Intestino delgado

sección do tubo dixestivo From Wikipedia, the free encyclopedia

Intestino delgado
Remove ads

O intestino delgado é a sección do tubo dixestivo que conecta o estómago co intestino groso. Divídese en tres porcións: duodeno, xexuno e íleo.[1]

Datos rápidos Instancia de, Subclase de ...
Remove ads

Función do intestino delgado

O intestino delgado absorbe os nutrientes necesarios para o corpo. Localízase entre dous esfínteres: o píloro, e o ileocecal, que o comunica co intestino groso. Constitúe a maior superficie mucosa do organismo.[2] A súa lonxitude oscila entre 3 e 7 metros, dependendo de numerosas variables como o talle do individuo.[3] No cadáver, como consecuencia da hipotonía do músculo liso, a súa lonxitude aumenta.[4]

Thumb
Esquema do epitelio do intestino delgado. Obsérvanse os enterocitos cilíndricos, estreitamente unidos entre si, formando unha barreira entre o ambiente intestinal e o medio interno.
Thumb
Esquema da parede do intestino con permeabilidade intestinal aumentada. Os dous factores máis potentes que a provocan son certas bacterias intestinais e a gliadina[2] (principal fracción tóxica do glute), independentemente da predisposición xenética, é dicir, tanto en celíacos como nos non celíacos.[5][6] Isto permite o paso sen control de substancias ao torrente sanguíneo, co consecuente posible desenvolvemento de enfermidades autoinmunes, inflamatorias, infeccións, alerxias ou cancros, tanto intestinais como noutros órganos.[2]

Posúe no seu interior unha capa de células que forman unha barreira. A súa misión é, ademais de dixerir substancias, actuar defendendo ao organismo do inimigo exterior do ambiente (substancias que inxerimos e microorganismos presentes no intestino). Isto lógrao mantendo pechadas as unións estreitas intercelulares, para impedir o acceso descontrolado de substancias químicas, toxinas, microorganismos e macromoléculas, que pola contra poderían pasar ao torrente sanguíneo. Actualmente, sábese que as unións estreitas, anteriormente consideradas como estruturas estáticas, son en realidade dinámicas e adáptanse facilmente a diversas circunstancias, tanto fisiolóxicas como patolóxicas. Existe un complexo sistema regulador que orquestra o estado de ensamblaxe da rede de proteínas das unións estreitas intercelulares. Cando non funcionan ben as entradas entre as células (as unións estreitas intercelulares) e no canto de estar pechadas ou practicamente pechadas, como deberían estar, están abertas sen control, prodúcese un aumento da permeabilidade intestinal. Esta apertura provoca que entren substancias no corpo e que, dependendo da predisposición xenética da persoa, poidan desenvolverse enfermidades autoinmunes, inflamatorias, infeccións, alerxias ou cancros, tanto intestinais como noutros órganos.[2]

O quimo que se crea no estómago do bolo alimenticio mesturado co ácido clorhídrico a partir de movementos peristálticos mestúrase coas secrecións biliar e pancreática (ademais da propia duodenal) para non romper as capas do intestino delgado (xa que este ten un pH ácido) e é levado ó duodeno. O tránsito alimenticio continúa por este tubo duns 6 metros (no vivo) ó longo dos cales se completa o proceso da dixestión e efectúase a absorción das substancias útiles. Os fenómenos da dixestión e da absorción van depender grandemente do contacto do alimento coas paredes intestinais, polo que canto maior sexa este e nunha superficie máis ampla, tanto mellor será a dixestión e absorción dos alimentos. Isto dános unha das características morfolóxicas máis importantes do intestino delgado que son a presenza de numerosas pregaduras que amplifican a superficie de absorción como:

  1. Dobras circulares.
  2. Vilosidades intestinais (de 0,5 mm de altura e un núcleo de lámina propia).
  3. Microvilosidades nas células epiteliais. As microvilosidades son prolongacións da membrana plasmática nos enterocitos con forma cilíndrica, que serven para aumentar o contacto da membrana plasmática cunha superficie interna. Se o epitelio é de absorción, as microvilosidades teñen no eixo central filamentos de actina, se non fóra de absorción este eixo non aparecería. Recubrindo a superficie hai unha cuberta de glicocálix. A súa función é aumentar a superficie absortiva das células, e estímase que permite un aumento aproximado de 20 veces.

O intestino delgado absorbe cada día varios centos de gramos de hidratos de carbono, 100 g de graxa, 50-100 g de aminoácidos, 50-100 g de ións e 7 l de auga. A capacidade de absorción do intestino delgado normal, é moi superior a estas cifras e pode alcanzar 500-700 g de proteínas e 20 l de auga ao día.[7]

Remove ads

Forma e relacións do intestino delgado

Thumb
Ilustración na Anatomía de Gray do contido visceral do abdome

O duodeno caracterízase pola súa relación co estómago, fígado e páncreas, pero o xexuno e íleo son máis difíciles de distinguir, e non hai unha separación neta entre ambos.

En xeral, pódense distinguir porque:

  1. O xexuno ten maior diámetro que o íleo (3 centímetros o xexuno, 2 cm o íleo).
  2. O xexuno ten máis pregos circulares, máis vilosidades intestinais e máis finas, mentres que o íleo ten menos.
  3. En cambio, no íleo os folículos linfoides (placas de Peyer) e a irrigación vascular en forma de arcadas é maior, que no xexuno. Ademais as súas paredes son máis delgadas e menos vascularizadas.

Topograficamente tanto o xexuno como o íleo ocupan o espazo infracólico, aínda que:

  1. O xexuno sitúase un pouco máis arriba e á esquerda (rexión umbilical) que o íleo(abaixo e á dereita).
  2. En xeral, as asas xexunais son de dirección máis horizontal, mentres que as ileais son de dirección vertical.

O final do intestino delgado é o íleo terminal que desemboca no cego por medio da válvula ileocecal.

Na constitución da parede intestinal, ademais das capas usuais de mucosa, submucosa, muscular e serosa, destaca a presenza de acumulacións de tecido linfoide que alcanzan ata a submucosa. Localízanse no bordo antimesentérico e o seu número é de 30 ó 40, e ata 2,5 cm de diámetro. Como se mencionou anteriormente, son máis numerosos no íleo.

Toda a lonxitude do intestino delgado queda unida á parede posterior a través da raíz do mesenterio. Esta unión do mesenterio á parede posterior comeza a nivel da vértebra L2, cruza o gancho do páncreas (por onde penetra a arteria mesentérica superior), cruza diante da cava inferior, segue externamente ós vasos ilíacos comúns e externos para terminar na fosa ilíaca dereita, a nivel do promontorio, lateral á articulación sacroilíaca dereita, a uns 6 cm, da liña media.

Remove ads

Irrigación arterial do intestino delgado

Thumb
Intestino delgado, onde se indican o duodeno, o íleo e o xexuno.

A irrigación provén da arteria mesentérica superior, rama da aorta, que camiña dentro do mesenterio e da que nacen as arterias:

  1. Pancreáticoduodenais inferiores. Logo emite,
  2. Ramos xexunais e
  3. Ramos ileais: estes ramos xexunais e ileais teñen a particularidade de formar arcadas arteriais que se anastomosan unhas con outras. Fórmanse arcadas de primeira orde, novas arcadas a partir destas (de segunda orde) e ata de terceira orde no íleo. Para rematar, orixina a
  4. Arteria ileocólica, que termina dando catro ramas: a) cólica ascendente que sobe polo colon ascendente, b) cecal anterior, c) cecal posterior, e a d) arteria apendicular para o apéndice. Outras ramas da arteria mesentérica superior saen cara ó ángulo dereito de colon:
  5. Cólica dereita e finalmente para a parte proximal do colon transverso
  6. A arteria cólica media, que se anastomosa coa anterior. Polo tanto, a arteria mesentérica superior irriga todo o xexuno, o íleo e a metade dereita do intestino groso incluíndo o apéndice.

Drenaxe venosa

A drenaxe venosa é bastante similar, correndo a cargo da vea mesentérica superior, a principal constituínte da vea porta, xunto coa vea mesentérica inferior e a vea esplénica.

Histoloxía do intestino delgado

Thumb
Microfotografía da mucosa do intestino delgado, onde se poden ver a vilosidade intestinal e a glándula de Lieberkühn

A mucosa intestinal está especializada na dixestión e a absorción de nutrientes e para iso ten que aumentar a súa superficie que dá á luz, de tres xeitos:

  • Pregos circulares, válvulas de Kerckring ou plica, que son visibles a primeira ollada e son pregos permanentes formados por mucosa e submucosa.
  • Vilosidades intestinais ou villi, que teñen un tamaño de 0,5 a 1 mm e dan a textura aveludada
  • do interior do intestino.
  • Criptas de Lieberkühn, que son glándulas tubulares situadas entre as vilosidades. No fondo destas criptas aparecen as células de Paneth.

O epitelio intestinal da mucosa está formado por diferentes células que son:

  • Células absorbentes ou enterocitos: a membrana plasmática destas células presenta no seu polo luminal múltiples microvilosidades que confiren o aspecto de reberete en cepillo ó microscopio óptico.
  • Células caliciformes: son secretoras de mucina.
  • Células endócrinas: son células dos gránulos basais. Pertencen ó sistema APUD.
  • Células indiferenciadas, responsables da renovación.
  • Células de Paneth, que producen lisozimas, que son defensivas, antibacterianas.

A lámina propia presenta un tecido conectivo solto, con vasos e nervios. Está invadido por unha poboación linfocítica e por fibras musculares lisas provenientes da capa muscular da mucosa. Denomínaselle músculo de Brucke e é o músculo motor das microvilosidades.

O conduto lacteal ou quilífero central é un vaso linfático central da microvilosidade. Atópase en todo corte transversal da microvilosidade. O revestimento do quilífero é descontinuo.

O glicocálix é fundamental na finalización do proceso dixestivo, en canto a que é o último elo da degradación. Dos elementos absorbidos, as graxas van ó quilífero central, e as demais ó sangue.

Se hai glándulas diferentes ás das criptas, na submucosa duodenal, atopámonos nun duodeno, e se non nun xexuno íleo. O duodeno presenta estas glándulas que secretan unha mucina que neutraliza o pH ácido do quimo.

No tubo dixestivo é característica a presenza de MALT, tecido linfoide asociado á mucosa. Este tecido linfoide atópase no corion ou lámina propia da mucosa. É polo xeral un tecido linfoide difuso ou nodular. Xunto a este tecido linfoide atópanse xeralmente plasmocitos. No íleo o tecido linfoide é especialmente notorio pola súa disposición en placas, denominadas placas de Peyer. O nódulo produce unha modificación no epitelio de revestimento.

As glándulas de Brunner son as glándulas da submucosa duodenal, que son características del.

A cantidade de células caliciformes aumenta desde o duodeno ó recto, as células absortivas diminúen de duodeno a recto. No estómago non hai células caliciformes, xa que o propio epitelio é mucíxeno.

Remove ads

Enfermidades

Enfermidades vasculares

As enfermidades vasculares do intestino delgado corresponden a diferentes etioloxías. Por este motivo non existe un sistema de clasificación universalmente aceptado. Non obstante todas estas etioloxías poden manifestarse en forma de hemorraxia. [8] A anomalía vascular observada con máis frecuencia é a anxiodisplasia, que se define como un complexo vascular dilatado que se localiza na superficie do tracto gatrointestinal, estando presente nun 40% das hemorraxias de orixe indeterminada.[8]

Tumores

No intestino delgado a carcinoxénese dáse a unha velocidade significativamente máis baixa que noutras zonas do tracto gastrointestinal, así, a pesar de ser a superficie máis grande deste, os tumores primarios do intestino delgado representan soamente o 2% do total dos tumores gastrointestinais.[9] Este feito débese a varios factores, como o transcorrer rápido dun contido principalmente líquido e con poucas bacterias. Con todo, identificáronse ata 40 tipos diferentes de tumores do intestino delgado, o 75% dos cales son benignos. O diagnóstico destes con todo revélase complicada pois os síntomas iniciais poden ser confundidos con outras enfermidades. [9]

Celiaquía

Artigo principal: Enfermidade celíaca.

A celiaquía ou enfermidade celíaca é unha enfermidade autoinmune[10] producida por unha intolerancia permanente ao glute, conxunto de proteínas presentes no trigo, avea, cebada, centeo (TACC) e derivados,[11][12][13] en persoas con predisposición xenética.[14][15] Considerada tradicionalmente como un trastorno unicamente dixestivo, actualmente sábese que é unha enfermidade sistémica,[14][15][16] xa que a resposta inmunitaria anormal causada polo glute pode dar lugar á produción de diferentes autoanticorpos que poden atacar a diversos órganos e sistemas.[17]

As lesións que a enfermidade celíaca provoca no intestino delgado non se limitan á presenza de atrofia das vellosidades intestinais, senón que con frecuencia consisten en cambios mínimos sen atrofia vellositaria, con inflamación leve ou moderada, especialmente nos nenos maiores de dous anos e os adultos.[14][18][19][20][21][22] Os casos que inclúen malabsorción grave e signos de malnutrición, son practicamente excepcionais, especialmente en nenos maiores de dous anos e adultos.[14][21][23] Os síntomas que poden aparecer son moi variados, non existe un patrón común, con síntomas dixestivos leves, intermitentes ou mesmo completamente ausentes, e todo tipo de síntomas non dixestivos.[14][21][23]

O diagnóstico é complicado, especialmente en nenos maiores de dous anos e adultos,[16][23][24] polo que actualmente aproximadamente o 83% dos casos permanece sen diagnosticar.[25] A dieta sen glute estrita e para sempre produce a melloría dos síntomas e evita a aparición das numerosas complicacións asociadas, entre as que se inclúe todo tipo de cancros.[14][26]

A enfermidade de Crohn

Artigo principal: Enfermidade de Crohn.

É unha enfermidade inflamatoria intestinal que pode afectar a todo o grosor da parede intestinal, que é o que se chama afectación transmural, e que pode aparecer de maneira simultánea en varios segmentos do tubo ou tracto dixestivo. [27][28][29]

O íleo terminal (a última porción do intestino delgado) é o lugar máis frecuente de afectación (ata un 40% - 50% do total de persoas con enfermidade de Crohn), seguido polo colon.

Outras afectacións

  • Divertículo de Meckel: é un pequeno saco cego (5 ou 6 cm de longo), presente no intestino delgado. Trátase dun órgano vestixial do conduto onfalomesentérico. É a malformación máis frecuente do tracto gastrointestinal, estando presente nun 2% da poboación.[30] Pode ser asintomático toda a vida ou inflamarse, ulcerarse ou sangrar.
  • Síndrome do intestino curto ou insuficiencia do intestino delgado. Provoca malabsorción dos alimentos esta relacionada cunha enfermidade ou coa extirpación cirúrxica dunha gran porción do intestino delgado.
  • Síndrome do intestino irritable: Trastorno funcional que afecta a un 10% da poboación. Caracterízase por dor abdominal e alteracións no ritmo das deposicións con ausencia de patoloxías orgánicas.[31]
  • Trastornos da motilidade intestinal: normalmente agrupadas en dous grupos:[32]
    • Tránsito acelerado con aparición de diarrea, como nas afeccións de gastroenterite infecciosa.
    • Tránsito retardado, que adoita cursar con estrinximento, como no caso do íleo paralítico, da dispepsia funcional e a pseudoobstrucción intestinal.
  • Hernias inguinais: As hernias inguinais directas do intestino delgado prodúcense por unha debilidade da musculatura abdominal e protrúen na área do Triángulo de Hasselbach.
  • Cólera: é unha enfermidade infecciosa causada pola bacteria Vibrio cholerae[33][34] e que afecta directamente o intestino delgado e a miúdo preséntase en forma de epidemia. A bacteria provoca alteración da permeabilidade ao intestino delgado que termina dando lugar a: diarrea brusca, vómitos, que levan á deshidratación coa posibilidade dun choque circulatorio mortal en poucas horas.
  • Teníase: Enfermidade provocada pola tenia da vaca (Taenia saginata) ou verme solitario, parasito platelminto da clase Cestoda, a forma adulta que vive nas primeiras porcións do intestino delgado do ser humano.[35] Normalmente miden entre 2 e 5 metros de lonxitude (poden chegar ata os 10 metros). Normalmente só se atopa un só verme no intestino da persoa infectada. A enfermidade é relativamente común en África, partes da Europa Oriental, en Filipinas e América Latina. [36]
Remove ads

Noutros animais

O intestino delgado atópase en todos os tetrápodos, e tamén nos teleósteos, aínda que a súa forma e lonxitude varían moito entre as especies. Os teleósteos teñen un intestino delgado relativamente curto, normalmente aproximadamente unha vez e media a lonxitude do corpo do peixe. Adoitan ter unha serie de cecos pilóricos, pequenas estruturas ao longo do intestino que axudan a aumentar a superficie total do órgano para dixerir os alimentos. Non hai unha válvula ileocecal e o límite entre o intestino delgado e o recto só está marcado polo final do epitelio dixestivo. Nos peixes, as divisións do intestino delgado non están tan claramente delimitadas e os termos "intestino anterior" ou "intestino proximal" poden usarse no canto de "duodeno".[37]

Nos tetrápodos, a válvula ileocecal esta sempre presente, con apertura cara ao colon. A lonxitude do intestino delgado adoita ser máis longo nos tetrápodos que nos teleósteos, pero é especialmente así no caso dos herbívoros, así como nos mamíferos e nas aves, que presentan un metabolismo máis alto que os anfibios e nos réptiles. O revestimento do intestino delgado inclúe dobreces microscópicas para aumentar a súa superficie en todos os vertebrados, pero só nos mamíferos desenvólvense realmente estas vellosidades.

Os límites entre o duodeno, xexuno, e o íleo son algo vagos, mesmo nos seres humanos, como xa foi indicado, e a distinción entre estas dúas partes adoita ser ignorada cando se fala da anatomía doutros animais, ou ben son esencialmente arbitrarias.

O intestino delgado non aparece en peixes non pertencentes aos teleósteos, como as quenllas, os esturións e peixes pulmonados. En cambio, a parte dixestiva do intestino forma un intestino en espiral, que conecta o estómago ao recto. Neste tipo de estómago, o intestino en si mesmo é relativamente sinxelo, pero ten unha lonxitude varias veces superior ao longo da superficie interna grazas a forma espiral, que ás veces fai decenas de voltas, aumentan en gran medida tanto da superficie como da lonxitude efectiva do intestino. O revestimento do intestino en espiral é similar á do intestino delgado dos teleósteos e os mamíferos non tetrápodos.

Nas lampreas,[38] a válvula espiral é moi pequena, posiblemente debido a que a súa alimentación require pouca dixestión. Os mixínidos non teñen válvula espiral en absoluto, coa dixestión prodúcese ao longo de case a totalidade do intestino, que non se subdivide en diferentes rexións.

Remove ads

Gastronomía

O intestino dos animais é empregado en diferentes culturas culinarias para elaborar diferentes pratos e manxares. Entre estes podemos citar os embutidos, pezas de carne, xeralmente de porco, picada, condimentada e introducida (embutida) dentro do intestino do animal, como o fuet, a carn-i-xulla , as morcillas brancas e negras, o paltruc, a sobrasada ou as salchichas e o haggis escocés, por exemplo. Case todo o tracto intestinal dalgúns animais é susceptible de aproveitarse como materia prima para preparados alimenticios ou pratos cociñados. As tripas naturais utilizadas na elaboración de embutidos proceden dos intestinos dos animais de raza bovina, caprina, porcina e en ocasións equina.[39] Ambos os tipos fundamentais de intestino, delgado e groso, son empregados para fabricar tripa para embutir. O proceso dos intestinos varía segundo a anatomía interna e externa dos mesmos. Do mesmo xeito que o resto do tubo dixestivo do intestino delgado está formado, de interior a exterior, por unha mucosa, submucosa, capa muscular e capa adventicia (unión con outros órganos).[40] Sempre se fará previamente un lavado dos restos dixestivos ou fecais. Ás veces hai tratamentos térmicos e químicos, tales como o escaldado, refrixerado, a inmersión con solucións acedas ou salinas (salmoiras).[41] Os tratamentos poden incluír a eliminación de restos de tecido graxo, de eliminación de capas mucosas e submucosas ou eliminación de capas musculares. A mínima e máis delgada capa que se consegue é a capa epitelial rica en coláxeno.[42]

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads