Miley Cyrus
cantante e actriz estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Miley Ray Cyrus, nada como Destiny Hope Cyrus o 23 de novembro de 1992 en Franklin, é unha cantante, actriz, compositora, bailarina, escritora, deseñadora e empresaria estadounidense. Logo de interpretar pequenos papeis na serie de televisión Doc e no filme Big Fish durante a súa nenez, converteuse nunha icona adolescente pola súa actuación na serie de Disney Channel Hannah Montana en 2006. O seu pai Billy Ray Cyrus tamén protagonizou a serie, que foi emitida durante catro tempadas, até o ano 2011.
Cyrus conseguiu tres álbums número 1 nos US Billboard 200 con Meet Miley Cyrus (2007), Breakout (2008) e Bangerz (2013). Os seus lanzamentos The Time of Our Lives (2009), Can't Be Tamed (2010), e Younger Now (2017) debutaron no máis alto das listas dos Estados Unidos, ó tempo que o seu álbum Miley Cyrus & Her Dead Petz (2015) foi lanzado de balde en liña a través de SoundCloud. Ademais, Cyrus conseguiu dous números un adicionais e tres cancións no top 10 acreditada como Hannah Montana. Tamén conseguiu nove entradas nos top 10 de US Billboard Hot 100: "See You Again", "7 Things", "The Climb", "He Could Be the One" (como Hannah Montana), "Party in the U.S.A.", "Can't Be Tamed", "We Can't Stop", "Malibu" e "Wrecking Ball".
Cyrus comezou a súa carreira como actriz de voz no filme animado Bolt (2008), e posteriormente protagonizou os filmes Hannah Montana: The Movie (2009) e The Last Song (2010). En televisión, foi a convidada nos Premios MTV de 2015 e apareceu en Saturday Night Live tres veces dende a súa primeira aparición en 2011. Cyrus tamén apareceu como adestradora na competición televisión de canto The Voice; onde apareceu en dúas tempadas dende o seu debut en 2016.
Cyrus gañou numerosos premios e nomeamentos, sendo recoñecida como "Artista do Ano" por MTV en 2013, e sendo incluída na lista anual Time 100 entre as persoas máis influentes nos anos 2008 e 2014. A súa imaxe foi obxecto de grande atención dos medios de comunicación e de controversia pública, incluíndo a súa transición de imaxe sa á dunha persoa altamente sexual a comezos da década de 2010. Cyrus é unha defensora aberta dos dereitos dos animais e adoptou un estilo de vida vegano en 2013.[1]
Remove ads
Traxectoria
1992–2002: primeiros anos e comeza da carreira
Cyrus naceu en Franklin, Tennessee o 23 de novembro de 1992,[2] filla de Tish Cyrus (nada Leticia Jean Finley) e o cantante Billy Ray Cyrus.[2] Cyrus naceu con taquicardia supraventricular, unha condición que causa unha frecuencia cardíaca de repouso anormal.[3] O seu nome de nacemento, Destiny Hope, expresa o desexo dos seus pais de que ela chegase a facer grandes cousas. O seu alcume "Smiley", despois acurtado como "Miley", provén de que de nena adoitaba sorrir acotío.[4] Ela cambiou o seu nome a Miley Ray Cyrus; o seu segundo nome escolleuno en lembranza do seu avó, o político demócrata Ronald Ray Cyrus.[5]
En contra do consello da compañía discográfica de seu pai,[6] os pais de Cyrus casaron en segredo o 28 de decembro de 1993, un ano despois do seu nacemento.[7] Xuntos, tiveron dous fillos máis, Braison e Noah.[8] Dunha relación anterior, a súa nai tivo dous fillos máis, Trace e Brandi.[9] O seu pai ten un fillo, Christopher,[7] que medrou coa súa nai, Kristin Luckey, en Coralina do Sur.[6] Catro dos seus irmáns entraron eventualmente no mundo do espectáculo: Trace como vocalista e guitarrista do grupo de pop electrónico Metro Station,[10] Noah como actriz e cantante, Braison como modelo e Brandi como xornalista.[11][12][13] A madriña de Cyrus é a artista Dolly Parton.[14]
Cyrus asistiu á Escola Primaria Heritage.[15] Mentres traballaba en Hannah Montana, ingresou en "Options for Youth Charter Schools"[16] e estudou cun titor privado no set de rodaxe.[17] Educada como cristiá, foi bautizada na igrexa da Convención Baptista do Sur antes de mudarse a Hollywood en 2005.[18] Asistiu á igrexa regularmente e levou un anel de castidade.[19] En 2001, cando Cyrus tiña oito anos, mudouse coa súa familia a Toronto, no Canadá mentres o seu pai rodaba a serie de televisión Doc.[20] Despois de que Billy Ray a levase a ver a produción de Mirvish Productions de Mamma Mia! no Royal Alexandra Theatre, Cyrus díxolle ó seu pai "Isto é o que quero facer papá. Quero ser actriz".[21] Comezou a tomar clases de actuación e canto en Armstrong Acting Studio, Toronto.[22]
No seu primeiro papel, Cyrus interpretou unha rapaza chamada Kylie na serie de televisión Doc.[4] En 2003, Cyrus foi acreditada co seu nome de nacemento no papel de "Young Ruthie" no filme de Tim Burton Big Fish.[23] Durante este período fixo audicións con Taylor Lautner para o filme The Adventures of Sharkboy and Lavagirl in 3-D, e malia que foi unha das dúas actrices finalistas, comezou a facer Hannah Montana no seu canto.[24] Tish Cyrus converteuse na representante de Miley e traballou para conseguir un equipo que a axudase a florecer artisticamente.[25] Cyrus asinou con Mitchell Gossett, director da división xuvenil en Cunningham Escott Slevin Doherty.[26] Gossett é acreditado acotío como o "descubridor" de Cyrus, e xogou un papel importante nas súas audicións para Hannah Montana.[27] Posteriormente, asinou con Jason Morey de Morey Management Group para comezar a súa carreira musical, sendo presentada por Dolly Parton.[25] O director financeiro de Billy Ray tamén foi contratado.[25]
2003–2009: Hannah Montana e carreira musical
Cyrus fixo unha audición para a serie de televisión de Disney Channel Hannah Montana cando tiña once anos.[28] Nun principio fixo a audición para o papel da mellor amiga da protagonista, pero finalmente foi chamada para a audición do papel principal.[28] Malia que nun principio foi rexeitada porque era demasiado "nova e pequena" para o papel,[29] foi finalmente escollida polas súas habilidades de canto e interpretación.[30] A serie estreouse en marzo de 2006 para a grande audiencia dun programa de Disney Channel,[31] e axiña se converteu nunha das series con maior audiencia da televisión.[32] O éxito instantáneo da serie fixo que Cyrus fose considerada unha "ídolo adolescente".[23][33] Fixo xiras con The Cheetah Girls como Hannah Montana en setembro de 2006, interpretando cancións da primeira tempada da serie.[34] Walt Disney Records lanzou unha banda sonora en outubro dese ano.[35] A gravación foi un grande éxito comercial, subindo ó máis alto da lista Billboard 200 nos Estados Unidos; conseguiu vender máis de tres millóns de copias en todo o mundo.[36] Co lanzamento da banda sonora, Cyrus converteuse na primeira actriz de The Walt Disney Company en ter negocios en televisión, cinema, produtos de consumo e música.[33] Mantivo unha relación de dous anos co tamén actor Tyler Posey.[37] Cyrus comezou a saír co actor e cantante Nick Jonas dende xuño de 2006 até decembro de 2007,[38] declarando que estaban "namorados" e que comezaron a saír pouco despois de coñecerse.[39] A súa relación con Jonas, así como coas súas compañeiras de Disney Selena Gomez e Demi Lovato, atraeron unha considerable atención dos medios de comunicación.[40] Cyrus declarouse pansexual á súa nai cando tiña 14 anos,[41][42][43] e declarou: "Nunca quixen etiquetarme a min mesma! Estou preparada para amar a calquera que me ame polo que son! Estou aberta."[44]

Cyrus asinou un contrato de gravación de catro álbums con Hollywood Records para distribuír a súa música non relacionada con Hannah Montana.[45] Lanzou o álbum de dous discos Hannah Montana 2: Meet Miley Cyrus en xuño de 2007.[46] O primeiro disco foi acreditado como a segunda banda sonora de "Hannah Montana", mentres que o segundo disco foi o primeiro álbum de estudio de Cyrus.[46] O álbum foi o segundo en acadar o máis alto de Billboard 200, e vendeu máis de tres millóns de copias dende o seu lanzamento.[47] Meses despois do lanzamento deste proxecto, "See You Again" (2007) foi lanzado como sinxelo principal do álbum.[48] A canción foi un éxito comercial, e vendeu máis de dous millóns de copias nos Estados Unidos dende a súa estrea.[49] Posteriormente colaborou co seu pai no sinxelo "Ready, Set, Don't Go" (2007).[50] Cyrus embarcouse na súa exitosa xira musical Best of Both Worlds Tour (2007–08) para promocionar o lanzamento.[51][52] Ticketmaster comentou que "nunca tiveran unha demanda dese nivel de intensidade dende The Beatles ou Elvis".[53] O éxito da xira provocou a estrea do filme en 3D Hannah Montana & Miley Cyrus: Best of Both Worlds Concert (2008).[54] Malia que nun principio estaba pensada como unha estrea limitada, o seu éxito provocou unha distribución máis longa do agardado.[55]
Cyrus e a súa amiga Mandy Jiroux comezaron a publicar vídeos en YouTube en febreiro de 2008, chamando ós vídeos "The Miley and Mandy Show"; estes vídeos conseguiron un alto nivel de seguimento en liña.[56] En abril de 2008, varias imaxes de Cyrus en roupa interior e traxe de baño foron roubadas por un hacker adolescente que accedeu á súa conta de Gmail.[57][58] Ademais, xerouse moita controversia cando se fixo público que Cyrus, daquela con quince anos, posara espida nunha sesión de fotos con Annie Leibovitz para Vanity Fair.[59] The New York Times aclarou posteriormente que as fotografías só daban a impresión de que estaba cos peitos ó aire, mais Cyrus non fixo topless.[60]
Cyrus lanzou o seu segundo álbum de estudio, Breakout (2008), en xuño dese ano.[61] O álbum conseguiu ser o máis vendido da súa carreira, e foi o terceiro en chegar ó máis alto de Billboard 200.[62][63] Cyrus protagonizou con John Travolta o filme animado Bolt (2008), sendo o seu debut como actriz de cinema.[64] O filme foi un éxito comercial e da crítica, o cal lle valeu un nomeamento ós Globos de Ouro.[65]
En marzo de 2009, Cyrus lanzou "The Climb" (2009) un sinxelo da banda sonora de Hannah Montana: The Movie.[66] Tivo unha cálida acollida por parte da crítia e do público, converténdose nun éxito de mestura entre xéneros pop e country.[67] A banda sonora, que contén o sinxelo, converteuse na cuarta entrada de Cyrus no máis alto de Billboard 200; isto converteuna, con dezaseis anos, na artista máis nova da historia con catro álbums de éxito na lista.[68] Lanzou a cuarta banda sonora de "Hannah Montana" en xullo de 2009, que debutou no número dous en Billboard 200.[69] Cyrus lanzou posteriormente a súa propia liña de roupa, Miley Cyrus e Max Azria, a través de Walmart.[70] Foi promocionada con "Party in the U.S.A." (2009) e o EP The Time of Our Lives (2009).[71][72] Cyrus dixo que era "un álbum de transición [...] realmente para introducir ás persoas como quero que soe o meu próximo disco e co tempo poderei facelo un pouco máis".[72] "Party in the U.S.A." converteuse axiña nun dos sinxelos máis exitosos de Cyrus até ese momento, e é considerado como unhas das súas cancións máis representativas.[73] Despois embarcouse na súa primeira xira mundial, o Wonder World Tour (2009), que foi un éxito comercial e da crítica.[74] O 7 de decembro de 2009, Cyrus actuou para a raíña Isabel II e outros membros da familia real británica en Royal Variety Performance en Blackpool, Lancashire.[75]
Billboard clasificouna como a cuarta artista con maior número de vendas de 2009.[76]
2010–2012: Can't Be Tamed e actuación
Coa esperanza de potenciar unha imaxe máis madura, Cyrus protagonizou o filme The Last Song (2010), baseado na novela de Nicholas Sparks.[77] Tivo unha mala acollida por parte da crítica,[78] malia o éxito de recadación.[79][80] Durante a rodaxe, comezou unha relación romántica co seu compañeiro de elenco Liam Hemsworth.[81] Cyrus intentou cambiar aínda máis a súa imaxe co lanzamento do seu terceiro álbum de estudio, Can't Be Tamed (2010).[82] O álbum contén un son máis orientado ó baile que o anterior, e provocou unha considerable controversia polo contido das súas letras e as actuacións en directo de Cyrus.[83][84][85][86] Vendeu 106 000 copias na súa primeira semana, e converteuse no seu primeiro álbum de estudio que non copou a lista Billboard 200 nos Estados Unidos.[87] Por mor da controversia da súa estrea, o segundo e último sinxelo do álbum, "Who Owns My Heart" foi lanzado só en territorios europeos escollidos.[88][89] Cyrus lanzou a banda sonora final de Hannah Montana Forever ese mesmo outubro; foi un fracaso comercial.[90] A caída nas vendas de Cyrus nos seus lanzamentos atribuíuse á súa nova e controvertida imaxe.[87]

Cyrus foi obxecto de aínda máis controversia cando un vídeo publicado en decembro de 2010 amosaba a unha Cyrus de dezaoito anos fumando salvia cun bong.[91][92][93] 2010 rematou con ela clasificada no posto décimo terceiro na lista Celebrity 100 de Forbes.[94]
Embarcouse na súa xira Gypsy Heart Tour (2011) en abril, sen datas programadas en América do Norte.[95] Cyrus citou as súas controversias como a principal razón deste feito, declarando que só quería viaxar onde ela sentía "máis amor".[96][97] Despois da estrea de Can't Be Tamed, Cyrus deixou oficialmente o selo discográfico Hollywood Records.[98] Con Hannah Montana oficialmente rematada, Cyrus anunciou un hiato na súa carreira musical para centrarse na súa carreira na actuación.[99] Declarou "Non tomei, como, leccións de actuación nin nada, pero iso non quere dicir que no sexa preciso porque estou segura de o preciso... Probablemente vou contratar un adestrador de actuación".[100] Posteriormente confirmou que non iría á universidade polo momento, argumentando que "[ela é] unha firme crente de que pode volver á idade que se desexe", e que ela "traballara duro para estar onde está agora, e quería desfrutalo mentres durase".[101][102]
O 5 de marzo de 2011 foi a convidada no programa Saturday Night Live, durante o cal participou en varios gags sobre as súas últimas controversias.[103][104] Posteriormente fixo unha aparición na serie de MTV Punk'd, a carón de Kelly Osbourne e Khloé Kardashian.[105][106] Cyrus protagonizou o filme independente LOL (2012) con Demi Moore.[107] O filme tivo unha estrea limitada e non tivo éxito nin da crítica nin comercial.[108][109][110] Despois protagonizou a comedia So Undercover, no papel dunha axente do FBI que debe introducirse nunha irmandade de universidade.[111] O 2 de agosto de 2011, a través de Contact Music, Cyrus asinou para aparecer nunha comerdia sen título no que interpreta a unha muller que rompe unha promesa a Deus.[112] Anunciouse despois que Cyrus protagonizaría o filme Family Bond, interpretando unha rapaza que rastrexa ó seu pai espía nun intento de salvar á súa nai secuestrada.[113]
Cyrus lanzou unha serie de actuación ó vivo coñecidas como Backyard Sessions a través de YouTube durante a primaver e o verán de 2012; as interpretacións incluían cancións clásicas que lle gustaban persoalmente a Cyrus.[114] Logo de traballar nun cuarto álbum errado o ano anterior, Cyrus retomou o traballo nun novo proxecto musical a finais de 2012.[115] Colaborou cos produtores Rock Mafia na canción "Morning Sun" (2012), que estivo dispoñible para a súa descarga de balde en liña.[116] Anteriormente, aparecera nun vídeo musical para o sinxelo "The Big Bang" (2010).[117] Cyrus colaborou na canción "Decisions" (2012) de Borgore.[118] Tanto Cyrus como Hemsworth apareceron no vídeo musical do tema.[119] Ademais, apareceu no papel de Missi en dous episodios da serie da CBS Two and a Half Men.[120] Tamén foi confirmada como a actriz de voz principal no filme Hotel Transylvania, mais finalmente rexeitou o proxecto para coordinar a súa volta ó mundo da música.[121] O 31 de maio, anunciouse que Cyrus e Hemsworth estaban comprometidos logo dunha relación de tres anos intermitente.[122] Cyrus atraeu a atención dos medios de comunicación despois de cortar o seu cabelo, tradicionalmente longo e castaño, a un corte pixie loiro; comentou que "nunca antes se sentira tan ben consigo mesma na súa vida" e que "realmente lle cambiou a vida".[123][124]
2013–2015: Bangerz e Miley Cyrus & Her Dead Petz
En 2013, Cyrus contratou a Larry Rudolph como o seu representante; Rudolph é coñecido por ser o representante de Britney Spears.[125] Axiña se confirmou que Cyrus asinou un novo contrato de gravación con RCA Records para a distribución de futuros lanzamentos.[126] Traballou con produtores como Pharrell Williams e Mike Will Made-It no seu cuarto álbum, que ten un son influenciado polo hip hop.[127] Colaborou con numerosos artistas de hip hop[127] e apareceu na canción de Snoop Lion "Ashtrays and Heartbreaks" (2013), estreado como sinxelo do álbum Reincarnated, en abril de 2013.[128] Traballou con will.i.am na canción "Fall Down" (2013), estreado como sinxelo promocional ese mesmo mes.[129] A canción entrou na lista Billboard Hot 100 no número 58, marcando a súa primeira aparición na lista dende "Can't Be Tamed" (2010).[130] Tamén colaborou na canción de Lil Twist "Twerk", que tamén conta coa voz de Justin Bieber.[131] A canción non foi lanzada por razóns descoñecidas, a pesar de que foi filtrada en liña.[131] O 23 de maio de 2013, confirmouse que Cyrus aparecería no sinxelo de Mike Will Made It "23", xunto a Wiz Khalifa e Juicy J.[132] O sinxelo acadou o posto número 11 na lista Hot 100, e vendeu máis dun millón de copias en todo o mundo dende a súa estrea.[133]

Cyrus lanzou o seu sinxelo "We Can't Stop" o 3 de xuño.[134] O tema converteuse nun éxito comercial a nivel mundial, encabezando as listas en territorios como o Reino Unido.[135][136] O vídeo musical do tema foi un récord en VEVO ó maior número de visualización en 24 horas, e converteuse no primeiro vídeo en acadar as 100 millóns de visualizacións na páxina.[137] Cyrus interpretou a canción xunto a Robin Thicke na gala dos premios MTV de 2013, unha actuación que provocou unha ampla atención dos medios e o escrutinio público. Os seus actos sexuais simulados cun gran dedo de foam foron descritos como "perturbadores", e toda a actuación como "digna de vergoña".[138][139] Cyrus lanzou "Wrecking Ball" (2013) como o segundo sinxelo de Bangerz o mesmo día dos VMAs.[140] A canción converteuse nun éxito instantáneo, e o vídeo musical que a amosa enriba dunha bóla de demolición espida, foi visto máis de dezanove millóns de veces o día do seu lanzamento.[139][140] O sinxelo converteuse no primeiro de Cyrus en subir ó máis alto da lista Hot 100 nos Estados Unidos, vendendo máis de dous millóns de copias.[141]
Logo de meses de especulacións dos medios de comunicación, o 16 de setembro de 2013, un representante de Cyrus anunciou que ela e Hemsworth decidiron cancelar o seu compromiso, rematando unha relación de catro anos.[142] O 2 de outubro, MTV emitiu o documental Miley: The Movement, que narra a gravación do seu cuarto álbum de estudio, Bangerz,[143][144] que foi lanzado o 4 de outubro.[145] Foi un éxito comercial, debutando no número un de Billboard 200 e con vendas na primeira semana de 270 000 copias.[146] O 5 de outubro, Cyrus foi a Saturday Night Live por segunda vez; recibiu maioritariamente críticas positivas que consideraron o programa "bo mais non xenial".[147] Ese mesmo día, o rapeiro Future lanzou o sinxelo "Real and True" en colaboración con Cyrus e Mr. Hudson; o vídeo musical foi estreado cinco días despois, o 10 de novembro de 2013.[148] A finais de 2013, foi declarada artista do ano por MTV.[149] O 29 de xaneiro de 2014, realizou un concerto acústico en MTV Unplugged, interpretando cancións de Bangerz e coa aparición de Madonna.[150] Converteuse no MTV Unplugged máis vista da década con máis de 1,7 millóns de visualizacións.[151] Cyrus tamén protagonizou a campaña de primavera de Marc Jacobs xunto a Natalie Westling e Esmerelda Seay Reynolds.[152] Comezou o seu controvertido Bangerz Tour (2014) ese ano, que tivo unha acollida xeralmente positiva.[153][154] O 1 de abril, dous meses despois de comezar a xira, Cyrus soubou que o seu can Floyd, foi atopado mutilado de morte na súa casa en Studio City despois de pelexar cun coiote. O incidente traumatizou a Cyrus até o punto de que ó final da súa xira, Cyrus decidiu un estilo de vegano e dende entón continuou a promocionalo.[155] Dúas semanas despois, Cyrus sufriu unha reacción alérxica ó antibiótico cefalexina, prescrito para tratar unha infección sinusítica,[156] o que provocou a súa hospitalización en Kansas City. Malia que algunhas datas tiveron que ser reprogramadas, a xira continuou días despois.[157]
Ó tempo que colaborou con The Flaming Lips no remake de Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band de The Beatles,[158][159] Cyrus comezou a traballar con Wayne Coyne no seu quinto álbum de estudio.[160] Afirmou que estaba tomando o seu tempo para enfocarse na música e que o álbum non sería lanzado até que sentise que estaba listo.[161] Coyne comparou o seu material en colaboración con Cyrus ós catálogos de Pink Floyd e Portishead, e describiu o seu son como "unha versión un pouco máis sabia, máis triste e máis verdadeira" respecto da versión pop de Cyrus.[162] Durante a maior parte do tempo que estivo gravando o álbum mantivo unha relación romántica co actor Patrick Schwarzenegger.[81][163] Cyrus tamén traballou nos filmes The Night Before (2015) e A Very Murray Christmas (2015) durante este período; ámbolos dous papeis foron cameos.[164] Saíron á luz publicacións en 2015 que suxerían que Cyrus estaba a traballar en dous álbums de xeito simultáneo, un dos cales esperaba poder lanzalo sen custo.[165] Isto foi confirmado polo seu representante, que afirmou que estaba disposta a finalizar o seu contrato con RCA Records se se negaban a deixarlle lanzar un álbum de balde.[165] Cyrus foi a anfitioa nos premios MTV de 2015, converténdose na primeira anfitrioa abertamente pansexual destes premios, e fixo unha actuación sorpresa da súa canción "Dooo It!" (2015) no remate do espectáculo.[166][167] Inmediatamente despois da actuación, Cyrus aunciou que o seu quinto álbum, Miley Cyrus & Her Dead Petz (2015), estaba dispoñible de balde a través de SoundCloud.[167] O álbum foi escrito e producido principalmente por Cyrus, e foi considerado un álbum de música experimental e psicodélica,[168][169][170] con elementos de pop psicodélico,[171][172] rock psicodélico,[173] e pop alternativo.[174]
2016–2017: The Voice e Younger Now
En 2016, despois da estrea do seu quinto álbum de estudio o ano anterior, Cyrus comezou a traballar no seu seguinte álbum.[175][176] Foi conselleira durante a décima tempada do concurso televisivo de canto The Voice.[177] Logo de meses de especulación, confirmouse en marzo de 2016 que Cyrus retomou a súa relación con Liam Hemsworth.[178][179] Ese mesmo mes, anunciouse que Cyrus asinou como adestradora para a décimo primeira tempada de The Voice en substitución de Gwen Stefani; Cyrus é a xurado máis nova en aparecer en calquera das tempadas do programa.[180] En setembro de 2016, Cyrus protagonizou Crisis in Six Scenes, unha serie de televisión de Woody Allen creada para Amazon Studios. Interpreta o papel dunha activista radical que provoca o caos nunha casa conservadora dos anos 60 mentres se agocha da policía.[181][182] O 17 de setembro de 2016, apareceu en The Tonight Show Starring Jimmy Fallon, onde cantou a canción de Bob Dylan "Baby, I'm In the Mood for You", unha actuación que Fallon considerou "fantástica".[183] En outubro de 2016, Cyrus confirmou que estaba outra vez comprometida con Liam Hemsworth.[184]
O 11 de maio de 2017, Cyrus lanzou "Malibu" como o sinxelo principal do seu sexto álbum.[185] O sinxelo debutou no No. 64 da lista Billboard Hot 100 e chegou ó No. 10 das listas na súa segunda semana.[186][187] O 9 de xuño, Cyrus lanzou "Inspired" despois de interpretar a canción no concerto benéfico One Love Manchester.[188] Serviu como sinxelo promocional para o seu seguinte álbum. O 8 de agosto, Cyrus anunciou que o seu sexto álbum levaría por título Younger Now e que sería estreado o 29 de setembro de 2017.[189][190] A canción que deu título ó álbum foi estreado como segundo sinxelo o 18 de agosto, e debutou no posto No. 79 na Billboard Hot 100.[191] O 27 de agosto, Cyrus interpretou a canción nos Premios MTV de 2017.[192] O 15 de setembro, interpretou "Malibu", "Younger Now", "See You Again", "Party in the U.S.A." e un cover da canción de Roberta Flack "The First Time Ever I Saw Your Face" para a BBC Radio 1 en Live Lounge.[193] Cyrus volveu ser adestradora na décimo terceira tempada de The Voice despois dun hiato dunha tempada.[194][195] O 5 de outubro de 2017, Cyrus confirmou que regresaría a The Voice para a décimo cuarta tempada.[196] O 30 de outubro de 2017, Cyrus dixo que non faría máis xiras nin lanzaría máis sinxelos de Younger Now para poder centrarse en The Voice.[197]
2018: novo álbum
Antes de que Younger Now fose estreado en setembro de 2017, Cyrus expresou que ela xa tiña "dúas cancións profundas para o seguinte [álbum]."[198] Os colaboradores do sétimo álbum de Cyrus inclúen a Mike Will Made It, Mark Ronson e Andrew Wyatt.[199] A súa primeira colaboración con Ronson, "Nothing Breaks Like a Heart", foi estreada o 29 de novembro.[200][201]
A noite do 11 de novembro de 2018, durante unha rodaxe en Suráfrica,[202] Cyrus interrompeu un longo apagamento nas súas redes sociais por mor da estrea do sétimo álbum de estudio[203] para amosar o fogar que compartía con Hemsworth e que foi queimado no incendio de Woolsey.[204][205] Nas súas publicacións, expresou a devastación da súa comunidade e confirmou a súa propia seguridade, a do seu prometido e a das súas mascotas, ó tempo que compartía ligazóns entre os seus seguidores para doar tempo, cartos e recursos a grupos e institucións de caridade que loitaban para extinguir os incendios de California de 2018 e axudar ós afectados. Ela era unha dos moitos artistas residentes na área, xunto co actor Gerard Butler ou os músicos Neil Young e Robin Thicke, que perderon os seus fogares no incendio.[206][207][208]
Remove ads
Discografía
- Meet Miley Cyrus (2007)
- Breakout (2008)
- Can't Be Tamed (2010)
- Bangerz (2013)
- Miley Cyrus & Her Dead Petz (2015)
- Younger Now (2017)
- She Is Coming (2019)
- Plastic Hearts (2020)
- Endless Summer Vacation (2023)
- Something Beautiful (2025)
Filmografía
- Big Fish (2003)
- Hannah Montana and Miley Cyrus: Best of Both Worlds Concert (2008)
- Bolt (2008)
- Hannah Montana: The Movie (2009)
- The Last Song (2010)
- LOL (2012)
- So Undercover (2012)
- Miley: The Movement (2013)
- The Night Before (2015)
- A Very Murray Christmas (2015)
- Crisis in Six Scenes (2016)
- Guardians of the Galaxy Vol. 2 (2017)
Xiras
- Best of Both Worlds Tour (2007–2008)
- Wonder World Tour (2009)
- Gypsy Heart Tour (2011)
- Bangerz Tour (2014)
- Milky Milky Milk Tour (2015)
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads