Calendario gregoriano
calendario instituído polo papa Gregorio XIII en 1582 / From Wikipedia, the free encyclopedia
O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo.[1] Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a. C. O calendario xuliano era, basicamente, o calendario exipcio, o primeiro calendario solar coñecido que estableceu a duración do ano en 365,25 días.

Había dúas razóns para establecer o calendario gregoriano. A primeira foi que o calendario xuliano asumía incorrectamente que a media do ano solar era exactamente de 365,25 días, unha sobreestimación de algo menos dun día por século. A reforma gregoriana acurtou o ano medio (do calendario) en 0,0075 días para deter a deriva do calendario con respecto aos equinoccios. A segunda viña dada polo feito de que, nos anos transcorridos desde o Primeiro Concilio de Nicea, o exceso de anos bisestos introducidos polo algoritmo xuliano causara un desfase tal que o equinoccio de primavera estaba ocorrendo antes da súa data nominal do 21 de marzo. Esta data é importante para as igrexas cristiáns porque nela referénciase o cálculo da Pascua. Para restablecer a asociación, a reforma adiantou a data dez días: ao xoves 4 de outubro de 1582 seguiuno o venres 15 de outubro do mesmo ano. Ademais, a reforma tamén alterou o ciclo lunar usado pola Igrexa para calcular a data da Pascua porque as lúas novas astronómicas estaban ocorrendo catro días antes das datas calculadas.
A reforma foi adoptada inicialmente nos países católicos de Europa e nas súas posesións de ultramar. Durante os tres séculos seguintes, os países protestantes e cristiáns ortodoxos fórono asumindo, aínda que o chamaban o Calendario mellorado para evitar referirse ao catolicismo, sendo Grecia o derradeiro país europeo en adoptalo (só para uso civil) en 1923. Durante o século XX, moitos países non occidentais tamén adoptaron o calendario, polo menos para uso civil.
O calendario espaza os anos bisestos para obter un ano medio de 365,2425, aproximando o ano solar de 365,2422 días. A regra para os anos bisestos é:
Todos os anos que son divisíbeis entre 4 son anos bisestos, agás os que son divisíbeis por 100, mais estas centurias son anos bisestos se son divisíbeis entre 400. Por exemplo, os anos 1700, 1800 e 1900 non son bisestos, mais os anos 1600 e 2000 sono.[2]
Está baseado na translación da Terra arredor do Sol de 365,2422 días de 24 horas de 60 minutos de 60 segundos métricos. O calendario gregoriano dá un tempo medio para o ano de 365,2425 días; para asegurar un número enteiro de días por ano, engadimos regularmente (97 anos bisestos cada 400 anos) un día bisesto, o 29 de febreiro.