Grupo da táboa periódica
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Un grupo ou familia da táboa periódica é cada unha das columnas verticais da táboa. Os grupos adoitan ter tendencias periódicas máis significativas que os períodos e os bloques. As teorías mecánico cuánticas modernas sobre a estrutura atómica explican as tendencias dos grupos propoñendo que os elementos dentro do mesmo grupo xeralmente teñen a mesma configuración electrónica na súa capa de valencia.[1] Consecuentemente, os elementos do mesmo grupo tenden a ter unha química compartida e exhiben unha clara tendencia nas propiedades cun número atómico crecente.[2] Porén, nalgunhas partes da táboa periódica como o bloque-d e o bloque-f, as semellanzas horizontais poden ser tan importantes ou incluso máis pronunciadas que as semellanzas verticais.[3][4][5]
Seguindo a convención internacional de nomes, os grupos numéranse dende o 1 ata o 18 dende a columna máis á esquerda (os metais alcalinos) ata a columna máis á dereita (os gases nobres).[6] Previamente os grupos indicábanse con números romanos. En América, os números romanos ían seguidos dunha "A" se o grupo estaba no bloque s ou p, ou dunha "B" se o grupo estaba no bloque d. Os números romanos utilizados corresponden co último díxito da convención de nomes actual. En Europa as letras eran semellantes, pero a "A" utilizábase se o grupo estaba antes do grupo 10 e a "B" para este grupo e os seguintes. A maiores, os grupos 8, 9 e 10 adoitaban tratarse coma un grupo triplo, coñecido de forma colectiva en ámbalas dúas notacións como o grupo VIII. En 1988 entrou en vigor o novo sistema de nomeamento da IUPAC, desbotando os nomes anteriores.[7] Algúns destes grupos recibiron nomes triviais non sistemáticos, malia que algúns destes nomes non son de uso habitual. Os grupos do 3 ó 10 non teñen nomes triviais e noméanse simplemente polo seu número de grupo ou polo nome do primeiro membro do grupo, xa que estes teñen poucas semellanzas e tendencias verticais.[6]
Os elementos dun mesmo grupo tenden a seguir uns padróns de raio atómico, enerxía de ionización e electronegatividade. De arriba a abaixo nun grupo, os raios atómicos dos elementos aumentan, e xa que van tendo progresivamente máis niveis de enerxía cheos, os seus electróns de valencia atópanse máis lonxe do núcleo progresivamente. Dende a parte superior, cada elemento sucesivo ten unha menor enerxía de ionización xa que vai resultando máis doado eliminar un electrón, xa que os átomos presentan unha unión cada vez menor. De forma semellante, os grupos presentan unha diminución da electronegatividade de arriba a abaixo por mor da cada vez maior distancia entre os electróns de valencia e os núcleos.[8] Porén, existen excepcións a estas tendencias. Por exemplo, no grupo 11, a electronegatividade increméntase nos elementos inferiores do grupo.[9]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads