O que arde
filme de 2019 dirixido por Óliver Laxe From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O que arde é un filme dramático galego de 2019 dirixido por Óliver Laxe e coescrito por Laxe e Santiago Fillol.[1] Está ambientado na Galicia rural e aborda a problemática da desaparición do rural[2] e dos lumes forestais.[3] O elenco está composto por actores non profesionais[2] da zona da serra dos Ancares, e está protagonizado por Amador Arias no papel de Amador Coro, un pirómano que sae do cárcere logo de ser condenado como o responsable dun incendio, e Benedicta Sánchez no papel de Benedicta, a súa nai.
Estreouse na sección "Un Certain Regard" do Festival Internacional de Cinema de Cannes de 2019,[4][5] onde gañou o premio do Xurado,[6] sendo a terceira vez que un filme de Laxe participa no concurso do certame francés e a primeira que un filme en galego é proxectado na sección oficial.[7] É o filme en galego con maior recadación e o máis visto da historia,[8] con máis de 104.000 espectadores nos cinemas logo da súa estrea, e máis de 565.214,33 € recadados,[9] superando a Sempre Xonxa de Chano Piñeiro (1989).[10]
Remove ads
Sinopse
A historia desenvólvese nos Ancares lucenses e conta a historia de Amador Coro (interpretado por Amador Arias), un veciño pirómano que sae do cárcere e regresa á súa casa, coa súa nai Benedicta (intepretada por Benedicta Sánchez), a súa cadela Luna e as súas vacas. As súas vidas transcorren con normalidade no medio da natureza da súa aldea até que un día un lume arrasa a rexión.
Remove ads
Personaxes
- Amador Arias como Amador Coro
- Benedicta Sánchez como Benedicta
- Elena Mar Fernández como Elena, a veterinaria
- Inazio Abrao como Inazio
- Iván Yáñez
- David de Poso
- Álvaro de Bazal
Produción

En maio de 2017, logo de que Óliver Laxe recibise o Premio da Semana da Crítica de Cannes por Mimosas, deuse a coñecer cal sería o seu seguinte proxecto cinematográfico.[2] O filme está motivado polos moitos incendios ocorridos durante varios anos en Galicia.[11] Nas primeiras fases do proxecto, o filme recibiu o título provisional de "Aquilo que arde".[12] A idea orixinal era a de crear un falso documental sobre os incendios,[2] mais o proxecto evolucionou a un filme de ficción. Trátase dunha coprodución entre Galicia, Francia e Luxemburgo,[13] onde os incendios e a piromanía teñen unha grande importancia para o argumento e os personaxes, mais segundo o propio director é en realidade un filme sobre a desaparición do rural, que moitas veces é acelerado polos lumes.[2] O equipo de produción do filme comezou a buscar actores non profesionais en Navia de Suarna e escolleron a Amador Arias, garda forestal de profesión, e a Benedicta Sánchez, unha muller de 83 anos no momento da rodaxe, como protagonistas.[2]
Rodaxe
O filme comezou a rodaxe en marzo de 2018, e entre as súas localizacións están varios lugares dos concellos lucenses de Cervantes e Navia de Suarna. O verán dese ano foi un dos que menos incendios sufriu na historia recente de Galicia,[14] en contraposición coa vaga de incendios forestais de 2017.
Para poder gravar preto do lume, o equipo de rodaxe tivo que recibir adestramento físico e teórico como bombeiros.[14] Acompañaron a bombeiros profesionais nos labores de extinción formando unha pequena unidade baixo a responsabilidade do xefe de brigada.[11] En ocasións, o equipo tivo que deixar de rodar para axudar a extinguir o lume. Todas as escenas dos incendios foron filmadas cunha cámara Super 16 e sen ningunha manipulación da imaxe, decidindo rodar moitas escenas durante a noite para salientar a "beleza" do incendio.[11]
Banda sonora
Laxe emprega o son e a música para amplificar a agonía da natureza, cunha combinación de música clásica que substitúe a banda sonora tradicional. Empréganse composicións de Antonio Vivaldi, como o "Cum dederit" de Nisi Dominus,[15] salmo 126, interpretada por Sara Mingardo, ou composicións de Georg Friedrich Händel.[16]
Remove ads
Estrea
O que arde tivo a súa estrea mundial na 72ª edición do Festival Internacional de Cinema de Cannes na sección oficial Un Certain Regard o 21 de maio de 2019,[17] onde gañou o premio do Xurado,[6] sendo a primeira vez que un filme en lingua galega é proxectado na sección oficial.[7] O filme estreouse nos cinemas de Francia en 54 salas de 21 cidades do país o 4 de setembro de 2019, baixo o título Viendra le Feu[18] e da man da distribuidora internacional Pyramide Films. Estreouse en versión orixinal en galego con subtítulos.[19]
En Galicia, tivo dúas preestreas. A primeira realizouse o 29 de setembro de 2019 na Praza da Vila de Navia, en Navia de Suarna.[20] A elección deste concello debeuse á orixe da familia do director, xa que a nai de Laxe é de Vilela,[14] da parroquia de Son, así como por ser lugar de rodaxe de parte do filme. A segunda preestrea fíxose o 1 de outubro de 2019 no Festival Curtocircuíto, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.[21]
Estreouse en 19 cinemas de toda Galicia o 11 de outubro de 2019 a través de NUMAX Distribución, nas sete cidades galegas e nas vilas de Carballo, Monforte de Lemos, Vilagarcía de Arousa, Viveiro, A Rúa, Verín, As Pontes, A Estrada e Caldas de Reis,[22] así como no resto do estado noutras 30 salas en versión orixinal con substítulos en castelán e catalán.[23] É un dos filmes galegos con máis estreas en cinemas comerciais da historia.[22]
O 12 de outubro de 2019, O que arde estreouse no Festival de Cinema de Nova York dentro da sección oficial.[2] Laxe non puido asistir á presentación por mor da negativa dos Estados Unidos a concederlle a ESTA, a autorización electrónica para viaxar a este país,[24] por ter visitado Irán en 2016.
Remove ads
Acollida
Na primeira fin de semana logo da súa estrea en España, O que arde conseguiu máis de 11 000 espectadores en todo o estado,[25] e o 14 de outubro entrou no décimo posto dos dez filmes máis vistos ese día no estado.[26] Segundo a distribuidora do filme, NUMAX, foi a segunda mellor estrea dun filme independente da tempada. Na súa sexta semana nos cinemas, converteuse no filme en galego con maior recadación e o máis visto da historia, con máis de 104.000 espectadores nos cinemas logo da súa estrea, e máis de 565.214,33 € recadados,[8] superando a Sempre Xonxa de Chano Piñeiro que mantiña o récord dende 1989.
Resposta da crítica
O que arde recibiu a aclamación da crítica e na páxina web Rotten Tomatoes conta cun 92% de aprobación en base a 25 críticas.[27]
O crítico Thomas Baurez da revista francesa de cinema Première calificou o filme como "un filme incandescente e poderoso".[28] Nunha recensión para a revista de entretemento estadounidense The Hollywood Reporter, David Rooney chamouno "unha obra bela e melancólica, dunha sensibilidade penetrante".[29][30]
Remove ads
Galardóns e nomeamentos

O que arde estreouse en numerosos festivais e premios cinematográficos, salientando a súa participación no Festival de Cannes de 2019 na sección Un Certain Regard,[31] onde gañou o Premio do Xurado.[6] O filme competiu na 34ª edición do Festival Internacional de Cinema de Mar del Plata, o máis prestixioso festival de cinema de América Latina, onde gañou o Astor de Ouro ó mellor filme.[32] Nos Premios Gaudí de 2020, o filme foi recoñecido como mellor filme europeo, ademais de conseguir o premio de mellor dirección de fotografía para Mauro Herce.[33]
Na 34ª edición dos Premios Goya, O que arde estivo nomeado a catro categorías, incluído mellor filme, mellor director, mellor fotografía e mellor actriz revelación. Finalmente, gañou os premios de mellor fotografía para Mauro Herce e mellor actriz revelación para Benedicta Sánchez.[34] Sánchez tamén foi recoñecida pola Xunta de Galicia no ano 2019 coa medalla Castelao pola súa aparición no filme.[35]
Na 18ª edición dos Premios Mestre Mateo, foi nomeado en doce categorías, incluíndo mellor filme, mellor director, mellor actor, mellor actriz, mellor fotografía e mellor guión.[36] Finalmente, gañou 6 Premios Mestre Mateo, os de mellor filme, mellor director, mellor dirección artística, mellor montaxe, mellor son e mellor fotografía.[37].
En outubro de 2020, foi preseleccionado pola Academia de Cine Español como un dos candidatos, xunto con El hoyo e La trinchera infinita, a representar a España na 93ª edición dos Óscar.[38] O 3 de novembro, anunciouse que o candidato para os Óscar será La trinchera infinita.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads