Monte Pindo
macizo granítico no concello de Carnota From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O monte Pindo é un macizo granítico de 627 metros de altura que se atopa no concello coruñés de Carnota.[1]
- Véxase tamén: Carnota - Monte Pindo.
O monte Pindo xunto con outros ecosistemas como as praias de Carnota, forma parte da zona especial de conservación (ZEC) de Carnota - Monte Pindo dentro da Rede Natura 2000[2][3][4]. Ese ZEC de Carnota - Monte Pindo ten unha superficie de 4 629 ha e abrangue os concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría, entre as rías de Corcubión e a de Muros e Noia.
Remove ads
Historia
A xeomorfoloxía do monte Pindo caracterizada polos relevos en bolos de granito inspirou as historias e lendas locais de deidades, esculturas, ou monstros e xigantes míticos. Algunhas versan sobre do río Xallas, xa que a súa fervenza do Ézaro tira as súas augas directamente sobre a auga salgada do mar.[5] Neste monte atopáronse restos arqueolóxicos, coma petróglifos,[6][7] útiles de bronce e restos dunha suposta antiga ermida.

No século X Sisnando (bispo de Iria Flavia) ordenou a construción do Castelo de San Xurxo nas beiras do monte coma protección ante os ataques dos piratas medievais. Diversas familias nobres de Galiza habitárono ata que o castelo foi destruído no ano 1467 nas Revoltas Irmandiñas. Nesta contorna existiron outros dous castelos, Canedo e Penafiel, pero deles só queda pegada na documentación medieval e non se conservan restos materiais determinantes máis que unha inscrición en latín nunha pedra illada:
Reis, bispos, presbíteros, todos por poderes recibidos de Deus, excomungaron aquí este castelo
Esta inscrición fai referencia á excomuñón que no ano 1130 lanzou o arcebispo Xelmírez contra o Conde de Traba, por ter prisioneiro no seu castelo ao Arcediago de Trastámara Arias Muñiz.
Iniciativa de parque natural
Colectivos arredor do movemento ecoloxista ADEGA e a Sociedade Galega de Historia Natural iniciaron no 2010 un movemento social para conseguir a declaración do monte Pindo como parque natural.[8] A iniciativa xorde froito de vagas de incendios e turismo na zona e alégase que a declaración garantiría a protección da fauna e flora, e dos puntos xeolóxicos de interese do monte.[9] Ese ano, e partir deste movemento, constituíuse a asociación Monte Pindo Parque Natural co fin de que o monte fose declarado como tal.[10]
Incendio en 2013
O día 11 de setembro de 2013 declarouse un serio incendio forestal no monte Pindo, cunhas condicións meteorolóxicas desfavorábeis de seca e vento. A madrugada do día 12 de setembro decretouse o nivel 1 de alerta, cando o lume xa calcinara unhas 1 000 hectáreas e chegara até o mar e ao Ézaro. Segundo a consellaría do Medio Rural o día 13 de setembro acadou as 2 000 hectáreas. O incendio tiña un único foco, na Cima da Arca, mais de grandes dimensións.[11] O 13 de setembro, a asociación monte Pindo cualificou o lume de «atentado» e convocou unha protesta o 6 de outubro de 2013 en Compostela co obxectivo de declarar o monte parque natural.[12]
Remove ads
Xeoloxía

O Monte Pindo componse de rochas plutónicas hercinianas, granitoides. En parte do norte do monte atópanse granitos de dúas micas e no sur, cara ao oeste, grantoides bióticos. O sistema do monte formouse no paleozoico, entre o Devoniano, o Carbonífero e o Permiano.[13]
O seu cume chámase A Moa e acada os 627 metros de altura. Ao pé do monte esta o litoral, con praias formadas no holoceno, como a Carnota, e fervenzas de alta caída sobre do mar: a do Ézaro.[13]
Remove ads
Flora e fauna
A flora e fauna do monte Pindo está catalogada dentro da ZEC "Carnota - Monte Pindo".[2][3]

O seu conxunto natural inclúe ao carballo anano (Quercus lusitanica), especie distribuída polo sur da Península Ibérica e o norte de Marrocos que ten no Pindo o seu único asentamento en territorio galego. A especie atópase catalogada como vulnerable no catálogo galego de especies ameazadas en Galicia, xa que se distribúe por un pequeno asentamento dun só quilómetro cadrado de superficie.[14] Esta especie, declarada en alto risco de extinción, coexiste con outros carballos coma os Quercus robur e Quercus pyrenaica, piñeiros coma o Pinus pinaster, Pinus radiata e Pinus sylvestris, e mais con loureiros (Laurus nobilis), acivros (Ilex aquifolium). Tamén ten algunhas especies case desaparecidas, coma o lirio de monte.[15][16][17] Hai exemplares de cabriña e fento de escasa ocorrencia.
Accesos
Acceso desde O Pindo
A ruta máis salientábel é a subida tradicional que comeza na parte posterior da Igrexa de San Clemente na aldea do Pindo, situada no concello de Carnota, a medio camiño entre Muros e Cee. Desde alí, a través de carreiros sinalizados, pódese acadar o cumio en aproximadamente dúas horas e media. Xa no principio hai un panel explicativo do ascenso. A subida comézase cruzando unha pequena ponte sobre un regato e continúase por un estreito camiño delimitado polos dous lados por ringleiras de pedras. Cara á metade da subida, aparecen as ruínas do antigo castelo de San Xurxo, na actualidade un monte de pedras amoreadas. A vexetación é máis escasa neste punto.
Ao chegar aos primeiros cumios o carreiro toma dirección nordeste e logo norte, para acceder á plataforma pétrea pola parte leste. Ao chegar ao cumio tense unha panorámica da zona, co Cabo Fisterra, a ría de Corcubión, a desembocadura do río Xallas e gran parte do litoral galego aos pés, xunto cun conxunto de petróglifos.

Acceso desde Quilmas
A ruta por este acceso comeza desde unha pista que sae da estrada xeral C-550, na zona máis ao sur do núcleo de Quilmas, e que vai dereita ao Chan das Lamas. Desde aí, débese bordear a chaira polo lado esquerdo. Ao chegar á propia aba do monte Pindo, pódese seguir pola pista situada ao lado esquerdo para chegar case ata o castelo de San Xurxo, ou ben tomar a ruta sinalizada para comezar o ascenso ao monte Pindo do xeito habitual.
Acceso desde O Fieiro
Contén menos barreiras físicas que os restantes accesos. A aldea do Fieiro atópase atravesando desde Dumbría o encoro do Ézaro e continuando pola pista asfaltada. Xa no lugar, tómase un desvío por unha pista de terra a man dereita da vía asfaltada, a partir da cal comeza a ascensión sinalizada con marcas de pintura e croios amontoados polos sendeiristas. Este acceso revélase como o máis axeitado para visitar directamente o monte Penafiel (formación granítica cun rechamante aspecto piramidal) ou a Cova da Xoana.
Outras alternativas
- Acceso desde Caldebarcos.
- Acceso desde Arcos, Mazaricos.
Remove ads
Referencias literarias

- O Padre Sarmiento fixo unha ampla referencia a este monte, dicindo que o seu nome fora posto pola súa semellanza co monte Pindo de Grecia. Recolle varias historias e lendas sobre el, como que existiu unha torre construída a semellanza da Torre de Hércules, e que tiña campos, xardíns e paseos. Tamén di que a herba no monte Pindo crece moito da noite á mañá; que no cume existen infindas herbas medicinais, ou que aquí acudían nas noites as parellas estériles, coa intención de conseguir ter descendencia[Cómpre referencia].
- Otero Pedrayo denominouno "grande testa xupiteriana"[Cómpre referencia].
- Uxío Carré Aldao afirmou a existencia de tres fortalezas aquí: a de San Xurxo, a de Canedo e a de Penafiel[Cómpre referencia].
- Xosé Barreiro Barral afirmou que na súa primeira visita a este lugar polo ano 1932, atopou os restos dun antigo poboado e que era aquí onde se situaba unha das tres aras sestianas. Tamén atopou un petróglifo no cumio da Moa, actualmente desaparecido[Cómpre referencia].
- César Antonio Molina dedicoulle ao monte Pindo un poema:
- O PINDO
- O pasado sen teito está nese lugar.
- O temor non desterrado ó descoñecido.
- Procuramo-la bóveda nun frío mencer
- ou nun entardecer sanguiñolento,
- ata ser soamente sombras.
- [...]
Remove ads
O Monte Pindo na cultura popular galega

Cóntase que o castelo de San Xurxo foi o castelo da Raíña Lupa [18], e que alí deixou agochado o seu tesouro, sen que aínda ninguén dese con el. Pero outros din que houbo un home que atopou no monte Penafiel, e recolleu, tres cargas de cornos de cabuxa; ao baixar ao pobo ofreceu algúns ás xentes do Pindo, que rexeitaron porque tiñan cornos de cabuxa a montes e moreas, así que marchou á súa casa e alí rascou un dos cornos e descubriu que todos eran de ouro. A lenda asegura que formaban parte do tesouro da raíña Lupa. É máis, a raíña Lupa está soterrada na Moa, co seu tesouro, repartido en sete millóns de moedas de ouro ós seus pés e outro tanto baixo a súa cabeza; ou ben, a cabeza da raíña descansa sobre unha almofada de ouro.
Tamén se cre que os mouros agocharon no Pindo un total de nove tesouros cando tiveron que fuxir da cristiandade.
Dise tamén que unha das pedras máis singulares, a Pedra Cabalgada, ameazaba caer sobre a vila de Pindo, o que asustou tanto aos veciños que intentaron movela por todos os medios ao seu alcance, pero sen o conseguir.
Tamén se asegura que en tempos históricos houbo un incendio no monte que se prolongou durante sete anos, acabando con toda a vexetación presente.
No inmenso penedo do cume da Moa quedaron marcadas as ferraduras do cabalo do apóstolo Santiago, cando este subiu até alí para botar fóra os mouros.
Xunto á Moa ábrese a cova da Xoana. Uns din que foron os mouros os que a escavaron e outros cren que foron os fuxidos da Guerra civil. Tampouco hai acordo sobre a orixe do nome, e dise que vén do nome de Xoana que os naturais daban a unha aguia que aniñaba no monte; tamén se coñece como Revertedemos, que alude a que alí se ía para expulsar os demos da xente posuída. De feito, dise que alí subía un abade para confesar ás xentes.
Dise que até esta cova da Xoana subían tamén as meigas e bruxas para celebraren os seus aquelarres
Remove ads
Galería de imaxes
- A Moa.
- Os montes do Pindo desde Portocubelo.
- Vista de Carnota desde O Pindo.
- Casas do Pindo coa Moa presidindo.
- O Guerreiro.
- Monte Pindo.
- Vista dende o alto.
- Vista panorámica.
- Fisterra ao fondo.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads