Cruceiro
monumento relixioso formado por unha cruz de pedra From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra elevada sobre unha columna, habitualmente con unha ou varias imaxes, asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas etc., lugares nos que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza, teoría xa proposta por Murguía e mantida por case tódolos autores[1][2][3]
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Cruceiro (homónimos).

O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura galegas, intimamente vencellado á paisaxe rural galega,[4][5][6][7][8] Xorde nos máis inesperados recunchos e constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas públicas, xardíns e propiedades particulares pero xa cun obxectivo decorativo nada máis.
O cruceiro tamén é característico doutras rexións do mundo con fortes raíces católicas, por exemplo Irlanda en Europa onde se chaman high cross as que son de influencia celta e que existen desde o século VII. Tamén aparecen cruceiros semellantes aos galegos e portugueses en amplas zonas de Francia (especialmente na Bretaña, onde se levantan algúns moi espectaculares chamados calvarios, con moitísimas figuras[9]), Alemaña e Gran Bretaña. As organizacións de emigrantes galegos nos diferentes países están detrás de numerosos cruceiros en diferentes países de todo o mundo.[10]
Remove ads
Distribución
Non se coñece o número dos existentes en Galicia, e a distribución por provincias é desigual, observándose unha maior abundancia nas provincias da Coruña e Pontevedra e sendo máis escasos en Lugo e Ourense.[11] Clodio González Pérez dicía en 2003 que pasan dos 10.000, entre cruces e cruceiros.[12] A Universidade da Coruña, que está realizando desde 1993 un inventario concello a concello, estima o número en "polo menos 12.000".[13] A revista dixital GCiencia estimaba en 2023 que hai preto de 15.000 cruceiros en Galicia.[14]
Como exemplo, hai catalogados "case 140 cruceiros, cruces e petos" no Porriño,[15], 118 en Rianxo [16] "algo máis de 300" en Vilalba,[13] máis de 250 na comarca de Pontevedra.[17]. Segundo o inventario que realizou Yves Castel en 1980, a Bretaña francesa contaría cuns 9.000.
Remove ads
Clasificación
A efectos dunha máis sinxela análise, cómpre diferenciar na denominación común de cruceiro as seguintes tipoloxías:
- as cruces, sen máis elementos figurativos, sen imaxe ningunha, chamados cruceiros de cruz. Pode tratarse dunha cruz sobre o fuste ou ben unha cruz na que o brazo vertical chega ata o chan, sen diferenciarse como fuste. En puridade, estes elementos non serían cruceiros.
- os cruceiros de crucifixo, os cruceiros propiamente ditos, formados por unha plataforma, un fuste e unha cruz con imaxe nunha ou nas dúas caras (os elementos característicos que se describirán a seguir).
- os cruceiro de capela, de capeliña ou cruceiros de loreto, nos cales o capitel está substituído por unha furna ou capeliña en pedra con unha imaxe no seu interior. Este tipo de cruceiros agrúpanse case todos na península do Barbanza, concentrándose ó longo das beiras das rías de Arousa e Noia.
- Os cruceiros de imaxe, nos que a cruz superior está substituída pola imaxe da Virxe ou dalgún santo.
Os máis frecuentes, con diferenza, son os cruceiros de crucifixo, que representan o 63,71% do total, seguidos polos cruceiros de cruz, que ascenden ó 29,39%. Moito máis raros son os cruceiros de capela (un 2,27%) e os de imaxe (só un 0,74%).[18]
Mención á parte merecen os petos de ánimas, outra mostra da escultura relixiosa pero de características propias.
Outras estruturas relacionadas cos cruceiros son os calvarios e os viacrucis. Os calvarios son conxuntos de tres cruceiros nos que se representa a Cristo na central e ós dous ladróns nas cruces laterais. Poden adoptar unha forma simplificada na que se levanta un cruceiro central e dúas cruces a ámbolos lados ou, aínda máis, son tres cruces das que destaca a central polo seu maior tamaño. Polo seu merecemento, cómpren destacar os calvarios de Santa María, de Castro Barbudo (Ponte Caldelas)[19], o de San Martiño (en Bueu), o de Beade ou o de Bieite (Leiro)[20], moito máis simple.
Os viacrucis son conxuntos de catorce cruces sinalando un camiño chamado Vía dolorosa ou Vía sacra. Adoitan ser cruces de maior ou menor tamaño que rematan nun cruceiro ó final do camiño (mesmo un calvario, como o de Sorribas, en Rois). Mesmo así, pódese destacar o calvario do Casal, en Estacas (Cuntis), formado por catorce cruceiros completos.
Remove ads
Orixe

Xa desde os principios do cristianismo se buscou unha sacralización dos lugares de culto pagán ou sospeitosos de ter tal culto. Con ese obxectivo colocáronse cruces sobre pedras con algunha simboloxía, sobre menhires ou pedras significativas. Así temos, en Pedrouzos (Castro Caldelas) un penedo natural, chamado Pena do Pendón, sobre o que se colocou unha cruz; ou o Penedo de Queiroás, en Allariz, sobre o que se levantou un cruceiro. Outro exemplo desta intención cristianizante é o cruceiro de Presqueira (Baños de Molgas), levantado sobre un petróglifo, ou o cruceiro chantado sobre a Pedra da serpe, en Gondomil (Corme, Ponteceso), posible ara dun antigo culto ofilátrico que terminou sendo sacralizado coa cruz.
Por outra banda e co mesmo obxectivo, están as cruces colocadas sobre miliarios romanos, das que aínda quedan exemplos como o cruceiro de Foncuberta, en Maceda (Ourense).[21][22]
En calquera caso, parece aceptarse unanimemente a teoría de Castelao de que os cruceiros son unha creación gótica.[23] A orixe dos cruceiros, tal como os entendemos hoxe, pode situarse na segunda metade do século XIV[24] ou xa no século XV. O seu maior desenvolvemento produciuse no século XVIII, se ben non foron realmente valorados e estudados ata ben entrado o século XX, a partir dos exhaustivos traballos de Castelao sobre as cruces de pedra en Galicia e na Bretaña (publicados como As cruces de pedra na Galiza e As cruces de pedra na Bretaña).[25]
Castelao defendía a tese de que os cruceiros foron introducidos en Galicia por influencia das viaxes de San Vicente de Ferrer,[26] que estivo por terras galegas en 1412 e trouxo o modelo das cruces de termo levantinas. Tamén viaxou pola Bretaña francesa en 1419, onde morreu, o que lle permite explicar a semellanza entre os cruceiros galegos e bretóns. Esa semellanza podería deberse á influencia que exerceu o Camiño de Santiago, que permitiu que os peregrinos bretóns trouxeran e levaran estilos e iconografía. Francisco Fernández del Riego comparte a opinión de que foron os peregrinos a Santiago os introdutores destas cruces.[27]
A primeira referencia documentada dos cruceiros está nun documento de 1215, conservado no arquivo da Catedral de Lugo, no que se menciona un cruceiro como referencia topográfica.[28] O cruceiro máis antigo que se conserva é o de Melide, do século XIV.[29][30][31] Realmente, só se conserva a cruz, sobre unha columna moderna, do que Castelao deduce que, en orixe, os nosos cruceiros eran só cruces de pedra que se trasladaban dun lugar a outro ata asentarse nalgún momento sobre unha pedra ou sobre un pedestal. Da mesma época son tamén os cruceiros (realmente, cruces) das Ribeiras do Sor (en Mañón) e o de Neda.
Do século XVI datan algúns dos cruceiros galegos, como os da Virxe dos Remedios (en Muros, 1586), o de Fondo da Vila (Padrón, 1587), pero será entre os séculos XVII (cruceiro de Ferreiros (O Pino, 1622); do Campanario (Vilagarcía de Arousa 1683); ou de Ansemil (Silleda 1698), entre outros moitos) a XVIII cando se produce a expansión dos cruceiros por toda Galicia e adquiren cada vez máis carácter de obxecto de culto popular.
A imaxinería barroca propia da época vai engadindo novos elementos ás figuras talladas e aumentando o dramatismo da escena representada, sobre todo segundo imos entrando no século XIX, coa representación da Virxe con Xesús morto no seu colo ou ben ela soa, cunha espada ou varios puñais cravados no peito. Deste estilo son, por exemplo, as obras de Manuel González Perdiz (autor dos cruceiros de Padrenda, Cenlle, Goiás de Lalín etc.), André Castaño Castro ou de Xosé Cerviño García (autor do do Hío, en Cangas).
Remove ads
Evolución
No concilio de Trento (1545-1563) acórdase, entre outras cousas, que existe un purgatorio no que as almas deben redimirse dos seus pecados antes de poder ascender ó ceo. Tamén se acepta, no que agora nos interesa, que os familiares e amigos vivos do defunto poden interceder polo seu perdón mediante penitencias e obras piadosas. Deste xeito comezan a construírse cruceiros pagados por persoas que buscaban gañar indulxencias para si mesmo ou para as súas persoas queridas. Así queda ben reflectido nun cruceiro de Fornelos de Montes que un tal José Benito Correa Alemparte mandou facer "por perdón de Dios y para los herederos de mi hija María, muerta de mala muerte".
Igualmente, os cregos das ordes mendicantes, especialmente franciscanos e dominicos, estenden nas súas prédicas a idea do purgatorio e incitan ós veciños a custear a construción de cruceiros, entre outras formas de facer esmolas. Pero tamén ergueron cruceiros buscando a protección divina contra as epidemias de peste que periodicamente decimaban Europa e Galicia: a modo de exemplo, en Allariz colocáronse cruceiros en 1579 diante de cada igrexa parroquial, aínda que hoxe só se conserva na súa localización orixinal o da igrexa de Santa María de Vilanova, na parroquia de Allariz.[32] Este aspecto defensivo contra o mal recolleuno Castelao nunha das súas Cousas, "A aldea esquecida". Conta que os veciños da aldea, armados ladróns, roubaron no Mosteiro da Armenteira pero o capitán agochou o botín esperando o momento da repartición, e o caso é que morreu sen dicir onde o enterrara. Desde ese momento, na aldea todo foron desgrazas e, "para escorrentar o mal fado, ergueron cruceiros a eito", aínda que de nada serviu e a aldea foi abandonada.[33]
Outros exemplos destes epígrafes son os seguintes:
- DEVOTOS A / MIGOS ES / TAMOS AR / DIENDO EN / TRE LLAMAS / VIBAS DE PE / NOSO FVEGO / CON BVES / TRA LIMOS / NA SE ALI / VIA EL TOR / MENTO (Cruceiro de Estribela, Lourizán, Pontevedra).[34]
- MANDAZER / ESTA CRVZ / AÑO DE 1719 /// FRANO OS / SNO / ORACIN / PIAS ANIM (Cruceiro de Barcia de Mera, Covelo).
- ESTE CRUCERO HIZO / A SU COSTA DE O. Mo. Rz. / RUEGUEN A DIOS PR / LAS ANI / MAS (Cruceiro de Salcidos, A Guarda).
- MANDO HAZER / I PINTAR VN DEVOTO / AÑO DE 1732 / PIDE VN AVEMARA / POR LAS ANIMAS DE PVR / GATORIO (Cristo de Torroso, Mos)
- RVEGEN A DYOS P / OR QUEN HIZO EST / A OBRA AÑO DE DCI (Cruceiro do Calvario, en Sárdoma, Vigo).
- DEVOCIO / N DE PEDRO / SOLLA DIUFV / NTO AÑO / 1760 (Xeve, Pontevedra)
- SE HIZO POR / MANUEL MOREI / RA A DEVOCION / DE SU DIFUNTO / PADRE AÑO DE / 1863 (Mourente, Pontevedra)
- SE AOGO JOSE RAMON GONZALES HIJO QUE FUE DESTA CASA PASANDO PARA VIGO Y MAS 14 PERSONAS EL 13 DE NOVIEMBRE DE 1838 ACUERDENSE DEBOTOS CON UN PADRENUESTRO POR SU ALMA (Moaña)[35]
- Castelao recolle así esta intención expiatoria dos cruceiros:
Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixoCastelao: "Reparáchedes nos nosos cruceiros?", en Cousas, primeiro libro (1926). Publicado anteriormente en Nós nº 17, 1.03.1923 e posteriormente en As cruces... (px. 105) con lixeiríximas variantes.
Remove ads
Estrutura

Materiais
Estruturalmente, os cruceiros son esculturas en pedra de granito na súa inmensa maioría. Casos excepcionais son os representados polo uso do mármore ou da serpentinita ou toelo, unha rocha metamórfica utilizada nalgúns cruceiros da zona de Moeche (A Coruña).[36] Por outra banda, non resulta raro o uso do cemento para reparar algunha perda de material orixinal.
A cruz (a parte superior) está esculpida normalmente nunha soa peza, aínda que hai exemplos con imaxes engadidas á cruz. De altura variable, adoitan ter entre 3 e 5 metros da base ó cumio da cruz. Tamén os hai moito máis pequenos, pero non é o habitual: o Cristo Pequeno, en Río Barba (O Vicedo), e a Cruz do Cano de Melchor, na mesma parroquia, miden pouco máis dun metro.
Moitos estiveron policromados nun principio[37] e hoxe en día poden verse restos de policromía en moitos deles[38] e, nalgún caso, a pintura renóvase ata a actualidade.[39]
"Un elemento comprementario da estatuaria e ornamentación dos cruceiros é a pintura. Todol-os cruceiros góticos estiveron pintados e dourados, e o costume de policromar estes moimentos prosigueu no ciclo barroco e aínda hoxe perdura. Disgraciadamente o crima do noso país barre a pintura en tan breve prazo que sóio nos é doado coñecer as derradeiras mostras"Castelao: As cruces de pedra na Galiza, 129
Nalgunhas das inscricións gravadas no pé dos cruceiros queda constancia desta práctica:
- Mando hazer/ i pintar vn devoto/ año de 1732 (Cristo de Torroso, Mos)
- Se traslado y/ pinto a devoci/ on de Dn Segundo/ Padin año 1883 (Padrenda, Meaño)
- Se redifico y pinto en el ano 1897 (Calvario de Santa María de Oroso (A Cañiza)
Elementos do cruceiro
Salvo excepcións, os cruceiros están constituídos por unha única cruz, pero hai casos nos que atopamos grupos de tres cruces. Son os calvarios, nos que habitualmente só está tallada a cruz central e, ás veces, nin esta.
A expresión simplificada do cruceiro é a cruz de pedra, soa, sen máis nada, pero resultan moito máis habituais os cruceiros máis elaborados. A tipoloxía dos cruceiros galegos é moi variada, segundo os recursos económicos da persoa que encargara a súa construción, pero basicamente consta dos seguintes elementos:
- A plataforma ou baseamento é unha estrutura de un ou máis chanzos, habitualmente tres a cinco pero ás veces moitos máis; a miúdo desigual para adaptarse á pendente do terreo. Esta plataforma adoita ser cuadrangular pero tamén as hai octogonais, hexagonais, triangulares[40] e mesmo circulares[41]. Nos cruceiros modernos poden adoptar formas máis elaboradas.
- Hainos tamén -moi poucos- sen base ningunha, chantados directamente no chan ou sobre unha rocha natural.[42]
- Plataforma cadrada (Praza da Leña, Pontevedra)
- Plataforma circular (Figueiró, Tomiño)
- Plataforma circular (Bealo, Boiro)
- Plataforma octogonal (Montefaro, Noalla, Sanxenxo)
- Cruceiro na praza das Cinco Rúas (Pontevedra)
- Sen plataforma ningunha (Catoira)
- Chantado sobre unha rocha (Boiro)
- A Pedra (Cariño)
- O pedestal ou base (e tamén, dado) é unha peza normalmente cuadrangular, cúbica, coas arestas biseladas. As caras poden ser lisas ou con algunha inscrición na cara frontal, inscrición que adoita achegar información sobre a data na que se erixiu o cruceiro e o motivo, co nome de quen o encargou e, rara vez, o nome do autor; moitas veces, a inscrición consiste nunha petición de oracións ou esmolas a quen pase por diante.[43] Outras formas non infrecuentes que poden adoptar este elemento son a hexagonal ou a cilíndrica,[44] con ou sen decoración.
- Hai bases moi elaboradas, con caveiras[45], ósos, os instrumentos da Paixón, serpes e outros elementos decorativos e figurativos.
- Hai tamén unha tipoloxía particular que presenta na base do cruceiro un retablo ou peto de ánimas, tallado ou acaroado ó pedestal que serve de base ó fuste (por exemplo, nun cruceiro da Revolta, en Sanxenxo; ou no medio da Ponte da Ramallosa).
- Noalla (Sanxenxo)
- A Ramallosa (Baiona)
- Cruceiro do Campillo de Santa María (Pontevedra)
- Serpe (Santa Comba, Agolada)
- Instrumentos da Paixón (Bolmente, Sober)
- Base cilíndrica, simple (O Campo de San Pedro, Cances, Carballo)
- San Mamede de Pedrafita (Guitiriz)
- O fuste (ou vara, varal, esteo, mastro ou asta [46]) é unha columna de sección normalmente cuadrangular (con ou sen as arestas matadas), pero tamén octogonal, hexagonal ou cilíndrica; en ocasións é cuadrangular no terzo inferior e octogonal na parte superior. Encaixa no pedestal mediante un espigo cuadrangular.
- Pode adoptar tamén outras formas, pero son raras e case únicas. Así, o fuste pode ser torsionado [47] ou nodoso, a modo de tronco de árbore.[48] O fuste do cruceiro de San Salvador de Colúns (Mazaricos) son tres columnas unidas.[49]
- Pode ter a superficie lisa, estriada ou acanalada, e non mostrar adornos ou figura ningunha, pero é máis habitual que estea decorada con motivos diversos que representan os instrumentos da Paixón de Cristo (esqueira, martelo, tenaces, hisopo, o galo da negación de San Pedro etc.) ou o pecado orixinal (Adán e Eva, figueira, caveira, serpe). En ocasións, tamén presenta outras figuras denominadas santiños: imaxes de Virxen ou santos que responden á devoción do lugar ou dos doadores.
- É sempre, salvo contadas excepcións, monolítico. O cruceiro de Renza (en Sobrán, Vilagarcía de Arousa) ten o fuste formado por tres pezas.[50]. Caso distinto é o constituído polos cruceiros de capela, nos que o tamaño e o peso da capeliña esixe un fuste moito máis groso e formado por dúas ou tres pezas.
- O varal do cruceiro do Campo da Festa, en Lamas (Boqueixón) ten a particularidade de mostrar tres bandas helicoidais, polo que se especula que poida proceder da Fachada da Acibecharía da Catedral de Santiago de Compostela, que foi reformada radicalmente no século XVIII, tras sufrir un incendio. Algunhas pezas foron reutilizadas noutras áreas da catedral e outras desapareceron.[51]
- Fuste octogonal (Campo Lameiro)
- Fuste cuadrangular (O Grove)
- Fuste cuadrangular, coas arestas matadas (O Pino)
- Fuste tallado a modo de tronco de árbore (Alba, Pontevedra)
- Fuste salomónico (Culleredo)
- Fuste torso do cruceiro da Barcia (San Martiño de Meis, Meis
- Fuste acanalado (Corcubión)
- Fuste piramidal (O Pedrouzo, O Pino)
- O capitel é un elemento de complexa e variada composición, no que se adoita imitar os estilos arquitectónicos clásico, románico ou gótico, cunha cesta simple (troncocónica invertida) ou, máis usualmente, decorada con volutas, follas, caveiras, anxos, santos etc. En ocasións, o capitel é unha esfera (ou unha estrutura máis ou menos esférica) que quere simbolizar o mundo. No paseo marítimo de Sada hai un cruceiro, moderno, no que a cruz se levanta sobre un barco (no reverso represéntase a Virxe do Carme).
- Resulta común que se esculpa na parte frontal, baixo o Cristo, unha caveira;[52] e cabeciñas de anxelotes nas outras caras, pero esta norma non sempre se cumpre. Tamén poden aparecer outras figuras, como no cruceiro de Paradela (en Lores, Meaño) no que se representa o que parece ser un frade coa palma do martirio. No cruceiro do cemiterio de Noia, o capitel é un cubo perfecto cos símbolos dos catro Evanxelistas nas catro caras.[53]
- A cruz é o elemento máis significativo do cruceiro, cun Cristo crucificado (só ou coa Virxe, anxos ou santos) na súa cara anterior, a orientada ó camiño principal,[54] e a imaxe da Virxe ou, máis rara vez, dalgún santo na súa cara posterior. Hai cruceiros especialmente decorados, como os do Hío, en Cangas, ou o do Home Santo, en Compostela, pero tamén os hai nos que a cruz carece de calquera imaxe.[55] Este feito permite diferenciar os cruceiros de crucifixo, cando teñen a imaxe de Xesús crucificado, dos cruceiros de cruz, cando a cruz non acolle imaxe ningunha. Como xa se dixo, os cruceiros de crucifixo representan o 63,71% do total mentres que os cruceiros de cruz son o 29,39%.[56]
- A cruz, como o fuste, pode ser de sección redonda, cuadrangular (con ou sen as arestas matadas), octogonal. Nalgún caso, imita o tronco dunha árbore. Os extremos dos brazos da cruz tamén poden ser moi simples, sen remate, ou máis ou menos complicados (bifurcados, florenzados,[57] con follas, medallas ou outros adornos). Fronte á igrexa de Santa María de Beade (en Beade, Ourense) érguese un cruceiro rematado nunha cruz de Malta, sen imaxes.[58]
- Unha variante moi reducida está constituída polos chamados cruceiros de imaxe, que son aqueles nos que a cruz está substituída por unha imaxe (da Virxe ou dalgún santo). A modo de exemplo pódense citar o de Pontecesures, no que se representa a imaxe de Santiago no alto do fuste, ou un no Rosal, no que se trata da Virxe peregrina; outro, tamén no Rosal, en Tabagón, ten a imaxe do arcanxo San Miguel matando o demo.
- O pousadoiro é unha mesa situada xunto á base do cruceiro ou unida a este. Este elemento só está presente nos cruceiros situados nun camiño sacramental ou nos camiños ó cemiterio, e servía para que a comitiva fúnebre puidera pousar o cadaleito e rezar un responso polo morto. Nalgunha ocasión utilízase tamén como altar para celebrar misas ó aire libre, o que é máis común nos cruceiros bretóns.
Castelao recolle así o uso fúnebre deste elemento:
Na mesa de pedra qu’está arrentes do cruceiro pousaron onte, pra botarlle o responso, o corpo morto d’un rapaz que veu do servicio. Na mesma mesa sentouse, oxe pol-a tardiña, un estudante de crego, pra cabilar na moza do pano roxo que lle roubou a vocación.Castelao: Dibuxo, en Nós nº 6, 20.08.1921; publicado posteriormente en Alma Gallega 1922, 35, baixo o título "O cruceiro".
Poden existir outros elementos de función decorativa ou piadosa, pero non son habituais. Algúns cruceiros están protexidos por un baldaquino, unha estrutura de pedra ou metálica sostida por catro columnas, que os cobre a modo de pérgola, cunha cúpula, baixo a que están a cuberto do sol e a chuvia. A modo de exemplo pódense citar o do cemiterio de Santa María a Nova, en Noia; o baldaquino do cruceiro de Xende (A Lama) ou o da Santísima Trindade, en Baiona; no barrio vigués do Calvario houbo outro, hoxe desaparecido. En Portugal destaca o cruceiro de Guimarães chamado Padrão do Salado.
- Santa María a Nova, Noia
- Xende, A Lama
- Baiona
- Cristo dos Cachos, no Porriño
Outro elemento que foi común nos cruceiros era un farol co que se iluminaba a cruz, tal como pode verse en fotografías, gravados e pinturas antigas nos que apareza algún cruceiro.[59] A modo de exemplo pódense citar o cruceiro do adro da igrexa parroquial de Meangos (Abegondo), iluminado por dúas farolas, exentas, a ámbolos lados; o Cruceiro do Sinal, no centro de Cangas (datado en 1721).[60]; ou o do lugar da Torta, (na Lama), cun farol na fronte que seguía en uso en 2025.
Estes farois, ó seren metálicos, remataban oxidándose e caendo, ou ben foron eliminados porque danaban a pedra do cruceiro.[61] Un caso típico deste elemento decorativo era o que, por partida dobre, iluminaba o cruceiro dos Cabaleiros ou da Vitoria, en Santa Eulalia de Mos, que foi restaurado e perdeu a súa policromía, retirándose á vez os farois que tiña a ámbolos lados da cruz.[62]
Tamén hai cruceiros que se rodean dunha cadea ou dun enreixado, a modo de protección ou delimitación. Non cabe pensar que deste xeito se protexe o monumento nin resulta crible que o construtor do cruceiro quixera illalo dos veciños, polo que hai que consideralo un elemento moderno e simplemente decorativo. Esta delimitación chega a estar formada por perpiaños de pedra, como no caso do de Santa María de Paraños (Covelo, Pontevedra).
Remove ads
Iconografía
Como xa se dixo, a maior parte dos cruceiros son dos denominados de crucifixo e mostran na cruz a Cristo na cara anterior e a Virxe na posterior, moitas veces acompañados dotras figuras, e tamén son moi frecentes as figuras de santos talladas no fuste. As imaxes representadas nos cruceiros galegos son moi variadas e podemos agrupalas nas seguintes tipoloxías:

- Xesús crucificado: a figura de Xesús na cruz é a imaxe máis característica, con variantes na expresión, na colocación de pés e mans, nos detalles anatómicos, na roupa que o cobre (o pano de pureza, máis ou menos complicado) etc. Como excepción, no cruceiro de Melide represéntase na cara anterior a Xesús sedente amosando as mans, aínda que no anverso aparece crucificado. Tamén resulta excepcional substituír a figura de Cristo por un símbolo que o represente, como no cruceiro da ábsida da igrexa de San Salvador da Lama, no que se observa unha coroa de espiñas no centro da cruz.
- Moitas veces se esculpe ó seu pé ou ó seu carón un anxo ou o mesmo San Francisco que recollen nun cáliz o sangue que verte a ferida do costado.[63] O motivo obedece á identificación do sangue de Cristo co sacramento da Eucaristía.
- Unha variante pouco frecuente é a representación do Desencravo ou descendemento da cruz, momento no que a Virxe e San Xoán observan cómo Xosé de Arimatea e Nicodemo baixan a Xesús da cruz, unha vez rematada a crucifixión. Exemplos desta iconografía pódense ver nos cruceiros de Eiroa (en Barro, concello de Noia), da Escusa (en Ribadumia) ou, como máis sonado, no cruceiro do Hío (en Cangas, Pontevedra). Na citada web de Cruceiros de Galicia[64] contabilizan sete exemplares en Galicia: 4 na provincia da Coruña, un na de Lugo[65] e dous na de Pontevedra. O cruceiro máis antigo desta tipoloxía é o Cruceiro de Cirolán, en Suevos (Mazaricos), levantado en 1861 e da autoría de Andrés Castaño, o Vello santeiro de Chave e o máis moderno pode ser o instalado no Polígono industrial de Lalín, obra de Vidal Payo Fernández, de 1992.[66]
Coñécese un único caso de representación do episodio anterior: o Encravamento, momento no que é crucificado. Está no Cruceiro de Pías, no alto do Castro de Troña, en Ponteareas, de construción relativamente recente (1907) e que inclúe un conxunto formado por dez figuras humanas e, algo absolutamente único, dous cabalos que pertencerían ós soldados romanos.[67][68]
- A Virxe: aparece case sempre no reverso da cruz pero nos cruceiros de estilo gótico tamén pode estar ó pé da cruz, con Xoán o Evanxelista e ás veces as outras Marías.
- A Virxe está representada en situacións moi diferentes: principalmente como Virxe-nai (Virxe das Angustias), co fillo no colo, e a partir do século XVI noutras advocacións, como Virxe Dolorosa, co corazón atravesado por unha espada ou varios puñais (tradicionalmente sete, lembrando os sete momentos máis dolorosos da súa vida [69]). Hai cruceiros que mostran o corazón fóra do peito da Virxe.[70]
- Outras advocacións da Virxe que podemos ver nos cruceiros galegos son a Virxe da Soidade (cos dedos cruzados sobre o peito, en actitude de oración), a Inmaculada Concepción (en actitude orante e sobre anxos ou sobre os cornos da lúa), a Virxe do Socorro (coroada por dous anxos, co neno en brazos e golpeando cun garrote ó demo, ós seus pés), a Asunción (entre dous anxos que a coroan), a Virxe do Rosario (co Meniño da man e un rosario na outra man), a Virxe do Carme (moi popular a partir do XVIII, representada, por exemplo, no paseo marítimo de Sada), a Peregrina, a Virxe do Leite (dando o peito ó Fillo, representada no cruceiro do cemiterio de Noia) etc.
- Castelao recolleu unha ampla mostra das Virxes -Piedades[71]- esculpidas nos cruceiros galegos en diferentes actitudes e advocacións . No seu estudo sobre As cruces de pedra na Galiza debuxa, intercaladas no texto, 29 modelos (px. 167-170) e outras 46 nas láminas 49 a 66.
"A Virxe das Angustias, enclavada no reverso de moitas cruces de pedra, non é a Piedá dos escultores; é a Piedade crea da polos canteiros. Os nosos canteiros, deixándose levar polo sentimento, non podían maxinar un home no colo da nai. Para os artistas canteiros Xesucristo sempre é pequeno, sempre é o Neno, porque é o Fillo, e os fillos sempre somos pequenos nos colos das nosas nais".Castelao: Cousas
- O Espírito Santo está representado en contadas ocasións, na figura dunha pomba, como por exemplo no cruceiro gótico de Pazos (en Lestedo, Boqueixón), ou nun de Vilalonga (Sanxenxo)
- Santos e santas: a figura de Xoán o Evanxelista é común nos cruceiros góticos, situado ó pé da cruz, á esquerda (coa Virxe á dereita da cruz). Podémolo ver no cruceiro do Home Santo, en Santiago, no cruceiro de Neda e no cruceiro do Hío.
- Outros santos representados nos cruceiros son:
- San Francisco é un dos máis frecuentes.[72] (cruceiro da praza de Fonseca, en Pontevedra ou o do Ponte Nafonso, hoxe en Noia)
- Santiago (cruceiro de Guxilde, en Alba, Pontevedra)
- San Pedro
- San Xoán Bautista (cruceiro de Castrelo, Cambados)
- Santo Agostiño (cruceiro de Eiroa, Noia)
- Santa Ana (cruceiro de Viñas, Poio)
- Santo André (cruceiro de Estribela, Pontevedra)
- Santo Antón, co Meniño no colo (cruceiro de Estribela, Pontevedra)
- Santa Baia (cruceiro de Xil, Meaño)
- Lactación de San Bernardo (San Xusto de Toxos Outos, Lousame)[73]
- San Boaventura (cruceiro de Suevos, Mazaricos)
- San Cristovo (cruceiro de Marcón, Pontevedra)
- San Ignacio (cruceiro de Viñas, Poio)
- San Lourenzo (cruceiro de Castelo, Lérez, Pontevedra)
- Santa Lucía (cruceiro de Paradela, Meaño)
- San Miguel arcanxo (cruceiro de Barrantes, Ribadumia)
- San Nicolao (cruceiro da praza de San Nicolao, na Coruña)
- San Roque (cruceiro de Combarro, Poio; ou de Romai, Portas))
- Santa Trahamunda (San Xoán de Poio)
- Normalmente, estas imaxes de santos están esculpidas no fuste, apoiadas en pequenas peañas. Os efectos da erosión e, moi probablemente, da acción humana foron borrando as liñas das imaxes facéndoas irrecoñecibles na maioría dos casos. Tamén resulta frecuente observar cómo foron obxecto de vandalismos e hoxe aparecen decapitadas.

Cómpre destacar a particularidade do Cruceiro do Señor do Galo, en Barcelos (Portugal), que representa no fuste a lenda do peregrino a quen o apóstolo Santiago salvou de morrer na forca tras ser falsamente acusado de roubar un cáliz de prata. O relato é similar á lenda de Santo Domingo de la Calzada, sendo a de Barcelos unha versión serodia de case tres séculos da rexistrada no Códice Calixtino. O relato escrito máis antigo da versión portuguesa data de 1867.
- Anxos: son frecuentes as cabezas de anxos, arcanxos e querubíns ós pés da Virxe ou nas catro esquinas do capitel. Máis raros son os anxos de corpo enteiro, e entre estes merece ser mencionado o do cruceiro da Ascensión, en Entenza (Salceda de Caselas), representado fronte a Xesús co cáliz nas mans para recoller o seu sangue.
- Instrumentos da Paixón: trátase das ferramentas utilizadas na crucifixión de Cristo ou obxectos relacionados coa Paixón: o látego, a coroa de espiñas, os cravos, o martelo e as tenaces, a lanza, o cáliz no que se recolleu o sangue, a esqueira do desencravo, etc. Nalgún caso aparece un galo que representa as tres negacións de San Pedro.[74]
- Habitualmente, a cruz está coroada cunha cartela coa inscrición INRI que, en moitos casos, estaba pintada e desapareceu co paso do tempo.
- O Demo: a figura do demo non é frecuente e, cando existe, adoita tomar a forma dunha serpe ou dun mostro; o demo pode estar tamén representado en forma de lagarto ou píntega, animal este segundo tipicamente pezoñento no imaxinario popular galego. Podémolo ver ós pés da Virxe, trala cruz, ou tamén no capitel, no fuste ou no pedestal, como unha serpe esculpida nun lateral ou enrolada no fuste.[75] Cómpre citar o caso do calvario de Bueu, no que o demo aparece no capitel do ladrón malo, coa lingua de fóra e burlándose do espectador.
- Adán e Eva e o Pecado orixinal: co barroco faise común a inclusión das figuras de Adán e Eva nos cruceiros, no momento da tentación, que se representa coa serpe ofrecendo a mazá a Eva ou esta collendo a mazá da árbore,[76] ou da expulsión do paraíso, con Adán e Eva conscientes do seu estado nu, avergonzados e expulsados por un anxo cunha espada de lume; é habitual que se represente a Adán levando a man á gorxa, como atragoado cun cacho de mazá.[77]
- Como as figuras de Adán e Eva adoitan estar a media altura do fuste, hai autores que ven unha representación da árbore da vida ou árbore do paraíso, por debaixo deles, e da árbore da resurrección, entre eles e a cruz.
- No cruceiro do Hío (Cangas), as figuras de Eva (collendo a mazá) e Adán (coméndoa) represéntanse en senllas fornelas no pé do cruceiro.
- A morte: aparece simbolizada cunha caveira (de onde lle vén o nome de calvario que tamén reciben estas esculturas, e particularmente o pedestal), por veces completada con dous ósos cruzados debaixo. Representa que a resurrección de Xesús vence a morte do pecado, pero tamén pode interpretarse como a caveira de Adán, pois a tradición di que a cruz de Xesucristo se levantou sobre o mesmo lugar onde soterraron a Adán.
Ocasionalmente, nalgúns cruceiros aparecen tamén figuras non relixiosas. Así temos os casos do cruceiro de Mourente (Pontevedra), no que un garda civil custodia a cruz; o Cruceiro do Cristo dos Aflixidos, en Santiago de Covelo (Covelo, Pontevedra), con catro grandes figuras que simbolizan a Agricultura, a Industria, as Artes e a Xustiza; ou o Cruceiro do Arcebispo Lago González, en Tui, onde se lle representa sentado na plataforma.
O doador ou doadores do cruceiro pode aparecer axeonllado e rezando ós pés do Cristo, entre a Virxe e San Xoán. Así sucede, por exemplo, no cruceiro do Home Santo (Santiago), no de Pazos (Vimianzo), no de Santa María de Fisterra ou no cruceiro de Fervenzas (Aranga, A Coruña).[78]
Remove ads
Escultores: canteiros e santeiros
A maior parte dos cruceiros galegos son anónimos, non quedando constancia dos canteiros que os fixeron (tamén chamados santeiros). Resulta máis habitual saber o nome de quen os encargou (o que abona a teoría de que a súa intención fose a de conseguir oracións para salvar as súas almas) e a data na que foron erguidos, porque son datos que poden constar inscritos no pedestal.[79] Aínda así, coñécese o nome ou o alcume dalgúns deles. Na seguinte relación, necesariamente incompleta, recóllense os nomes dos santeiros máis coñecidos, xunto ós cruceiros que fixeron e a data.[80] Nos máis recentes indícanse as datas de nacemento e morte.

- Xoán de Santiago (veciño da Pobra do Deán, oficialmente Santiago do Deán, A Pobra do Caramiñal). Fixo os cruceiros de Fondo de Vila (Padrón), en 1587, e o de Beiro (Cordeiro, Valga).
- Xoán de Vilasó (Teaño, Boiro, 1589).
- Alonso de Lema (Ozón, Muxía)
- Antonio Mosquera, de Noia. Fai un cruceiro en Cereixo (Vimianzo), en 1605; e outro en Quintáns (Ozón, Muxía), en 1607.
- Xoán Fernández, de Santiago, que fai o de Berdoias, Vimianzo, en 1616.
- Xoán Neto, de Santiago, constrúe un na capela de Santa María de Nadal (O Araño, Rianxo), en 1645.
- Xoán de Bouzas Beiro (de Pego, Meilide, Cerdedo). Fixo o cruceiro da ermida do Pego (1651).
- M. L. Carra (con obras en Castrelo do Val (1759) e Verín)
- Santeiro de Rubín (A Estrada, onde traballaba en 1740). Autor dun cruceiro en Vea (A Estrada, 1741) e doutro en Ru (Vilasantar, en 1743.
- Xacinto Gómez (Os Ánxeles, Brión, 1765; Cea, Vilagarcía de Arousa, 1797).
- Xosé Bieito de Castro (Folgoso, Cerdedo-Cotobade, 1786).
- Esteban Gómez (Tioira, Maceda, Ourense, 1769).
- Felipe de Sa. Fai o calvario dos Vilares, en Parga (Guitiriz), a finais do XVIII.
- Xosé Ferreiro, natural de Noia. Levanta o cruceiro de Entíns, en Outes, en 1801.
- José Couto (Ponteareas).
- No cruceiro de Dordaño (Oza-Cesuras consta a seguinte inscrición: "Lo elaboro el artifice D. Jose Cuoto de Puente Areas, en el año de 1889"
- Andrés Castaño Fernández (o Vello Santeiro de Chave) (Chave (Lousame) 1825-1914). Foi autor de polo menos 30 cruceiros, entre eles o de Suevos (1861), Eiroa (1879), Urdilde (1888) e Quintáns de Berrimes (1889).[81]
- Andrés Castaño Castro, fillo do anterior (o Novo Santeiro de Chave, 1881-1961), autor duns 32 cruceiros.
- Ignacio Cerviño Quinteiro (Augasantas, 1830-Porriño, 1905). Foi autor de, entre outros, o cruceiro do Hío.
- Manuel González Perdiz (1833-1905), autor dos cruceiros de Padrenda, Cenlle, Goiás de Lalín etc., así como do calvario de Castro Barbudo (Ponte Caldelas), como deixou constancia na inscrición do pedestal.
- Manuel Fontán Armiñán, de Ponteareas.
- Manuel Ces Freire, o santeiro de Marracín (Lousame) (1840-1901)
- Xosé Cerviño García (Aguasantas, Cerdedo, 1843-1922), tamén coñecido como Mestre Cerviño ou Pepe da Pena, fillo de Ignacio Cerviño. Autor de, entre outros, o cruceiro monumental de Santiago de Covelo.
- Mestre de Maceira ou Santeiro de Maceira (Maceira, Covelo, 1826).
- Domingo e Francisco Fortes, de Cerdedo, autores do da Veiga (Lalín), en 1885
- Xosé Ferreiro Quireza (finais do XIX), autor do cruceiro de Aciveiro.
- Bieito Rifón Corral, que fixo o de Saavedra (Begonte, Lugo), en 1899
- Manuel Rodríguez O Quinto (principios do XX) e o seu taller, autores de distintos cruceiros feitos en toelo ou pedra de Moeche, de onde era natural.
- Daniel Pazos, autor do cruceiro da praza das Angustias, de Pontedeume.
- Manuel Fandiño Camiña (1971), autor do cruceiro de Baltar (Vilalonga, Sanxenxo), antes en Vilar.[82].
- Francisco Pazos Martínez, (Covas (Meaño), 1961) (cruceiro do miradoiro de San Cibrao, en Meaño)
Os modernos canteiros seguen esculpindo cruceiros e en numerosos lugares, sobre todo chalés e xardíns e prazas públicas, podemos velos acabados de facer, con mellor ou peor fortuna.[83] Escultores de sona, como Francisco Asorey (1889-1961), Camilo Nogueira (1904-1982) ou Antón Faílde (1907-1979),[84] tamén seguiron este estilo.
- Cambados (Francisco Pazos)
- Baltar, Vilalonga (Sanxenxo) (Manuel Fandiño)
- Detalle dun cruceiro á venda en Cambados
- Avda. de Castelao, Vigo (Silvino Silva, 1981)
Remove ads
Patrimonio a conservar

"¿Tendes reparado nos nosos cruceiros aldeáns? Pois reparade.
Reparade nos nosos cruceiros e descubriredes moitos tesouros"Castelao: Cousas (en Obras 1, 75-77)
Os cruceiros son unha mostra clara do patrimonio histórico, artístico, cultural e etnográfico que cómpre conservar. Non obstante, o estado de conservación dos cruceiros galegos, como todo o resto do patrimonio galego, é moi irregular. Hainos perfectamente conservados, protexidos, coñecidos e respectados, pero só gozan desta situación os máis sobranceiros. Moito máis común é unha situación de protección teórica, establecida por lei, que non foi quen de evitar un innúmero de casos de destrución (accidental ou provocada) e de espolios, tanto de imaxes como do cruceiro completo. Tamén resulta desgraciadamente frecuente a presenza nas inmediacións do cruceiro de cables eléctricos, postes de luz, sinais de tráfico, contedores de lixo, marquesiñas de autobús etc.
A prensa diaria recolle con certa frecuencia accidentes de tráfico nos que resultan derrubados diferentes cruceiros, ás veces completamente esnaquizados. Outras veces son vítimas de incomprensibles actos de vandalismo ou caen ante a forza dos temporais.
- O cruceiro de San Tomé, en Cambados, do século XVII, quedou esnaquizado o 4 de outubro de 2007 por un camión que descargaba material nunha obra.[85]
- Dous cruceiros en Carcacía (Padrón), un deles de 1719, foron derrubados para anchear unha pista.[86]
- Uns vándalos provocaron a caída da cruz do cruceiro da praza da Leña (Pontevedra) ó subirse nel, rompéndose en varios cachos.[87]
- En 2010, a cruz do cruceiro do Carril (Vilagarcía de Arousa) foi destruída a mantenta por un veciño da mesma parroquia, armado cun punteiro.[88] En 2025 foi, por fin, restaurado.[89]
- Un temporal derruba unha árbore que cae sobre un cruceiro de Borneiro (Cabana de Bergantiños), derrubándoo. Xa resultara feito anacos polo temporal Hortensia en 1984.[90]
- A colocación do escenario da Orquestra Panorama en Melide despraza o perímetro de protección do cruceiro de San Roque.[91]
- Un coche choca frontalmente contra o cruceiro de Nogueira (Meis), disque deslumbrado polo sol.[92]
- Un coche desfixo o cruceiro de Forzáns (Ponte Caldelas) ó manobrar no campo da festa.[93]
- Resultan derrubados dous cruceiros en Lérez e en Xeve, a consecuencia de accidentes de automóbil.[94]
- Un temporal bota por terra o cruceiro do cemiterio de San Mauro, en Pontevedra. Ó longo do ano 2024 xa sufrira golpes por coches en tres ocasións, o que debilitara a estrutura.[95]
- Aparece no chan, roto o varal e a cruz, o cruceiro dos Ánxeles, en Melide.[96]
- Cruceiro en Noalla (Sanxenxo) que foi chorreado cunha hidrolavadora, un método moi agresivo e prohibio para estes usos
- Cruceiro da Xesteiriña (Adina, Sanxenxo), ben acompañado por contedores de lixo a escasos metros de distancia
- Detalle do cruceiro da praza da Leña (Pontevedra), no que se ven as perdas de material tras ser derrubado en 1991
- Cruceiro case oculto tralos sinais de tráfico (Campañó, Pontevedra)
- Covas (Meaño)
- Cruceiro do Carril (Vilagarcía de Arousa)
- O Cruceiro, en Lérez (Pontevedra)
- Cruz solta, na rúa Juan Bautista Andrade, de Pontevedra
Os cruceiros forman parte do Patrimonio Cultural de Galicia dunha forma expresa xa desde 1963[97], que obrigaba ós propietarios a non realizar ningunha intervención neles sen autorización oficial, asimilaba o seu comercio ó das obras de arte e facía recaer nos concellos a responsabilidade de vixialos e conservalos. Tanto esta norma como a anterior de 1985 demostraron ser ineficaces no que se refire á conservación dos cruceiros.[98]
En 1995 publicouse a lei 8/1995, de Patrimonio Cultural de Galicia, modificada e actualizada en 2016. Esta lexislación cataloga a tódolos construídos con anterioridade a 1901 como bens de interese cultural.[99]
“ | Artigo 92. Hórreos, cruceiros e petos de ánimas 1. Son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901. 2. Os hórreos, cruceiros e petos de ánimas cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada no número 1 poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico. |
” |
Pero esta vontade de protección plasmada na lexislación choca co grave problema das competencias (e responsabilidades) compartidas entre a administración autonómica e a local, así como a que corresponda ó propietario do ben, que en moitos casos é a Igrexa.
Creouse o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, pero este inventario aínda está sen facer polo que, por non saber, nin se sabe o número de cruceiros en Galicia e moito menos a súa antigüidade ou o seu estado de conservación. Moitos concellos teñen feito xa un inventario dos seus bens histórico-artísticos, sexa por necesidade de regulación dentro dos seus Plans de Ordenación Urbana, sexa por iniciativa municipal ou dalgún particular ou organización cultural local, pero tamén é certo que a experiencia demostra que moitos destes catálogos recollen cruceiros xa inexistentes ou son incompletos[100].
Desde 1993, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, está realizando un inventario pormenorizado de tódolos cruceiros e petos de ánimas galegos, coa creación dunha ficha de cada exemplar co plano de situación, fotografías e debuxos, descrición, datos históricos e etnográficos, estado legal, estado de conservación etc. Xan Casabella, director deste proxecto de catalogación, explicaba a principios de 2007 que xa estaba feito o 80% do traballo,[101] pero en 2025 non había máis información sobre o devandito inventario.
Neste mesmo ano, o 16 de febreiro de 2007, a Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei que instaba á Xunta a:
"1. Realizar un inventario actualizado das cruces de pedra e petos de ánimas localizados en Galicia".
"2. Proceder á análise da súa situación: localización específica, estado de conservación, necesidades de restauración, etc."
"3. Proceder á publicación dese estudo, co fin de dalo a coñecer á cidadanía, co obxectivo de que Galicia considere, valore e protexa ese patrimonio histórico-artístico"Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, n0 291, de 17.02.2007
Desta proposición nunca máis se soubo nada.
Pero o problema non radica só na conservación física do monumento como patrimonio histórico artístico, senón que unha adecuada protección dos cruceiros debe incluír necesariamente os aspectos culturais e etnográficos ligados ó mesmo, con tódalas manifestacións populares de ritos e crenzas asociados ó cruceiro (é dicir, contemplado como patrimonio inmaterial). Isto implica a protección do contorno e da súa localización. A lexislación establece un contorno de protección mínimo de 20 metros para elementos como cruceiros e petos de ánimas, medidos desde o elemento máis exterior do ben protexido,[102] distancia que calquera pode comprobar que non se respecta en numerosos casos.
O segundo problema vén constituído polos desprazamentos que sufriron moitos cruceiros ó longo da historia. Se ben en moitos casos se moven escasos metros por motivo de ancheamento de estradas e outras obras deste estilo,[103] tamén se deron casos nos que se moveron dentro do mesmo concello[104] ou mesmo se levaron dun concello a outro.[105] Unha inscrición no pedestal dun cruceiro de Padrenda (Meaño) recolle o dato de que "se trasladó y pintó" en 1883, aínda que non se sabe a localización orixinal.
O cruceiro do Home Santo, en Santiago de Compostela, foi derrubado polo propio concello en 1878 porque estorbaba para a construción dunha escalinata ante a Porta do Camiño, rompéndose o fuste. O párroco de Sabugueira (unha parroquia de Santiago) recolleu a cruz e levantouna sobre un novo fuste na Lavacolla. Ós poucos anos o concello reclamou o cruceiro pero non volveu a súa localización orixinal ata 1964.

Existen cruces e Virxes soltas cuxa traza obedece á estrutura formal dos cruceiros, e que poden provir de cruceiros hoxe desaparecidos, dos que alguén conservou a cruz, ou ben puideron ser obras independentes, exentas. Xa Castelao recolle a presenza de "cruces de portas e portalóns" como elemento protector da casa, para esconxurar os males, pero restrinxíndoas a cruces máis ou menos elaboradas grabadas nos linteis ou plnatadas por riba destes.[106] Nun balcón da rúa Juan Bautista Andrade, de Pontevedra, loce unha cruz policromada; tamén está policromada outra cruz erguida sobre un portalón particular en Vilalonga (Sanxenxo)[107]; no casco urbano de Rianxo, unha imaxe dunha Piedade está empotrada na parede dunha casa.[108]
Nalgún caso moi particular, a descontextualización dos cruceiros produciuse ó seren trasladados ó interior dun museo. A modo de exemplo pódese citar o fuste conservado no Museo Arqueolóxico de Ourense, procedente do antigo Cruceiro do Humilladoiro de San Francisco (de mediados do século XIV).[109][110]
Xa fóra de Galicia cómpre mencionar a Cruz de Kurutziaga, en Durango (Biscaia). Trátase dun cruceiro gótico de gran altura, datado nos séculos XV-XVI e moi rico en figuras tanto na propia cruz como no fuste e o capitel. Tras sufrir graves estragos durante un dos bombardeos na vila durante a Guerra civil española, en 1937, foi destruída nun atentado terrorista perpetrado por el Batallón Vasco Español en 1980, que colocou unha bomba. Finalmente, foi restaurado e agora se expón no interior do Museo Kurutzesantu. Castelao faise eco deste cruceiro e escribe: "Aquel país [fala do País Vasco] conta co raro e orixinal cruceiro de Durango, de mesta estatuaria nas dúas caras da cruz e unha serpente ó redor do varal".[111]
Remove ads
Os cruceiros na cultura popular galega
- Artigo principal: O cruceiro na cultura popular galega.

Os cruceiros son moito máis que unha manifestación de arte relixiosa e máis que un fito xeográfico que marca un lugar ou un linde entre parroquias. Son sinais de identidade da aldea ou da parroquia, lugares de encontro e de referencia na vida diaria da xente da aldea. Ó redor dos cruceiros xurdiron ó longo dos séculos crenzas e supersticións, case sempre relacionadas coa morte de alguén -normalmente, violenta-, e buscouse neles protección contra a Compaña[112]. Ó redor dos cruceiros naceron tamén tradicións, como o bautismo no ventre da nai, ritual profiláctico testemuñado nos cruceiros situados nas pontes, e diferentes rituais profilácticos contra enfermidades da xente e do gando.
Nalgúns cruceiros, chamados cruceiros dos meniños, existiu o costume de soterrar ó seu pé os nenos que morreron sen bautizar, cando os cregos se negaban a darlles sepultura en sagrado. Mostra desta práctica son as letras iniciais ou pequenas cruces gravadas na base destes cruceiros como, por exemplo, no Cruceiro da Armada, en Cee.[113]
Cruceiros nas outras artes

Poida que sexa Castelao o artista plástico que máis veces en en situacións moi variadas utilizou a imaxe dos cruceiros nas súas láminas (cousas e debuxo similares pero tamén en lienzos de variado tamaño e mensaxe, que van desde o lamento desgarrador da muller que increpa ó Crucificado dicíndolle que "Queiman, rouban e asasinan no teu nome" (unha das láminas de Galicia mártir), á queixa resignada do vello labrego que se queixa ante o Cristo dun cruceiro porque "Non me fan xusticia, Señor".[114]
Noutros formatos, de estampas costumistas, tamén bota man do motivo do cruceiro. Destaquemos un dos tres grandes óleos sobre "Cegos" que pintou cara 1915 para o Balneario de Mondariz, que foron doados á Real Academia Galega e agora se expoñen no Museo de Pontevedra. No lateral esquerdo dun deles pinta un cruceiro típico, con caveiras nas esquinas do pedestal, as figuras de Adán e Eva no fuste tentados pola serpe sobre as súas cabezas, e a cruz coas figuras de Cristo e a Virxe. Chama a atención a presenza na cruz de tres grupos de espigas de millo penduradas dos brazos da cruz e atadas ós pés do Cristo.
Pero, por suposto, non foi Castelao o único pintor ou escultor que introduciu o motivo do cruceiro nas súas obras. A que segue é unha escolma que non busca ser exhaustiva.
- Alfredo Souto Cuero: Estribela (1900) (Colección Afundación)
- Mosaico de Carlos Sobrino na Alameda de Pontevedra
- Enrique Campo Sobrino: Cruceiro de Pontecabras (Alba, Pontevedra) (1909)
- Enrique Campo: Cruceiro no adro de Santa María de Sacos (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra)
- Camilo Díaz Baliño: A Santa Compaña (1919)
- Máximo Ramos, detalle da portada de Blanco y Negro (1927)
- Serafín Avendaño: Aldea gallega (c. 1908)
- Dionisio Fierros: Una romería en las cercanías de Santiago (1860)
Entre as obras de Luís Pintos Fonseca, en tres se representan cadanseu cruceiro: Pórtico de Armenteira (co cruceiro ante a entrada ó mosteiro), Capilla de Samieira (cunha das cruces do viacrucis ante a capela de Samieira, Poio), e Vista de Combarro (cun dos varios cruceiros da vila de Combarro. Os tres cadros son de 1940 e están expostos no Café Moderno, de Pontevedra.[115]
Carlos Sobrino pintou o Tríptico mariñeiro, en 1931, no que se representa o cruceiro de Estribela, antes de ser trasladado a Pontevedra. Tamén é autor dos azulexos da entrada oeste da Alameda de Pontevedra (1927), con cruceiros representados en dous deles.
Agustín Portela Paz publicou en 1947 Pontevedra, boa vila, unha colección de debuxos que ilustraban textos breves de diferentes autores. No que se refire ós cruceiros inclúe dous debuxos para os textos "O afillado" (de Xosé María Álvarez Blázquez) e "Vendimia" (de Ramón Cabanillas). No primeiro, o debuxo corresponde ó cruceiro que houbo na Ponte do Burgo, de Pontevedra; no segundo é o cruceiro do garda civil en Mourente (Pontevedra).
De Urbano Lugrís xa se comentou a presenza de cruceiros, con farol, nos seus cadros.
O historiador e debuxante Alfredo Erias creou unha serie de carpetas de debuxos de Galicia, e o segundo volume estivo constituído por once láminas de coñecidos cruceiros galegos.[116]
Os cruceiros na literatura
Finalmente, cómpre destacar a presenta frecuente da figura dos cruceiros na literatura. Son numerosos os escritores que se fixeron eco deste monumentos nos seus textos, en prosa ou poesía. Xa se mencionou algunha cousa de Castelao onde se lles fai referencia, á marxe dos seus coñecidos estudos As cruces de pedra na Galiza (1949) e As cruces de pedra na Bretaña (1930).
Entre a poesía relacionada cos cruceiros abondará con dar uns poucos exemplos:
"O alciprés que direito s'asoma
do convento tras do muro,
I-o liceiro campanario
cuberto d'herbas e musgo,
da debesa, co cruceiro,
eran centinelas mudos
"N'o pasadoiro d'a cruz
xureiche cariño eterno,
y-eu, cristiano, nin de morto
faltaréi ô xuramento"Ramón Armada Teixeiro: Aturuxos 1898, 14
"Por fin sorrín. Viron o cruceiro. Alí descansarán, e de alí á cidade é cousa dun cuarto de hora. O cruceiro galego é moitas cousas. Primeiro, naturalmente, signo de piedade e obriga de oracións, pero ademais indica distancias, serve de termo para límites de vilas, é protector de feiras e lugar de citas dos labregos!Manuel Linares Rivas: "El crucero", en Céltiga nº 1, 30.09.1924 [en castelán no orixinal]
"Oubea o lobo xunto a cruz de pedra
e o Cristo non se arredra,
que xa, o sol posto, non eswtá soliño:
dunha luz, luz de verme, se acompaña,
porque inda hai na montaña
quen lle colme de aceite o faroliño"
"Ao acougo dun con caviloso hai unha cruz de pedra mal tallada que agarda un Cristo que veña a morrer nela pol-a alma irredenta do mozo afogado. Eu sei que o máis sensitivo raio do solpor foi o que foi a deixarse naquela cruz
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads