Qu Yuan
poeta da antiga China From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Qu Yuan (en chinés tradicional e simplificado: 屈原; en pinyin: Qū Yuán; en Wade-Giles: Ch'ü1 Yüan2), nado no ano 343 a.C. e finado no 278 a.C., foi un poeta e aristócrata chinés do reino de Chu, durante o período dos Reinos Combatentes. É coñecido polo seu patriotismo e polas súas achegas á poesía clásica, especialmente os poemas recollidos no Chu ci (en galego: As cancións de Chu), unha escolma atribuída ao poeta ou, cando menos, inspirada polos seus versos. Xunto co Shijing, é unha das dúas grandes coleccións de poesía chinesa antiga. Qu Yuan tamén é lembrado pola suposta conexión coa orixe da festa do Bote do Dragón.
Consérvanse poucos datos sobre a vida de Qu Yuan, e dubídase da autoría de moitos dos seus poemas no Chu ci.[1] Porén, acéptase como seu o célebre Li sao (en galego: O lamento da separación). A primeira referencia a Qu Yuan atópase nun poema do -174 escrito por Jia Yi, un funcionario de Luoyang que foi calumniado polos seus inimigos e exiliado a Changsha polo emperador Wen dos Han. Durante a viaxe, escribiu unha peza describindo a súa situación como semellante á dun certo Qu Yuan. Oito anos máis tarde, apareceu a primeira biografía do poeta no Shiji de Sima Qian, aínda que contén varias informacións contraditorias.[2]
Remove ads
Traxectoria
A única fonte de información que se conserva sobre a súa vida é a biografía de Sima Qian no Shiji, malia que o texto sexa circunstancial e probablemente estea influenciado polo seu autor, quen se identificaba con Qu Yuan.[3][4] Segundo Sima Qian, Qu foi membro do clan real dos Chu e serviu como oficial do rei Huai de Chu (r. 328-299 a.C.).[5]
Durante os primeiros anos do reinado de Huai, Qu Yuan serviu como Ministro da Esquerda do reino de Chu.[6] Porén, o monarca exiliouno ao norte do río Han debido ás acusacións de ministros corruptos.[6] Co tempo, Qu Yuan foi perdoado e enviado nunha misión diplomática ao reino de Qi.[6] Tentou restaurar as relacións entre ambos os estados, que o rei Huai rompera baixo o falso pretexto de que o rei Huiwen de Qin lle cedería territorios próximos a Shangyu.[6]
Durante o mandato do rei Qingxiang de Chu (r. 298-263 a.C.), o seu primeiro ministro Zilan acusou en falso a Qu Yuan, provocando un novo desterro, nesta ocasión cara ao sur do Yangtzé.[6] Dise que o poeta regresou primeiro á súa aldea natal. Xa no exilio, pasou gran parte do seu tempo viaxando polo rural, recompilando lendas e cancións populares. Ademais, escribiu algunhas das pezas máis famosas da literatura chinesa, expresando a súa preocupación polo estado do seu reino.[6] Dise que a ansiedade lle causou graves problemas de saúde. Durante a súa depresión, adoitaba dar longos paseos arredor dun pozo no que contemplaba o seu reflexo. Supostamente situado nun outeiro de Xiangluping (no actual condado de Zigui, na provincia de Hubei), coñécese agora como "o pozo da cara reflectida".
En -278, ao saber da captura da capital do seu país, Ying, polo xeneral Bai Qi do reino de Qin, Qu Yuan redactou unha longa elexía titulada Ai Ying (en galego: Lamento por Ying). Finalmente, suicidouse guindándose ao río Miluo (na actual provincia de Henan) cun penedo nas mans. A escolla deste método para morrer foi obxecto de debate para as xeracións de eruditos posteriores. Unha das explicacións máis típicas do seu final é a do filósofo Zhu Xi, da dinastía Song, quen argumentou que se trataba dun martirio pola caída do seu reino natal ou pola desesperación causada pola política interna de Chu. Secasí, segundo o Yu fu, un coñecido poema atribuído ao propio Qu Yuan, o suicidio era un medio para protexer a súa inocencia e os seus principios de vida.
De acordo con Li Yinhe, Qu Yuan expresou o seu amor polo rei Huai de Chu en varias das súas obras, entre as que se atopan o Li sao.[7]
Remove ads
Influencia

Qu Yuan é considerado o primeiro versificador da China que ten o seu nome asociado aos seus poemas, xa que con anterioridade non se adoitaban atribuír as pezas a autores específicos. Ademais, foi o iniciador do estilo sao de poesía, nomeado así polo seu Li sao. Esta obra destaca por abandonar os versos de catro caracteres, típicos do Shijing, en favor de versos de lonxitude variada. Esta mudanza resultou en maior ritmo e profundidade na expresión. A nivel de contido, Qu Yuan é unha das figuras máis senlleiras da poesía romántica clásica, e as súas obras mestras influíron nos grandes poetas románticos da dinastía Tang. Durante o mandato dos Han, Qu Yuan foi establecido como un exemplo de comportamento heroico, malia o trato que recibiu en vida como funcionario do imperio.[8]
Chu ci
- Artigo principal: Chu ci.
O reino de Chu estaba situado na actual área do río Yangtzé na China central. Naquela época, Chu representaba os límites meridionais do eido cultural chinés, sendo segundo o momento aliado, inimigo ou parte dos dominios dos Shang e dos Zhou. Non obstante, a súa cultura posuía certos trazos propios das tradicións locais, coma o xamanismo; a súa influencia pode apreciarse no Chu ci.[9]
Esta obra foi compilada e anotada por Wang Yi (finado en -158), e constitúe a fonte de transmisión dos seus poemas e a única vía de información fiable sobre os mesmos para a posteridade; xa que logo, o papel de Qu Yuan como autor, editor ou corrector destas pezas permanece en dúbida.[10] Os poemas do Chu ci influíron de xeito directo no xénero fu da literatura dos Han.[11] Neste sentido, como medio de preservación da literatura chinesa antiga, o Chu ci ofrece datos moi valioso para a investigación lingüística sobre a historia da lingua chinesa, iniciada por autores coma Chen Di.
Relixión
Tras o seu suicidio, Qu Yuan foi reverenciado por algúns coma unha divindade da auga. Por exemplo, algúns daoístas taiwaneses considérano un dos inmortais reis da auga.[12]
Patriotismo
- Véxase tamén: Nacionalismo chinés.
Durante a segunda guerra mundial, Qu Yuan comezou a ser considerado, dende un punto de vista nacionalista, como "o primeiro poeta patriótico da China".[13] Wen Yiduo, un poeta e erudito socialista executado polo Kuomintang, escribiu no seu Shenhua yu shi (en galego: Mito e poesía):[14]
Malia que Qu Yuan non escribiu sobre a vida do pobo nin cantou os seus sufrimentos, podemos considerar con xustiza á verdade que actuou coma o líder da revolución dun pobo e tratou de vingalo. Qu Yuan é a única persoa en toda a historia chinesa que pode ser chamado sen ambaxes "o poeta do pobo"Wen Yiduo, Shenhua yu shi (1956)
A peza teatral Qu Yuan, de Guo Moruo, tratouno dun xeito similar, establecendo paralelismos co Hamlet e O rei Lear de William Shakespeare.[13][15]
Esta visión idealizada e patriótica de Qu Yuan canonizouse tras a vitoria comunista de 1949 na guerra civil chinesa e a constitución da República Popular da China.[8][13] Por exemplo, un manual de instituto de 1957 comezaba coa frase "Qu Yuan foi o primeiro gran poeta patriótico na historia da literatura do noso país".[16] Este status de culto elevou a súa posición no canon literario chinés, como amosa a súa aparición en selos postais ou a elección da festa do Bote do Dragón como festivo nacional chinés en 2008. Porén, esta conversión vai en contra das análises críticas da historicidade de Qu Yuan e das súas obras desenvolvidas por eruditos de finais da dinastía Qing e da primeira república.[13]
A festa do Bote do Dragón
- Artigo principal: Festa do Bote do Dragón.
A lenda popular afirma que un grupo de campesiños en bote (que levaban jiaozi) tratou de salvar a Qu Yuan despois de este mergullarse no río Miluo, mais chegaron demasiado tarde. Porén, para afastar aos peixes e aos malos espíritos do seu corpo, tocaron uns tambores e remexeron na auga cos remos, ao tempo que guindaban arroz como ofrenda para o defunto. Con todo, dise que a pantasma do poeta apareceu unha noite ante os seus amigos e, informándoos do seu suicidio, pediulles que envolvesen arroz en paquetes de seda para escorrentar ao dragón.
Esta é a suposta orixe dunha comida típica chinesa coñecida como zongzi, que consiste en arroz e outros alimentos cociñados dentro de follas. O intento de salvar a Qu Yuan no bote sentou a base da tradición das carreiras en barcos dragón, que se realizan todos os anos no cabodano do poeta. Na actualidade, a xente aínda come zongzi e participa nestas carreiras o quinto día do quinto mes do calendario lunar chinés para conmemorar a figura do escritor. Os países da esfera cultural chinesa celebran variacións desta festa, como o tango no sekku do Xapón, o dano en Corea ou o Tết Đoan ngọ en Vietnam.
Misións espaciais
No poema titulado Tianwen, Qu Yuan fala de cuestións ontolóxicas sobre as orixes do universo e os misterios do ceo e a terra.[17] O programa de exploración interplanetaria da China leva o nome desta peza. A súa primeira misión a Marte, Tianwen-1, enviouse con éxito o 23 de xullo de 2020, chegando ao planeta vermello o 10 de febreiro do ano seguinte.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads