Político de Cataluña From Wikipedia, the free encyclopedia
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.[1]
Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia. O 10 de xaneiro de 2016 foi investido presidente da Generalitat de Cataluña (o cento trinta) polo Parlamento de Cataluña[2] grazas ó acordo levado a cabo o día antes entre Junts pel Sí e a CUP e no cal se anunciou que substituiría a Artur Mas como presidente da Generalitat en troques de garantir a estabilidade parlamentaria no Goberno.[3][4] O 14 de xaneiro do mesmo ano presentou o seu novo Goberno da Generalitat. Asociouse ó Partit Demòcrata o 10 de xullo de 2016.
O seu goberno promoveu un referendo de independencia o 1 de outubro de 2017. O 28 de outubro do mesmo ano o goberno español, coa aplicación do artigo 155 da Constitución española de 1978, destituíuno do seu cargo, conxuntamente cos conselleiros do seu goberno, unha decisión que non aceptaron nin el nin os membros do Goberno.[5] O mesmo día, o Parlamento declarara formalmente a independencia.[6] O 30 de outubro de 2017 Puigdemont marchou a Bruxelas xunto con catro conselleiros do seu goberno, Clara Ponsatí, Antoni Comín, Lluís Puig e Meritxell Serret.[7][8] O 25 de marzo de 2018 foi retido en Alemaña cando se dirixía cara a Bélxica despois de que se activase unha orde europea de detención contra el.[9] Despois de doce días en prisión provisional, foi posto en liberdade o 6 de abril en medidas cautelares.[10] O 10 de maio de 2018 suxeriu como candidato á Presidencia da Generalitat de Cataluña ó editor Joaquim Torra. Dous meses despois presentou o proxecto de Crida Nacional per la República.[11]
Fillo de Xavier Puigdemont e de Núria Casamajó, foi o segundo de oito irmáns dunha familia dedicada tradicionalmente á repostería [12]. Recibiu o seu nome polo seu avó, Carles Casamajó, que no inverno de 1939, ao remate da Guerra Civil, marchou ao exilio en Francia desde onde enviaba cartas á familia, antes de desaparecer en 1943 sen deixar rastro[13]. Pola súa banda, seu avó paterno, Francesc Puigdemont, fuxiu do bando republicano logo do seu chamamento a filas e refuxiouse na serra de Cádiz e en Burgos[14].
Cursou os estudos básicos e o bacharalato na súa vila natal Amer, na provincia de Xirona, e no internado católico de Santa Maria del Collell e alí tivo como mestres ao escritor Manuel Costa-Pau e ao cantautor Josep Tero, entre outros[15]. Foi baixista co grupo de pop-rock Zènit que tocaba en festas locais[16] e fundou con Salvador Clarà a publicación local Espelt[17]. Aos 16 anos comezou a exercer como correspondente para o xornal Los Sitios, de Xirona, enviando crónicas futbolísticas e outras noticias.[18]
Empezou estudos de Filoloxía catalá na Universidade de Xirona, abandonados polas tarefas como xornalista[19]. Foi redactor xefe de El Punt, diario no que comezou a traballar en febreiro de 1982 como corrector lingüístico[20], e que compaxinou con tarefas para a revista Presència.
En 1988 reuniu referencias da prensa internacional sobre Cataluña, material que deu como froito a publicación en 1994 do libro Cata... què? Catalunya vista per a premsa internacional.[21] É membro do Colexio de Xornalistas de Cataluña.
En canto á súa traxectoria política, foi alcalde de Xirona dende o ano 2011 e deputado no Parlamento de Cataluña dende 2006. Nas pasadas[cando?] eleccións foi dentro da coalición Junts pel Sí (no terceiro posto pola circunscrición de Xirona[22]). Ocupou o cargo de presidente da Associació de Municipis per la Independència dende o 17 de xullo de 2015,[23] en substitución de Josep Maria Vila d'Abadal.
É un dos principais impulsores do independentismo catalán dentro das filas de CDC:
[desexo a independencia de Cataluña] porque non hai outro instrumento que nos permita sobrevivir como país, como sociedade, como cultura e como un proxecto colectivo. Xa non podemos existir como cataláns tal e como o fixeramos até agora. Se non o mudamos, cousa que só pode darse a través da independencia, acabará a idea de cataláns. Eu non o acepto nin me resigno ante ese futuro. Non lle vexo outro camiño ca o da independencia. E, de feito, os outros camiños xa os tentamos todos.[24]
En 2012 foi denunciado pola Avogacía do Estado español por destinar cartos públicos para a contratación de trens especiais a Renfe co gallo da celebración da manifestación «Catalunya, nou estat d'Europa», e en 2015 foi investigado pola Fiscalía da Audiencia Nacional polo apoio do Concello de Xirona á Declaración de inicio do proceso de independencia de Cataluña do Parlament de Catalunya. Ese mesmo ano, a Candidatura d'Unitat Popular, que criticou especialmente o modelo turístico da cidade, impugnou a contratación dos cargos de confianza do goberno municipal.
O 9 de xaneiro de 2016, tras unha longa e ardua negociación,[25] a CUP e Junts pel Sí chegaron a un acordo para investir a Puigdemont como presidente de Cataluña en detrimento de Artur Mas.[26][27]
O 19 de setembro de 2016 o Presidente da Generalitat Valenciana Ximo Puig e o seu homólogo Carles Puigdemont reuníronse no Palacio da Generalitat Valenciana e asinaron o acordo de reciprocidade das canles da Corporación cos da Corporación Catalá de Medios Audiovisuais. O acordo incluía a creación dunha comisión técnica mixta con Cataluña para que, tan pronto como a Corporación empezase a emitir, coa dita reciprocidade.
En setembro de 2017, o fiscal xeral do Estado de España, José Manuel Maza, evocou a posibilidade de deter a Carles Puigdemont por malversación de fondos públicos.[28]
O 27 de outubro de 2017, despois de que o Parlamento de Cataluña proclamase a República Catalá ao amparo dos resultados do referendo do día 1 de outubro, o Senado de España aprobou as medidas propostas polo goberno ao amparo do artigo 155 da Constitución española, entre elas a destitución de Carles Puigdemont como Presidente da Generalitat de Cataluña, así como o resto de conselleiros e o vicepresidente do Goberno de Cataluña, inmediatamente despois foi publicado no Boletín Oficial del Estado[29] en aplicación do artigo nº 155 da Constitución española de 1978. O goberno da Generalitat, a través do presidente Puigemont, non recoñeceu o cesamento por parte do Goberno de España [30]; así mesmo, o vicepresidente Oriol Junqueras cualificou a decisión do executivo de Mariano Rajoy como "antidemocrática".[31]
O 29 de outubro de 2017 emprendeu viaxe a Bruxelas saíndo en coche ao amencer desde o seu domicilio en Xirona por La Jonquera e tomando un voo desde Marsella a Bruxelas.[32] O 31 de outubro de 2017, nunha rolda de prensa ofrecida desde Bruxelas, demandou garantías dun xuízo imparcial para acceder a volver a España, afirmando a súa intención de quedar en Bruxelas e mantendo a súa actividade política desde alí.[33] Presentou a súa candidatura nas eleccións do 21 de decembro de 2017 e foi elixido deputado.
O 25 de marzo de 2018 a policía alemá, en coordinación loxística co Centro Nacional de Intelixencia, detivo a Puigdemont nunha gasolineira do Estado federado alemán de Schleswig-Holstein, tras cruzar a fronteira entre Dinamarca e Alemaña en coche por onde volvía a Bélxica de dar unha conferencia en Finlandia. Quedou en situación de «arresto provisional», e ingresou na prisión de Neumünster. O 5 de abril de 2018 a xustiza alemá deixouno en liberdade baixo fianza de 75.000 euros mentres decidía sobre a extradición a España. O tribunal de Schleswig-Holstein rexeitou o delito de rebelión e non apreciou a consumación do delito de alta traizón segundo a lexislación alemá. A orde europea de detención e entrega de Puigdemont continuaba vixente a mediados de 2018 por delitos como malversación. En xullo de 2018 os tribunais de Schleswig-Holstein decidiron por unha banda rexeitar o delito de rebelión[34] do que o acusaba a xustiza española e pola outra aceptar a extradición do mandatario a España polo posible delito de malversación.[35] O 19 de xullo de 2018 o xuíz Llarena renunciou a aceptar a extradición só polo delito de malversación ao consideralo inxusto cos outros procesados[36]
O 9 de xullo de 2018 o xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena deu por concluído o sumario contra os 18 procesados. O xuíz ordenou suspender como deputados a Carles Puigdemont, Oriol Junqueras, Raül Romeva, Jordi Turull, Josep Rull e Jordi Sànchez,[37] ofrecendo ao Parlamento catalán a súa substitución temporal[38].
O 8 de agosto de 2024 Puigdemont regresou a España despois de sete anos de exilio autoimposto en Bélxica, o día da toma de investidura de Salvador Illa como presidente da Generalitat. Logo de pronunciar un discurso no Arco de Triunfo de Barcelona desapareceu e desencadeou unha operación policial a grande escala. A policía catalá estableceu bloqueos e detivo un axente cuxo coche presuntamente se utilizou na fuga de Puigdemont.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.