Filipe II de España
rei de Castela e de Aragón, e posteriormente tamén de Portugal / From Wikipedia, the free encyclopedia
Filipe II de España,[4][5][6][7][8][9][10] tamén coñecido como Filipe II de Habsburgo,[11][12] nado en Valladolid o 21 de maio de 1527 e finado en El Escorial, Madrid, o 13 de setembro de 1598, foi rei de España entre 1556 e 1598 e de Portugal e os Algarves, (Filipe I de Portugal) entre 1580 e 1598.[13]
Fillo e herdeiro de Carlos I de España e Isabel de Portugal, e neto por vía paterna de Xoana I de Castela e de Filipe de Habsburgo (Filipe o Fermoso), e de Manuel I de Portugal e María de Aragón por vía materna. Chamado o rei prudente, realizou a ansiada unión dinástica con Portugal, que durou sesenta anos. Foi así mesmo rei de Inglaterra, entre 1554 e 1558, polo seu matrimonio con María I de Inglaterra.
Desde a súa morte foi presentado polos seus defensores como arquetipo de virtudes, e como un monstro fanático e despótico polos seus inimigos. Esta dicotomía entre a Lenda Negra e a Lenda Branca ou Rosa foi favorecida por el mesmo, xa que se negou a que se publicaran biografías súas en vida, e ordenou a destrución da súa correspondencia.[Cómpre referencia]
Aínda hoxe en día, a historiografía anglosaxoa e protestante presenta a Filipe II como un ser fanático, despótico, criminal, imperialista e xenocida. As súas vitorias foron minimizadas até o anecdótico (salvo uns poucos exemplos, como a Batalla de Lepanto) e as súas derrotas magnificadas en exceso, a pesar de que non supuxeron grandes cambios políticos ou militares, como a perda dunha parte da Grande y Felicísima Armada (a Armada Invencible) debido a un forte temporal que ademais os historiadores anglosaxóns "transformaron" nunha vitoria inglesa.[Cómpre referencia]
Durante o seu goberno, o Imperio Español dirixiu a exploración global e a extensión colonial a través do Atlántico e do océano Pacífico, converténdose durante moito tempo no principal país e potencia europea e de todo o mundo. O seu imperio converteuse no primeiro imperio global, porque por primeira vez un imperio abarcaba posesións en todos os continentes, as cales, a diferenza do que ocorrera no Imperio romano ou no Carolinxio, non se comunicaban por terra unhas coas outras.