From Wikipedia, the free encyclopedia
Guillerme V de Orange-Nassau (en neerlandés: Willem V van Oranje-Nassau), nado o 8 de marzo de 1748 na cidade surholandesa da Haia e finado o 9 de abril de 1806 na localidade baixosaxoa de Brunswick, membro da casa de Orange-Nassau, príncipe de Nassau-Dietz, príncipe de Orange, príncipe de Fulda e conde de Corvey, foi o derradeiro estatúder das Provincias Unidas, entre 1751 e 1795.[1]
Guillerme V era fillo de Guillerme IV de Orange-Nassau (1711-1751), príncipe de Nassau-Dietz e de Orange-Nassau, e de Ana de Hannover (1709-1759), princesa real de Gran Bretaña e Irlanda, e rexente das Provincias Unidas (1751-1759).[2]
O 4 de outubro de 1767 casou en Berlín con Guillermina de Prusia (1751-1820), sobriña de Frederico II, irmá de Frederico Guillerme II e neta de Frederico Guillerme I de Prusia.
Deste matrimonio naceron cinco fillos:
O pai de Guillerme V de Orange-Nassau faleceu en 1751, cando el tiña unha idade de tres anos. En 1766, ao cumprir a maioría de idade, converteuse no novo estatúder das Provincias Unidas logo dun período de rexencia encabezado, sucesivamente, pola súa nai, Ana de Hannover (1751-1759), a súa bisavoa, María Luísa de Hesse-Kassel (1759-1765), e a súa irmá, Carolina de Orange-Nassau (1765-1766).
Desde o principio, Guillerme V confiou os asuntos políticos ao duque Luís Ernesto de Brunswick-Wolfenbüttel, cuñado do rei Frederico II de Prusia, o que ocasionou unha vehemente oposición do partido patriota. O duque de Brunswick foi quen promoveu o casamento do estatúder coa sobriña do monarca prusiano, Guillermina de Prusia.
Guillerme V mantivo a neutralidade das Provincias Unidas durante a Guerra de Independencia dos Estados Unidos, liderando a facción probritánica do Goberno holandés e bloqueando os intentos da facción prorevolucionaria (e posteriormente profrancesa) de levar o goberno a declarar a guerra a Gran Bretaña. No entanto, non foi quen de evitar as hostilidades entre holandeses e británicos cando o intento das Provincias Unidas de unírense á Liga de Neutralidade Armada, dirixida por Rusia, provocou o estoupido da cuarta guerra anglo-holandesa, en 1780.[3][4] As Provincias Unidas non recoñeceron a independencia dos Estados Unidos ata 1782, logo dun intenso debate político e dun esforzo diplomático de franceses e estadounidenses.
Despois de catro anos, a guerra terminou coa derrota holandesa e co país empobrecido. Un grupo de xente nova revolucionaria chamado "facción dos patriotas" desafiou a autoridade de Guillerme V.[5] Ante os tumultos, Guillerme decidiu trasladar a súa corte a Güeldres, unha provincia arredada do centro político, pero non realizou accións decisivas contra os seus adversarios, malia as advertencias da súa esposa, Guillermina, que pretendía viaxar á Haia e restablecer a orde. Guillermina foi detida polos patriotas e obrigada a regresar a Güeldres co seu home. Para Guillermina e o seu irmán, Frederico Guillerme II de Prusia, esta acción dos revolucionarios holandeses constituíu un insulto, e Frederico enviou un exército prusiano para atacar os disidentes. Os patriotas holandeses fuxiron daquela a Francia, á que chegaron durante a caída do rei Lois XVI e o ascenso do "poder do pobo". Guillerme V amosouse hostil ante a Revolución Francesa e aliouse co resto das monarquías europeas para deter os revolucionarios.
Apoiados polo exército francés, os "patriotas" holandeses regresaron desde París para estender a revolución. Derrotadas as tropas leais ao estatúder na actual Bélxica, o seu país sufriu a conseguinte invasión francesa.
Ao non poder repeler a invasión, o 12 de xaneiro de 1795 fuxiu a Inglaterra, entanto que no seu país se establecía, baixo a protección francesa, a República Bátava.[6][7] Desde Inglaterra deu instrucións para que as colonias holandesas (que daquela incluían Xava, Malaca e as illas Molucas) fosen cedidas aos británicos e non caesen nas mans francesas.
En 1801, mediante o Tratado de Lunéville, que legalizou a anexión do sur das antigas Provincias Unidas por Francia, recibiu en compensación as terras das abadías de Corvey e Fulda, en Alemaña, que legou ao seu fillo en 1802.
O que foi o derradeiro estatúter holandés morreu durante o seu exilio en 1806, logo de trasladarse coa súa familia á cidade de Brunswick, actualmente en Alemaña. Os seus restos descansan na cripta real da familia Orange-Nassau na Igrexa Nova de Delft.[8]
En 1813 o seu fillo Guillerme regresou ás Provincias Unidas para lle devolver á Casa de Orange-Nassau o poder e, co tempo, asumir o título de rei dos Países Baixos.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.