Yair Lapid
político israelí From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Yair Lapid (en hebreo: יאיר לפיד), nado o 5 de novembro de 1963 en Tel Aviv, é un político, xornalista, actor, novelista e poeta israelí. Foi o primeiro ministro de Israel dende o 1 de xullo ata o 29 de decembro do 2022.
Remove ads
Traxectoria
Orixes e carreira xornalística
Yair Lapid é fillo do político liberal centrista Tommy Lapid, ex viceprimeiro ministro de Israel e presidente de Yad Vashem, e da novelista Shulamit Lapid. A súa familia paterna procede de Serbia e a materna de Transilvania (Romanía).[1]
Aínda que medrou en Tel Aviv, tamén pasou tempadas en Londres. Ademais, o seu servizo militar coincidiu coa guerra do Líbano de 1982. Na década de 1980, tamén, tivo un primeiro matrimonio que acabou en divorcio, tras o que se trasladou a Os Ánxeles traballando no sector da televisión.[2]
Debutou no xornalismo como correspondente militar de Ba-Mahane, o semanario das Forzas de Defensa de Israel. Tamén traballou en Ma'ariv (fundado por un grupo de xornalistas, incluído o seu avó materno, David Guiladi). Deixou Ma'ariv en 1988 para unirse á edición de Tel Aviv de Yediot Aharonot.[3] Desde 1991, escribiu un editorial semanal na edición de fin de semana Ma'ariv, a continuación, no Yediot Aharonot.
En 1994 converteuse en xornalista de televisión na canle Canle 1, operada pola pública Autoridade de Radiodifusión de Israel. En 1999 uniuse á Canle 2 (privada), onde presentou un programa de entrevistas chamado Yair Lapid. En 2008, pasou a presentar outro programa informativo semanal que tivo unha importante popularidade.[4]
Lapid é autor de 11 libros, principalmente novelas, pero tamén de libros infantís. Algunha das súas obras tivo moi éxito en vendas e foron traducidas a outros idiomas.[5] Tamén escribiu o guión dunha serie emitida en 2004 na Canle 2 da televisión de Israel.
Traxectoria política
En xaneiro de 2012, Lapid anunciou que deixaba o xornalismo para iniciarse na política.[6] O 30 de abril de 2012, Lapid creou un novo partido, Yesh Atid, situado no centro do espectro político.[7] Presentouse ante á opinión pública como o defensor de clase media que traballa, defende a patria e paga os seus impostos fronte ao Likud de Netanyahu que representaría os intereses dos ideólogos dos asentamentos en Cisxordania, os rabinos e os activistas de extrema dereita. Fronte as posicións do partido conservador Likud, foi insistente na necesidade de consensos e diálogo político.[8] Nas eleccións lexislativas de 2013, o partido de Lapid quedou en segunda posición e cun rol clave na futura conformación do goberno.[9]
En 2013, avalado polos bos resultados electorais e polo seu discurso, recibiu varias distincións: como o de ser o xudeu máis influínte para o The Jerusalem Post, unha das cen persoas máis influíntes do ano para a revista Time ou un dos pensadores globais dese ano para a revista Foreign Policy.[10][11]
A atomización política da Knesset auguraba complexos pactos para conseguir maiorías: segundo os analistas o escenario máis probable sería un pacto entre Likud, Fogar Xudeu e Yesh Atid.[9] O presidente Shimon Peres encargou ao Likud a formación dun goberno. As negociacións con Yesh Atid resultaron difíciles e Lapid pedía, para participar no goberno, a redución de carteiras ministeriais.[12] Lapid amosou ás súas reservas sobre que a coalición gobernamental contase con membros dos partidos relixiosos, preferindo a presenza de Fogar Xudeu o partido de Naftali Bennett. Finalmente, e aínda que agardaba a de Asuntos Exteriores, Lapid incorporouse ao goberno de Netanyahu como Ministro de Facenda o 18 de marzo de 2013.[13]
Antes de formar parte do goberno, Lapid xa declarara a súa posición favorable á solución dos dous estados, un xudeu e outro árabe, para o conflito palestino.[14] Dende dentro do executivo reafirmouse nesta convicción e un dos seus primeiros desacordos co goberno foi a súa crítica á autorización de novos asentamentos israelís en Cisxordania (territorio ocupado por Israel pero de maioría palestina).[15] Esta e outras discrepancias co resto do goberno foron alegadas polo primeiro ministro Netanyahu para cesalo en decembro de 2014.[16]

En maio de 2021, logo de catro procesos electorais que non conseguiran rematar coa situación de bloqueo entre os partidarios de Netanyahu (envolto en investigacións xudiciais por corrupción) e os contrarios, o Presidente do Estado, Rivlin, encargoulle a exploración dunha maioría parlamentaria que sostivese un novo goberno.[17] Logo de varios fracasos de Netanyahu, Lapid foi quen de artellar un pacto que incorpora ao goberno a unha coalición heteroxénea de partidos (dende a extrema dereita xudía ata representantes da minoría árabe) e que fará que o cargo de primeiro ministro rote entre Bennett (líder do partido dereitista Yamina) en primeiro lugar, e el mesmo a partir de 2023.[18] Antes de ocupar a xefatura do goberno, entre 2021 e 2023, Lapid será o ministro de Asuntos Exteriores do goberno de Bennett.[19]
En xuño de 2021, a súa primeira visita oficial como ministro de Asuntos Exteriores foi a Emiratos Árabes Unidos para inaugurar a embaixada de Israel en Abu Zabi e un consulado xeral en Dubai.[20][21] Así se satisfaceu a normalización diplomática conquerida nos Acordos de Abraham de 2020, que fixo dos EAU o terceiro país árabe en asinar un tratado de paz co Estado de Israel. Meses despois, en agosto de 2021, Yair Lapid fixo unha visita oficial a Marrocos, que tamén asinara o tratado. Durante a mesma, inaugurou as oficinas da misión diplomática en Rabat e entregou unha carta do presidente de Israel, Isaac Herzog, convidando a Mohamed VI a visitar Israel.[22]
Ademais, como ministro de exteriores, manifestouse contra a lei de restitución aprobada polo Sejm polaco por considerar que limitaba a posibilidade de recuperar os bens e propiedades das vítimas do Holocausto. Coñecida a proposta de lei, Yair Lapid cualificouna nunha declaración oficial como "inmoral" e, en referencia ao revisionismo da lexislación impulsada polo partido Lei e Xustiza,[23] afirmou que "ningunha lei cambiará a historia".[24] Pouco despois, Yair Lapid convocou o embaixador polaco en Tel Aviv para trasladar a "fonda decepción" pola lei,[25] acto que foi respondido polo goberno polaco que presentou tamén unha queixa polas declaracións de Lapid ante a legación israelí en Varsovia.[26]
No contexto da invasión rusa de Ucranía, o goberno de Israel mostrou moito tino inicialmente nas súas posicións: nas primeiras declaracións apoiouse a integridade territorial de Ucraína sen citar á Federación Rusa. Detrás desta postura estaba a colaboración entre Rusia e Israel en Siria contra as posicións favorables a Irán.[27] Logo, Yair Lapid declarou que o ataque era unha "seria violación da orde internacional" e prometeu axuda humanitaria a Ucraína ao tempo que aseguraba que Israel mantiña "profundas, antigas e boas relacións" con ambos os dous estados en conflito.[28] A posición do executivo israelí foi criticada nas mobilizacións cidadás de repulsa á ofensiva.[29] Ante a votación dunha resolución de condena das operacións rusas na Asemblea Xeral da ONU, Yair Lapid asegurou o voto favorable de Israel asegurando que iso era estar "no lado correcto da Historia".[30] Posteriormente, o 7 de marzo de 2022, mantivo unha reunión co Secretario de Estado dos Estados Unidos, Anthony Blinken, en Riga na que trataron asuntos sobre a invasión rusa e a posible mediación de Israel, así como cuestións relativas ás negociacións sobre o programa nuclear iraniano.[31] A principios de abril de 2022, nunha declaración, Yair Lapid afirmou que "as forzas armadas rusas cometeran crimes de guerra".[32]
Primeiro ministro
O 20 de xuño de 2022, logo de perder o apoio de varios deputados, Yair Lapid e o primeiro ministro, Naftali Bennett, acordaron propoñer a convocatoria de eleccións, as quintas en tres anos.[33] De acordo co pacto, Yair Lapin asumirá a xefatura do goberno entre a disolución do parlamento e ata a formación dun novo goberno tras as eleccións.[34] Deste xeito, conseguida a convocatoria electoral e logo da dimisión de Naftali Bennett, Yair Lapid foi nomeado primeiro ministro o 1 de xullo de 2022, mantendo, asemade, a carteira de Asuntos Exteriores.[35]
Durante o seu primeiro discurso televisado como primeiro ministro louvou ao seu predecesor e as Forzas de Defensa de Israel, fixo un chamamento á unidade política e denunciou o discurso extremista e violento na política israelí.[36]
En xullo de 2022, Joe Biden e el mantiveron unha reunión na que reafirmaron a súa oposición ao programa nuclear iraniano.[37] Pouco despois, logo de que a xustiza rusa decretase o peche da Axencia Xudía sen anunciar os motivos oficiais, Yair Lapid declarou que iso afectará negativamente ás relacións entre ambos países.[38]
Nas eleccións, celebradas o día 1 de novembro, o seu partido, Yesh Atid, gañou sete deputados ata sumar 24. Mais quedou en segunda posición fronte o Likud de Benjamin Netanyahu que chegou ata os 32 escanos.[39] Ademais, a coalición de partidos dereitistas e relixiosos próximos a Netanyahu fíxose cunha clara maioría absoluta de 65 representantes na Knesset. Ante estes resultados, Yair Lapid recoñeceu a derrota.[40] Finalmente, o 29 de decembro de 2022 foi relevado cedéndolle o cargo a Benjamin Netanyahu.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads