Independentismo galego
movemento político galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Remove ads
O independentismo galego é un movemento político e social dentro do nacionalismo galego que avoga pola independencia política de Galiza respecto de España, e a súa conversión nun estado independente e soberano, así como a anexión daqueles territorios galegofalantes baixo a administración de Castela e León e Asturias,[1] a coñecida como Galiza estremeira (As Portelas, O Bierzo e Terra Eo-Navia).[2][3][4]

Os comezos do separatismo popular en Galiza poden remontarse aos anos 20 e 30 do século XX, case un século despois da disolución do Reino de Galiza no ano 1833, momento no que se produciu un forte proceso de centralismo español[5] no cal Galiza perdeu todas as atribucións políticas, económicas, militares e diplomáticas, e España iniciou unha burocracia centralizada e a procura da homoxeneización xurídica, lingüística e cultural. Unha das primeiras organizacións independentistas galegas foi o Comité Revoluzonareo Arredista Galego, fundado por Fuco Gómez en Cuba no ano 1921. No ano 1931, Antón Alonso Ríos proclamou a República Galega como unha reacción ao malestar xerado polo caciquismo e mais pola paralización das obras do ferrocarril. A proclama quedou sen efectos reais e só durou unhas horas xa que o goberno central da Segunda República Española retomou a obra do ferrocarril, evitando que a insurrección se expandise.[6] Logo da guerra civil española, a ditadura de Francisco Franco acabou cos movementos autonomistas, galeguistas e de esquerdas galegos. Trala morte de Franco en 1975, os partidos políticos galegos e o nacionalismo galego maioritario concentráronse en recuperar a autonomía máis que na independencia.
No Parlamento de Galiza non existen partidos que apoien explicitamente a independencia, aínda que dentro do Bloque Nacionalista Galego existen partidarios desta opción,[7] e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, é independentista.[8] Entre as organizacións independentistas máis destacadas están Causa Galiza[9] e a Frente Popular Galega,[10] logo da disolución de Nós-Unidade Popular.[11]
Remove ads
Ideoloxía
A demanda de independencia galega baséase na idea de que Galiza, como unha nación cunha cultura, lingua e identidade diferentes ás de Castela e o resto do Estado español debe adquirir o status de estado que lle permita desenvolver unha política propia plena, co fin de salvagardar a súa identidade nacional, cultura, sociedade e intereses económicos propios.
O movemento pola independencia de Galiza é na actualidade moi diverso e abrangue amplos sectores, desde aqueles que formulan un avance gradual cara a independencia a través dunha progresiva recuperación do Goberno, ata os que consideran urxente a inmediata conversión de Galiza nun estado soberano e independente.[12] En 1981, coa instauración da Xunta de Galiza —órgano de goberno que toma o nome tradicional das xuntas formadas durante as invasións napoleónicas e alicerzando a súa lexitimidade no plebiscitado Estatuto de 1936 , o Estado español cedeu parte dos seus poderes lexislativos, respondendo así o gran pulo do autonomismo galego da transición española. Xunto coa creación dun parlamento democrático e o establecemento dun executivo galego con poderes administrativos, o goberno de Galiza logrou acadar amplas cotas de poder autónomo, pero limitado ao marco da Constitución española de 1978 que establece a indisoluble unidad de la nación española, imposibilitando por tanto a lexislación española, o dereito de autodeterminación de calquera dos territorios do Estado español. O independentismo galego, con todo, considera que a Xunta de Galiza e o executivo galego, deben ser tan só un estado intermedio na transición cara a un estado-nación galego plenamente libre e soberano.
Galiza é unha nación, e ningún antifeixista pode negarlle o direito de autodeterminación.
Remove ads
Historia
Comezos do independentismo

No ano 1843, dez anos despois da abolición do Reino de Galiza e dos demais antigos reinos da Monarquía Hispánica para crear un Estado centralizado, celebrouse en Lugo unha Asemblea para estudar a reorganización de Galiza con respecto á oposición existente contra da rexencia de Baldomero Espartero. Nela, Antolín Faraldo propuxo debater a independencia de Galiza. A súa proposta non chegou a ser considerada por un só voto.[13][14]
A primeira concreción política organizada foi o Comité Revoluzonareo Arredista Galego de Fuco Gómez fundado na Cuba dos anos 1920,[15] mais durante a II República Española non tivo apenas relevancia. Tamén na Arxentina houbo unha asociación independentista chamada Sociedade Nazonalista Pondal, activa sobre todo nos anos 30.[16]
Tamén na Galiza existiu algún movemento independentista nos anos 30, como foi o caso da Vangarda Nazonalista Galega.
Primeira República Galega
- Artigo principal: Primeira República Galega.
O 27 de xuño de 1931, un día antes das eleccións ás Cortes Constituíntes da II República Española, Galiza declarou a súa independencia e foi proclamada a Primeira República Galega.[17][18][19][20] Así a todo, o gobernador civil da provincia de Ourense e o Ministro da Gobernación Miguel Maura negaron oficialmente ante a prensa que se producise a devandita proclamación.[21][22][23][24] Ese 27 de xuño de 1931, Alonso Ríos é nomeado presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega[25] A república durou unhas horas e o contexto no que se enmarca esta declaración foi tenso, coa recente vitoria republicana e a fuxida do rei español Afonso XIII. Así, a declaración dun Estado Galego veu propiciada por un ambiente de malestar xerado polo caciquismo imperante e mais pola paralización das obras do ferrocarril,[14] deixando sen traballo a 12.000 obreiros. Con todo e iso, en verdade soamente se debe entender esta declaración de independencia como unha proclama sen efectos reais.
O franquismo e os anos 70

A comezos da década de 1970, un sector da UPG próximo a Moncho Reboiras tentou organizar a loita armada contra o franquismo seguindo o modelo de ETA, mais rematou coa morte de Moncho Reboiras.[26] En 1978, un sector da UPG escindiuse, constituíndo primeiro a Unión do Povo Galego-liña proletaria e posteriormente o Partido Galego do Proletariado, de carácter independentista, que constituíu unha fronte asemblearia, Galicia Ceibe-OLN, na que se disolvería en 1981.[27] Propiciou a creación do LAR (Loita Armada Revolucionaria), que actuou principalmente contra a construción da autoestrada AP-9, o que provocou a detención de varios dirixentes, entre eles Xosé Luís Méndez Ferrín. Galicia Ceibe-OLN negouse a entrar no BNG durante a Asemblea de Riazor.[27]
O independentismo galego na actualidade

En 1986 o Partido Comunista de Liberación Nacional, escisión independentista da UPG, foi expulsado do BNG por ter apoiado a candidatura de Herri Batasuna durante as Eleccións ao Parlamento Europeo. Xunto a Galiza Ceive-OLN (novo nome da organización) e varios colectivos independentistas, formaron a Frente Popular Galega ao ano seguinte, a principal organización independentista galega desde entón.[28]
Nese contexto apareceu o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC), que realizou 90 accións terroristas en seis anos, a última o 13 de setembro de 1991. Como consecuencia das súas accións morreron 2 membros do EGPGC e unha rapaza no atentado da discoteca Clangor, en Santiago de Compostela,[29] e o grupo asasinou o garda civil Benedicto García Ruzo e feriu de gravidade a outro cando pretendían roubarlles armas, no concello de Irixoa.[30] Foron detidos varias ducias de supostos membros.[31].

En 1989, o sector próximo a Galiza Ceive-OLN marchou da Frente Popular Galega por diferenzas sobre estratexia e o tratamento dos presos do EGPGC, e creou a Assembleia do Povo Unido (APU). A Frente Popular Galega continúa existindo na actualidade, sendo o principal partido independentista en número de votos. Ten certo apoio social e electoral no Morrazo e conta cun sindicato afín, a Central Unitaria de Traballadores (CUT). A APU auto-disolveuse en 1995 e a súa herdanza foi a organización xuvenil Assembleia da Mocidade Independentista (AMI), creada en 1993.
Outra organización de carácter independentista creada en 1996) no interior BNG é Primeira Linha. Abandonou esa organización en 1999 denunciando a deriva dereitista e autonomista do BNG e a hostilidade da UPG coa corrente independentista. A súa forza estivo centrada nos ambientes estudantís de Compostela e na comarca do Condado. Ao igual que Galiza Ceive-OLN e o resto das organizacións aparecidas a partir da década de 1990, asume os postulados do reintegracionismo lingüístico (a única excepción actual no independentismo é a FPG). Todas estas organizacións son comunistas, se ben o modelo organizativo varía do marxismo-leninismo clásico até o asemblearismo.
Nos últimos anos da década de 1990 formulouse unha proposta, coñecida como Proceso Espiral, que pretendía unificar os numerosos grupos independentistas existentes, todos eles de tamaño reducido e áreas de acción limitadas. En 2001, formouse Nós-UP, que contaba coa AMI como organización xuvenil. O seu traballo céntrase nos centros sociais, a loita da mocidade, o sindicalismo e as organizacións feministas. O afastamento entre Nós-UP e AMI motivou que xurdise outra organización xuvenil, Briga, e a estudantil AGIR, ámbalas dúas afíns a Nós-UP.
Dez membros de AMI e outros colectivos foron detidos en 2005 e dous deles acusados de colocaren unha bomba nun caixeiro automático en Compostela. Ese mesmo ano fíxose pública a existencia dun grupo denominado Resistencia Galega que se ten atribuído varios atentados con bombas de pequeno tamaño.
En 2005 comezaron a formarse outras organizacións dentro do BNG, novamente procedentes en boa parte da UPG, de carácter independentista: o Movemento pola Base e o grupo xuvenil Isca. Contan cunha importante presenza na organización sindical nacionalista CIG.
Na primavera de 2007 apareceu unha plataforma cívica para a reivindicación do dereito de autodeterminación, denominada Causa Galiza. Esta iniciativa foi impulsada principalmente desde as organizacións vinculadas ao independentismo galego máis a participación nela era de carácter individual. Desde algúns sectores do nacionalismo galego esta plataforma foi vista como un intento de reunificación do independentismo, porén, fracasou e anos despois Causa Galiza é o principal partido do independentismo alleo ao BNG, tras a disolución de Nós-UP, en xuño de 2015,[32] e AMI, en setembro de 2014.[33]
No ano 2014 a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova celebrou a súa XIII Asemblea Nacional, na cal por primeira vez na súa historia pasaron a defender a independencia nacional de Galiza e a constitución dunha República Galega independente como única vía para acadar a soberanía para o pobo galego.
No ano 2017 tivo lugar a XVI Asemblea Nacional do BNG na cal se recoñeceu abertamente a existencia dentro da fronte de dúas tendencias na concepción do exercicio de autodeterminación: unha delas sería a confederación en pé de igualdade con outros pobos do estado e a outra sería a da independencia. Do mesmo xeito, a Unión do Povo Galego, principal partido integrado dentro do BNG comezou a posicionarse a partir do 2017 a prol da independencia nacional como medio para acadar a soberanía de Galiza.[34]
O 26 de novembro de 2021 o PPdeG anunciou que presentaría unha iniciativa no Parlamento galego para preguntar aos partidos «se queren unha República Independente en Galicia».[35] Días antes, Néstor Rego, deputado do BNG nas Cortes Xerais, dixera no Congreso español que «Galiza será más pronto que tarde una república libre y soberana».[36] O PPdeG, no entanto, acabou finalmente reformulando a iniciativa como unha declaración na defensa da Constitución española.[37] Precisamente, a Xunta de Galiza, rexida polo PPdeG, iniciou en comezos de 2023 a tramitación da Lei do Litoral de Galiza á marxe da devandita Constitución, feito que foi cualificado pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente de España como «case unha declaración de independencia».[38]
Remove ads
Galería de imaxes
- III Jornadas Independentistas Galegas, organizadas por Primeira Linha en Compostela en 1999.
- Manifestación de NÓS-Unidade Popular no 25 de xullo de 2005.
- Graffiti en Santiago.
- Graffiti en Louro, Muros, escrito en galego reintegracionista.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads