Alemaña
país de Europa From Wikipedia, the free encyclopedia
país de Europa From Wikipedia, the free encyclopedia
Alemaña[1] ( pronunciación (axuda · info)) (en alemán: Deutschland [ˈdɔʏtʃlant] (axuda · info), en alto sorabo: Němska, en baixo alemán: Düütschland, en baixo sorabo: Nimska, en dinamarqués: Tyskland, en frisón: Dütschland, en romaní: Jermaniya) oficialmente República Federal de Alemaña ( pronunciación (axuda · info)) (en alemán: Bundesrepublik Deutschland [ˈbʊndəsʁepuˌbliːk ˈdɔʏtʃlant] (axuda · info)) é un estado federal da Europa central. Limita ao norte co mar do Norte, Dinamarca e o mar Báltico, ao leste con Polonia e a República Checa, ao sur con Austria e Suíza, e ao oeste con Francia, Luxemburgo, Bélxica e os Países Baixos. O territorio alemán espállase ao longo de 357.021 km² e está influenciado, na meirande parte do territorio, por un clima temperado estacional.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2015.) |
Cunha poboación por riba dos 82 millóns de habitantes, é o país máis poboado da Unión Europea e o terceiro entre os países cunha maior comunidade estranxeira. A rexión chamada Xermania, habitada polos Xermanos, foi coñecida e documentada antes do ano 100 a.C.. Dende o século X os territorios alemáns formaron parte do Sacro Imperio Romano Xermánico até 1806. Durante o século XVI, as rexións setentrionais alemás convertéronse no centro da Reforma protestante. Como nación-estado moderno, a primeira unificación alemá produciuse en 1871, durante a guerra franco-prusiana. Trala Segunda guerra mundial, Alemaña ficou dividida en dous estados con fronteiras determinadas polas tropas aliadas en 1949. Ambos países reunificáronse en 1990. Alemaña (RFA) foi membro fundador da CEE en 1957, convertida na Unión Europea en 1993. Asemade, o país forma parte da Zona Schengen e adoptou o Euro en 1999.
Alemaña é unha república parlamentaria federal constituída por dezaseis estados (en alemán: Bundesländer). A capital e principal cidade do país é Berlín. É membro das Nacións Unidas, a OTAN, o G8 e o G4, e tamén asinou o protocolo de Kyoto. O país constitúe a quinta maior economía por PIB e o principal país exportador no ano 2007. En termos absolutos, é o segundo país do mundo cunha maior dotación orzamentaria para a cooperación co desenvolvemento,[2] e o sexto en gasto militar.[3] O país desenvolveu un alto nivel de vida e estableceu un complexo sistema de seguridade social. Posúe unha posición chave nos asuntos exteriores europeos e mantén diversos acordos de colaboración internacionalmente. Alemaña está recoñecida como un líder científico e tecnolóxico en diversos eidos.[4][5]
O termo "Alemaña" deriva do francés Allemagne (terra dos alamáns), en referencia ao pobo xermánico de mesmo nome que vivía na actual rexión fronteiriza entre Francia e Alemaña, e que durante o século V cruzou o Río Rin e invadiu a Galia.[6] O país tamén é coñecido por Xermania, que deriva do latín Germania (terra dos xermanos).[7]
Debido á súa situación xeográfica no centro de Europa e á súa longa historia coma rexión formada por variados tribos e estados, hai unha gran variedade de nomes do país, probablemente máis que calquera outra rexión europea. Así, en xeral, os nomes de Alemaña pódense clasificar en seis grupos diferentes:
A etnoxénese das tribos xermánicas asúmese que ocorreu durante a Idade de Bronce nórdica ou, ao máis tardar, durante a Idade de Ferro prerromana. A partir da Escandinavia meridional e do norte de Alemaña, as tribos comezaron a expandirse cara ao sur, leste e oeste no século I a. C., e entraron en contacto coas tribos celtas da Galia, así como tribos iranianas, bálticas, e tribos eslavas na Europa Oriental. Pouco se sabe sobre historia xermánica antes diso, excepto a través das súas interaccións co Imperio Romano, pescudas etimolóxicas e achados arqueolóxicos.
Por orde do emperador Augusto, o xeneral romano Publius Quinctilius Varus comezou a invadir Xermania (termo usado polos romanos para definir un territorio que comezaba no río Rin e ía até os Urais), e foi neste período cando as tribos xermánicas se familiarizaron coas tácticas de guerra romanas, mantendo porén a súa identidade tribal. No 9 d. C., tres lexións romanas lideradas por Varo foron derrotadas polo líder querusco Arminio na batalla da fraga de Teutoburgo. O territorio da actual Alemaña, así como os vales dos ríos Rin e Danubio, permaneceron fóra do Imperio Romano. No ano 100 d. C., na época do libro Xermania de Publio Cornelio Tácito, as tribos xermánicas asentadas ao longo do Rin e do Danúbio (a Limes Germanicus ou fronteira xermánica) ocupaban a maior parte da área da actual Alemaña. O século III viu o xurdir dun gran número de tribos xermánicas occidentais: alamáns, francos, chatti, saxóns, frisios, anglos, suevos, visigodos, vándalos, godos, ostrogodos, longobardos, sicambres e turinxios. Ao redor do 260, os pobos xermánicos romperon as súas fronteiras do Danubio e expandiron a limes cara ás terras romanas.
No ano 723 o territorio da Xermania central foi obxecto da predicación do apóstolo inglés Wynfrith, que adoptou o nome latino co que foi canonizado de Bonifacio. A conversión dos saxóns do norte deuse só durante o imperio carolinxio (comezos do século IX), coa súa conversión Carlomagno ao final puido civilizar a súa rexión, unificando culturalmente a Alemaña, como os romanos fixeran na Galia.
O 25 de decembro de 800 foi fundado o Imperio Carolínxio, o cal foi dividido en 843. O imperio medieval xurdiu coa porción oriental deste, existindo en diversas formas dende 962 até 1806. Estendíase dende o Río Eider, ao norte do país, até o Mediterráneo, no litoral sur. Moitas veces referido coma o Sacro Imperio Romano (ou o Antigo Imperio), foi oficialmente chamado Sacro Imperio Romano da Nación Alemá (en latín: "Sacro Romanum Imperium Nationis Germanicæ") a partir de 1448, para axustar o nome para o seu territorio de entón.
Só co reinado dos emperadores Otonianos (919-1024) foron consolidados os ducados de Lorena, Saxonia, Franconia, Suabia, Turinxia e Baviera, e o rei alemán foi coroado Emperador do Sacro Imperio Romano desas rexións en 962. Baixo o reinado dos emperadores Salianos (1024-1125), o Sacro Imperio Romano absorbeu o norte da Italia e a Borgoña. Con todo, o emperador perdeu parte do poder a través da Querela das Investiduras coa Igrexa católica. Baixo os emperadores Hohenstaufen (1138-1254), os príncipes alemáns aumentaron a súa influencia cara ao sur e o leste, territorios habitados por pobos eslavos, bálticos e estonianos antes da ocupación alemá da rexión.
Co colapso do poder imperial en 1250, debido ao constante batallar coa Igrexa católica, fíxose necesario a creación dun novo sistema de escolla do emperador. Creouse así, o consello dos sete príncipes-electores, que tiñan o poder de escoller o comandante do Sacro Imperio. Durante ese período, as cidades comerciais uníronse para protexer os seus intereses comúns; sendo a máis coñecida delas a Liga Hanseática, que reunía poderosas cidades do norte alemán como Hamburgo e Bremen. A partir do século XV, os emperadores foron elixidos case exclusivamente a partir da dinastía Habsburgo de Austria.
O monxe Martiño Lutero publicou as súas 95 Teses en 1517, desafiando as prácticas da Igrexa católica, e dando inicio á Reforma protestante. O luteranismo tornouse a relixión oficial de moitos estados alemáns tras 1530 o que levou a conflitos relixiosos resultantes da división relixiosa no imperio, que xeraron a guerra dos Trinta Anos (1618-1648) que devastou os territorios alemáns. A Paz de Westfalia (1648) acabou coa guerra relixiosa entre os estados alemáns, mais o imperio estaba de facto dividido en moitos principados independentes. De 1740 en diante, o dualismo entre a Monarquía austríaca dos Habsburgo e o Reino de Prusia dominou a historia alemá. En 1806, o Imperium foi disolto como resultado das guerras napoleónicas.
Despois da caída de Napoleón Bonaparte, o Congreso de Viena reuniuse en 1814 e a súa resolución fundou a Confederación Xermánica (en alemán: Deutscher Bund), a unión de trinta e nove estados soberanos.
Desentendementos coa restauración política proposta polo Congreso de Viena, parcialmente levou ao xurdir de movementos liberais, esixindo unidade e a liberdade. Estes, porén, foron reprimidos con novas medidas de represión por parte do estadista austríaco Metternich. A Zollverein, unha unión aduaneira, procuraba unha unión económica dos estados alemáns. Durante esta época, moitos alemáns foran axitados cos ideais da Revolución Francesa, e o nacionalismo pasou a ser unha forza máis significativa, especialmente entre os mozos intelectuais. Por primeira vez, o negro, o vermello e o dourado foron escollidos para representar o movemento, os cales máis tarde se tornaron as cores da bandeira de Alemaña.
Por mor dunha serie de movementos revolucionarios na Europa, que estabeleceron con éxito unha república en Francia, intelectuais e burgueses comezaron a Revolución de 1848 nos Estados alemáns. Os monarcas inicialmente aceptaron as esixencias dos revolucionarios liberais para conter a mobilización popular. Ao Rei Frederico Guillerme IV foille ofrecido o título de Emperador, mais sen poder absoluto. Con todo, rexeitou a coroa e a proposta de Constitución, o que conduciu a un revés temporal no movemento.
O conflito entre o rei Guillerme I de Prusia e o parlamento cada vez máis liberal foi roto durante a reforma militar en 1862, cando o rei nomeou a Otto von Bismarck o novo Primeiro Ministro de Prusia. Bismarck trabou con logro unha guerra coa Dinamarca, en 1864. A vitoria prusiana na guerra austro-prusiana de 1866 permitiu crear a Confederación Alemá do Norte (en alemán: Norddeutscher Bund), que excluía a Austria, ex-líder dos estados alemáns, dos asuntos dos Estados restantes.
O estado coñecido como Alemaña foi unificado como un moderno Estado-nación en 1871, cando o imperio alemán foi creado co Reino de Prusia, o seu principal constituínte. Trala derrota francesa na guerra franco-prusiana, o Imperio alemán foi proclamado en Versalles o 18 de xaneiro de 1871. A Casa de Hohenzollern de Prusia declarou o novo imperio, con capital en Berlín. O imperio, coñecido como Segundo Reich era unha unificación de tódalas partes de Alemaña, agás Austria, a Kleindeutschland ("Pequena Alemaña"). A partir de 1884, o país comezou a estabelecer colonias fóra de Europa, primeiro por iniciativa privada e despois co aval estatal. Durante ese período experimentou un gran crecemento económico, cunha forte industrialización, especialmente das industrias mineira e metalúrxica, e das derivadas das enxeñarías eléctrica, mecánica e química.
No Gründerzeit, período posterior á unificación, a política externa de Guillerme I garantiu a posición do Imperio Alemán mediante alianzas comerciais e políticas con outros países europeos. Deste xeito, foi illando a Francia por medios diplomáticos, a través de acordos secretos. A unificación foi consolidada con Rusia como principal aliada.
Con todo, o káiser Guillerme II, como outras potencias europeas, tomou un curso imperialista debido á fricción cos países veciños. A maior parte das alianzas que Alemaña tiña non foron renovadas, e as novas alianzas excluían o país. Especificamente, Francia estabeleceu novas relacións coa sinatura da entente cordiale co Reino Unido e garantiu os lazos co Imperio Ruso. Alén dos contactos con Austria-Hungría, Alemaña tornouse cada vez máis illada. Tivo inicio o período armamentista, a Paz Armada.
O imperialismo alemán, a Weltpolitik, superou as súas propias fronteiras e uniuse a outros poderes europeos que reivindicaban a súa parte de África, dividida na Conferencia de Berlín. Alemaña obtivo varios anacos do continente, como a África Oriental Alemá, o Suroeste Africano Alemán, Togolandia e o Camerún. A repartición de África causou tensión entre as grandes potencias, o que contribuíu para as condicións que levaron á primeira guerra mundial.
O asasinato en Saraxevo do príncipe Francisco Fernando de Austria o 28 de xuño de 1914 desencadeou a primeira guerra mundial. Alemaña, como parte das Potencias Centrais, foi derrotada polo bando aliado. A revolución alemá estourou en novembro de 1918, o que forzou ao káiser Guillerme I e a tódolos príncipes á abdicación. O 11 de novembro foi asinado un armisticio que puxo fin á coñecida como "Gran Guerra". Alemaña foi forzada a asinar o Tratado de Versalles en xuño de 1919. A súa negociación, ao contrario da diplomacia tradicional de posguerra, excluíu as derrotadas Potencias Centrais. O tratado foi percibido no país xermánico como unha humillante continuación da guerra por outros medios, e a súa dureza é frecuentemente citada como unha das causas do ascenso do nazismo.
Tralo éxito da Revolución Alemá en novembro de 1918, foi proclamada a República de Weimar. A súa constitución entrou en vigor coa sinatura do Presidente Friedrich Ebert o 11 de agosto de 1919. O Partido Comunista de Alemaña (Kommunistische Partei Deutschlands, KPD) foi creado por Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht en 1918, e o Partido dos Traballadores Alemán (Deutsche Arbeiterpartei, DAP), en xaneiro de 1919. Este último foi o antecedente do Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (Nationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei, NSDAP), coñecido tamén como Partido Nazi, unha abreviación de Nationalsozialist, por analoxía con Sozi, de Sozialdemokrat (Partido Socialdemócrata de Alemaña), rival político do DAP.
Sufrindo as duras condicións impostas polo Tratado de Versalles, xunto cunha longa sucesión de gobernos máis ben inestábeis, cada vez había menos identificación política coa democracia parlamentaria. Esta situación foise agravando pola ampla divulgación dun mito político por parte da dereita (monárquicos, völkischs e nazis): a Dolchstoßlegende ou coitelada polas costas, que alegaba que Alemaña perdera a Gran Guerra debido á Revolución Alemá e non á derrota militar. Por outro lado, os partidos da esquerda comunista, como a Spartakusbund, querían abolir o que entendían como "goberno capitalista" e estabelecer un comunismo de consellos, o Räterepublik. Diversos partidos crearon tropas paramilitares ou Freikorps , e producíronse asasinatos por motivos políticos. Os Freikorps sementaban a violencia e a rabia entre o pobo, que sufría unha elevada taxa de desemprego e pobreza. Despois dunha serie de gabinetes frustrados, o presidente Paul von Hindenburg, empurrado polos seus asesores de dereita, nomeou chanceler a Adolf Hitler o 30 de xaneiro de 1933.
O 27 de febreiro de 1933 produciuse o incendio do Reichstag. Como consecuencia, algúns dereitos democráticos fundamentais foron rapidamente revogados por un decreto de emerxencia. Unha Lei de plenos poderes deulle a Hitler o poder lexislativo absoluto. Só o Partido Socialdemócrata votou en contra. O Partido Comunista de Alemaña non foi quen de presentar oposición, pois os seus membros foran asasinados ou presos. A centralización totalitaria estatal foi estabelecida por unha serie de decretos políticos, e Alemaña tornouse nun Estado de partido único.
Houbo queimas de libros de autores considerados "inimigos da nación" e persecucións a artistas e científicos, polo que moitos emigraron, principalmente cara aos Estados Unidos de América. A industria foi fortemente regulamentada con cotas e requirimentos, para mudar a economía a unha base produtiva de guerra. En 1936 as tropas alemás entraron na desmilitarizada Renania, e as políticas de acougo do primeiro ministro do Reino Unido Neville Chamberlain resultaron insuficientes. Entusiasmado, Hitler seguiu adiante dende 1938 co seu plan de crear a Großdeutschland, a Grande Alemaña. En marzo deste ano comezou coa Anschluss, a anexión de Austria. Para evitar unha guerra de dúas frontes, Hitler concluíu o Pacto Molotov-Ribbentrop coa Unión Soviética, un pacto que el mesmo rompería máis tarde.
En 1939, as tensións de nacionalismo, militarismo, e cuestións territoriais levaron ao Terceiro Reich á blitzkrieg, a "guerra lóstrego", o 1 de setembro contra Polonia. Dous días despois, o Reino Unido e Francia fixeron cadansúa declaración de guerra, o que supuxo o inicio da Segunda guerra mundial. Alemaña rapidamente logrou control directo ou indirecto da maioría de Europa.
O 22 de xuño de 1941, Hitler rachou o pacto coa URSS. Abriu a Fronte Oriental e puxo en marcha a Operación Barbarossa, a invasión da Unión Soviética. En decembro dese ano, o Xapón, aliado do Terceiro Reich, atacou a base de Pearl Harbor nas illas de Hawai‘i, e así Alemaña declarou a guerra aos Estados Unidos de América. Aínda que inicialmente o exército alemán avanzou rapidamente sobre a Unión Soviética, a batalla de Stalingrado marcou un xiro importante na contenda, pois fixo recuar a Wehrmacht, o exército alemán. O Desembarco de Normandía marcou unha volta importante sobre a Fronte Occidental. As forzas aliadas desembarcaron no norte de Francia e avanzaron con rapidez, o que precipitou a derrota de Alemaña. O 8 de maio de 1945, as forzas armadas alemás capitularon trala ocupación de Berlín polo Exército Vermello .
No que foi coñecido posteriormente como o Holocausto, o Terceiro Reich elaborou políticas que subxugaban directamente moitos colectivos, entre eles a comunidade xudía, o pobo xitano, persoas homosexuais, membros da disidencia política ou persoas con discapacidade. Durante este período, calcúlase que preto de once millóns de persoas foron asasinadas, incluídas as vítimas dos campos de concentración e exterminio. No total, a segunda guerra mundial e o xenocidio nazi foron responsábeis duns 35 millóns de vítimas mortais en Europa.
A guerra supuxo, entre outros, a morte de case dez millóns de soldados alemáns e civís, a expulsión duns 15 millóns de alemáns dos territorios orientais e doutros países e a destrución de varias cidades. O resto do territorio nacional foi dividido coa ocupación militar das potencias aliadas. Berlín, así mesmo, ficou dividida en catro zonas.
Os sectores controlados por Francia, o Reino Unido e os Estados Unidos de América fusionáronse o 23 de maio de 1949 e formaron a República Federal de Alemaña, a Bundesrepublik Deutschland, con capital en Bonn. O 7 de outubro dese mesmo ano, a Zona Soviética creou a República Democrática de Alemaña, a Deutsche Demokratische Republik, con capital en Berlín Leste. A RFA declarou que o status de Bonn como capital era provisional, a fin de salientar que a existencia de dous Estados alemáns foi unha solución artificial e provisional.
A Alemaña Occidental, estabelecida como unha república federal parlamentaria e cunha "economía social de mercado", foi aliada dos Estados Unidos de América, Francia e o Reino Unido. O país chegou a beneficiarse dun crecemento económico prolongado a partir da década de 1950, o que se coñeceu como Wirtschaftswunder ou milagre económico alemán. Ingresou na OTAN en 1955 e foi membro fundador da Comunidade Económica Europea en 1958.
Pola súa parte, a Alemaña Oriental foi un estado do bloque do leste baixo control político e militar da Unión Soviética a través do Pacto de Varsovia. O poder político foi executado exclusivamente polo Politburo, os principais membros do Partido Socialista Unificado de Alemaña. O seu poder foi asegurado polo Stasi, un servizo secreto, e unha variedade de sub-organizacións que controlaban tódolos aspectos da sociedade. Á súa vez, as necesidades básicas da poboación foron cubertas por custos baixos polo Estado. A economía planificada foi implantada, e máis tarde a RDA pasou a ser un estado do COMECON. O Muro de Berlín, construído en 1961 para impedir a fuga para Alemaña Occidental, tornouse nun símbolo da coñecida como guerra fría.
As tensións entre os dous estados alemáns foron lixeiramente calmadas no inicio dos anos 1970 polo chanceler Willy Brandt mediante a Ostpolitik, que incluíu a aceptación de facto das perdas territoriais de Alemaña na Segunda guerra mundial.
Por mor dunha crecente migración do Leste para Alemaña Occidental a través de Hungría e de manifestacións en masa durante o verán de 1989, as autoridades do Leste alemán facilitaron as condicións fronteirizas en novembro, e permitiron o tránsito do Leste cara ao Occidente. A medida foi orixinalmente concibida como un método de presión para manter a Alemaña Oriental como un estado. Porén, a abertura da fronteira acelerou o proceso de reforma na Alemaña Oriental. Este finalmente concluíu co Tratado Dous Máis Catro o 12 de setembro de 1990 e a reunificación alemá ocorreu en 3 de outubro de 1990. Segundo os termos do tratado, as catro potencias ocupantes renunciaban aos seus dereitos, e Alemaña recuperaba a plena soberanía do territorio.
Con base na Lei Bonn-Berlín, aprobada polo parlamento o 10 de marzo de 1994, a capital do Estado unificado pasou a ser Berlín. Bonn obtiña o status único de Bundesstadt (cidade federal) e retivo algúns ministerios federais. A mudanza do goberno foi concluída en 1999.
Dende a reunificación, Alemaña vén tendo un rol de liderado na Unión Europea e na OTAN. Participou no exército que garantiu a estabilidade nos Balcáns durante as guerras neses territorios. Así mesmo, enviou tropas a Afganistán como parte da OTAN, co obxectivo de "proporcionar seguranza neste país". Estes desprazamentos foron controvertidos, debido a que trala guerra, Alemaña estaba obrigada por lei a manter unicamente tropas de defensa. Estas incursións foron entendidas como alleas á lei de defensa. Porén, a votación parlamentaria sobre a cuestión legalizou a acción nun contexto de "mantemento da paz".
En 2005, Angela Merkel, candidata da Unión Demócrata Cristiá, converteuse na primeira muller chanceler de Alemaña. De 2005 a 2009 liderou unha gran coalición entre a Unión Social Cristiá de Baviera (CSU), o seu partido irmán de Baviera, e o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD). Despois das elección xerais do 27 de setembro de 2009, Merkel construíu unha coalición de goberno en que substituíu o SPD polo Partido Democrático Liberal (FDP).
O territorio de Alemaña cobre 357.021 km², sendo 349.223 km² de terra e 7.798 km² de auga. É o sétimo maior país por área de Europa e o 63° maior do mundo. Esténdese dende as altas montañas dos Alpes (o punto máis elevado é o Zugspitze con 2.962 m) no sur ata as costas do mar do Norte (Nordsee) e do mar Báltico (Otsee) no norte. Entre os dous está presente un bosque que liga as terras altas do centro ás terras baixas do norte, sendo o punto máis baixo o Neuendorfer/Wilstermarsch a 3,54 m baixo o nivel do mar, atravesadas por algúns dos maiores ríos de Europa como o Rin, o Danubio e o Elba.
Por mor da súa localización central, Alemaña comparte fronteiras con máis países europeos que calquera outro estado no continente. Os seus veciños son a Dinamarca ao norte, Polonia e a República Checa ao leste, Austria e Suíza ao sur, Francia e Luxemburgo ao suroeste e Bélxica e os Países Baixos ao noroeste.
En Alemaña distínguense tres grandes rexións fisiográficas: unha chaira de terras baixas ao norte que forma parte da chaira noreuropea, unha área de mesetas no centro denominada a Alemaña Media, e unha rexión montañosa ao sur. As terras baixas, que conforman a chaira de Alemaña do Norte, teñen un relevo variado que engloba diversos vales fluviais e un gran terreo poboado de breixos.
A rexión central, cuxos límites aproximados están entre a cidade de Hannover ao norte e o río Main ao sur, abrangue un territorio composto de suaves montañas, vales fluviais, ríos e concas ben definidas.
As cadeas montañosas inclúen ao oeste as cordilleiras Eifel e Hunsrück, no centro as montañas Taunus e Spessart, e ao leste a cordilleira de Fichtelgebirge. Porén, é ao sur onde se encontran os montes máis altos do país, todos eles nos Alpes Bávaros, no estado de Baviera:
Montes de maior altitude | ||||
---|---|---|---|---|
Posición | Imaxe | Monte | Sistema | Altitude (m) |
1 | Zugspitze | Wettersteingebirge | 2962 | |
2 | Hochwanner | Wettersteingebirge | 2744 | |
3 | Waltzmann | Berchtesgadener Alpen | 2713 | |
4 | Dreitorspitze | Wettersteingebirge | 2682 | |
5 | Hochkalter | Berchtesgadener Alpen | 2607 | |
6 | Biberkopf | Allgäuer Alpen | 2599 | |
7 | Großer Hundstod | Berchtesgadener Alpen | 2593 | |
8 | Hochvogel | Allgäuer Alpen | 2592 | |
9 | Östliche Karwendelspitze | Karwendel | 2538 | |
10 | Hocheisspitze | Berchtesgadener Alpen | 2523 |
En microescala, a superficie alemá está a sufrir cambios de altitude, en particular na cunca do Ruhr, baixando o nivel da súa superficie nesa zona ata 5 mm/ano.[8]
A continuación enuméranse os maiores ríos de Alemaña, coa súa lonxitude total, a lonxitude do tramo que atravesa Alemaña, e a cidade maior que atravesa a súa conca fluvial.
Desembocan no Mar Negro | ||||||
Río Danubio | 2852 km | 647 km | Múnic | |||
Desembocan no Mar do Norte | ||||||
Río Rhin | 1236 km | 865 km | Colonia | |||
Río Elba | 1165 km | 727 km | Hamburgo | |||
Desembocan no Mar Báltico | ||||||
Río Oder | 866 km | 187 km | Frankfurt an der Oder |
Os ríos máis longos que flúen integramente por Alemaña desembocan no Mar do Norte:
Gran parte de Alemaña ten un clima temperado no cal predominan os ventos húmidos occidentais. O clima é moderado pola Corrente Norte-Atlántica, a extensión norte da Corrente do Golfo. As augas quentes traídas por esa corrente afectan as áreas litorais do Mar do Norte incluíndo a península da Xutlandia e a área ao longo do Rin, que corre en dirección ao Mar do Norte.
Consecuentemente no noroeste e no norte, o clima é oceánico; as choivas sucédense durante todo o ano tendo o seu punto culminante no verán. Os invernos son suaves e os veráns frescos, aínda que as temperaturas poden exceder os 30 °C por períodos prolongados. No leste, o clima é máis continental; os invernos poden ser moi rigorosos, os veráns moi quentes, e teñen sido rexistrados longos períodos de seca. O centro e o sur de Alemaña son rexións de transición que varían entre os climas oceánico moderado e o continental. A temperatura máxima tamén pode exceder os 30 °C no verán.
Fitoxeograficamente, Alemaña está dividida entre as provincias do Atlántico Europeo e Centro Europeo da Rexión Circumboreal dentro do Reino boreal. O seu territorio pode ser subdividido en catro rexións bioxeográficas: os remanentes forestais do Atlántico, os bosques mixtos do Báltico, os bosques mixtos da Europa Central e os bosques de anxiospermas da Europa Occidental. A maior parte de Alemaña está cuberta por terras arables (33%) ou bosques e fragas (31%). Só o 15% do territorio está cuberto por pastos permanentes.
As plantas e animais que se poden atopar son os xeralmente comúns da Europa central. Faias, carballos e outras árbores de folla caduca constitúen un terzo dos bosques; as coníferas están aumentando como resultado da reforestación. Abetos e piñeiros predominan nas montañas superiores. Hai moitas especies de fentos, flores, fungos e musgos. Abundan peixes nos ríos e no mar do Norte. Os animais salvaxes inclúen porcos bravos, veados salvaxes, monflóns, raposos, teixugos, lebres, e un pequeno número de castores. Varias aves migratorias cruzan Alemaña na primavera e no outono.
Alemaña é coñecida polos seus moitos xardíns zoolóxicos, parques nacionais, parques de animais salvaxes, acuarios e parques de aves. Máis de 400 zoolóxicos e parques de animais rexistrados operan en territorio xermano.
A Alemaña é coñecida pola súa consciencia ambiental. Os alemáns consideran que o home é unha das principais causas do quecemento global. O país está comprometido co Protocolo de Kyoto e varios outros tratados para promover a biodiversidade, os baixos padróns de emisións, a reciclaxe, a utilización de enerxías renovábeis e apoia o desenvolvemento sustentábel a nivel global.
O goberno alemán deu inicio a unha ampla actividade de redución de emisións e as emisións globais do país están caendo. Con todo, Alemaña ten unha das máis elevadas taxas de emisións de dióxido de carbono per cápita da UE, aínda que significativamente menor en comparación con Arabia Saudita, Australia, Canadá ou os Estados Unidos.
As emisións a partir de produción de enerxía proveniente da queima de carbón e as industrias contribúen para a polución do ar. A choiva ácida, resultante das emisións de óxidos de nitróxeno e xofre, é prexudicial para os bosques. A polución no Mar Báltico a partir de refugallo bruto e efluentes industriais nos ríos na antiga Alemaña Oriental foron reducidas. O goberno do ex-chanceler Schröder anunciou a intención de acabar co uso da produción de electricidade a partir de enerxía nuclear. Alemaña está traballando para cumprir o compromiso da Unión Europea de identificar áreas de preservación natural de acordo coa directiva de Flora, Fauna e Hábitats da UE. Os perigos naturais son as enchentes fluviais na primavera e os fortes ventos que ocorren en tódalas rexións.
Alemaña é unha república federal, democrática, representativa e parlamentaria. O sistema político alemán opera baixo un marco establecido no documento constitucional de 1949 coñecido como a Grundgesetz (Lei Fundamental). Ao chamar o documento Grundgesetz, no canto de Verfassung (constitución), os autores expresaron a intención de que sería substituído por unha constitución axeitada unha vez que Alemaña fose reunificada como un só estado. As emendas á Grundgesetz xeralmente requiren unha maioría de dous terzos de ámbalas dúas cámaras do parlamento; os artigos que garanten os dereitos fundamentais, a separación de poderes, a estrutura federal, e o dereito de resistir aos intentos de derrocar a constitución son válidos en perpetuidade e non poden ser modificados. Malia a intención inicial, a Grundgesetz segue en vigor logo da reunificación alemá en 1990, aínda que con algunhas modificacións.
O Bundeskanzler (chanceler federal) é o xefe do goberno e exerce o poder executivo, semellante ao papel dun Primeiro Ministro noutras democracias parlamentarias. Angela Merkel ocupa este posto dende o 2005. O poder lexislativo recae no parlamento composto polo Bundestag (Dieta Federal) e o Bundesrat (Consello Federal), que en conxunto forman un único tipo de órgano lexislativo. O Bundestag é elixido mediante eleccións directas respectuosas da representación proporcional. Os membros do Bundesrat representan aos gobernos dos dezaseis estados federais e son membros dos gabinetes de estado. Os respectivos gobernos estatais teñen o dereito de nomear e mudar os seus enviados en calquera momento. Dende 1949, o sistema de partidos estivo dominado pola Unión Demócrata Cristiá (CDU) e o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD), aínda que os partidos máis pequenos, como o Partido Democrático Libre (FDP, que ten membros no Bundestag dende 1949) e Alianza 90 - Os Verdes (Die Grünen, que controla escanos no Parlamento dende 1983) desempeñan tamén un papel importante.
O xefe de Estado alemán é o Bundespräsident (presidente) elixido pola Bundesversammlung (convención federal), unha institución integrada polos membros do Bundestag e un número igual de delegados estatais enviados polos parlamentos do Länder (Landtage). Frank-Walter Steinmeier é o actual presidente dende 2017, cando sucedeu a Joachim Gauck. O segundo funcionario alemán máis alto na orde de precedencia é o Bundestagspräsident (presidente do Bundestag), que é elixido polo Bundestag, sendo responsable de supervisar as sesións do corpo. O terceiro, e máis alto oficial da Xefatura do goberno é o chanceler, que é designado polo Bundespräsident logo de ser elixido polo Bundestag. O chanceler pódese mudar de xeito construtivo a través dunha moción de non confianza por parte do Bundestag, onde simultaneamente se elixe un sucesor. O brazo xudicial inclúe o Tribunal Constitucional, chamado Bundesverfassungsgericht, que pode bloquear calquera acto de lexislación ou administración se estes foren considerados inconstitucionais.
Alemaña está dividida en dezaseis estados federados (en alemán: Bundesländer, singular Bundesland).
|
O Tribunal de Xustiza é independente do poder executivo e o lexislativo. Ten un estatuto civil que se basea no dereito romano con algunhas referencias ao dereito xermánico. O Bundesverfassungsgericht (Tribunal Constitucional Federal), con sede en Karlsruhe, é o Tribunal Supremo alemán responsable de asuntos constitucionais, co poder de realizar procesos de revisión xudicial. Actúa como a máis alta autoridade xurídica e asegúrase de que as prácticas dos poderes lexislativo e xudicial axústanse á práctica a Lei Fundamental para a República Federal de Alemaña (Lei Fundamental). Actúa con independencia dos outros órganos do Estado, pero non pode actuar no seu propio nome.
O sistema do tribunal supremo, chamado Oberste Gerichtshöfe des Bundes, conta con dependencias especializadas. Para as causas civís e penais, o máis alto tribunal de apelación é o Tribunal Federal de Xustiza, con sede en Karlsruhe e Leipzig. A sala é de estilo inquisitorial. Outros tribunais federais son o Tribunal Federal do Traballo en Érfurt, o Tribunal Social Federal de Kassel, o Tribunal Federal de Facenda en Múnic e o Tribunal Administrativo Federal en Leipzig.
O dereito penal e dereito privado están codificados no plano nacional no Strafgesetzbuch e o Bürgerliches Gesetzbuch, respectivamente. O sistema penal diríxese cara á rehabilitación do criminal, o seu obxectivo secundario é a protección do público en xeral. Para lograr este último, o condenado penal pode ser posto en prisión preventiva (Sicherheitsverwahrung), ademais de regular a pena se se lle considera unha ameaza para o público en xeral. O Völkerstrafgesetzbuch regula as consecuencias dos crimes de lesa humanidade, xenocidio e crimes de guerra.
O poder lexislativo está dividido entre a federación e os estados. A lei fundamental estipula que os estados deben seguir as disposicións do poder lexislativo a nivel estatal, agás casos designados pola propia lei fundamental. A lei federal prevalece sobre a lei de cada estado, xa que o poder lexislativo reside no nivel federal. O ''Bundesrat'' é o órgano federal a través do cal os estados participan na lexislación nacional. Cada estado ten os seus propios tribunais constitucionais.
En materia de dereitos humanos, respecto á pertenza nos sete organismos da Carta Internacional de Dereitos Humanos, que inclúen o Comité de Dereitos Humanos (HRC), Alemaña firmou ou ratificou:
Alemaña | Status dos principais instrumentos internacionais de dereitos humanos[9] | ||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
CESCR | CCPR | CERD | CED | CEDAW | CAT[10] | CRC | MWC | CRPD | |||||||||
CESCR | CESCR-OP[11] | CCPR | CCPR-OP1 | CCPR-OP2-DP | CEDAW | CEDAW-OP[12] | CAT | CAT-OP | CRC | CRC-OP-AC | CRC-OP-SC | CRPD | CRPD-OP[13] | ||||
Pertenza | |||||||||||||||||
Firmado e ratificado, firmado pero non ratificado, nin firmado nin ratificado, sen información, accedeu a firmar e ratificar o órgano en cuestión, pero tamén recoñece a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes. |
Alemaña, polo desenvolvemento da súa economía, é considerada en termos xerais como a terceira potencia mundial e a primeira de Europa. En 2006 o seu Produto interior bruto (PIB) pasou os 3 billóns de dólares estadounidenses. As súas bazas industriais son diversas; os tipos principais de produtos fabricados son medios de transporte, aparellos eléctricos e electrónicos, maquinaria, produtos químicos, materiais sintéticos e alimentos procesados. É un foco de riqueza e iso reflíctese na economía do centro de Europa. Cunha infraestrutura de estradas amplas e un excelente nivel de vida, é unha das nacións máis desenvolvidas do mundo.
Francia é o máis importante socio comercial de Alemaña e viceversa. En 2005, Francia cun 10,2%, volveu ser o principal destino das exportacións alemás e a orixe do 8,7% das importacións. En 2006, máis do 14 % das exportacións francesas tiveron como destino a Alemaña e preto do 17 % do total das importacións francesas proveu de Alemaña. Os países da Unión Europea son os principais compradores dos produtos alemáns (Reino Unido o 7,8% e Italia o 6,9% en 2005). O principal socio comercial de Alemaña fóra de Europa son os Estados Unidos, país ao que en 2005 realizou o 8,8% das súas exportacións e do que recibiu o 6,6% das súas importacións. O Deutsche Bundesbank e o Banco Central Europeo (BCE) teñen a súa sede central na cidade de Frankfurt.
Porén, a crise económica exerce tamén a súa influencia sobre Alemaña, afectándoa en dous modos diferentes. Por un lado, a crise de débeda que afecta fundamentalmente os países mediterráneos ten permitido ao país teutón conseguir financiamento nos mercados internacionais a un interese practicamente nulo, ao preferir os especuladores mercar débeda alemá escasamente rendible a expoñerse a unha perda de capital mediante a adquisición de débeda soberana de países insolventes.[14]. Pero por outro lado, a dependencia do comercio alemán con respecto aos outros países da Unión Europea provocou unha desaceleración na evolución do seu PIB en 2012[15] e unha caída dos pedidos industriais.[16] En conxunto, durante a actual crise económica o PIB alemán recuou un 4,7 %, como consecuencia do descenso das súas exportacións, aínda que este dato non se reflectiu nun aumento do desemprego, grazas principalmente a un mercado de traballo fortemente regulado, coa participación dos traballadores nos equipos de dirección das empresas, con escasa marxe para a flexibilidade laboral.[17]
Dende que nos anos 1930 a Alemaña nazi iniciase a construción da primeira rede de autoestradas en grande escala no mundo, o país dispón de vías de comunicación rápidas (Autobahnen) que suman preto de 12.000 km cubrindo a totalidade do territorio. Ademais conta con máis de 40.000 km de estradas, o que o converte no país con maior densidade de vías para vehículos. A totalidade de autoestradas do país son gratuítas para vehículos particulares; dende 2005, os camións de carga deben pagar unha peaxe que se desconta automaticamente vía satélite, unha vez que o camión deixa a ruta, e que é porcentual ao número de quilómetros percorridos.
Alemaña é líder mundial tamén na construción de canles. Esta clase de construción milenaria tomou renovado impulso a partir do século XIX. A Canle de Kiel, que une o mar do Norte co mar Báltico, é unha das máis impoñentes. Numerosas canles fluviais, como a Rin-Main-Danubio, o Dortmund-Ems ou o Elba-Seitenkanal, dotan ao país dunha completa rede de canles.
Por outra banda, as enerxías renovables representan un papel crecente no desenvolvemento do país, especialmente dende que o partido político Alianza 90 - Os Verdes formou parte do goberno central. Cidades como Friburgo dispoñen de modernas instalacións para o aproveitamento da enerxía solar. As grandes rexións industriais, como conca do Ruhr, rexión Rin-Main ou Colonia, desenvolveron un dinamismo económico que mantén a súa base industrial e que ademais soubo implementarse na área dos servizos.
Con 82 millóns de habitantes é o primeiro país da Unión Europea e o segundo de Europa en poboación, superado tan só por Rusia. A afluencia á zona occidental de alemáns doutros puntos do país e de inmigrantes de diferentes nacionalidades, así como a tendencia ao estancamento do crecemento vexetativo, teñen sido as principais características da evolución demográfica.
A maior parte da poboación descende de diversos grupos xermánicos que se estabeleceran na rexión centroeuropea no primeiro milenio antes da era cristiá. Eses grupos compartían a mesma lingua, aínda expresada en moitos dialectos, mais presentaban características étnicas heteroxéneas que se acentuaron ao longo da historia como consecuencia da fusión con outros pobos, como os celtas e os eslavos. Na moderna Alemaña, as diferenzas humanas e lingüísticas das distintas rexións téñense atenuado, aínda que a prolongada división política teña xerado certas peculiaridades culturais que distinguen ós alemáns do leste daqueles do oeste.
A chegada de inmigrantes á Alemaña occidental na segunda metade do século XX compensou as perdas humanas ocasionadas pola segunda guerra mundial, estimadas en cerca de tres millóns de persoas, na maioría xente nova do sexo masculino. Ademais da poboación de orixe xermánica, conviven na antiga Alemaña occidental diversas minorías étnicas de nacionalidade alemá, como xudeus, eslavos e dinamarqueses, así como franceses descendentes dos hugonotes fuxidos do seu país a finais do século XVII.
Os traballadores inmigrantes, chegados á Alemaña sobre todo nas décadas de 1960 e 1970, eran principalmente turcos, iugoslavos, italianos, gregos, españois e portugueses. A emigración galega á Alemaña remóntase a finais do século XX, e no 2005 o número de galegos en Alemaña cífrábase nuns 90 000, agrupados en once centros galegos.[18]
Na Alemaña Oriental, que constituíu un país autónomo entre 1949 a 1990, as perdas humanas provocadas pola guerra foron compensadas co ingreso de varios millóns de alemáns expulsados de Polonia, de Checoslovaquia e de Hungría. Con todo, as dificultades económicas derivadas do pagamento das indemnizacións de guerra e da política de coletivización estimularon o movemento migratorio para a Alemaña Occidental, calculado en 1,7 millóns de persoas.
A interrupción do crecemento da poboación e mesmo a redución desta inclúense entre as características máis notábeis da evolución do país nas últimas décadas do século XX, tanto na zona occidental como na oriental. Iso tradúcese nun envellecemento da poboación, isto é, no aumento dos grupos de idade máis alta en relación á poboación nova, como consecuencia dos baixos niveis de natalidade e do prolongamento da expectativa de vida.
Composición étnica de Alemaña [cando?] | ||||
---|---|---|---|---|
Alemáns | 91,2% | |||
Turcos | 2,1% | |||
Outros | 6,7% |
Cunha taxa de fertilidade de 1,41 (2008) por muller, Alemaña posúe unha das taxas máis baixas do mundo,[19] aínda que esta cifra constitúe unha mellora fronte aos 1,39 fillos do ano 2006. As estatísticas federais estiman que a poboación do país diminuirá ata estancarse entre os 69 e 74 millóns no ano 2050 (69 millóns asumindo unha inmigración neta de +100.000 por ano; 74 asumindo unha inmigración de +200.000 por ano).[20]
No censo do ano 2004, Alemaña contaba con sete millóns de cidadáns estranxeiros rexistrados, así mesmo, o 19% da poboación tiña a súa orixe total ou parcialmente nun país estranxeiro. O maior grupo de estranxeiros, con 2,3 millóns, provén de Turquía, o resto provén na súa maioría do continente europeo, sendo os países que máis estranxeiros achegan Italia, Serbia, Grecia, Polonia e Croacia. Como consecuencia das restricións das antigas leis de inmigración e petición de asilo, o número de inmigrantes que buscan asilo ou reclaman a nacionalidade alemá (a maioría da antiga Unión Soviética) está sufrindo un retroceso dende o ano 2000.
Listaxe | Cidade | Estado | Pob. | Listaxe | Cidade | Estado | Pob. | Berlín Hamburgo Múnic |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | Berlín | Berlín | 3 531 201 | 11 | Leipzig | Saxonia | 531 809 | |
2 | Hamburgo | Hamburgo | 1 810 698 | 12 | Dresden | Saxonia | 529 781 | |
3 | Múnic | Baviera | 1 378 176 | 13 | Hannover | Baixa Saxonia | 525 875 | |
4 | Colonia | Renania do Norte-Westfalia | 1 017 155 | 14 | Nürnberg | Baviera | 510 602 | |
5 | Frankfurt | Hessen | 691 518 | 15 | Duisburgo | Renania do Norte-Westfalia | 488 005 | |
6 | Stuttgart | Baden-Württemberg | 613 392 | 16 | Bochum | Renania do Norte-Westfalia | 373 976 | |
7 | Düsseldorf | Renania do Norte-Westfalia | 592 393 | 17 | Wuppertal | Renania do Norte-Westfalia | 349 470 | |
8 | Dortmund | Renania do Norte-Westfalia | 580 956 | 18 | Bonn | Renania do Norte-Westfalia | 327 913 | |
9 | Essen | Renania do Norte-Westfalia | 573 468 | 19 | Bielefeld | Renania do Norte-Westfalia | 323 395 | |
10 | Bremen | Bremen | 548 319 | 20 | Mannheim | Baden-Württemberg | 314 931 | |
Datos do censo de 2011 |
As principais confesións relixiosas en Alemaña son o luteranismo e o catolicismo, respectivamente, con 32,9% e 32,3% de fieis.[21] Preto do 24,9% de alemáns se declararon non relixiosos ou ateos. Seguen como minorías, o islamismo (4%), seguido polo xudaísmo e o budismo (ambos con 0,25%). O hinduísmo ten só 90.000 seguidores (0,1%), mentres outras relixións corresponden a 50 mil persoas ou o 0,05% da poboación alemá.
Dende Martiño Lutero, e a Reforma protestante, Alemaña foi escenario de conflitos relixiosos entre os seguidores de Lutero, posteriormente chamados luteranos, xeralmente máis numerosos no norte, e os católicos, por regra xeral máis fortes no sur. No entanto, a distribución das relixións está lonxe de ser homoxénea.
Zonas cunha poboación predominantemente católica son Baviera (onde precisamente naceu o papa Bieito XVI) e Renania. Zonas cunha poboación predominantemente luterana son os estados do leste e do norte. No norte, ao longo da fronteira cos Países Baixos, hai tamén presenza de calvinistas. En canto aos non relixiosos, incluíndo ateos e agnósticos, son crecentes en número e proporción, unha tendencia constatada tanto en Alemaña canto noutros países europeos. En Alemaña concéntranse principalmente na antiga Alemaña Oriental e nas áreas metropolitanas.
A responsabilidade da supervisión educativa recae principalmente nos estados federais a título individual, mentres que o goberno só ten un papel secundario. O xardín de infancia é de carácter opcional, e imparte educación para todos os nenos entre tres e seis anos, despois, a escolarización é obrigatoria polo menos durante dez anos. A educación primaria adoita durar catro anos e as escolas públicas non están estratificados nesta etapa. En contraste, a educación secundaria inclúe catro tipos de escolas sobre a base da capacidade do alumno segundo o determinado polas recomendacións do profesorado: o Gymnasium, que inclúe a maioría de nenos considerados máis aptos para o estudo, prepara aos estudantes para os estudos universitarios e a asistencia dura oito ou nove anos, dependendo do estado; o Realschule ten unha gama máis ampla de especial interese para estudantes intermedios e dura seis anos; o Hauptschule prepara alumnos para o ensino profesional, e o Gesamtschule combina o tres enfoques.
O Informe PISA, avalía as habilidades dos estudantes de 15 anos de idade nos países da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e unha serie de países socios. En 2006, os escolares alemáns melloraron a súa posición con respecto a anos anteriores, clasificándose (estatisticamente) nun nivel superior de forma significativa á media (rango 13) nas ciencias, e non de modo significativo por encima ou por baixo da media en matemáticas (rango 20) e habilidades de lectura (rango 18). As diferenzas socio-económicas son elevadas, e o rendemento dos alumnos é máis dependente deste factor que na maioría doutros países.
Neste sentido, e sobre todo tras os malos resultados dos informes PISA 2000 e 2003, existen elementos do sistema educativo alemán fortemente criticados. A Comisión de Dereitos Humanos da ONU criticou a falta dunha igualdade real de oportunidades por mor da selección excesivamente temperá dos escolares, que desaproveitaría o potencial do 44% dos escolares.[22] A integración dos alumnos estranxeiros, o papel da Hauptschule como escola das capas inferiores, a falta de creatividade e a escaseza de horas lectivas son outros puntos polémicos.[23]
Para entrar nunha universidade, os estudantes de secundaria necesitan aprobar o exame Abitur, aínda que tamén é posible entrar na universidade cun Fachabitur, o cal é un Abitur especializado, por exemplo, en economía. Os estudantes que posúan un diploma dunha escola de formación profesional poden entrar nunha Universidade de Ciencias Aplicadas. A maioría das universidades alemás son de propiedade estatal. En todas as universidades hai que pagar os impostos administrativos, os cales son entre 50 e 200 euros. Nalgúns Estados ademais hai que pagar por dereitos de matrícula que ascenden até os 500 euros por semestre. As universidades son recoñecidas a escala internacional. Na clasificación THES 2006, dez universidades alemás foron clasificadas entre as primeiras duascentas do mundo.
Alemaña realizou en 2006 a campaña de mercadotecnia «Terra das ideas» co fin de promoverse durante a fase final da Copa Mundial de Fútbol. En 2008 retomouse o proxecto. «Terra das ideas» céntrase nas innovacións recentes nas institucións públicas e privadas, nas universidades e institutos de investigación, nas empresas e inclusive en proxectos sociais e culturais. Dende a celebracións do Mundial de fútbol de 2006, a percepción interna e externa da imaxe do país cambiou. Nas enquisas realizadas a nivel mundial coñecidas como Índice de GMI Anholt, o país ocupou a segunda posición. Tomáronse en conta criterios económicos, a reputación do país en termos de cultura, política, os seus cidadáns e o seu atractivo turístico.
Alemaña é tanto legalmente como culturalmente un país tolerante cos homosexuais. As unións de homosexuais permitíronse dende o ano 2001, aínda que estas non teñen todos os dereitos dun matrimonio heterosexual perante a lei. Gays e lesbianas poden adoptar legalmente aos fillos da súa parella.
Durante a última década do século XX, Alemaña cambiou considerablemente a súa actitude en relación aos inmigrantes. A pesar de que aproximadamente o 10% da poboación era estranxeira, até mediados dos anos noventa, a opinión pública era que Alemaña non era un país de inmigración. Con todo, as leis de asilo endurecéronse considerablemente nesa década para evitar o seu abuso. O actual contexto de crise económica nos países do sur de Europa converte o país alemán nun atractivo foco de destino de xente nova cualificada procedente de España, Portugal, Italia e Grecia, o que ten sido considerado por algúns sectores do país de xeito positivo.[24] Porén, algunha medidas do goberno alemán, como a limitación imposta aos estranxeiros á hora de cobrar axudas non contributivas, teñen sido interpretadas como un freo á inmigración da Europa meridional.[25].
Segundo datos de 2011, Turquía, con 1 607 161 persoas censadas, é a orixe maioritaria dos inmigrantes establecidos en Alemaña. Séguenlle Italia (520 159 persoas), Polonia (468 481 persoas), os antigos estados integrantes da ex-Iugoslavia, Serbia e Montenegro (404.690 persoas) e Grecia (283.684 persoas).
Os alemáns investiron 58 000 millóns de euros en viaxes internacionais en 2005, o cal os converte en campións mundiais en viaxar. Os destinos máis populares foron Austria, España, Italia e Francia.
O alemán é a lingua oficial e predominante de Alemaña.[26] A lingua alemá é unha das vinte e tres linguas oficiais da Unión Europea e unha das tres linguas de traballo da Comisión Europea xunto co inglés o e francés. Ademais do alemán, no país están recoñecidas como linguas das minorías o baixo alemán, o dinamarqués, o frisón o sorabo e o romaní. As principais linguas dos inmigrantes son o turco, o polaco, o ruso e as linguas dos balcáns. O alemán estándar é unha lingua xermánica occidental relacionada co inglés, neerlandés e sueco. A meirande parte do vocabulario do alemán provén da póla xermánica das Linguas indoeuropeas. A lingua xermana posúe numerosos empréstitos do latín, grego, e con menor medida do francés e do inglés.
Dende o século XIV, a escrita gótica foi substituída durante o Renacemento en toda Europa; con todo, en Alemaña, a letra gótica continuou vixente até ser finalmente abolida en 1945, trala fin da segunda guerra mundial. Por este motivo ás veces a letra é chamada estilo gótico alemán. Hoxe, o alemán escríbese empregando o alfabeto latino. Xunto ás vinte e seis letras estándar, ten tres vogais máis con diérese ou Umlaut (ä, ö e ü), ademais da letra Eszett ou (SZ/ese-zeta): ß, ás veces representada como ss.
Os dialectos do alemán varían en diferentes graos do alemán estándar. Estes dialectos proveñen das diferentes variedades locais das antigas tribos alemás. Moitos deles son dificilmente inintelixibles para os falantes da lingua estándar, xa que moitos se diferencian na sintaxe, fonoloxía e léxico. Un exemplo disto é o bávaro, arredor da cal existe un debate lingüístico arredor da súa entidade. Hai quen a clasifica como un dos diversos dialectos do alemán e hai quen a considera propiamente unha lingua.
En todo o mundo, o alemán é falado por 100 millóns de falantes nativos (na súa maioría en Europa) e 80 millóns de non nativos. A lingua alemá e a lingua nai de 90 millóns de persoas (18%) na Unión Europea. Canto ao coñecemento de linguas estranxeiras, o 67% dos alemáns son quen de falar unha lingua estranxeira, mentres que o 27% di poder falar dúas.[27]
Alemaña é a miúdo chamado Das Land der Dichter und Denker (a terra dos poetas e dos pensadores).[28] A cultura alemá comezou moito antes do xurdimento de Alemaña como nación-estado e abranguiu toda a zona de fala alemá. Dende os seus alicerces, a cultura en Alemaña formouse polas principais correntes intelectuais e populares en Europa, tanto relixiosas como laicas. Como resultado, é difícil identificar unha determinada tradición alemá separada do marco máis amplo da cultura europea. Outra consecuencia destas circunstancias é o feito de que algunhas figuras históricas, tales como Wolfgang Amadeus Mozart e Nicolás Copérnico, entre outras, aínda que non foron cidadáns de Alemaña no sentido moderno, deben ser considerados no contexto do eido cultural alemán para comprender o seu traballo.
En Alemaña desenvolvéronse algúns dos principais compositores de renome da Música clásica europea, con inclusión de Johann Sebastian Bach, Ludwig van Beethoven, Johannes Brahms e Richard Wagner. Dende o ano 2006, Alemaña constitúe o quinto mercado da música no mundo e influíu na música pop e rock a través de artistas como Kraftwerk, Scorpions e Rammstein.
Numerosos pintores alemáns gozaron de prestixio internacional[29] a través do seu traballo en diversas correntes artísticas. Hans Holbein o Mozo, Matthias Grünewald, e Albrecht Dürer eran importantes artistas do Renacemento, Caspar David Friedrich do Romanticismo, e Max Ernst do surrealismo. Entre as contribucións alemás na arquitectura inclúense os estilos carolinxio e Otoniano, que son importantes precursores do románico. A rexión máis tarde converteuse no sitio das obras importantes en estilos coma o gótico, renacentista e barroco. Alemaña é especialmente importante nos primeiros movemento modernos, sobre todo a través do movemento Bauhaus fundado por Walter Gropius. Ludwig Mies van der Rohe converteuse nun dos máis salientados arquitectos do mundo na segunda metade do século XX. A fachada de vidro en rañaceos foi a súa idea.
Alemaña é o fogar dalgúns dos máis destacados investigadores en diferentes eidos da ciencia.[30][31][32][33] De feito preto de 100 alemáns (de nacionalidade ou orixe) foron laureados co Premio Nobel. O traballo de Albert Einstein e Max Planck foi crucial para a fundación da física moderna, que Werner Heisenberg e Max Born desenvolveron aínda máis. Os seus devanceiros foron físicos como Hermann von Helmholtz, Joseph von Fraunhofer, e Daniel Gabriel Fahrenheit. Wilhelm Conrad Röntgen descubriu os raios X, un logro que lle fixo ser o primeiro gañador do Premio Nobel de Física en 1901. En Alemaña e outros países os raios X denomínanse "Röntgenstrahlen" (raios de Röntgen). O traballo de Heinrich Rudolf Hertz no eido da radiación electromagnética foi fundamental para o desenvolvemento das modernas telecomunicacións. Wilhelm Wundt é célebre por desenvolver o primeiro laboratorio de psicoloxía, á que deu a categoría de ciencia. Alexander von Humboldt e o seu traballo como científico natural e explorador foi fundacional para a bioxeografía.
Numerosos importantes matemáticos tiveron como berce Alemaña,[34][35][36] entre os que se atopan Carl Friedrich Gauss, David Hilbert, Bernhard Riemann, Gottfried Leibniz, Karl Weierstrass e Hermann Weyl. Alemaña foi tamén fogar de famosos inventores e enxeñeiros, como Johannes Gutenberg, quen se acreditou a invención da imprenta de tipos móbiles en Europa; Hans Geiger, o creador do contador Geiger, e Konrad Zuse, que construíu o primeiro ordenador dixital totalmente automático. Inventores, enxeñeiros e mais industriais, coma o conde Ferdinand von Zeppelin, Otto Lilienthal, Gottlieb Daimler, Rudolf Diesel, Hugo Junkers e Karl Benz contribuíron a dar forma moderna ao automóbil e á tecnoloxía do transporte aéreo.
Importantes institucións de investigación son a Sociedade Max Planck,[37] o Helmholtz-Gemeinschaft e a Sociedade Fraunhofer. Estas traballan de xeito independente ou vencelladas externamente ao sistema universitario contribuíndo nunha medida considerable á produción científica. O prestixioso premio Gottfried Wilhelm Leibniz concédese a 10 científicos e académicos cada ano. Cunha adxudicación máxima de 2,5 millóns de euros, é un dos premios de investigación máis altamente dotados no mundo.
A literatura alemá remonta á Idade Media. Considérase a primeira poeta nada en Alemaña a Hrosvitha de Gandersheim, quen elaborou a súa obra en latín. Posteriormente, son cruciais as obras de escritores como Walther von der Vogelweide e Wolfram von Eschenbach. Diversos autores e poetas alemáns gañaron gran renome, incluíndo Johann Wolfgang von Goethe e Friedrich Schiller. As coleccións de contos populares publicados polos Irmáns Grimm popularizou o folclore alemán no plano internacional. A influencia de autores do século XX inclúen Thomas Mann, Bertold Brecht, Hermann Hesse, Heinrich Böll e Günter Grass.
A influencia de Alemaña na filosofía é historicamente significativa e moitos notables filósofos alemáns contribuíron a dar forma á filosofía occidental dende a Idade Media. Gottfried Leibniz e as súas contribucións ao racionalismo, Immanuel Kant, Georg Wilhelm Friedrich Hegel, Friedrich Wilhelm Joseph Schelling e Johann Gottlieb Fichte que forxaron o idealismo, Karl Marx e Friedrich Engels formularon a teoría comunista, Arthur Schopenhauer desenvolveu a composición de pesimismo metafísico, Friedrich Nietzsche desenvolveu o Perspectivismo, a obra de Martin Heidegger en Ser e Tempo, e as teorías sociais de Jürgen Habermas foron especialmente influentes.
Alemaña é o mercado de televisión maior de Europa, cuns 34 millóns de fogares que dispón de televisión. As numerosas cadeas públicas rexionais e nacionais organízanse de acordo coa estrutura política federal. Ao redor do 90% dos fogares alemáns teñen cable ou televisión por satélite, e os telespectadores poden elixir de entre unha variedade de libre acceso pública e as canles comerciais.
O país é o fogar dalgúns dos maiores conglomerados de medios de comunicación, incluíndo Bertelsmann e a editorial Axel Springer.
O cine alemán foi especialmente influente durante os anos da República de Weimar cos expresionistas alemáns como Robert Wiene (O gabinete do Doutor Caligari) e Friedrich Wilhelm Murnau. Da órbita cultural alemá foi o cineasta austríaco Fritz Lang, quen desenvolveu a súa carreira entre Alemaña e Estados Unidos, autor de obras de culto coma Metropolis (1927) ou Der Testament des Dr. Mabuse (1933). A época nazi produciu obras significativas como a película Münchhausen (1943) ou o controvertido traballo da directora Leni Riefenstahl.
Durante o período 1970-1980 directores como Volker Schlöndorff, Werner Herzog, Wim Wenders, Rainer Werner Fassbinder colocaron o cine alemán de volta na escena internacional coas súas películas a miúdo provocadoras. Máis recentemente, películas como Das Boot (1981), Lola rennt (1998), Good Bye, Lenin! (2003), Gegen die Wand (2004), Der Untergang (2004) e Das Leben der Anderen (2007) gozaron de éxito internacional.
Recentemente, o austríaco nado en Múnic Michael Haneke tense perfilado coma un dos mellores cineastas do cine europeo. Obras coma Das Weiße Band (2009), Palma de Ouro no Festival de Cannes e Globo de Ouro á mellor película estranxeira, e Amour (2012), que engadiu aos premios anteriores o Óscar á mellor película de fala non inglesa, foron mundialmente recoñecidas.
O Festival de Cine de Berlín, celebrado anualmente dende 1951, é un dos festivais de cine máis prestixiosos. A cerimonia anual dos Premios do Cine Europeo celébrase cada dous anos na cidade de Berlín, onde se atopa a Academia do Cine Europeo. Os estudos Babelsberg, en Potsdam, son os máis antigos de grande escala no mundo e constitúen un centro internacional para a produción de películas.
A participación de Alemaña nos Xogos Olímpicos é unha das máis destacadas dende que se realiza este evento. O país organizou os Xogos Olímpicos de Verán en 1936 en Berlín, e en 1972 Alemaña Occidental fixo o propio en Múnic. A Federación Alemá de Deportes (DSB) conta con preto de 27 millóns de membros en ao redor de 91.000 clubs.[38] Segundo datos desta organización, aproximadamente a terceira parte da poboación do país realiza a práctica deportiva a través dun club ou asociación nalgunha das preto de 127.000 instalacións de carácter deportivo que existen no territorio.
Pola súa banda a Federación Alemá de Fútbol (DFB) conta con máis de 26.000 clubs, totalizando 6 millóns de membros, a maior membresía de entre todas as federacións deportivas no mundo. O arraigamento deste deporte fixo que a Selección de fútbol de Alemaña consiga tres títulos mundiais (en 1954, 1974 e 1990); e tres Eurocopas (1972, 1980 e 1996). Así mesmo o país foi sede dos campionatos mundiais de 1974 e 2006. Alemaña tamén se destaca no fútbol feminino, categoría na que conquistou dúas coroas de campioa do mundo, en 2003 e en 2007.
A nivel de clubs destacan equipos como o Bayern Múnic, o máis laureado do país e á súa vez, un dos clubs maiores de Europa. O seu maior fito foi o gañar tres Copas de Europa de xeito consecutivo (1974, 1975 e 1976. Posteriormente gañaría no ano 2001). Tamén están o Hamburger SV, o Borussia Dortmund, clubs que tamén gañaron a Copa de Europa, en 1983 e 1997, respectivamente; á parte doutros campións europeos como o Bayer Leverkusen, Borussia Mönchengladbach, Werder Bremen e Schalke 04.
En canto ao automobilismo, Alemaña é unha das nacións principais a nivel mundial. Con numerosos automóbiles gañadores de carreiras como condutores alemáns. Precisamente o condutor con máis éxito da Fórmula 1 na historia é o alemán Michael Schumacher, sete veces Campión do Mundo e un dos deportistas mellor pagados da historia.[39]
Tamén o ciclismo é un deporte popular en Alemaña e un dos mellores ciclistas dos tempos recentes, Jan Ullrich, gañou o Tour de Francia en 1997 e finalizou segundo en cinco ocasións. O país obtivo dúas medallas de ouro en Campionatos masculinos de hóckey herba en 2002 e 2006 e na categoría feminina ostenta dúas medallas de ouro nos torneos de 1976 e 1981. Outros deportes destacados a nivel de público son o balonmán (disciplina na que o país destaca tanto a nivel de clubs como de seleccións, proclamándose campioa do mundo, de Europa e olímpica en diversas ocasións, así como numerosos segundos e terceiros postos), tenis, baloncesto (destacando a figura de Dirk Nowitzki), hóckey sobre xeo, así como o bíatlon ou o esquí alpino.
A cociña alemá varía enormemente dunha rexión a outra. As rexións do sur de Baviera e Suabia, por exemplo, comparten unha cultura culinaria con Suíza e Austria. Carne de porco, carne de vacún, e aves de curral son as principais variedades da carne consumida en Alemaña, coa carne de porco como a máis popular. Ao longo de todas as rexións, a carne adoitase comer en forma de salchicha. Máis de 1.500 diferentes tipos de salchichas prodúcense en Alemaña. Os chamados alimentos orgánicos teñen unha cota de mercado no país de ao redor do 3,0% e estímase que sexa unha tendencia crecente.[40]
Un dito popular en Alemaña é: «Almorzar como un emperador, comer como un rei e cear como un esmoleiro». O almorzo é usualmente unha selección de cereais e mel ou marmelada con pan. Algúns alemáns comen embutidos ou queixo con pan para o almorzo. Máis de 300 tipos de pans son coñecidos en todo o país.
Ao ser un país de inmigrantes, Alemaña adoptou moitos pratos internacionais. Pratos italianos como a pizza e a pasta, ou turcos e árabes como o kebab están ben establecidos, sobre todo nas cidades maiores. Os restaurantes chineses e gregos están tamén considerablemente espallados ao longo do país.
Aínda que o viño é cada vez máis popular en moitas partes de Alemaña, a bebida nacional é a cervexa. De feito o coñecido festival Oktoberfest está adicado a esta bebida. En Alemaña o consumo de cervexa por persoa está diminuíndo, pero con 116 litros por ano está aínda entre os máis altos do mundo. De 18 países occidentais enquisados, o consumo per cápita de refrescos resultou ser inferior á media (14ª na lista), mentres que o consumo de mollo de froitas é un dos máis altos (terceiro na lista).
Data | Nome en galego | Nome local |
---|---|---|
1 de xaneiro | Aninovo | Neujahr |
6 de xaneiro | Epifanía | Epiphanie |
Marzo ou abril | Venres Santo | Karfreitag |
Marzo ou abril | Pascua | Ostern |
1 de maio | Día do Traballo | Erster Mai |
Maio ou xuño | Día da Ascensión Día do Pai |
Christi Himmelfahrt Vatertag |
Maio ou xuño | Pentecostés | Pfingsten |
Maio ou xuño | Corpus Christi | Fronleichnam |
3 de outubro | Día da Unificación Alemá | Tag der Deutschen Einheit |
31 de outubro | Festa da Reforma | Reformationsfest |
1 de novembro | Día de Tódolos Santos | Allerheiligen |
25 e 26 de decembro | 1º e 2º días do Nadal | 1. und 2. Weichnachtsfeiertag |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.