museo inglés con sede en Oxford From Wikipedia, the free encyclopedia
O Museo Asmolean, formalmente: Museo Ashmolean de Arte e Arqueoloxía (en inglés: Ashmolean Museum of Art and Archaeology) sito na rúa Beaumont da cidade inglesa de Oxford, é o primeiro museo universitario do mundo, vinculado á Universidade de Oxford.[2][3]
Museo Ashmolean Ashmolean Museum | |
---|---|
Entrada do Museo Ashmolean | |
País | Reino Unido |
Cidade | Oxford |
Director | Alexander Sturgis |
Construción | 1683 |
Inauguración | 1685 |
Visitantes | 882.494 (2018)[1] |
Na rede | |
https://www.ashmolean.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
A súa primeira sede foi construída entre 1678 e 1683 para albergar o "gabinete de curiosidades" que Elias Ashmole lle doou á Universidade de Oxford en 1677. O edificio actual ergueuse entre 1841 e 1845.[3]
O museo reabriu as súas portas en 2009 logo dunha fonda renovación. En novembro de 2011 inauguráronse novas galerías especializadas no Antigo Exipto e en Nubia, e en maio de 2016 abríronse outras dedicadas á arte do século XIX.
O museo comezou a súa andaina o 24 de maio de 1683, co naturalista Robert Plot como primeiro conservador.[4] A construción daquel edificio, situado na rúa Broad e que deu en coñecerse como o Vello Ashmolean, atribúeselle ás veces a Christopher Wren ou a Thomas Wood.[5]
Elias Ashmole adquiríralle a colección á familia de Xardineiros, viaxeiros e coleccionistas composta por John Tradescant, o Vello, e o seu fillo John Tradescant, o Novo. Aquela colección inicial abranguía moedas antigas, libros, gravados e pezas xeolóxicas e zoolóxicas; unha destas últimas era o corpo do derradeiro dodo visto en Europa, aínda que acabou tan devorado pola couza que en 1755 houbo que destruílo, coa excepción da súa cabeza e unha gadoupa.[6]
O edificio actual, na rúa Beaumont, construíuse entre 1841 e 1845. Foi deseñado para as galerías universitarias de Oxford polo arquitecto Charles Cockerell, nun estilo clásico. Unha ala do edificio, na esquina entre as rúas Beaumont e St Giles, está ocupada pola Taylor Institution, que é a Facultade de Linguas Modernas da Universidade. Esta ala foi deseñada por Cockerell utilizando a orde xónica da arquitectura grega.[7]
Arthur Evans (1851-1941), que foi nomeado conservador e que exerceu o seu labor desde 1884 ata o seu retiro en 1908, foi un dos responsables de que o museo chegase a se converter no que hoxe é.[8] Evans descubriu que algúns dos anteriores conservadores e directivos da entidade fixeran unha mala xestión que levara a perder case a metade das pezas da colección. El emprendeu unha serie de reformas e recibiu a doazón da colección de antigüidades de Charles Drury Edward Fortnum (1820-1899)[9]. Esta doazón viña acompañada da suma de 10.000 libras, que lle permitiu a Evans construír unha extensión das galerías universitarias e trasladar alí a colección Ashmolean en 1894. En 1908, a colección Ashmolean e as galerías universitarias fusionáronse no que se denominou Museo Ashmolean de Arte e Arqueoloxía.[10] Ademais, o museo converteuse nun depósito dalgúns dos importantes achados arqueolóxicos das escavacións de Evans en Creta.
Despois de que varios obxectos da colección fosen trasladados a novos museos, o edificio do Vello Asmolean utilizouse para as oficinas do Oxford English Dictionary. En 1924 estableceuse nel o Museo de Historia da Ciencia, entre cuxas exposicións se inclúen instrumentos científicos doados á Universidade de Oxford por Lewis Evans (1853-1930), o irmán máis novo de Arthur Evans. Destaca entre estes instrumentos a colección de astrolabios máis grande do mundo.[11]
Charles Buller Heberden (1849-1921) foi outro dos grandes benefactores da institución. Doou 1.000 libras á Universidade que foron usadas para a sala do gabinete de moedas e medallas do museo, que, na súa honra, tomou o nome de Sala Heberden.[12]
En 2012, a Fundación Andrew W. Mellon, con sede en Nova York, concedeulle ao Museo Ashmolean 1.100.000 dólares para a posta en marcha do Programa de Participación Universitaria. Este programa desenvólveno tres conservadores docentes e un director co obxectivo de utilizar as coleccións do museo na actividade didáctica e investigadora da Universidade de Oxford.[13]
O interior do Ashmolean modernizouse considerablemente nos últimos anos e agora inclúe un restaurante e unha tenda de regalos.[14]
En 2000 abriuse na entrada do edificio a Galería de Pintura chinesa, deseñada polo estudio londiniense de arquitectura van Heyningen & Hawards. Esta colección alberga a propia colección de Ashmole e tamén se utiliza ocasionalmente para as exposicións temporais de préstamos doutros museos e de obras de artistas chineses contemporáneos.[15]
A biblioteca Sackler, onde se conservan as coleccións de libros máis antigas do Museo Ashmolean, abriu en 2001 e posibilitou a expansión desa colección orixinal, especializada en obras sobre as civilizacións clásicas, a arqueoloxía e a historia da arte.[16]
Entre 2006 e 2009, o museo sufriu unhas reformas de expansión deseñadas polo arquitecto Rick Mather, co apoio económico do Heritage Lottery Fund. Esta ampliación, que tivo un orzamento de 98,2 millóns de dólares, consistiu na reconversión dos tres andares iniciais en cinco alturas, co que se duplicou o espazo de exposición e se equipou un centro educativo. O museo renovado reabriu as súas portas ao público o 7 de novembro de 2009.[17][18][19][20]
O 26 de novembro de 2011, o Ashmolean inaugurou as novas galerías do Antigo Exipto e de Nubia. Esta segunda fase da renovación fai posible a exposición de obxectos que estiveran almacenados durante décadas, entre eles máis do dobre de cadaleitos e de momias. Rick Mather dirixiu o redeseño e o novo espazo expositivo, que anteriormente estaba dividido en catro salas.[21]
En maio de 2016, o museo abriu novas galerías dedicadas á exposición da súa colección de arte vitoriana.[22] Isto permitiu o regreso ao Ashmolean do Great Bookcase ("o grande estante"), un moble de libraría deseñado por William Burges e descrito como "to exemplo máis importante de moble pintado da época vitoriana".
A sección principal do museo contén grandes coleccións de pezas arqueolóxicas e de belas artes. Atópanse aí unha das mellores coleccións de pinturas prerrafaelistas, cerámica de Maiólica e prata inglesa. O departamento de arqueoloxía alberga o legado de Arthur Evans e ten unha colección excelente de cerámica grega e minoica, así como unha extensa colección de antigüidades do Antigo Exipcio e do Sudán. No seo do museo inscríbese tamén o Instituto Griffith para o avance da exiptoloxía.
Entre as pezas máis sobranceiras do Museo Ashmolean pódense salientar as seguintes:
Véxase tamén: Categoría: Persoas relacionadas co museo Ashmolean
Esta é unha listaxe dos conservadores do Museo Ashmolean desde 1683 aos nosos días:[39][40][41][42]
A partir de 1973, o posto de conservador foi substituído polo de director:[42]
O 31 de decembro de 1999, durante os fogos artificiais que acompañaron as celebracións da fin do milenio, uns ladróns utilizaron estadas nun edificio adxacente para subir ao tellado do museo e roubaron un cadro cunha paisaxe de Cézanne titulado Paysage d'Auvers-sur-Oise, valorado en tres millóns de libras.[43]
Dado que os ladróns ignoraron outras obras da mesma sala e que o cadro non foi ofrecido á venda, especúlase que foi roubado por encarga dun coleccionista.[44][45]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.