Ziryab

poeta e músico árabe do século IX From Wikipedia, the free encyclopedia

Ziryab
Remove ads

Abu l-Hasan Ali ibn Nafi` (en árabe, أبو الحسن علي ابن نافع) nado en Mosul (Califato Abbásida) cara 789 e finado en Córdoba (Emirato de Córdoba) cara 857,[1] máis coñecido como Ziryab (do persa زرياب, «merlo»), foi un poeta, gastrónomo, músico e cantante musulmán. Alcanzou gran sona na corte abbásida en Bagdad (actual Iraq) como intérprete e discípulo do músico e compositor persa Ibrahim Al-Mausili. Con todo, a súa verdadeira revolución deuse en Córdoba, onde introduciu refinados costumes orientais na corte do emir Abd al-Rahman II e estabeleceu un dos primeiros conservatorios de música do mundo.

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...
Remove ads

Traxectoria

Thumb
Monumento a Ziryab en Córdoba (España)

Segundo The Encyclopaedia of Islam, naceu ao redor do ano 790 nunha familia de maulas do califa abbásida Al-Mahdi. As súas orixes étnicas son discutidas; fontes variadas catalógano como persa, árabe, kurdo[2] ou africano.[3] Segundo Ibn Hayyan, Ali ibn Nafi foi coñecido como Ziryab («merlo») debido á cor extremadamente escura da súa face, a claridade da súa voz e o seu carácter doce.[4]

Algunhas fontes árabes indican que Ziryab naceu en Mosul e foi educado na arte da música desde a infancia. Nese tempo Bagdad era un importante centro de música islámica e todas as fontes coinciden en que foi discípulo do músico Ibrahim Al-Mausili, a quen acompañaba por esta cidade.[5] Al-Maqqari relata que ambos se presentaron ante o califa Harun al-Rashid, quen quedou moi impresionado polo mozo músico. Isto desatou os celos do seu mentor, quen o obrigou a abandonar Bagdad.[6] Con todo, outras fontes anteriores e máis fiábeis indican que marchou tras a morte do califa Al-Amin en 813, ao comezo do reinado de Al-Mamun.[7]

Ziryab primeiro viaxou pola rexión de Siria e despois trasladouse a Ifriquía (Tunisia). Alí residiu un tempo na corte aglabí do emir Ziyadat Alá en Kairouan.[8] Ziryab comezou a ter problemas co emir, aínda que o emir omeia Al-Hakam I convidouno a trasladarse a Córdoba. Á súa chegada no ano 822 Al-Hakam I acababa de falecer, aínda que o seu herdeiro Abd al-Rahman II mantivo a invitación.[7] Ziryab asentouse en Córdoba e o monarca ofreceulle un palacio e un alugueiro mensual de douscentos dinares. Converteuse nun personaxe moi coñecido na corte cordobesa e foi considerado o árbitro da elegancia dos dominadores árabes. Influíu na vestimenta, a cociña ou o mobiliario de quen o rodeaban e introduciu novidades tanto no social como no musical. Al-Maqqari declarou que «nunca houbo, antes ou despois ca el, un home da súa profesión máis amado e admirado».[9]

Remove ads

Familia

Segundo lbn Hayyan, Ziryab tivo oito fillos e dúas fillas. Cinco destes fillos estiveron relacionados coa música e alcanzaron gran popularidade.[9] Amais, mantiveron aberto o conservatorio do seu pai.[7]

Innovacións na música

As súas innovacións musicais tiveron tamén unha forte influencia. Segundo o arabista Emilio García Gómez, con Ziryab entraron en Al-Andalus as melodías orientais de orixe grecopersa. Estas serían a base de boa parte das músicas tradicionais posteriores da Península Ibérica. Engadiu ao laúde unha quinta corda e substituíu o plectro de madeira por outro fabricado coas unllas, o pico ou os canóns das plumas de aguia. Así mesmo, tamén tinxiu as cordas con cores que simbolizaban os humores aristotélicos. A quinta corda representaba a alma.[6]

Segundo Al-Tifashi, Ziryab popularizou unha temperá canción-secuencia, que podería ser precursora da nubah andalusí (orixinalmente un simple intérprete «xiraba» para actuar ante o emir), orixinaria de Al-Andalus. Actualmente é considerada como a música clásica de África do Norte.[5]

Abd al-Rahman II foi un gran mecenas das artes e Ziryab tivo gran liberdade para as súas creacións. Estabeleceu un dos primeiros conservatorios de música do mundo en Córdoba. Esta escola formou mulleres e homes que chegaron a ser moi populares entre a aristocracia. Segundo Ibn Hayyan, Ziryab avaliábaos con probas. Se alguén non tiver gran capacidade vocal, por exemplo, púñalle pezas de madeira na mandíbula para manter a boca aberta ou atáballe unha corda ao redor do van para respirar dunha maneira particular. Desta maneira todo o alumnado debía cantar o máis alto posíbel e manter a nota para observar a súa capacidade pulmonar.[7]

Influencias

Ziryab foi considerado un «gran iniciador de modas da súa época». Creou tendencia na vestimenta, os peiteados e a hixiene. O seu alumnado estendeu esas modas por Europa e o norte de África.[10]

Gastronomía

Ziryab converteuse en árbitro da gastronomía á moda e «revolucionou a cociña local». Introduciu froitas e verduras como o espárrago, indicou que os pratos fosen servidos en manteis de coiro e asentou o menú de tres pratos separados: a sopa, o prato principal e a sobremesa.[11] Introduciu receitas da cociña bagdadí (unha delas consérvase hoxe en día co seu nome: o ziriabí).[12]

Tamén asentou a utilización da culler e de copas de cristal para as bebidas, máis efectivas có metal.[13] Esta afirmación corrobórase con escritos que confirman que cortaba grandes copas de cristal.[6] Anteriormente a comida servíase en bandexas directamente sobre a mesa, como sucedía na Roma antiga. Amais, atribúeselle o invento das albóndegas, para poder comer un anaco de carne de xeito minucioso mentres se realizaban outras tarefas.

Moda e hixiene

Ziryab comezou a moda de levar un tipo determinado de roupa segundo o clima e a estación. Así mesmo, suxeriu diferentes vestimentas para as mañás, tardes e noites.[9] Henri Terrasse, historiador francés expecializado en África do Norte, comentou que algunhas das prendas de roupa achadas en Marrocos seguen a etiqueta de Ziryab, segundo o estilo estival e invernal.[14]

Así mesmo, creou un novo tipo de desodorizante e promoveu os baños matutinos e vespertinos co fin de incidir na hixiene.[9] Crese que Ziryab puido desenvolver unha especie de dentífrico que se popularizou en todo o Emirato de Córdoba. Descoñécense os seus ingredientes, mais algunhas referencias descríbeno como «funcional e de agradable sabor».[4]

Antes da chegada de Ziryab, segundo al-Maqqari, na corte de Córdoba tantos homes como mulleres levaban o cabelo longo e sen floco até os ombreiros. Ziryab puxo de moda o floco liso até as cellas, «novos peiteados curtos deixando ao aire o pescozo, as orellas e as cellas».[6] Así mesmo, popularizou o rasurado e novos cortes de cabelo para os homes. A realeza adoitaba lavar o cabelo con auga de rosas, mais Ziryab introduciu o uso de sal e aceites perfumados para mellorar o estado do cabelo. Algunhas fontes afirman que abriu ao público salóns de beleza para as mulleres da elite cordobesa,[4] aínda que non existe constancia en referencias temperás.

Remove ads

Homenaxe

A cidade de Córdoba alberga, entre outros, un monumento e unha rúa adicadas a el. O Conservatorio Profesional de Música de Córdoba é coñecido como «Músico Ziryab» e en 1993 fundouse o Coro Ziryab.[13] O guitarrista Paco de Lucía dedicoulle un disco completo, Zyryab en 1990.[15]

Notas

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads