Gran Premio de Malaisia de 2009
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O Gran Premio de Malaisia de 2009 (formalmente o XI Gran Premio de Malaisia Petronas) foi unha carreira de Fórmula 1 celebrada o 5 de abril de 2009 no Circuíto Internacional de Sepang en Sepang, Malaisia. Foi a segunda carreira do Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2009. A duración da carreira era de 56 voltas, pero polas chuvias torrenciais que caeron esta foi detida despois de completar 31. Jenson Button gañou para o equipo Brawn GP, saíndo da pole position. Nick Heidfeld quedou segundo co equipo BMW Sauber e Timo Glock terceiro para Toyota. Xa que non se alcanzou a distancia mínima do 75% (neste circuíto, 42 voltas), a repartición dos puntos foi a metade da normal, converténdose na quinta carreira na historia da Fórmula 1 en rematar desde xeito (con só 171.833 km percorridos)[1], sendo ademais a primeira desde o Gran Premio de Australia de 1991[2][3]. Brawn GP volveuse o segundo construtor en gañar os seus dous primeiros Grandes Premios do Campionato do Mundo desde que Alfa Romeo o fixera en 1950[4].
Remove ads
Resumo
Vista xeral

O Gran Premio foi disputado por 20 condutores, repartidos en 10 equipos de dous[5]. Os equipos, tamén coñecidos como "construtores" ou "escuderías", foron Ferrari, McLaren–Mercedes, Renault, Brawn, Force India, BMW Sauber, Toyota, Red Bull Racing, Williams e Toro Rosso[5].
Tras o Gran Premio de Australia, Jenson Button adiantárase dous puntos de Rubens Barrichello e catro de Jarno Trulli no campionato de pilotos[5]. Asemade, Brawn GP lideraba o de construtores con 7 puntos de diferenza sobre Toyota e con 14 sobre Renault[5].
O comezo da carreira foi movido desde as 15:00 hora local (07:00 UTC) ás 17:00 hora local (09:00 UTC). Este traslado foi levado a cabo para facer a retransmisión da carreira a unha hora máis accesible para os europeos, lugar onde hai unha maior audiencia do evento. Non obstante, os organizadores desbotaron a posibilidade de celebrar unha carreira nocturna, na liña do Gran Premio de Singapur de 2008, por motivos de orzamentos[6].
Adestramentos libres e clasificación
"Esta mañá tivemos un problema co KERS, o que nos custou un pouco de tempo, pero intentamos arranxalo para a tarde. Tiñamos a esperanza de que aquí a situación podería ser diferente á de Melbourne, pero aínda é demasiado cedo para dicir onde estamos con respecto aos opoñentes. Do que si podemos ter a certeza é de que cando o coche roda sen problemas somos competitivos. Agardamos poder facer un bo traballo na clasificación de mañá." —Kimi Räikkönen, despois do seu accidente na primeira sesión libre, e tras conseguir a volta rápida na segunda sesión[7] |

Houbo tres sesións de práctica antes da carreira; a primeira foi o venres pola mañá e a segunda no serán do mesmo día. Ambas as sesións tiveron unha duración dunha hora e 30 minutos, con tempo seco. A terceira sesión celebrouse á mañá do sábado e durou tan só unha hora, tamén con condicións climatolóxicas secas[8]. Nico Rosberg e Kazuki Nakajima quedaron primeiro e segundo con Williams na primeira sesión con tempos de 1:36.260 e 1:36.305 minutos respectivamente. Na segunda, Kimi Räikkönen e Felipe Massa de Ferrari fixeron os mellores tempos de 1:35.707 e 1:35.832 minutos. Despois de 18 voltas, a cabina de Räikkönen comezou a botar fume, e aínda que Ferrari non deu unha declaración oficial, hai informes que apuntan a un requecemento do sistema KERS[9].
Jenson Button obtivo para Brawn a segunda pole consecutiva por diante do Toyota de Jarno Trulli[10]. O outro Brawn, conducido por Rubens Barrichello, clasificou cuarto (terceiro se se considera a penalización de Vettel) pero foi atrasado cinco posicións ata a 8ª por mudar a súa caixa de cambios[11]. Por outra banda, un erro de estratexia significou o fracaso de Massa, que non conseguiu pasar o corte da Q1. Nunha entrevista a Globo TV, o piloto dixo que el e mais o equipo pensaran que o tempo inicial era suficiente para pasar á segunda sesión, e non saíu para melloralo nun intento de conservar o motor. Non obstante, non foi o caso e Massa quedou na 16ª praza[12][13].
Carreira


Na liña de saída produciuse unha escapada limpa de todos os pilotos, agás de Robert Kubica, que tivo que retirarse tras a primeira volta por problemas co seu motor. O Williams de Nico Rosberg adiantou desde o cuarto posto da grella ata a cabeza de carreira na primeira curva, seguido de Jarno Trulli e Fernando Alonso, o cal usou o seu sistema KERS cun bo resultado deixando atrás a súa décima posición de saída; pola súa banda, Jenson Button non saíu ben e o seu Brawn quedou atrasado ata a cuarta praza. Na volta cinco, o McLaren de Heikki Kovalainen pasou por riba de fragmentos de goma de pneumático degradados e realizou un trompo que o obrigou a retirarse, incrementando a mala sorte que o equipo sufrira desde os días previos á carreira.
Despois dunha saída lenta, Button alcanzou e pasou o Renault de Alonso, que ía máis pesado, na volta trece, ocupando agora a terceira praza e poñéndose detrás de Trulli. Rosberg e Trulli foron recargar antes ca Button, así que este conseguiu pasalos durante a súa primeira parada no pit stop liderando agora a carreira. A evidencia de chuvia era vagamente notoria, pero Kimi Räikkönen arriscouse a cambiar as súas rodas de seco por unhas de mollado. No entanto, a súa aposta non deu resultado xa que a chuvia non chegou tan cedo como estaba previsto, e foi forzado a baixar o rendemento para atrasar o rápido desgaste deste tipo de rodas[14].
Ao redor da volta 19, a chuvia empezou a caer sobre o circuíto e a meirande parte dos pilotos foron trocar a rodas de mollado. Non obstante, neses intres non había auga abondo na pista, polo que as rodas comezaron a consumirse moi rápido. Timo Glock estivera usando pneumáticos intermedios que ían mellor nesas condicións e subiu axiña ata o terceiro posto. Os demais pilotos seguiron o exemplo e mudaron tamén as súas rodas ata que na volta 31 o chuvasco chegou a todo o asfalto e os condutores tiveron que cambiar a rodas de mollado unha vez máis.
Debido ás chuvias torrenciais a carreira tivo que ser detida na volta 33[3] e os resultados foron tomados da clasificación á fin da volta 31 (a penúltima completada, segundo a norma 42.8 do regulamento[15]). En consecuencia, repartiuse a metade dos puntos aos oito primeiros. Button conseguiu a súa segunda vitoria consecutiva da temporada (a terceira da súa carreira deportiva) e cinco puntos. A vitoria significou tamén que Brawn GP fose o primeiro equipo desde Alfa Romeo en 1950 en gañar os seus dous primeiros Grandes Premios[4]. O resto do podio formárono Nick Heidfeld e Timo Glock.
Tras a carreira

Xeralmente os condutores respaldan a decisión de abandonar a carreira, citando a diminución de visibilidade (debido ao tarde que comezou) así como á gran cantidade de chuvia[16].
Nestas condicións é imposible conducirSebastian Bourdais, antes de perder o control do seu coche debido ás malas condicións do tempo
Era imposible conducir aí fóra, era moi, moi perigoso. Son as condicións máis perigosas nas que teño corrido.Lewis Hamilton
A visibilidade é nula, podemos ter un accidente serio se volvemos saír.Fernando Alonso antes de que a suspensión fose oficial[4]
Todo estaba moi húmito aí fóra e a decisión de suspendela foi acertada. Obviamente gustaríame ter obtido os 10 puntos, pero isto era o mellor que se podía facer, penso eu, e realísticamente era a cousa máis razonable. Estou seguro de que algunhas persoas dirán 'non vimos a carreira completa e é decepcionante' pero ás veces hai que pensar na seguridade.Jenson Button
Ás sete é noite así que foi bo non recomezarMark Webber, un dos directores da Grand Prix Drivers' Association
Os organizadores do evento tamén confirmaron que revisarán a hora de comezo do Gran Premio de Malaisia de 2010 para que isto non se repita. Mokhzani Mahathir, presidente do Circuíto Internacional de Sepang, dixo que o consultara con Bernie Ecclestone despois da carreira e estaban de acordo en miralo. Porén, Ecclestone revelou que non tiña remorsos sobre o horario, declarando:
Só teño pesar pola chuvia, non vexo nada malo coa hora de inicio, non sabiamos nada da chuvia[17].
Mahathir suxeriu a posibilidade de incluír un sistema de iluminación (similar ao usado no Gran Premio de Singapur) para alumear o circuíto en carreiras futuras[17].
Remove ads
Clasificación
- Os monoprazas que empregaron o sistema KERS están marcados cun "‡".
Cualificación
- Nota 1. Sebastian Vettel sufriu unha penalización de 10 posicións na grella de saída por causarlle un accidente evitable a Robert Kubica no Gran Premio de Australia[18].
- Nota 2. Rubens Barrichello recibiu unha penalización de 5 prazas por mudar a súa caixa de cambios[11].
Carreira
- A carreira deteuse na volta 33, a clasificación tómase da orde na que os pilotos ían tras 31 voltas. Outorgouse a metade dos puntos dado que non se completou o 75% da carreira.
- Esta carreira foi a quinta en ser suspendida antes de completar o 75% da distancia: as outras foron os Grandes Premios de España de 1975, Austria de 1975, Mónaco de 1984 e Australia de 1991 (o GP máis curto da historia).
- Ademais, esta foi a primeira carreira desde o Gran Premio de Italia de 2005 que Ferrari non puntúa en dúas carreiras consecutivas.
Remove ads
Campionato tras a carreira
- Nota: só se inclúen as cinco primeiras posicións en ambas as clasificacións. Outorgouse a metade dos puntos dado que non se completaron as tres cuartas partes da carreira.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads