Sofía Casanova
xornalista, poeta e novelista galega / From Wikipedia, the free encyclopedia
Sofía Guadalupe Pérez Eguía y Casanova de Lutoslawski, máis coñecida como Sofía Casanova, nada na Coruña[1] o 30 de setembro de 1861 e finada en Poznan (Polonia) o 16 de xaneiro de 1958[2], foi unha actriz de teatro, poeta, novelista e xornalista galega moi prolífica.
Nome orixinal | (es) Sofía Guadalupe Pérez y Casanova de Lutosławski |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (es) Sofía Guadalupe Pérez y Casanova 30 de setembro de 1861 A Coruña, España |
Morte | 16 de xaneiro de 1958 (96 anos) Poznan, Polonia |
Lugar de sepultura | Cemiterio parroquial de san Xoán-Bautista-María Vianney en Poznań |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | xornalista , poeta , escritora , actriz |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía e crónica |
Lingua | Lingua castelá |
Familia | |
Cónxuxe | Wincenty Lutosławski |
Fillos | Izabela Lutosławska |
Premios | |
Durante a súa mocidade dedicouse á interpretación. Formou parte do Teatro Español e do Teatro da Zarzuela como actriz profesional. Nestes anos frecuentou os círculos literarios de Madrid, onde se iniciou na poesía. Logo do seu casamento co diplomático e intelectual polaco Wincenty Lutosławski viviu en Moscova, Londres e Polonia, amais das tempadas que pasaba en Madrid ou na súa casa de Mera, Oleiros.
Amais de escribir poesía, novela e teatro, traduciu diversas obras do polonés e ruso ao castelán. Nomeada candidata ao Premio Nobel de Literatura en 1926, tiveron máis sona as súas crónicas e escritos xornalísticos. Foi a primeira española correspondente permanente dun diario no estranxeiro e a segunda española correspondente de guerra.[3] Sofía Casanova viviu de primeira man as dúas guerras mundiais e a Revolución Rusa. Entre 1885 e 1938 realizou máis de trinta viaxes por Europa. Traballou como correspondente do diario ABC e os seus escritos apareceron en publicacións como El Ideal Gallego, Revista Gallega, Galicia Moderna, El Eco de Galicia e Ilustración Gallega. Destacan nesta faceta xornalística a súa entrevista a Lev Trotski e a crónica da morte de Grigorii Rasputin.
Foi membro correspondente dende os inicios da Real Academia Galega e en 1952 foi nomeada membro de honra dela. Os esforzos na recuperación desta figura nas últimas décadas non están exentos de polémica, debido ás conviccións conservadoras de Sofía Casanova.