz para sempre" incluíu unha intervención do sobriño de Juana, Juan Pérez-Carballo Veiga, en homenaxe a Francisco Pérez Carballo e Juana Capdevielle.[98] No marco deste curso, a Compañía de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo, dirixida por Paloma Lugilde, representou a obra Km. 526,[143] baseada no texto As costureiras, do escritor Claudio Rodríguez Fer.[144]

A escritora Carmen Blanco, unha das principais investigadoras desta figura, dedícalle unha serie de breves textos dentro da súa obra literaria Atracción total.[123][113][145] e baixo o pseudónimo de Emma Luaces,[146] un texto de ficción titulado "Juana Capdevielle vive".[147] Outro escritor que lle dedicou un poema a Juana Capdevielle foi Vicente Piñeiro.[148]

Foi homenaxeada dentro das xornadas conmemorativas polo 75 aniversario do traslado da Facultade de Filosofía e Letras ao novo edificio da Universidade de Madrid, celebradas do 15 ao 17 de xaneiro de 2008.[50][149][150]

Unha fotografía realizada pola axencia EFE, onde figura Juana Capdevielle traballando na biblioteca e máis o carro de libros que aparece nela formaron parte da exposición titulada "La Facultad de Filosofía y Letras en la Segunda República. Arquitectura y Universidad durante los años 30" celebrada entre o 18 de decembro de 2008 ao 15 de febreiro de 2009.[149]

O 15 de xuño de 2010 celebrouse a na Universidade Computense a Xornada sobre Juana Capdevielle San Martín, bibliotecaria da Universidad Central.[50]

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads