moeda estadounidense de curso legal From Wikipedia, the free encyclopedia
Os cuartos de dólar dos 50 estados son unha serie de moedas dun cuarto de dólar postas en circulación pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en conmemoración de cada un dos estados constituíntes dos Estados Unidos.
Cuarto de dólar dos 50 estados |
---|
Retrato de perfil George Washington cara á esquerda. Marcas de gravador (JF e WC) e marca de ceca. Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / LIBERTY / IN GOD WE TRUST / QUARTER DOLLAR. |
|
Este programa foi creado pola Lei 105-124, do 1 de decembro de 1997, e as moedas foron cuñadas e postas en circulación entre 1999 e 2008 en bloques de cinco estados cada ano.[1]
O deseño común do anverso correspóndese co coñecido como cuarto de dólar Washington, creado por John Flanagan en 1923 e adaptado nesta ocasión polo gravador da US Mint William Cousins, en tanto que o reverso é específico para cada estado.[2][3]
O programa dos cuartos de dólar dos 50 estados púxose en marcha para promover unha nova xeración de coleccionistas de moedas,[4][5] e converteuse no programa numismático máis existoso da historia dos EEUU, xa que aproximadamente a metade da poboación coleccionou as moedas desta serie. Isto provocou, ademais, un beneficio de arredor de 3.000 millóns de dólares para o Goberno federal, motivado da retirada da circulación das moedas por parte dos coleccionistas.[6]
En 2009, a Casa da Moeda dos Estados Unidos comezou a complementar esta serie cun novo programa de moedas dun cuarto de dólar dedicadas ao Distrito de Columbia e dos territorios dos EEUU, nos que se inclúen Porto Rico, Samoa Americana, Guam, as illas Virxes Estadounidenses e as illas Marianas do Norte.[7][8][9]
As orixes deste programa de emisións están no Comité Consultivo Cidadán de Moedas Conmemorativas (CCCAC), nomeado polo secretario do Tesouro, Lloyd Bentsen, en decembro de 1993 e presidido polo director da Casa da Moeda dos EEUU, Philip N. Diehl. Desde os primeiros días de existencia deste organismo, varios dos seus membros a título individual, encabezados por David Ganz, instaron o comité a apoiar o programa dos cuartos de dólar dos 50 estados.[10]
Ao principio esta iniciativa só atopou o apoio de Charles Atherton, da Comisión de Belas Artes dos EEUU, e de Dan Hoffman, un numismático novo de Carolina do Sur que tamén formaba parte do CCCAC. Mais a partir de 1995 o CCCAC comezou a sumarse formalmente o proxecto. O comité buscou daquela o apoio do representante republicano por Delaware Michael Castle, que presidía o Subcomité Bancario da Cámara de Representantes, con xurisdición sobre as moedas do país. A cautela inicial de Castle resolveuse cando Diehl suxeriu que as moedas se emitisen na orde en que os estados foran entrando na Unión e ratificaran a Constitución dos Estadios Unidos. Delaware, o estado natal de Castle, foi o primeiro en facelo e, xa que logo, sería o primeiro estado en ver en circulación a súa moeda dun cuarto de dólar. Posteriormente, Castle realizou varias comparecencias na cámara e presentou un proxecto de lei para a autorización do programa.[10]
Malia o apoio do director da US Mint e do CCCAC, que fora designado polo Departamento do Tesouro, este mesmo departamento opúxose ao programa dos cuartos de dólar dos 50 estados, xa que as cuñaxes conmemorativas chegaran a identificarse nos últimos tempos con abusos e excesos. As previsións económicas da Casa da Moeda dos EEUU apuntaban a que o programa faría que o Goberno gañase entre 2.600 e 5.100 millóns de dólares, motivados pola señoriaxe —é dicir, na diferenza entre o valor nominal das moedas e o custo da súa produción—, mais outros 110 millóns noutros beneficios pola comercialización numismática. Diehl e Castle utilizaron estas previsións da Casa da Moeda para solicitar o apoio do Tesouro, mais os directivos desta institución consideraban que os cálculos carecían de credibilidade —ao final do programa, a US Mint estimou que o programa xerara 3.000 millóns de dólares en señoriaxe e 136,2 millóns en beneficios numismáticos—.[6]
Diehl traballou con Castle con discreción para sacar adiante o proxecto de lei, malia a oposición do Tesouro ao programa.[4][11] No entanto, o Tesouro suxeriu que o departamento realizase un estudo para determinar a viabilidade do programa. Co asesoramento de Diehl, Castle aceptou a suxestión do Tesouro e o estudo de viabilidade incluíuse no proxecto de Lei de Moedas Conmemorativas dos Estados Unidos de 1996,[12][13] que tamén autorizaba o secretario do Tesouro a executar o programa sen necesidade de novas decisións do Congreso, no caso de que os resultados de viabilidade fosen favorables.[14]
O Tesouro contratou coa compañía consultora Coopers and Lybrand a realización do estudo en 1997, e os seus resultados confirmaron as proxeccións da Casa da Moeda tanto sobre a demanda como sobre a señoriaxe e sobre os beneficios numismáticos do programa. Entre outras conclusións, o estudo determinou que era probable que 98 millóns de estadounidenses gardasen un ou máis xogos completos de moedas dun cuarto de dólar desta serie —ao concluír o programa, a US Mint anunciou que foron 147 millóns as persoas que os coleccionaron—. Malia todo, o Departamento do Tesouro seguía a oporse á creación do programa e negábase a levalo a cabo sen un mandato claro do Congreso para o facer.[6]
En 1997, o Congreso emitiu ese mandato en forma de Lei do Programa de Moedas Conmemorativas dos 50 estados, que foi promulgada polo presidente Bill Clinton o 1 de decembro de 1997.[14][15]
Consonte o programa aprobado pola lei, a Casa da Moeda dos Estados Unidos comezou coa emisión dos cuartos de dólar dos 50 estados cunha cadencia dunha moeda cada dez semanas, ou cinco moedas por ano, na orde en que cada estado ratificou a Constitución ou entrou a formar parte da Unión. O reverso de cada moeda conmemora un dos 50 estados cun deseño emblemático da súa historia, as súas tradicións ou os seus símbolos.[2]
A lei que autorizaba a serie e os procedementos habituais da Casa da Moeda outorgáronlle a cada estado un papel relevante á hora de determinar o deseño que o representaría na moeda correspondente. Na maioría dos casos seguiuse un proceso polo que o gobernador lle solicitaba á cidadanía do estado que presentase conceptos de deseño e nomeou un grupo asesor para supervisar o proceso. Estes gobernadores presentaron entre tres e cinco conceptos de deseño finalistas ao secretario do Tesouro para a súa aprobación, e os deseños aprobados devolvéronse aos respectivos estados para a elección do deseño final.[16]
Os estados optaron, en xeral, entre dous procedementos. En 33 casos, o gobernador escolleu o deseño final recomendado, baseándose adoito en recomendacións de grupos consultivos e representantes da cidadanía. Nos outros 17 estados, os cidadáns elixiron o deseño final recomendado a través de votacións en liña, por correo, por teléfono ou por outros medios establecidos para o efecto. Finalmente, os gravadores da US Mint aplicaron todos os conceptos de deseño finalmente aprobados polo secretario do Tesouro entre os recomendados por cada estado. A atención popular e dos medios de comunicación en torno a este proceso foi intensa, o que lle proporcionou ao programa unha gran publicidade previa á posta en circulación das moedas.[6]
O programa dos cuartos de dólar dos 50 estados foi a serie de moedas conmemorativas máis popular da historia numismática dos Estados Unidos. A Casa da Moeda estimou que, ademais dos 147 estadounidenses que coleccionaron estas moedas, 3,5 millóns participaron tamén no proceso de selección dos deseños de cada estado.[6]
No final de 2008 cuñáranse e puxéranse en circulación todas as moedas dun cuarto de dólar previstas no programa. Consonte os datos da Casa da Moeda, a cantidade total de moedas cuñadas foi de 34.797.600.000. A tiraxe media foi de 695.952.000 moedas por cada estado, aínda que oscilou entre as 1.594.616.000 da moeda de Virxinia e as 416.600.000 do de Oklahoma.[17] Todas as moedas circulantes foron cuñadas na Ceca de Filadelfia e na Ceca de Denver,[2] e as versións con acabamento especial proof para coleccionistas na Ceca de San Francisco.[3]
Imaxe do reverso | Estado | Data incorporación | Tiraxe | Data emisión | Deseñador/a |
---|---|---|---|---|---|
Delaware | 7-I-1787 | 774.824.000 | 1-I-1999 | William Cousins | |
Descrición: imaxe inspirada na estatua en Wilmington de Caesar Rodney a cabalo, o congresista que co seu voto moveu a balanza cara á independencia dos Estados Unidos.[18] Lendas: DELAWARE 1787 / THE FIRST STATE / CAESAR RODNEY / 1999 / EPLURIBUS UNUM [18] |
|||||
Pensilvania | 12-I-1787 | 707.332.000 | 8-III-1999 | John Mercanti | |
Descrición: estatua Commonwealth, de Roland Hinton Perry, do Capitolio de Pensilvania, superposta á silueta do estado que contén unha doela clave.[19] Lendas: PENNSYLNAVIA 1787 / VIRTUTE, LIBERTY, INDEPENDENCE / 1999 / E PLURIBUS UNUM [19] | |||||
Nova Jersey | 18-I-1787 | 662.228.000 | 17-V-1999 | Alfred Maletsky | |
Descrición: escena do xeneral George Washington xunto a membros do exército colonial cruzando o río Delaware, cara ás batallas da guerra de independencia,[20]baseada na pintura de E. Leutze Washington Crossing the Delaware. É a primeira moeda que representa a Washington en ambas as faces.[21]
Lendas: NEW JERSEY / 1787 / CROSSROADS OF THE TEVOLUTION /1999 / E PLURIBUS UNUM [20] |
|||||
' Xeorxia (EEUU) | 2-I-1788 | 939.932.000 | 19-VII-1999 | T. James Ferrell | |
Descrición: varios símbolos dese estado: pexego dentro da silueta do mapa, con pólas de carballo aos lados e un estandarte enriba.[22] O mapa omite, por erro, o condado de Dade, no extremo noroeste (en 1860, os cidadáns deste condado votaron pola secesión dos EEUU e de Xeorxia, aínda que nunca se lle recoñeceu legalmente).[23] Lendas: GEORGIA / 1788 / WISDOM, JUSTICE, MODERATION / 1999 / E PLURIBUS UNUM [22] | |||||
Connecticut | 9-I-1788 | 1.346.624.000 | 12-X-1999 | T. James Ferrell | |
Descrición: imaxe do carballo no que o capitán Joseph Wadsworth agochou a Constitución de Connecticut, ameazada polo rei Xacobe II, impedindo así a caída do estado en mans británicas.[24] Este carballo, que caeu por un trebón o 21 de agosto de 1856,[25] aparece tamén no medio dólar do tricentenario de Connecticut, de 1935.[26]
Lendas: CONNECTICUT / 1788 / THE CHARTER OAK / 1999 / E PLURIBUS UNUM [24] |
|||||
Imaxe do reverso | Estado | Data incorporación | Tiraxe | Data emisión | Deseñador/a |
---|---|---|---|---|---|
Massachusetts | 6-II-1788 | 1.163.784.000 | 3-I-2000 | Thomas D. Rodgers | |
Descrición: sobre un mapa do estado, a estatua The Minute Man, sita no Minute National Historical Park de Massachusetts, que representa as milicias que axudaron a combater pola independencia.[27] Lendas: MASSACHUSETTS / 1788 / THE BAY STATE / 2000 / E PLURIBUS UNUM [27] |
|||||
Maryland | 18-IV-1788 | 1.234.732.000 | 13-III-2000 | Thomas D. Rodgers | |
Descrición: torre da Casa do Estado, construída en 1772, e aos seus lados pólas de carballo branco.[28] A Casa do Estado ten a maior cúpula de madeira do país construída sen cravos.[29] Houbo propostas para que o motivo central fose o famoso cangrexo azul, típico de Maryland.[30] Lendas: MARYLAND /1788/ THE OLD LINE STATE / 2000 / E PLURIBUS UNUM [28] |
|||||
Carolina do Sur | 23-V-1788 | 1.308.784.000 | 22-V-2000 | Thomas D. Rodgers | |
Descrición: silueta do estado e, sobre esta, á esquerda unha estreliña do norte rodeada de xasmíns amarelos e á dereita unha palmeira; no medio unha estrela que indica a capital do estado: Columbia. [31] Lendas: SOUTH CAROLINA / 1788 / THE PALMETTO STATE / 2000 / E PLURIBUS UNUM [31] | |||||
Nova Hampshire | 21-VI-1788 | 1.169.016.000 | 7-VIII-2000 | William Cousins | |
Descrición: formación rochosa deste estado coñecida como " O vello da montaña". Á esquerda, nove estrelas, por ser o noveno estado en ingresar na federación.[32] Esta formación rochosa colapsou en 2003.[33] Lendas: NEW HAMPSHIRE / 1788 / LIVE FREE OR DIE / OLD MAN OF THE MOUNTAIN / 2000 / E PLURIBUS UNUM [32] |
|||||
Virxinia | 25-VI-1788 | 1.346.624.000 | 16-X-2000 | Edgar Z. Steever | |
Descrición: os tres barcos (o Susan Constant, o Godspeed e o Discovery) que trouxeron os primeiros colonos ao primeiro asentamento fixo inglés dos Estados Unidos: Jamestown. [34] Lendas: VIRXINIA / 1788/ JAMESTOWN / 1607 - 2007 / QUADRICENTENNIAL / 2000 / E PLURIBUS UNUM [34] | |||||
Imaxe do reverso | Estado | Data incorporación | Tiraxe | Data emisión | Deseñador/a |
---|---|---|---|---|---|
Nova York | 26-VII-1788 | 1.275.040.000 | 2-I-2001 | Alfred Maletsky | |
Descrición: a Estatua da Liberdade superposta ao mapa do estado no que se marcan o río Hudson e a canle de Erie; á súa esquerda once estrelas, que indican que foi o undécimo estado en ingresar na Unión.[35] Lendas: NEW YORK / 1788 / GATE OF FREEDOM / 2001 / E PLURIBUS UNUM [35] |
|||||
Carolina do Norte | 21-XI-1789 | 1.055.476.000 | 12-III-2001 | John Mercanti | |
Descrición: reprodución da fotografía "O primeiro voo", de 1903, na que un ultralixeiro planea sobre o chan, entanto que unha persoa observa. [36] Lendas: NORTH CAROLINA / 1789 / FIRST FLIGHT / 2001 / E PLURIBUS UNUM [36] |
|||||
Rhode Island | 29-V-1790 | 870.100.000 | 21-V-2001 | Thomas D. Rodgers | |
Descrición: o Reliance, iate na Copa América de 1903, na baía de Narragansett coa ponte Pell de fondo, representación do deporte máis popular deste estado.[37] Lendas: RHODE ISLAND / 1790 / THE OCEAN STATE / 2001 / E PLURIBUS UNUM [37] |
|||||
Vermont | 4-III-1791 | 882.804.000 | 6-VIII-2001 | T. James Ferrell | |
Descrición: montaña Camel's Hump ("Xiba de camelo"), con dous pradairos en primeiro plano e un home apañando zume nuns caldeiros. O estado é un gran produtor de xarope e de azucre de pradairo.[38] Lendas: VERMONT / 1791 // FREEDOM AND UNITY / 2001 / E PLURIBUS UNUM [38] | |||||
Kentucky | 1-VI-1792 | 723.564.000 | 15-X-2001 | T. James Ferrell | |
Descrición: mansión da plantación Federal Hill ("Outeiro federal"), hoxe parte do parque estatal My Old Kentucky Home. Cabalo de carreiras e un valado, en homenaxe ao Derby de Kentucky.[39] Lendas: KENTUCKY / 1792 / MY OLD KENTUCKY HOME / 2001 / E PLURIBUS UNUM [39] |
|||||
Imaxe do reverso | Estado | Data incorporación | Tiraxe | Data emisión | Deseñador/a |
---|---|---|---|---|---|
Tennessee | 1-VI-1796 | 648.068.000 | 2-I-2002 | Donna Weaver | |
Descrición: guitarra, trompeta e violín, cun libro de partituras detrás. Tres estrelas aos lados, alusivas ás tres rexións en que se divide o estado, coas súas músicas típicas: country, blues e música apalache. Debaixo, estandarte.[40] Algúns medios criticaron inexactitudes nos instrumentos representados, como o número de cordas da guitarra ou a situación do tubo da trompeta.[41] Lendas: TENNESSEE / 1796 / MUSICAL HERITAGE / 2002 / E PLURIBUS UNUM [40] |
|||||
Ohio | 1-III-1803 | 632.032.000 | 18-III-2002 | Donna Weaver | |
Descrición: avión Wright Flyer III, dos irmáns Wright, e un astronauta, sobre a silueta do estado, en homenaxe á contribución de Ohio ao avance aeroespacial[42] (os astronautas John Glenn, Neil Armstrong, James Lovell e Judith Resnik eran nativos de Ohio, así como os Wright). Lendas: OHIO / 1803 / BIRTHPLACE OF AVIATION PIONEERS / 2002 / E PLURIBUS UNUM |
|||||
Louisiana | 30-IV-1812 | 764.204.000 | 30-V-2002 | John Mercanti | |
Descrición: un pelicano (ave do estado), unha trompeta con notas musicais e a silueta dos EEUU cos territorios da Compra de Louisiana resaltados. [43] Lendas: LOUISIANA / 1812 / LOUISIANA PURCHASE / 2002 / E PLURIBUS UNUM [43] |
|||||
Indiana | 11-I-1816 | 689.800.000 | 8-VIII-2002 | Donna Weaver | |
Descrición: monopraza de carreiras participante das 500 millas de Indianapolis, sobre a silueta do mapa do estado e rodeado de 19 estrelas (19º estado en ingresar na Unión).[44] Lendas: INDIANA / 1816 / CROSSROADS OF AMERICA / 2002 / E PLURIBUS UNUM [44] | |||||
Mississippi | 10-I-1817 | 579.600.000 | 15-X-2002 | Donna Weaver | |
Descrición: dúas flores de magnolio, a flor nacional do estado.[45] Lendas: MISSISSIPPI / 1816 / THE MAGNOLIA STATE / 2002 / E PLURIBUS UNUM | |||||
Imaxe do reverso | Estado | Data incorporación | Tiraxe | Data emisión | Deseñador/a |
---|---|---|---|---|---|
Illinois | 3-I-1818 | 463.200.000 | 2-I-2003 | Donna Weaver | |
Descrición: figura xuvenil de Abraham Lincoln, rodeada pola silueta do mapa do estado; á súa esquerda unha granxa e á dereita a silueta da cidade de Chicago. 21 estrelas, alusivas á orde da incorporación do estado á Unión.[46] Lendas: ILLINOIS / 1818 / LAND OF LINCOLN / 21st State - Century / 2003 / E PLURIBUS UNUM [46] | |||||
Alabama | 14-I-1819 | 457.400.000 | 17-III-2003 | Norman E. Nemeth | |
Descrición: Hellen Keller sentada nunha cadeira e lendo un libro en braille; o seu nome en braille e en inglés. A ambos lados, póla de piñeiro e grilanda de magnolias.[47] É a única moeda da serie con texto en braille.[48] Lendas: ALABAMA / 1819 / HELLEN HELLER / SPIRIT OF COURAGE / 2003 / E PLURIBUS UNUM |
|||||
Maine | 15-III-1820 | 448.800.000 | 2-VI-2003 | Donna Weaver | |
Descrición: faro da península de Pemaquid e a goleta Victory Chimes no mar.[49] Lendas: MAINE / 1820 / 2003 / E PLURIBUS UNUM [49] |
|||||
Missouri | 10-VIII-1821 | 453.200.000 | 4-VIII-2003 | Alfred Maletsky | |
Descrición: Meriwether Lewis e Wlliam Clark regresan a San Luís, co arco Gateway ao fondo.[50] O deseño orixinal de Paul Jackson, gañador do concurso, foi alterado polos gravadores da US Mint aducindo razóns técnicas da cuñaxe, polo que hai controversia sobre a atribución da autoría a Alfred Maletsky.[51][52] Lendas: MISSOURI / 1821 / CORPS OF DISCOVERY / 1804 2004 / 2003 / E PLURIBUS UNUM [50] | |||||
Arcansas | 15-VI-1836 | 457.800.000 | 20-X-2003 | John Mercanti | |
Descrición: un diamante, arroz e un lavanco voando sobre un lago, elementos típicos do estado de Arcansas". [53] Lendas: ARKANSAS / 1836 / 2003 / E PLURIBUS UNUM [53] | |||||
Imaxe do reverso | Estado | Data incorporación | Tiraxe | Data emisión | Deseñador/a |
---|---|---|---|---|---|
Míchigan | 26-I-1837 | 459,600,000 | 26-I-2004 | Donna Weaver | |
Descrición: contorno do mapa do estado do estado e dos Grandes Lagos. [54] Lendas: MICHIGAN / GREAT LAKES STATE 2004 / E PLURIBUS UNUM [54] | |||||
Florida | 3-III-1845 | 481.800.000 | 29-III-2004 | T. James Ferrell | |
Descrición: transbordador espacial, galeón español do século XVI e terra con palmeiras, árbore símbolo do estado. [55] Lendas: FLORIDA / 1845 / GATEWAY TO DISCOVERY / 2004 / E PLURIBUS UNUM [55] | |||||
Texas | 29-I-1845 | 541.800.000 | 1-VI-2004 | Norman E. Nemeth | |
Descrición: contorno do mapa do estado coa estrela de cinco puntas da súa bandeira superposta, todo rodeado por unha corda das usadas polos vaqueiros. [56] Lendas: TEXAS / 1845 / THE LONE STAR STATE / 2004 / E PLURIBUS UNUM [56] |
|||||
Iowa | 28-I-1846 | 465.200.000 | 30-VIII-2004 | John Mercanti | |
Descrición: escena dunha escola e o profesor con alumnos plantando unha árbore, baseado na pintura Arbor Day, de Grant Wood.[57] Lendas: IOWA / 1846 / FOUNDATION IN EDUCATION / GRANT WOOD / 2004 / E PLURIBUS UNUM [57] | |||||
Wisconsin | 29-V-1848 | 453.200.000 | 25-X-2004 | Alfred Maletsky | |
Descrición: unha vaca, un anaco de queixo e unha espiga de millo, produtos agrícolas típicos de Wisconsin. Debaixo estandarte co lema do estado.[58] Algúns exemplares desta moeda cuñados na Ceca de Denver presentan unha folla de máis na espiga de millo e hai algunha variante máis nestas follas.[59][60] Lendas: WISCONSIN / 1848 / FORWARD2004 / E PLURIBUS UNUM [58] | |||||
Imaxe do reverso | Estado | Data incorporación | Tiraxe | Data emisión | Deseñador/a |
---|---|---|---|---|---|
California | 9-IX-1850 | 520.400.000 | 31-I-2005 | Don Everhart | |
Descrición: o naturalista John Muir admirando o monólito de granito Half Dome, no Parque Nacional de Yosemite, cun cóndor sobrevoando.[61] Lendas: CALIFORNIA / 1850 / JOHN MUIR / YOSEMITE VALLEY / 2005 / E PLURIBUS UNUM [61] |
|||||
Minnesota | 11-V-1858 | 488.000.000 | 4-IV-2005 | Charles Vickers | |
Descrición: unha movella grande nada nun lago bordeado de árbores; dúas persoas pescan nun bote. Superposto, un contorno texturizado do estado.[62] Lendas: MINNESOTA / 1858 / LAND OF 10,000 LAKES / 2005 / E PLURIBUS UNUM [62] | |||||
Oregón | 14-II-1859 | 720.200.000 | 6-VI-2005 | Donna Weaver | |
Descrición: lago do Parque Nacional Crater Lake visto desde a beira sur-suroeste, coa illa Wizard e os picos Watchman e Hillman. Coníferas en primeiro plano.[63] Lendas: OREGON / 1859 / CRATER LAKE / 2005 / E PLURIBUS UNUM [63] |
|||||
Kansas | 29-I-1861 | 563.400.000 | 29-VIII-2005 | Norman Nemeth | |
Descrición: un bisonte americano e xirasoles, ambos emblemas da riqueza natural do estado.[64] Lendas: KANSAS / 1861 / 2005 / E PLURIBUS UNUM [64] | |||||
Virxinia Occidental | 20-VI-1863 | 721.600.000 | 14-X-2005 | John Mercanti | |
Descrición: vista da foz do New River coa ponte ao fondo.[65] Antes de se escoller este deseño, houbo algunhas propostas de que o motivo representado fose o ser imaxinario Mothman.[66] Lendas: WEST VIRGINIA / 1863 / NEW RIVER GORGE / 2005 / E PLURIBUS UNUM [65] |
|||||
Imaxe do reverso | Estado | Data incorporación | Tiraxe | Data emisión | Deseñador/a |
---|---|---|---|---|---|
Nevada | 31-X-1864 | 589.800.000 | 31-I-2006 | Don Everhart | |
Descrición: tres cabalos salvaxes mustang, co sol nacente tras as montañas nevadas, todo rodeado de pólas de artemisia e cun estandarte abaixo co lema do estado. [67] Lendas: NEVADA / 1864 / THE SILVER STATE / 2006 / E PLURIBUS UNUM [67] | |||||
Nebrasca | 1-III-1867 | 591.000.000 | 3-IV-2006 | Charles Vickers | |
Descrición: dilixencia don bois, que transporta pioneiros; á dereita a Chimney Rock e ao fondo o Sol de mediodía.[68] Un finalista no concurso do deseño da moeda centrábase no xefe ponca Standing Bear, defensor dos dereitos dos nativos.[69] Lendas: NMEBRASKA / 1867 / CHIMNEY ROCK 2006 / E PLURIBUS UNUM [68] |
|||||
Colorado | 1-VIII-1876 | 569.000.000 | 14-VI-2006 | Norm Nemeth | |
Descrición: o cumio Longs Peak, das montañas Rochosas, con árbores perennifolias ao pé. Abaixo, un estandarte cun lema do estado. [70] Lendas: COLORADO / 1876 / COLORFUL COLORADO / 2006 / E PLURIBUS UNUM [70] |
|||||
Dacota do Norte | 2-XI-1889 | 664.800.000 | 28-VIII-2006 | Donna Weaver | |
Descrición: parella de bisontes americanos camiñando ao solpor polas Badlans.[71] Lendas: NORTH DAKOTA / 1889 / 2006 / E PLURIBUS UNUM [71] | |||||
Dacota do Sur | 2-XI-1889 | 510.800.000 | 6-XI-2006 | John Mercanti | |
Descrición: escena dun faisán (a ave estatal) sobrevoando o Monte Rushmore, enmarcado en dúas espigas de trigo.[72] Lendas: SOUTH DAKOTA / 1889 / 2006 / E PLURIBUS UNUM [72] |
|||||
Imaxe do reverso | Estado | Data incorporación | Tiraxe | Data emisión | Deseñador/a |
---|---|---|---|---|---|
Montana | 8-XI-1889 | 513.240.000 | 29-I-2007 | Don Everhart | |
Descrición: cranio de bisonte americano sobre unha paisaxe típica deste estado.[73] Lendas: MONTANA / 1889 / BIG SKY COUNTRY / 2007 / E PLURIBUS UNUM [73] | |||||
Washington | 11-XI-1889 | 545.200.000 | 11-IV-2007 | Charles Vickers | |
Descrición: un salmón real saltando; ao fondo o Monte Rainier.[74] Lendas: WASHINGTON / 1889 / THE EVERGREEN STATE / 2007 / E PLURIBUS UNUM [74] |
|||||
Idaho | 3-VII-1890 | 581.400.000 | 5-VI-2007 | Don Everhart | |
Descrición: un falcón peregrino e o contorno do mapa do estado de Idaho, cunha estrela na súa capital, Boise.[75] Lendas: IDAHO / 1890 / ESTO PERPETUA / 2007 / E PLURIBUS UNUM [75] | |||||
Wyoming | 10-VII-1890 | 564.400.000 | 4-IX-2007 | Norman E. Nemeth | |
Descrición: o Bucking Horse and Rider, inicialmente rexistrado como marca en 1936 para as matrículas e convertido en logotipo identificador do estado.[76] Este deseño xerou controversia en sectores da poboación, que o consideraron carente de detalles.[77] Lendas: WYOMING / 1890 / THE EQUALITY STATE / 2007 / E PLURIBUS UNUM | |||||
Utah | 4-I-1896 | 508.200.000 | 5-XI-2007 | Joseph Menna | |
Descrición: as locomotoras Jupiter e No. 119 enfrontadas ao "cravo de ouro", que completaba a primeira liña férrea transcontinental dos EEUU, o 10 de maio de 1869.[78] Lendas: UTAH / 1896 / CROSSROADS OF THE WEST / 2007 / E PLURIBUS UNUM [78] |
|||||
Imaxe do reverso | Estado | Data incorporación | Tiraxe | Data emisión | Deseñador/a |
---|---|---|---|---|---|
Oklahoma | 16-XI-1907 | 416.600.000 | 28-I-2008 | Phebe Hemphill | |
Descrición: o paxaro do estado, Tyrannus forficatus, coas plumas da cola abertas, e as flores do estado, Gaillardia pulchella.[79] Lendas: OKLAHOMA / 1907 / 2008 / E PLURIBUS UNUM [79] | |||||
Novo México | 6-I-1912 | 488.600.000 | 7-IV-2008 | Don Everhart | |
Descrición: contorno do estado en relevo, e sobre el o símbolo do Sol dos Zia, que figura na bandeira do estado.[80] Lendas: NEW MEXICO / 1912 / LAND OF ENCHANTMENT / 2008 / E PLURIBUS UNUM [80] |
|||||
Arizona | 14-II-1912 | 509.600.000 | 2-VI-2008 | Joseph Menna | |
Descrición: imaxe do Gran Canón e dun cacto á dereita; ao pé un estandarte cun lema do estado.[81] O estandarte serve para separar os dous motivos, xa que o cacto non é propio da zona do Gran Canón, senón doutras do estado.[82] Lendas: ARIZONA / 1912 / GRAND CANYON STATE / 2008 / E PLURIBUS UNUM [81] | |||||
Alasca | 3-I-1959 | 505.800.000 | 23-VIII-2008 | Charles Vickers | |
Descrición: un oso grizzly capturando coa boca un salmón (o peixe estatal). No ceo, a estrela do Norte.[83] Lendas: ALASKA / !1959 / THE GREAT LAND / 2008 / E PLURIBUS UNUM [83] | |||||
Hawai | 21-VIII-1959 | 517.600.000 | 3-XI-2008 | Don Everhart | |
Descrición: estatua do monarca hawaiano Kamehameha I, xunto co contorno do mapa do estado e o seu lema en hawaiano.[84] Lendas: HAWAII / 1959 / UA MAU KE EA O KA 'AINA I KA PONO ("A vida da terra perpetúase en honradez") / 2008 / E PLURIBUS UNUM [84] |
|||||
O mapa amosa os anos de emisión da moeda de cada estado (inclúese a extensión do programa en 2009 ao Distrito de Columbia e a outros territorios).
Na táboa seguinte amósanse os cuartos de dólar agrupados por ano e, dentro de cada ano, a orde do seu lanzamento. As cores correspóndense coas do mapa anterior, para facilitar a localización dos grupos de estados.
Cor | Ano | Orde de lanzamento | ||||
---|---|---|---|---|---|---|
1º | 2º | 3º | 4º | 5º | ||
1999 | Delaware | Pensilvania | Nova Jersey | Xeorxia | Connecticut | |
2000 | Massachusetts | Maryland | Carolina do Sur | New Hampshire | Virxinia | |
2001 | Nova York | Carolina do Norte | Rhode Island | Vermont | Kentucky | |
2002 | Tennessee | Ohio | Louisiana | Indiana | Mississippi | |
2003 | Illinois | Alabama | Maine | Missouri | Arcansas | |
2004 | Míchigan | Florida | Texas | Iowa | Wisconsin | |
2005 | California | Minnesota | Oregón | Kansas | Virxinia Occidental | |
2006 | Nevada | Nebrasca | Colorado | Dacota do Norte | Dacota do Sur | |
2007 | Montana | Washington | Idaho | Wyoming | Utah | |
2008 | Oklahoma | Novo México | Arizona | Alasca | Hawai |
A lei que aprobou a creación do programa de moedas dun cuarto de dólar dos 50 estavos especificaba que o fin desta serie era "honrar a singular república federal dos 50 estados que compoñen os Estados Unidos, e promover a difusión do coñecemento entre a xuventude dos Estados Unidos sobre os estados individuais, a súa historia e xeografía, e a rica diversidade do patrimonio nacional", así como "animar a xente nova e as súas familias a coleccionar recordos de todos os estados polo valor nominal das moedas".[1]
Ao ser este o propósito, as tiraxes foron realmente moi amplas, para que a súa difusión fose masiva, o que ocasionou que ningunha das moedas desta serie supoña un investimento valioso, nin sequera nas versións con acabamento proof, producidas pola Ceca de San Francisco, que malia ter tiraxes moito máis exiguas resultan tamén accesibles para calquera coleccionista.[3]
No entanto, o interese dalgúns coleccionistas centrouse en pequenas variantes e erros provocados durante a produción das moedas, como é o ocorrido nalgúns espécimes do cuarto de dólar de Wisconsin (2004) cuñados na Casa da Moeda de Denver, que presentan variantes na cantidade, no tamaño e na orientación das follas da espiga.[85][86] En febreiro de 2005 vendeuse en eBay un conxunto de tres exemplares con estas variantes por 300 dólares e despois producíronse aumentos salientables, que chegaron ata os 1.500 dólares por moedas individuais; no entanto, a listaxe de prezos de 2020 de Professional Coin Grading Service (PCGS) atribúe aos exemplares mellor conservados unha valoración de entre 92 e 130 dólares.[87]
En maio de 2000 descubriuse un erro de gran relevancia ao aparecer unha moeda híbrida co anverso do cuarto de dólar e o reverso do dólar Sacagawea; este exemplar estaba nun rolo de moedas dun dólar adquirido nunha oficina bancaria de Mountain Home, Arcansas.[88] Esta moeda híbrida, que pola súa configuración non amosa data, foi a primeira dunha serie de once que se foron descubrindo e autenticando.[89] As autoridades da Casa da Moeda dos Estados Unidos supoñen que estas pezas, que amosan a marca de ceca da Ceca de Filadelfia, foron cuñadas entre finais de abril e principios de maio de 2000.[90] Estes híbridos producíronse nos habituais discos das moedas dun dólar, revestidas de latón de manganeso, e non nos do cuarto de dólar, que están revestidas de cuproníquel.[89][91]
Outras variantes coñecidas provocadas por erros son o cuarto de dólar de Minnesota (2005) con dobre cuñaxe e esta mesma moeda con diferente cantidade de follas nas árbores.[86] E unha rotura do cuño na moeda de Kansas (2005) creou a aparencia de que o bisonte do seu reverso ten unha xiba.[92][93] Por outra banda, son relativamente habituais os cuartos de dólar de Kansas nos que se le o lema "IN GOD WE RUST" (sen o "T" de "TRUST") no anverso.[94][86]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.