Antonio Durán "Morris"

actor galego From Wikipedia, the free encyclopedia

Antonio Durán "Morris"
Remove ads

Antonio Segundo Durán Moreiras, máis coñecido como "Morris", nado en Vigo o 9 de xullo de 1959, é un actor galego. Cunha carreira interpretativa que abrangue case 50 anos, traballou en máis dun cento de obras audiovisuais e é un dos rostros máis célebres e recoñecidos do cine, a televisión e o teatro en Galicia.[1] Fíxose especialmente popular polos papeis de Antón Santos na serie Pratos combinados e Delmiro Ferreira en Padre Casares, personaxes que interpretou ao longo de 14 e 16 tempadas respectivamente.

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...

É o actor que máis veces foi nomeado aos Premios Mestre Mateo, cun total de 20 candidaturas, sendo nomeado en 16 das 17 primeiras edicións. Gañou dito galardón en seis ocasións, aos que suma entre outros un Premio Feroz polo seu papel do narcotraficante arousán Manuel Charlín en Fariña, e catro Premios María Casares pola súa actividade teatral.

Remove ads

Traxectoria

Naceu no barrio vigués de Teis, no seo dunha familia de orixe ourensá, sendo seu pai natural de Monforte de Lemos e súa nai dos Peares.[1][2] Estudou no colexio Labor, onde recibiu o alcume de Morris, como unha variación do seu segundo apelido, Moreiras.[3] Durante a súa xuventude utilizou Morris tamén como o seu pseudónimo como militante da Liga Comunista Revolucionaria.[4]

O seu interese pola actuación naceulle no instituto, cando unha profesora de francés lle propuxo participar na obra de teatro de Castelao Os vellos non deben de namorarse, que interpretaron o Día das Letras Galegas.[4] A continuación formou parte dun grupo teatral de Teis e en 1978 fundou xunto a Ernesto Chao e Manuel Pombal a compañía Artello Teatro.[5] Con este grupo representou numerosas obras, tendo especial éxito con Celtas sen filtro, de Xosé Luís Méndez Ferrín, estreada en 1983.[6] En 1984 participou na creación do Centro Dramático Galego.[2]

A mediados da década de 1980 adentrouse no audiovisual, aparecendo nas curtametraxes Os homes e a noite, de Antonio Caeiro, e Só para nenos, de Milagros Bará. O seu debut televisivo produciuse en 1986, no programa da Televisión de Galicia dirixido por Manuel Rivas O mellor, onde realizaba unha parodia dun "home do tempo.[1] No resto da década traballou noutros programas da TVG como A tumba aberta, de Xaime Fandiño; A ver que vái ser esto, no que realizaba gags humorísticos xunto a Manuel Manquiña parodiando a programación da canle; ou S.O.S., un espazo dirixido por Chichi Campos no que coincidiu tamén con Manquiña, ademais de con Geluca Roca e Xosé Manuel Maseda.[7] Traballou tamén como actor de dobraxe, sendo especialmente icónico o seu traballo poñendo voz ao Mestre Mutenroi en As bólas máxicas e na súa continuación, Dragon Ball Z.[8]

Ao mesmo tempo, continuaba cunha intensa actividade teatral no Centro Dramático Galego, con obras como Almas perdidas, xunto a Alfonso Agra e o propio Manquiña, Galicia S.L., con Ernesto Chao, Rosa Álvarez, Luma Gómez, Mabel Rivera, Marisa Soto e Tuto Vázquez entre outros, ou As alegres casadas, co mesmo grupo de actores.[9][10] Convertido na figura máis coñecida da escena teatral galega,[11] en 1990 realizou a súa primeira incursión no cine, interpretando a un camareiro no filme Continental, de Xavier Villaverde.[12] Durante eses anos participou na primeira serie galega de ficción, Servicio de urxencias, traballou nos sketchs humorísticos do concurso da TVG A reoca, e presentou os programas Fatal, fatal, fatal, Olé os teus vídeos e A familia mudanza.

Especialmente popular fíxoo o seu traballo na serie Pratos combinados, a primeira comedia de situación da TVG, estreada o 1 de decembro de 1995 e na que interpretaba a Antón Santos, cuñado do protagonista Miro Pereira (Ernesto Chao). A serie foi o primeiro grande éxito de audiencia da canle galega e emitiuse durante 14 tempadas, catapultando á fama aos seus actores. Polo seu traballo nesta serie recibiu os seus primeiros tres nomeamentos aos Premios Mestre Mateo, todos na categoría de mellor actor protagonista. Paralelamente ao seu traballo nesta serie, tivo pequenos papeis en producións de fóra de Galicia, como nas series de éxito Periodistas, Los Serrano e Los hombres de Paco, ou os filmes Matías, juez de línea e Atilano, presidente.

En 2002 púxose por primeira vez ás ordes do director Fernando León de Aranoa, cunha pequena aparición no aclamado filme Os luns ó sol, rodado en boa parte no seu Vigo natal. Tres anos despois volveu traballar nun filme de Aranoa, interpretando a un maltratador.[13] No ano 2007 recolleu o seu primeiro Mestre Mateo, na categoría de mellor actor secundario, grazas ao seu traballo no filme O partido, dirixido por Juan Calvo.[14] Entre 2007 e 2009 formou parte do elenco de humoristas do programa Air Galicia, xunto a cómicos como Evaristo Calvo, Isabel Risco, Federico Pérez, Marcos Pereiro, Patricia Vázquez ou o seu amigo Manquiña, e foi nomeado novamente aos Mestre Mateo.[15] Ademais, recibiu da Xunta de Galicia o Premios Chano Piñeiro, xunto ao arxentino de orixe galega Eduardo Blanco.[16]

En 2008 meteuse na pel de Delmiro Ferreira, o alcalde comunista da ficticia vila de Louredo na serie Padre Casares. A produción, na que foi un dos actores principais xunto a Pedro Alonso e Gonzalo Rei Chao, converteuse no espazo líder de audiencia en Galicia e alongouse durante 16 tempadas, ata setembro de 2015. Por este papel foi nomeado ata cinco veces aos Premios Mestre Mateo como mellor actor protagonista, aínda que non conseguiu levar o premio.[14]

Paralelamente participou nesa época en episodios das series Sin tetas no hay paraíso, La que se avecina e Matalobos, ao tempo que se incrementaba notablemente a súa actividade no cine, aparecendo en numerosas películas, entre elas Os mortos van á presa, a premiada Cela 211, Amador (o seu terceiro traballo con Aranoa), Retornos, Os fenómenos ou Somos xente honrada. Ademais, entre 2011 e 2012 representou a obra de teatro O florido pénsil, xunto a Federico Pérez, Alfonso Agra, Josito Porto y Xosé Manuel Olveira "Pico".[17]

En 2012 gañou o seu segundo Mestre Mateo, polo seu papel de Cañete no filme Doentes, de Gustavo Balza.[14] En 2014 interpretou ao Milhomes no filme de Ignacio Vilar A esmorga, adaptación da obra homónima de Eduardo Blanco Amor, compartindo protagonismo con Miguel de Lira e o vasco Karra Elejalde. O seu traballo no filme valeulle o Premio Mestre Mateo ao mellor actor protagonista, ao que sumou nesa mesma edición o galardón na categoría de mellor actor secundario por Códice, miniserie que recreaba o roubo do Códice Calixtino na Catedral de Santiago de Compostela.[18] Foi nomeado tamén nas edicións de 2015 e 2016, polos seus papeis nas series Hospital Real e Pazo de familia, e gañou o seu quinto galardón na edición de 2017, Por Dhogs, de Andrés Goteira.[19]

No 2018 estreouse en Antena 3 a serie Fariña, baseada no célebre libro homónimo do xornalista Nacho Carretero e na que Morris deu vida a Manuel Charlín. A súa recreación do histórico narcotraficante arousán, valeulle o Premio Feroz ao mellor actor secundario de televisión.[20] Nos seguintes anos continuou traballando intensamente no mundo audiovisual, en series como Néboa, Alta mar, Amar es para siempre ou Beguinas, así como nos filmes A estación violenta, El aviso, El pacto, María Solinha ou El verano que vivimos. Na 19ª edición dos Premios Mestre Mateo gañou o seu sexto galardón pola súa interpretación en Ons, e en 2025 foi nomeado por vixésima vez, por Honeymoon.[21]

Remove ads

Vida persoal

Dende 1986 mantivo unha relación sentimental coa pianista e compositora tudense Enma Pino, que foi a súa parella ata o seu falecemento en 2014.[22]

Thumb
Morris, á saída da presentación de Os mortos van á présa en Ribadeo en 2009.

Filmografía

Cine

Series de televisión

Personaxes fixos

Personaxes episódicos

Programas de televisión

Curtametraxes

Sonorización e dobraxe

Remove ads

Teatro

Remove ads

Galardóns e nomeamentos

Premios Mestre Mateo

Premios María Casares

Máis información Ano, Categoría ...

Outros

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads