From Wikipedia, the free encyclopedia
Diario Cultural[1] é un programa informativo diario que se emite en bloques de mañá, sobremesa e tarde, especializado na cultura que a Radio Galega comezou a emitir en outubro de 1990. Programa decano na información cultural en Galicia, é un dos máis veteranos da radiodifusión galega e da Península Ibérica.[2] O programa, ideado e dirixido desde os seus inicios por Ana Romaní, está conducido por ela e mais Xiana Arias, Belén Regueira e Paula Ribeiro desde setembro de 2018.
Diario Cultural | |
---|---|
Presentado por | Ana Romaní, Xiana Arias, Belén Regueira |
Cadea | Radio Galega |
Día da estrea | outubro de 1990 |
Na rede | |
http://www.diariocultural.gal/ | |
Desde setembro de 2018 emítese en tres bloques de 15 minutos pola mañá, na sobremesa e a noite nos días laborables. No portal do web do programa pódense consultar os podcasts das emisións.[1]
O Diario Cultural apostou desde as súas orixes polo uso do galego en todas as emisións. Ponse un importante coidado na calidade da lingua utilizada, cun ton serio acorde á relevancia da tarefa normalizadora que pretende exercer. Téñense moi en conta os mecanismos de conexión entre a lingua e a cultura, canto ao prestixio. Nunha sociedade onde a lingua de prestixio é o castelán, normalizar o uso do galego nos medios de comunicación como a radio é un dos principais obxectivos do programa. Unha das medidas que máis debates suscitou foi a de realizar as entrevistas a persoas non galegofalantes en galego. Decidiuse non trasladar as preguntas ao castelán, e no caso de ter que o facer, estas volverían ser traducidas ao galego na posterior emisión.
Préstase unha especial atención aos países que conforman a lusofonía, (como Brasil ou Portugal) para integrar interlocutores doutras áreas, o que achega información á perspectiva lingüística que defende o programa.
En resumo, o Diario cultural busca promocionar un modelo de lingua culta, viva, que se enriquece continuamente, cunha especial preocupación pola perda de usos, léxico e sintaxe.[2]
En 1990 a Radio Galega comezou a emitir o Diario Cultural.[3] Naceu como un espazo de información, promoción e difusión da cultura galega cunha perspectiva propia. O seu formato combina a liña dos informativos con outras características da revista radiofónica. O seu obxectivo é servir como un espazo de información e divulgación, no cal tamén hai cabida para o debate. Un programa destas características esixe un rigor e unha amenidade que contribúan a un maior coñecemento das raíces da cultura galega, sen perder de vista a súa relación coas distintas culturas de todo o mundo. O programa pasou por diversas franxas horarias, en horario vespertino, nocturno e de sobremesa.[4]
O Diario Cultural foi mudando ao mesmo tempo que o facía o tecido cultural galego; os contidos ampliáronse e as persoas implicadas no funcionamento do programa diversificáronse co paso dos anos.
Alén das emisións diarias e doutros programas especiais e monográficos, o Diario promoveu o libro Narradio. 56 historias no ar e, convoca e produce anualmente, o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Para fomentar a creatividade radiofónica entre a audiencia do programa, convoca o concurso de creación semanal "Sonigramana". O programa propón unha historia en sons e a audiencia escribe unha historia de ata cen palabras.
Cada día da semana unha persoa facía crítica especializada nun eido da cultura: Uxía Senlle (crítica musical), Chus Nogueira (crítica literaria), Natalia Poncela (artes visuais), Antón Lopo (artes escénicas) e Miguel Anxo Fernández Fernández (cinema).
Ao longo da traxectoria do programa ocupáronse da redacción e presentación Begoña Caamaño, Anxo Quintela, entre outras. Colaboraron no programa Alfredo Conde, Xosé Filgueira Valverde, Ramón Lorenzo, Francisco Fernández del Riego, Víctor F. Freixanes, Antón Fraguas, Xavier Alcalá, Susana Cendán, Fernando V. Arias, Xosé González Martínez, Modesto Hermida, Carlos Casares, Carlos Valle, Ramón Villares, Xavier Queipo, Dolores Vilavedra, Anxo Quintela, Luz Fandiño, Helena González Fernández ou Débora Campos.[5]
Na xeira, dirixida por Ana Romaní, cada programa tiña unha duración aproximada duns 45 minutos. Comezaba cunha sintonía propia seguida dunha breve introdución na que se expuñan grosso modo os temas que serían tratados posteriormente. Estes temas abranguen desde o pensamento, a crítica literaria e musical á presentación de obras de teatro e espectáculos. Os programas incluían entrevistas a diferentes figuras do panorama cultural galego.
Unha das características do Diario Cultural era a programación especial co gallo de datas destacadas como o Día das Letras Galegas, o 25 de xullo ou 8 de marzo, do recoñecemento ou do pasamento de persoas destacadas da cultura, sinaladamente, da cultura galega. Moitos destes especiais celebráronse en lugares sobranceiros da cultura galega (teatros, institucións etc.).
Un dos proxectos máis sinalados foi o proxecto de emisións poéticas “De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI”, no que se propuxo a poetas de diversas xeracións e estilos a reescrita dos 36 poemas de Cantares Gallegos que aínda non foran versionados.[6] No libro que recolle os textos, explícase cal era o obxectivo do proxecto:
Procúrase un diálogo poético quenada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro senón de exercicio de libre creación erecreacion, cos materiais das poéticas contemporáneas, das tensións que emerxen nos textos de Rosalía de Castro. A iniciativa, que se enmarca na xenealoxía do literario e do seu carácter de palimpsesto –no que tempos e voces conflúen– subliña a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar interaccións. Ao tempo, o proxecto pretende contribuír á conformación dun arquivo poético sonoro no que o poema, a súa dicción, adquire a relevancia que a grafía ten no texto escrito.
Este premio, con dotación económica, está organizado polo programa Diario Cultural en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Celebrouse por primeira vez no ano 2006 e a partir de 2008 convócase con periodicidade anual. O seu obxectivo é promover a escrita de textos dramáticos para a radio, así como colaborar na recuperación do formato do teatro radiofónico. Trátase tamén de estimular a creación de pezas dramáticas contemporáneas e proporcionar unha plataforma de creación que permita a entrada de novas linguaxes artísticas na radio.[7][8] O premio conta cun volume moi elevado de presentación de orixinais. Ata 2017 presentáronse máis de 450 obras orixinais e foi en 2016 cando se acadou o récord de inéditos, cun total de 82.[9][10][11] A listaxe de premios permite constatar que as autoras e autores repiten (David Rodríguez, Eva F. Ferreira, Marcos Abalde).
As asociacións e institucións profesionais salientaron en diversas ocasións o relevo deste proxecto para a visibilización, recoñecemento e dinamización do teatro galego, xa que, como sinalou a MIT, fai de “atalaia que nos remiten os sons, as mensaxes, a sedución ou o impacto que nos agarda na escena [...] non escapa de lle conceder decotío un digno espazo de tempo a un xénero, o teatral, ás veces marxinal no mercado do libro ou das lecturas escolares".[12]
Virgina Guarinos salienta a importancia deste premio entre os que contribúen a reforzar o radioteatro, máis alá da fórmula da radio soap, na Península Ibérica, xunto a programas como o clásico Premio de Teatro Radiofónico Margarita Xirgu de Radio Exterior de España e o Concurso Radio Teatro Carlos Pérez Uralde de Radio Vitoria.[13]
As obras premiadas foron publicadas en audiolibro por Edicións Xerais de Galicia, e, desde a VIII edición, de 2014, pola Xunta de Galicia. O primeiro logotipo do premio foi deseñado por Uqui Permui en 2008.
Premio do xurado | Premio da audiencia | Mención especial
ou finalistas do xurado |
Finalistas do público | |
---|---|---|---|---|
2006 | O bambán, de David Rodríguez | O elixido, de Raúl Dans
1073, de Eva Freixeira Ferreira |
||
2008 | O mal da vaca, de Begoña García Ferreiro | Saltimbanqui, de Lois Pérez Díaz | Ola Silvia, ¿estás aí?, de Fátima Rodríguez Figueiras
Último capítulo, de Roi Vidal Ponte |
|
2009 | Peter Buckley, de Rubén Ruibal e César Candelas[14] | Servizo de Información, de Paula Carballeira
O xou mas gou on, de Eva Freixeira Ferreira |
||
2010 | Indoor, de Vanesa Martínez Sotelo | O vento da illa, de Begoña García | Nunca me esquecerei de ti, de David Rodríguez | |
2011 | Paraísos, de Xosé Manuel Pacho Blanco | Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira Ferreira | Carne de canón, de Rebeca Montero | Señora Carme, de Manuel Román |
2012 | Poema sinestésico para tres voces e un can, Eva F. Ferreira | Intercom-Baby, de Santiago Cortegoso e María Bañobre | Ironías, de Carlos Losada Galiñáns | Quendas, de Zé Paredes |
2013 | Chovencartos, de Raquel Marco | O demo nunca dorme, de Jesús Lista Negra | Despois do sinal, de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre | Suite en tres movementos para unha época de noxo, carraxe e indignación, de Irma Amado |
2014 | Explotados, de César Carracedo[15] | A primeira vez, de Carmen Blanco Sanjurjo | Para o norte, de Marcos Abalde | A guerra silenciosa, de Marcos Abalde |
2015 | Evasión, de Clara Gayo Pérez | Non teño espello no baño, de Avelina Pérez Pérez | Hai un punto que me doe, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso | Asalto ao rexional das 11, de Daniel García Níñez |
2016 | O quinto inverno, de Eva F. Ferreira[16] | Un bo final, de Carolina Alba Castro | Punto de vista, de Avelina Pérez | Veos, de Ana Carreira |
2017 | Psicofonías, de Marcos Abalde | Alianzas, de Avelina Pérez Pérez | Proxecto tempo, de Clara Gayo | Andrómenas soa moi antigo, de Fernando Epelde |
Dirección e adaptación radiofónica |
Elenco | Realización e deseño sonoro | |
---|---|---|---|
2006 | Lino Braxe | Luís Tosar, Luis Zahera | |
2008 | Quico Cadaval | Manuel Lourenzo, Susana Dans, Belén Constenla, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Xan Cejudo, Xosé Manuel Olveira 'Pico’, Fernando Pedrido | |
2009 | Cándido Pazó | Santiago Cortegoso, Xosé Manuel Olveira 'Pico', Pepo Suevos, Miguel Varela, Marcos Correa | |
2010 | Ánxeles Cuña | Sabela Gago, Fernando Dacosta, Elena Seijo, Nate Borrajo, Tito Asorey, Fina Calleja, Josito Porto | |
2011 | Ana Vallés | Nuria Sanz, Margarita Fernández, Mónica Caamaño, Laura Ponte, Marcos Viéitez, Manu Lago | |
2012 | Evaristo Calvo | Víctor Mosqueira, Paula Buxán, Marcos Correa, Borja Fernández, Rocío González, Nuria Sanz, Laura Ponte, Pilar Pereira, José L. López Cava | |
2013 | Mariana Carballal | Xosé Barato, César Cambeiro, Luisa Merelas, Celso Parada, Estíbaliz Veiga, Mela Casal, Belén Constenla, Afonso Becerra, Rocío González, Xosé Baliñas, Santiago Pemán. | Chus Silva |
2014 | Cristina Domínguez | César Goldi, Machi Salgado, Mónica García, María Llanderas, Aaron Gómez Gallego | |
2015 | Tito Asorey | Melania Cruz, Fernando González, Antonio Durán Morris, Mela Casal, Covadonga Berdiñas | |
2016 | Marta Pazos | Melania Cruz, Maria Roja, Ricardo de Barreiro, Gena Baamonde, Chelo do Rejo | |
2017 | Santiago Cortegoso | Fernando Dacosta, Iria Sobrado, Salvador del Río, Marián Bañobre |
Todas as publicacións do programa recollen proxectos especiais ideados para o programa de radio, en diferentes formatos. Publícanse como audiolibro mais o soporte de son é variable: cd ou ficheiro de Internet en acceso aberto.
Algúns dos colaboradores no programa recolleron en libro as súas intervencións:[20]
Galardóns outorgados ao programa ou á súa directora, Ana Romaní.[21]
En 2018 a Real Academia Galega nomeou a directora, Ana Romaní, académica numeraria electa, salientando as achegas feitas desde o programa:
Desde 1990 está á fronte do programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos no seu eido da radiodifusión en España. O seu labor xornalístico foi recoñecido con distintos premios aos que hai que engadir os galardóns concedidos ao propio programa. O interese de Ana Romaní pola permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas de creación contemporánea levouna a promover iniciativas como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a máis de corenta obras de teatro radiofónico e que propiciou a renovación deste xénero; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía sonora con versos inéditos de trinta e seis poetas arredor de poemas de Rosalía de Castro, publicados logo da súa emisión.[23]
O 8 de maio de 2018 a Radio Galega anuncia que a partir do 10 de setembro de 2018 muda o formato dunha hora e que os seus contidos se incluirán noutros formatos, pero sen contar cunha franxa horaria propia nin autonomía. Esta decisión forma parte dunha reestruturación da programación da emisora que provoca unha campaña de apoio ao programa e a protesta do cadro de persoal por estes cambios e a manipulación informativa, os chamados Venres negros.[24]
Esta decisión da CRTVG provoca a proposta do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editores, A Mesa pola Normalización Lingüística, Escena Galega, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e mais outras asociacións, institucións e persoas destacadas do eido cultural que se adhiren á campaña pública de apoio ao programa e denuncia da política da Radio Galega.[25][26][27] Manuel Bragado defendeu que o Diario Cultural é máis que un programa de radio, "é un patrimonio colectivo da cultura galega de entre séculos que debe ser respectado e merece ser potenciado".[28] Marilar Aleixandre salienta a mirada feminista do programa:
Ana Romaní e os seus colaboradores, como Xiana Arias, levan ao Diario Cultural a ollada feminista, non por medio de pauliñas ou discursos, senón pola súa actuación. Así, tanto por prestar a mesma atención ás músicas, escritoras, actrices, xornalistas ou cineastas mulleres que aos homes, como polas súas preguntas nas entrevistas, esculcando nas cuestións de xénero.[29]
Persoas destacadas da cultura galega promoveron o manifesto Nós non imos ficar caladas.[30][31] Nas redes sociais as denuncias levan os hastags #QueremosDiarioCultural, #euquerodiariocultural, #SalvemosODiarioCultural.
Na III Gala do Libro Galego, celebrada en 2018, Ana Romaní acadou o premio á traxectoria nos medios de comunicación. En plena polémica polo peche do programa e nunha gala reivindicativa, o xurado destacou en Romaní "a súa incontestábel traxectoria de traballo de difusión da cultura desde o Diario Cultural da Radio Galega",[32] e a xornalista, no discurso de agradecemento afirmou que "o xornalismo cultural non é só a axenda do día nunha compilación de actos".[33]
O 18 de xuño de 2018 o equipo de colaboradoras do programa dirixe a súa carta de renuncia á xefa de programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, como protesta polo desmantelamento do programa no formato tradicional e denuncian:
a destrución dun tecido radiofónico de probada efectividade informativa, con identidade propia, produción singularizada e impulso á diversidade, todo isto marcado por unha calidade indiscutible. (...) o Diario Cultural logrou ao longo de case trinta anos establecer un territorio comunal onde puidemos vernos todos os sectores implicados na cultura do país. (...) consideramos que o exercicio libre da crítica é indispensable para a consolidación dun contexto crítico propositivo, nun medio como a Radio Galega con vontade de servizo público.[34]
A carta vai asinada por Uxía Domínguez Senlle, Miguel Anxo Fernández Fernández, María Xesús Nogueira Pereira, Natalia Poncela López e Antón Lopo.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.