catedrático de literatura galega, sociolingüista e escritor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Xesús Alonso Montero, nado en Vigo o 28 de novembro de 1928, é un ensaísta, membro do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, catedrático de Literatura galega, sociolingüista, poeta e conferenciante galego. Foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017.[1][2]
(2013) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de novembro de 1928 (95 anos) Vigo, España |
13º Presidente da Real Academia Galega | |
20 de abril de 2013 – 17 de marzo de 2017 ← Xosé Luís Méndez Ferrín – Víctor Freixanes → | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Madrid Universidade de Salamanca |
Director de tese | José Luis Pensado |
Actividade | |
Ocupación | filólogo , poeta , sociolingüista , escritor , crítico literario , lingüista |
Partido político | Partido Comunista de España |
Membro de | |
Xénero artístico | ensaio, poesía |
Lingua | Lingua galega |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Cónxuxe | Emilia Pimentel Iglesias Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda† |
Fillos | Emilio Alonso Pimentel, Xesús Pimentel |
Premios
| |
Nado en Vigo, onde os seus pais Benito Alonso e Angelina Montero rexentaban unha taberna na rúa Urzáiz. A familia trasladouse en 1938 a Ventosela (Ribadavia), a terra dos avós (e do seu sobriño Manuel Rodríguez Alonso), onde pasou a súa infancia e adolescencia. Estudou o bacharelato en Ribadavia con Bernardino Graña e rematouno en Vigo no Instituto Santa Irene en 1948. Licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid en 1953.
Foi profesor de Lingua e Literatura Española desde 1956, exerceu na Escola Normal de Santiago de Compostela e nos institutos de Palencia (1959-1960) e Lugo (1960-1976). En 1966 doutorouse na Universidade de Salamanca cunha tese sobre Manuel Curros Enríquez: Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega. En 1976 é profesor titular de Literatura Española no Colexio Universitario de Vigo, despois pasou a ser profesor titular de Literatura Galega e foi catedrático de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela.
Pola súa idade, pertence á xeración de escritores que comezaron o seu labor cultural após a guerra civil española. É militante do PCE desde 1962, represaliado en varias ocasións. Encabezou a candidatura do PCG pola provincia de Lugo nas primeiras eleccións democráticas. Foi catedrático de Lingua e Literatura Españolas de Escolas de Maxisterio, exercendo en Palencia, Lugo e Madrid. Foi nomeado catedrático emérito da USC en 1999.[3]
Destacou no campo da sociolingüística con libros como O porvir da lingua galega (1968), O que cómpre saber da lingua galega (1969) ou o polémico e contestado Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973), onde retoma as súas teses apocalípticas sobre o idioma galego sinalando mesmo unha data para a súa morte. Realizou e publicou estudos sobre escritores galegos como Rosalía de Castro (Páxinas sobre Rosalía de Castro, 1954-2004), Manuel Curros Enríquez (Curros Enríquez no Franquismo, 1936-1971), Manuel Leiras Pulpeiro, Luís Pimentel (Luís Pimentel: biografía da súa poesía), Celso Emilio Ferreiro (Celso Emilio Ferreiro), Luís Seoane (As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane), Mendiño, Xosé Neira Vilas, Lorenzo Varela, Vicente Risco, Ramón Cabanillas ou Álvaro Cunqueiro.
Fixo tamén achegas noutros ámbitos da literatura galega como a poesía popular e os poetas alófonos en galego, e ten realizado estudos sobre autores da literatura española como Antonio Machado, Federico García Lorca, Miguel de Unamuno ou Ramón María del Valle-Inclán. Alén disto, son destacábeis as súas colaboracións na prensa galega, recollidas en parte na obra Beatus qui legit: artigos periodísticos (1998-1999). Salienta tamén o seu papel como conferenciante, sobre todo en España e en América. Tamén ten libros de poemas: Versos satíricos ó xeito medieval ou Versos republicanos. Así mesmo, realizou compilacións poéticas de homenaxe a autores galegos: Coroa poética para Castelao (1988), Coroa poética para un mártir (1996), Coroa literaria para Roberto Blanco Torres contra a súa morte (1999) e 47 poetas de hoxe cantan a Curros Enríquez (2001).
Ingresou na Real Academia Galega o 30 de outubro de 1993 a proposta de Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares e Ramón Piñeiro. O seu discurso de ingreso, contestado por Xosé Filgueira Valverde, titulouno "Manifestos" en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da Posguerra na Galicia da Terra e na Galicia Emigrante (1939-1962).[4] O 20 de abril de 2013 foi elixido presidente da Real Academia Galega, cargo que ocupou ata o 29 de abril de 2017.[1][2]
Deu o seu apoio ao esperanto e ao movemento esperantista galego; escribiu a única visión xeral da historia do movemento en Galicia, o artigo que figura na palabra clave "Esperanto" da Gran Enciclopedia Galega.[5] Nese sentido, impartiu unha conferencia no 46º Congreso Español de Esperanto, en Vigo (1986)[6] e no 69º Congreso Español de Esperanto en Santiago de Compostela (2010)[7].
Chegou a Lugo en 1960 como catedrático do Instituto Masculino (IES Lucus Augusti), alí atopouse con Amable Veiga e Epifanio Ramos. Axiña se incorporou ao faladoiro do Hotel Méndez Núñez ("La tertulia de los desafectos"). Tamén se incorporou ás actividades do Círculo das Artes de Lugo, que en 1963 acolleu a exposición «Cen anos de literatura galega» polos cen anos da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, era a época de Ramón Varela Núñez no Círculo. Tamén impartiu docencia na Escola de Maxisterio.[8]
No instituto, no que tamén daba clases a súa muller, tivo como alumnos a Fernando Ónega, Perfecto Conde Muruais, Antón Grande, Claudio Rodríguez Fer, Antón Santamarina, Darío Xoán Cabana, Xesús Rábade, Anxo González Guerra, Fiz Vergara Vilariño, Xulio López Valcárcel, Camilo Valdeorras, Paco Martín etc.[8]
Desde Lugo publicou o Informe —dramático— sobre la lengua gallega, alí se afiliou ao Partido Comunista o 1 de maio de 1962 no Café do Centro e desde Lugo mandaba crónicas a Radio España Indepediente, emisora do PCE coñecida popularmente como "A Pirenaica".
Esta etapa (1960-1976) deixou pegada nel que declarou "Síntome galego de Lugo" en 2024 e tamén deixou pegada nos seus moitos alumnos.[8]
Casou con Emilia Pimentel Iglesias en 1957, coa que tivo tres fillos: Emilio, Jesús (Cuchús Pimentel) e Sara. Divorciado, volveu casar con Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, que finou en setembro de 2018.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.