Turquía
país no sudeste de Europa e oeste de Asia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Türkiye Cumhuriyeti (tr) Türkiye (tr) | |||||
Himno | İstiklâl Marşı | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «Yurtta sulh, cihanda sulh» | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Ancara (1923–) | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 85.372.377 (2023) (108,95 hab./km²) | ||||
Número de fogares | 26.075.365 (2022) | ||||
Lingua oficial | lingua turca | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 783.562 km² | ||||
Bañado por | Mar Mediterráneo, Mar Negro, Mar Exeo e Mar Levantino (pt) | ||||
Punto máis alto | Monte Ararat (5.137 m) | ||||
Punto máis baixo | Mar Negro (0 m) | ||||
Comparte fronteira con | Siria Bulgaria (1923–) Grecia (1923–) Irán (1923–) Iraq (1932–) Liga Árabe (1945–) Unión Europea (1981–) Xeorxia (1991–) Armenia (1991–) Acerbaixán (1991–) | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 29 de outubro de 1923 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | Estado unitario presidencialismo | ||||
• Presidente da Turquia (pt) | Recep Tayyip Erdoğan (2014–) | ||||
Órgano executivo | Cabinet of Turkey (en) | ||||
• Presidente da Turquia (pt) | Recep Tayyip Erdoğan (2018–) | ||||
Órgano lexislativo | Grande Assembleia Nacional da Turquia (pt) , (Escano: 550) | ||||
Membro de | |||||
PIB nominal | 819.034.484.303 $ (2021) | ||||
Moeda | Lira turca | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .tr | ||||
Prefixo telefónico | +90 e +36 | ||||
Teléfono de emerxencia | 112 e 177 | ||||
Código de país | TR | ||||
Código NUTS | TR | ||||
Sitio web | turkiye.gov.tr | ||||
Turquía (turco: Türkiye, ˈtyɾcije) —de forma oficial República de Turquía (turco: Türkiye Cumhuriyeti, (Türkiye Cumhuriyeti)— é un país soberano intercontinental, coa maior parte do seu territorio situado na Asia Occidental (95 % do seu territorio) e unha menor na Europa meridional (5 % do seu territorio), que se estende por toda a península de Anatolia (a península de Anatolia atópase entre o mar Negro e o mar Mediterráneo e forma o «corazón» do país) e Tracia Oriental na zona dos Balcáns.
Linda ó nordeste con Armenia, ó norte co mar Negro, ó oeste con Grecia, o mar Exeo e Bulgaria, ó sueste con Irán, e ó sur con Iraq, Siria e o mar Mediterráneo, ó leste con Xeorxia e Acerbaixán. O mar de Mármara, e os estreitos turcos do Bósforo é o Dardanelos, separan Europa de Asia, polo que Turquía está considerado un país transcontinental.[1]
O seu territorio foi o fogar de varias grandes civilizacións: hititas, urartu, cimerios, asirios, persas, grecos, romanos, bizantinos, selxúcidas, otománs e lugar de moitas batallas entre esas civilizacións ao longo da historia. O país inflúe na zona comprendida entre a Unión Europea no oeste e Asia Central no leste, Rusia no norte e Oriente Próximo no sur, polo que adquiriu cada vez máis importancia estratéxica.[2][3]
Turquía é unha república democrática, secular e constitucional, cuxo sistema político foi estabelecido en 1923 baixo o liderado de Mustafa Kemal Atatürk, trala caída do Imperio Otomán após a primeira guerra mundial. Dende aquela, integrouse cada vez máis con Occidente a través da afiliación a organizacións como o Consello de Europa (1949), a OTAN (1952), a OCDE (1961), a OSCE (1973) ou o Grupo dos 20 (1999). Turquía comezou as negociacións para a adhesión plena na Unión Europea no 2005, despois de ter sido membro asociado dende 1963, presentar a súa candidatura no 1987, e estando en vigor un acordo alfandegueiro dende o 1 de xaneiro do 1996. Tamén seguiu fomentando estreitas relacións políticas e económicas co mundo oriental, especialmente cos estados de Oriente Medio, Asia Central ou Asia Oriental.
En termos de produto interior bruto, a súa economía está situada no posto 20º do mundo segundo o Fondo Monetario Internacional (2019). Pola súa localización estratéxica está clasificada como potencia de ámbito rexional por políticos e economistas de todo o mundo.[4][5]
Dende o 1 de xuño de 2022, mudou o seu nome para a ONU e para os idiomas estranxeiros de Turkey (que provocaba confusión coa palagra "pavo" do inglés) a Türkiye.[6]
O primeiro uso do termo /türk/ o /türük/ figura nas inscricións de Orkhon da Asia Central.[7]
O nome de Turquía (pronunciado /türkiye/ en lingua turca) pódese dividir en dous termos: /türk/, que significa "forte" no turco antigo e polo xeral designa os habitantes de Turquía ou un membro dos pobos turcos,[8] ou o posterior termo /tu-kin/, empregado polos chineses para designar as persoas que vivían ao sur do Macizo de Altái xa en 177 a. C.,[7] e o sufixo /-iye/ (derivado do sufixo árabe /-iyya/, pero tamén está asociada co sufixo latino medieval /-ia/ en /turchia/, e o sufixo grego medieval /-ία/ en /τουρκία/), o que significa "propietario" ou "relacionado con".
- Artigo principal: Historia de Turquía.
Prehistoria e Idade Antiga de Anatolia
- Artigo principal: Historia de Anatolia.
Anatolia (en turco: Anadolu), tamén coñecida como Asia Menor e que comprende a maior parte da Turquía moderna, é unha das rexións habitadas continuamente máis antigas do mundo debido á súa localización na posición entre Asia e Europa. Os primeiros asentamentos neolíticos como Çatalhöyük, Hacilar, Göbekli Tepe, Nevali Cori, Çayönü e Mersin considéranse uns dos primeiros asentamentos humanos no mundo.[10] O asentamento de Troia comeza no Neolítico e continúa na Idade de Ferro. Durante a historia, linguas indoeuropeas, semíticas, así como outras de filiación incerta interviñeron en Anatolia. De feito, dada a antigüidade dos idiomas indoeuropeos hitita e luvita, algúns estudosos propuxeron a Anatolia como o hipotético centro a partir do cal as linguas indoeuropeas estendéronse.[11]
O primeiro grande imperio na zona é o dos hititas, entre os séculos XVII e XII a. C. Posteriormente, os frixios, un pobo indoeuropeo, logrou establecer un reino que logo foi destruído polos cimerios no século VII a. C.[12] Os sucesores máis poderosos dos frixios foron os estados de Xonia, Lida, Caria, Cilicia e Licia. Os lidios e os licios falaban idiomas que eran fundamentalmente indoeuropeos, pero ambos os idiomas adquiriron elementos hititas e helénicos.
Ao redor de 1200 a. C., a costa occidental de Anatolia foi poboada polos gregos. Toda a zona foi conquistada polo Imperio persa durante os séculos VI e V a. C. e posteriormente por Alexandre Magno no ano 334 a. C.[13] Anatolia foi posteriormente dividida nunha serie de pequenos reinos helenísticos (incluíndo Bitinia, Capadocia, Pérgamo, Ponto) e Galacia (unha antiga rexión no centro de Anatolia onde se asentaron algunhas tribos migratorias de orixe gala procedentes das terras xermanas nos principios do século III a. C. A rexión tomou o seu nome destes galos e os seus habitantes chamáronse gálatas), todos os cales sucumbiran a Roma a mediados de século I a. C.[14]
No 324 d. C., o emperador romano Constantino I elixiu Bizancio como sede da nova capital do Imperio Romano, que paso a chamarse Nova Roma (Constantinopla e posteriormente Istambul). Despois da caída do Imperio Romano de Occidente, converteuse na capital do Imperio bizantino (Imperio romano oriental).[15]
Imperio selxúcida
Os turcos eran un pobo nómade, formado por grandes tribos (como os oguzes, os kipchak e os cumanos), que habitaba nas estepas da Asia central onde anteriormente fundaran varios reinos potentes como o dos hunos, os köktürks, o kaganato uigur e os gaznavíes sucesivamente entre os séculos IV e X. No século IX algunhas tribos turcas estableceron contactos diplomáticos e de comercio por primeira vez coas tribos árabes que habitaban no Oriente Próximo. Influenciados polos árabes, os turcos abandonaron o xamanismo e o tengrismo que viñan practicando desde había séculos e convertéronse ao islam. A mediados do século X os turcos fundaron o Imperio selxúcida, o primeiro grande imperio turco logo de converterse ao islam, nos territorios que hoxe son Turkmenistán, Afganistán, Irán, Iraq, Oriente Próximo e a propia Turquía. No final do século X os turcos selxúcidas conquistaron algúns territorios do leste e sueste de Anatolia onde dominaba o Imperio bizantino. No ano 1071 tivo lugar a batalla de Manzikert entre o exército selxúcida e o exército bizantino. Os turcos gañaron a batalla e pasaron a dominar grandes territorios ao leste e sueste de Anatolia. Esta batalla considérase polos historiadores como o principio do fin do Imperio bizantino xa que nas décadas posteriores os turcos foron avanzando e conquistando máis territorios en Anatolia debilitando ao Imperio bizantino. A mediados do século XIII os turcos selxúcidas dominaban xa a maior parte de Anatolia. Os selxúcidas tiveron tamén un papel moi importante como defensores do islam e dos musulmáns durante as primeiras cruzadas loitando contra os exércitos cruzados que desexaban atravesar Anatolia para poder chegar á Terra Santa.
Imperio Otomán
- Artigos principais: Dinastía selxúcida e Imperio Otomán.
O Estado otomán, habitualmente chamado Imperio Otomán, foi unha potencia imperial turca, situada na súa maior parte ao redor da ribeira do mar Mediterráneo, e cuxa existencia temporal abarcou o período entre 1299 e 1922. Os otománs eran os sucesores dos selxúcidas e no cénit do seu poder no século XVII, este imperio incluía toda a península de Anatolia, Oriente Próximo (Siria, Iraq, Xordania, Líbano, Palestina, Israel e Kuwait), as zonas costeiras da península arábiga, extensións do Norte de África (territorios que hoxe son Sudán, Eritrea, Xibutí, Exipto, Libia, Tunes e Alxeria), a maior parte dos territorios situados na franxa que vai desde o sueste de Europa (os Balcáns, Albania, Grecia, Macedonia, Bosnia e Hercegovina, Croacia, Bulgaria, Romanía, Hungría, Serbia, Ucraína) ao Cáucaso (territorios que hoxe son Xeorxia, Acerbaixán e Armenia) no norte. Isto comprendía unha área de aproximadamente seis millóns de quilómetros cadrados, aínda que a maior parte estaba baixo control indirecto do goberno central. As posesións do Imperio achábanse situadas entre Oriente e Occidente polo que ao longo da súa historia de máis de seis séculos as súas relacións internacionais estiveron influenciadas por iso. En 1453 os otománs conquistaron Constantinopla dando fin a máis de dez séculos de existencia do Imperio bizantino. A partir dese momento Constantinopla pasou a chamarse Istambul e converteuse na capital do Imperio Otomán. A conquista de Constantinopla polos turcos considérase historicamente como o acontecemento que finalizou a Idade Media. No seu momento de máxima expansión os otománs chegaron a cercar en dúas ocasións, en 1529 e 1683, a cidade de Viena durante varios meses pero finalmente retiráronse sen poder lograr conquistala debido especialmente ao grande apoio militar brindado na defensa da cidade por parte dos grandes reinos cristiáns de Europa como Alemaña, España e Polonia. A partir do século XVI os sultáns otománs tamén adquiriron o título de califa.
República
O Imperio Otomán participou na primeira guerra mundial xunto a Alemaña, o Imperio Austrohúngaro e Bulgaria. En 1918 a guerra terminou coa derrota deste bloque contra os aliados (Reino Unido, Francia, Rusia, Italia e, máis tarde, Estados Unidos). A posterior ocupación de Istambul, Esmirna, Antalya e outras zonas de Anatolia polos aliados, forzando así ao sultán Mehmed VI a asinar o Tratado de Sèvres confirmando a rendición e a repartición do Imperio Otomán entre os aliados, impulsou a creación do movemento nacional turco.[3] Baixo o liderado de Mustafa Kemal Atatürk, o máis destacado membro do movemento nacional turco, un comandante militar que se distinguiu durante a batalla de Galípoli, a guerra de independencia turca librouse co obxectivo de revogar os termos do Tratado de Sèvres.[19] O 18 de setembro de 1922, os exércitos de ocupación foron rexeitados e o país viu o nacemento do novo Estado turco. O 1 de novembro, o recentemente fundado parlamento aboliu oficialmente o sultanato, dando fin a 623 anos de dominio otomán. O Tratado de Lausana de 1923 levou ao recoñecemento internacional da soberanía da recentemente formada "República de Turquía" e a República foi proclamada oficialmente o 29 de outubro de 1923, na nova capital de Ancara.[3]
Turquía entrou na segunda guerra mundial ao lado dos aliados o 23 de febreiro de 1945, como un xesto cerimonial e converteuse nun membro da Carta das Nacións Unidas en 1945.[20] As dificultades de Grecia despois da guerra debido á guerra civil que estalou polo alzamento da antiga resistencia comunista, xunto con demandas da Unión Soviética de bases militares nos estreitos de Turquía, conduciu aos Estados Unidos a declarar a Doutrina Truman en 1947. A doutrina enunciaba as intencións estadounidenses de garantir a seguridade de Turquía e Grecia, e deu como resultado a axuda militar en grande escala.[21] Despois de participar coas forzas das Nacións Unidas no conflito de Corea, Turquía sumouse á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) en 1952, converténdose nun baluarte contra a expansión soviética no Mediterráneo. Tras unha década de violencia intercomunal (entre turcochipriotas e grecochipriotas) na illa de Chipre e o pronunciamento de xullo de 1974, Turquía interveu militarmente na illa (1974). Nove anos máis tarde foi establecida a República Turca do Norte de Chipre, recoñecida só por Turquía.[22]
Tras o final do período de partido único (o CHP fundado por Mustafa Kemal Atatürk) en 1945, o período comprendido entre os anos 1960 e 1980 foi particularmente marcado por períodos de inestabilidade política que desembocou nunha serie de golpes militares.[23] A liberalización da economía turca que se iniciou na década de 1980 cambiou a paisaxe do país, con sucesivos períodos de alto crecemento e a crise da década seguinte.[24]
O 15 de xullo de 2016 téntase un golpe de estado por parte dunha facción do exército contra o presidente Erdoğan. O golpe foi rexeitado grazas ao apoio de centos de miles de cidadáns que saíron ás rúas na defensa da democracia e á maior parte do exército que se mantivo fiel ao goberno e ao presidente electo. O día 16 de abril de 2017 celebrouse un referendo para outorgar máis poder ao presidente Erdoğan, quen acabou gañando cun 51,3% dos escrutinios, polo cal Turquía pasou a contar cun sistema presidencialista.