Glíridos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Os glíridos (Gliridae ou Myoxidae) son unha familia de roedores esciuromorfos coñecidos popularmente como lirios ou leiróns (nomes que tamén recibe Arvicola sapidus,[1] que é doutra familia), que se poden encontrar en Eurasia e África.
Son roedores pequenos de 18 a 26 cm, incluíndo o rabo, de aspecto similar ao rato, de pelaxe gris escura ou castaña no lombo e branca na parte baixa. Son coñecidos especialmente polos seus longos períodos de hibernación.
Son omnívoros; comen principalmente froitos de outono como as amoras, castañas, landras etc. Tamén consomen insectos (ortópteros e outros), arácnidos, caracois, crías de aves e outros pequenos roedores. Poden chegar a devorar os seus conxéneres tralo longo letargo invernal. A súa fórmula dental é similar á dos esquíos, aínda que a miúdo carecen de premolares:1.0.0–1.31.0.0–1.3.
A diferenza do resto dos roedores, todas as especies de glíridos actuais carecen de cego intestinal, polo que non poden dixerir a celulosa. Porén, no Mioceno temperán, durante a máxima diversidade da familia, as especies existentes entón aínda debían de conservar o cego e a dieta do grupo era moito máis variada, como se deduce das distintas morfoloxías dentarias, algunhas hipsodontas (de coroas moi elevadas).[2]

O hábitat dos glíridos pode ser unha zona de matogueira baixa á beira dos ríos, hortas e xardíns. Porén, algúns poden estar adaptados a outros ambientes, como Sevelinia, que habita en ambientes desérticos.[3]
Aparéanse durante a época estival, e en épocas favorables poden ter dúas ou tres camadas. A xestación dura de 20 a 25 días. Cada camada é de entre 2 e 8 crías, que pesan ao nacer uns 15 gramos e abren os ollos aos 20 días. A lactación dura uns 45 días, e alcanzan a madurez aos 4 meses despois do nacemento.
Os seus depredadores son, xeralmente e entre outros, o raposo, a xeneta e o gato bravo, ademais das aves rapaces nocturnas.
Remove ads
Evolución e filoxenia
Os glíridos orixináronse en Europa durante a radiación adaptativa que seguiu á apertura do Atlántico, a partir de roedores da familia Ischyromyidae (Micoparamys). O glírido máis antigo rexistrado é Eogliravus wildi, do Eoceno temperán do xacemento francés de Mas de Gimel, de hai uns 50 millóns de anos (só dentes),[2][4] do que tamén se recuperou un espécime completo do Eoceno medio do pozo de Messel en Alemaña.[5]
A primeira diversificación comeza no Eoceno temperán, coas subfamilias Gliravinae, Glamyinae e Bransatoglirinae e continúa no Oligoceno, no que aparece e se diversifica a subfamilia Peridyromyinae e outros glíridos do grupo de Glirudinus.
Ao final do Mioceno temperán, hai uns 16 millóns de anos, os glíridos alcanzan a súa máxima diversidade, chegando a representar en Europa máis do 90% da fauna de roedores, desprazando aos cricétidos, ata entón dominantes nas faunas de roedores europeas, e que aínda abundaban en Asia.[2][4] Ocuparon diferentes nichos ecológicos e houbo formas, como Armantomys con dentes hipsodontos, aptos mesmo para unha dieta vexetal dura,[6] o que indicaría que, polo menos ata o Aragoniense medio, aínda posuían cego intestinal para dixerir a celulosa.[2]
Os primeiros representantes das subfamilias actuais, xa sen cego intestinal, aparecen no Mioceno medio, e hai fósiles de Muscardinus (Glirinae) do Aragoniense superior. A orixe de todos os glíridos actuais parece estar nalgunha especie do xénero Microdyromys (Bransatoglirinae). A diversificación destes glíridos «modernos» coincide co declive e extinción dos «antigos», con cego intestinal.[2]
A maioría dos xéneros modernos aparecen no Vallesiense temperán, hai 10 ou 11 millóns de anos, agás Graphiurus (Graphiurinae, os glíridos africanos), que aparecen máis recentemente, no Plioceno.
Remove ads
Sistemática
O nome da familia discutiuse moitos anos, había partidarios de usar Gliridae e de usar Myoxidae, o que dependía de considerar válido o nome do xénero do que deriva o seu nome: Glis Brisson, 1762 ou Myoxus Zimmermann, 1790. O primeiro é máis antigo pero foi usado por primeira vez sen cumprir os requisitos da nomenclatura binomial e posteriormente usouse para nomear a diferentes roedores; porén, a partir dunha resolución de 1998 da Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica en contra da opinión de varios especialistas, adoptouse definitivamente o nome Glis para o xénero, polo que desde entón a familia debe nomearse como Gliridae.[7]

A clasificación dos glíridos actuais realízase en función da morfoloxía cranial, padróns da coroa dental, esmalte dos incisivos, músculos maséteres, morfoloxía xenital, rexión auditiva e distancia xenética. Wilson e Redeer (2005), que tratan exclusivamente os glíridos actuais, recoñecen 28 especies, agrupadas en tres subfamilias: Graphiurinae (con 14 especies do xénero Graphiurus), Leithiinae (con 12 especies, incluídas nos xéneros Chaetocauda, Dryomys, Eliomys, Muscardinus, Myomimus e Selevinia) e Glirinae (cos xéneros Glirulus e Glis cunha especie cada un).[7]
Porén, para poder incluír os leiróns extintos na clasificación da familia, moito máis abondosos e diversificados no pasado, o único carácter que se coñece de todos eles, e que pode usarse na sistemática, é a morfoloxía do patrón dental (número e distribución de cristas, unións entre elas), concavidade da superficie oclusal, hipsodoncia etc.[4] Por outra parte, Freudenthal e Martín-Suarez (2013) salientan, polas súas implicacións filoxenéticas, a ausencia de cego en todos os leiróns actuais como carácter maior na subdivisión taxonómica. Sinalan unha clara dieta baseada en vexetais duros nalgunhas especies do Mioceno (por exemplo Armantomys, con dentición hipsodonta e típicas marcas de desgaste por abrasión), que implicaría a dixestión de celulosa e, xa que logo, a presenza de cego intestinal en leiróns desa época. Interpretan que todas as subfamilias actuais son monofiléticas e deben proceder dunha única liña evolutiva enraizada no Mioceno, e que a maior parte dos leiróns extintos non deben asignarse a subfamilias actuais.[2] Segundo o criterio destes autores e baseándose nos traballos de Daams e de Bruijn (1995)[4] e Freudenthal e Martín-Suarez (2007a e b)[8][9] poden recoñecerse dez subfamilias (sete delas extintas, das que dúas están pendentes de definir e nomear formalmente), que comprenden unhas 180 especies (das que 28 son actuais) agrupadas en máis de 40 xéneros.
- Subfamilia Graphiurinae
- Xénero Graphiurus (leiróns africanos)
- Graphiurus angolensis
- Graphiurus christyi
- Graphiurus crassicaudatus
- Graphiurus johnstoni
- Graphiurus kelleni
- Graphiurus lorraineus
- Graphiurus microtis
- Graphiurus monardi
- Graphiurus murinus
- Graphiurus nagtglasii
- Graphiurus ocularis
- Graphiurus platyops
- Graphiurus rupicola
- Graphiurus surdus
- Graphiurus walterverheyeni[10]
- Xénero Graphiurus (leiróns africanos)
- Subfamilia Leithiinae
- Xénero Chaetocauda
- Chaetocauda sichuanensis (leirón chinés)
- Xénero Dryomys
- Dryomys laniger
- Dryomys niethammeri
- Dryomys nitedula
- Xénero Eliomys
- Eliomys melanurus
- Eliomys munbyanus
- Eliomys quercinus (leirón careto)
- Xénero Hypnomys †
- Hypnomys morpheus †
- Hypnomys mahonensis †
- Xénero Muscardinus
- Muscardinus avellanarius
- Xénero Myomimus
- Myomimus personatus
- Myomimus roachi
- Myomimus setzeri
- Xénero Selevinia
- Selevinia betpakdalaensis
- Xénero Vasseuromys[11][12] †
- Vasseuromys autolensis †
- Vasseuromys bacchius †
- Vasseuromys bergasensis †
- Vasseuromys cristinae †
- Vasseuromys duplex †
- Vasseuromys elegans †
- Vasseuromys multicrestatus †
- Vasseuromys pannonicus †
- Vasseuromys priscus †
- Vasseuromys rambliensis †
- Vasseuromys rugosus †
- Xénero Chaetocauda
- Subfamilia Glirinae
- Xénero Glirulus
- Glirulus japonicus
- Xénero Glis
- Glis glis (leirón gris ou rabudo)
- Xénero Stertomys †
- Stertomys daamsi †
- Stertomys daunius †
- Stertomys laticrestatus †
- Xénero Glirulus
- Subfamilia Bransatoglirinae †
- Xénero Oligodyromys †
- Xénero Bransatoglis †
- Bransatoglis adroveri †
- Bransatoglis planus †
Remove ads
Relacións cos humanos
O leirón Glis glis foi considedrado unha delicadeza culinaria na antiga Roma, xa fose como aperitivo ou como sobremesa (bañado en mel con sementes de papoula). Os romanos usaban un recinto especial, o glirarium, para criar os leiróns para uso culinario.[13] Segue sendo considerado unha delicadeza en Eslovenia e en varias partes de Croacia, como Lika e as illas de Hvar e Brač.[14][15] A graxa de leirón considerábase en época isabelina en Inglaterra que inducía o sono.[16]
Na cultura popular
O leirón (The dormouse) é un personaxe de Lewis Carroll que aparece en Alicia no país das marabillas e en posteriores adaptacións audiovisuais, como Alice Through the Looking Glass de Tim Burton.[17]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads